‘Crónicas de Embora’: Viva antes!

capa CRONICAS DE EMBORAHai ficción escrita sen vocación literaria. Son libros que se conforman con recrear unha atmosfera aparentemente literaria: personaxes, universo, trama… pero que carecen de dous motores imprescindibles en calquera expresión da literatura: unha poética xenuína e orixinal e unha mensaxe artística que consiga ese milagre de conectar a produción propia, coma se for un elo, coa longa cadea da tradición literaria.

Crónicas de Embora, de Manrique Fernández, pertence a esa categoría de ficción non literaria. En efecto aparecen personaxes, historias e incluso un lugar inventado, o Embora do título, no que se ambientan as dez partes do volume. Pero Fernández renuncia a deixar a súa propia pegada, a innovar, a crear, en definitiva. O seu é un traballo de recreación, de mimetismo con outros universos creativos, sen máis.

Esta posición non ten nada de negativo. De feito, a historia dos libros está chea de ideas semellantes. Son obras que non procuran unha función estética senón presentar unha serie de feitos que sexa atractiva para un público gustoso de mergullarse nas historias que conta.

Crónicas de Embora dá o que promete: un pintoresco lugarciño inventado no que imos coñecendo as historias, pequenas algunhas, intrascendentes outras, dalgúns dos seus veciños. Todo contado por un narrador omnisciente e cariñoso que mira con tenrura e bo humor as cativas dificultades nas que se van encerellando os seus personaxes. Ese ton incluso se mantén en partes máis graves, caso do capítulo “Viva a impertinencia”, que trata a represión lingüística e a discriminación sobre as mulleres.

Fernández, a pesar de andar na fronteira dos 50 anos, é un escritor coas inseguranzas do debutante, arróupase cunha gran cantidade de adxectivos e cun léxico que entende por máis enxebre para cimentar as súas inocentes sintaxes. En certos momentos tamén hai erros de raccord narrativo e torpezas históricas disculpables, coma cando fala de que a bondade dun señor feudal se lles transmitiu aos seus devanceiros por 400 anos, nada menos, ou cando inventa todo un movemento literario: os trobadores dos Séculos Escuros.

O seu estilo empata directamente coa prosa popular do século XIX. A súa concepción de Galicia está chea de tópicos sociolóxicos, baséase nunha cotidianidade na que non se aprofunda, que se presenta coma un sainete no que os arquetipos danzan.

Estas ferramentas son moi útiles se, como é o caso, o público obxectivo do libro son persoas de idade, cun baixo índice de lectura, cuxas referencias proveñen dos contos que escoitaron na infancia, do cine e, principalmente, das series de televisión. Para aforrar máis explicación, Crónicas de Embora é un libro ideal para quen desfruta moito cos enredos de ‘Padre Casares’ ou ‘Libro de familia’.

Mais na ecuación hai un problema, un desaxuste. Este tipo de libros véndese en Galicia, si. Funcionan en base a un sistema de porta a porta, no que o autor convive cos compradores en presentacións, encontros nos que consegue seducilos de que aquelas historias son ben simpáticas e paga a pena lelas. Mais estes libros non se len. Por unha simple razón: ese público que podería lelos é analfabeto en galego porque non o estudou na escola. Son persoas ás que lles custa un esforzo enorme ler algo máis complicado ca os titulares da prensa en castelán e que súa polos ollos cando se enfronta a un texto en galego.

♦Crónicas de Embora, de Manrique Fernández, Toxosoutos, 2014. 128 páxinas. ♠13€

César Lorenzo Gil.

 

Advertisements

3 comentarios en “‘Crónicas de Embora’: Viva antes!

  1. Totalmente en desacordo. Lino en dous dias sumercmxido nese lugar tan familiar q é Embora. Sintome magoado sobre todo poloultimo parragafro. Non me sinto un lector ignorante. Non sei se este autor ten mais libros. Este foi un agasallo pero se ten mais non dubidarei en mercalo

  2. Pingback: ‘Fin de festa’, retrato de onte - Libraría Aira das Letras

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s