As cifras de Xosé Manuel del Caño

Imaxe dun mercado de saldo de libros en galego

Imaxe dun mercado de saldo de libros en galego

DIARIO DUN CRÍTICO RESUCITADO.

O último libro que lin en galiciano durante estas vacacións que compuxeron a ambientación deste diario foi Literaria, de Xosé María del Caño, unha recompilación de reportaxes, entrevistas e artigos publicados orixinariamente no xornal Faro de Vigo, editada por Limbo. Fóra dos artigos e entrevistas, as reportaxes, sobre novela negra, poesía, novela, etc., adoitan ser, antes de nada, divulgativos. A divulgación é un acto eminentemente práctico no que hai que examinar a conformidade dos medios ao fins, é dicir, a técnica empregada. E a técnica empregada por del Caño é a da reportaxe xornalística, polo tanto a fuxida de todo tipo de reflexión. O que non está ben nin está mal: é indiferente para este caso. Del Caño limítase a introducir datos (aínda que ás veces nos gustaría saber de onde os tira) sen nunca cuestionalos ou tirar deducións deles. Porque son datos dos anos 1993/1994, anos en que están datados os traballos e a partir deles, se son certos, e non digo que non, habería que empezar a se interrogar moi seriamente. Vexamos.

No apartado dedicado á novela negra (esquezamos o que din algúns autores sobre que é ou pode ser este subxénero literario: algunha opinións vertidas alcanzan a categoría de penosas), afírmase que, en xuño de 1994, de Crime en Compostela (1984), de Carlos G. Reigosa, levábanse vendidos 30.000 exemplares. De O misterio do barco perdido (1988), do mesmo autor: 10.000. Manuel Forcadela vendera de Sangue na neve (1990) 6.000. Da segunda novela policial deste autor, Barato, barato, vendéranse nun ano 3.000 exemplares. Un, inxenuamente, pregúntase que pasou con todos estes lectores: morreron a maioría de morte súbita?

[Por certo, nesta reportaxe Suso de Toro di:”Tamén hai algunhas novelas de Celestino Fernández de la Vega, que se publicaron hai pouco, tipo literatura policial británica, moi fría” (???!!).]

Outra das reportaxes está dedicada á literatura erótica (en galego, como na dedicada á novela negra, del Caño só fala de literatura galega). É divertida… non por del Caño, que se limita ao seu traballo de “notario”, senón polas opinións vertidas por algúns “cabeciñas tolas”. Opinións que, arrexuntadas, son un verdadeiro monumento ao “non-sense”, xa que lle dan neste aspecto a Edward Lear sopas con hondas, como diciamos aí atrás.

Se en dez anos Crime en Compostela vendera 30.000 exemplares, onde quedaron todos eses lectores?

Outra das reportaxes interesantes é a dedicada á novela, e as declaracións de Alfredo Conde (seica había sitios quen aqueles anos lle pagan 100.000 ptas. por unha colaboración: e un porrón de millóns, de pesetas, por escribir un libreto para unha ópera, iso si, a custa do erario público), divertidísimas. Tamén son interesantes os datos da venda de libros, tanto de Conde como doutros autores. Segundo o autor de Breixo, da súa novela en castelán, gañadora do premio Nadal, vendéronse 35.000 exemplares menos dos previstos por mor dunha polémica: a min que me dá que Conde e as matemáticas (esquezamos por momentos a literatura) están rifados? E sobre os datos das vendas de novelas galegas, preguntámonos o mesmo que nos preguntabamos ao final do comentario sobre a reportaxe sobre a novela negra: onde ficaron todos eses lectores? Porque se os datos, as cifras, son certas, debemos preguntarmos que aconteceu?

Máis datos, na reportaxe “Panteísmo e paisaxe” lemos: “Manuel María intentou continuar a tradición paisaxística galega […] e escribiu Terra Cha, que publicou Edicións (sic) Celta en 1954, só con cincuenta e tantos poemas […] os 1.500 exemplares de Terra Cha esgotáronse nun ano” (subliñado noso). En 1954, de poesía, que editorial se atrevía a editar 1.500 exemplares, e máis en galego. E, de pasada, os vendía todos nun ano? En español, por exemplo, nin as tiraxes de Rafael de León: as maiores tiraxes nesta lingua, no Estado español, adoitaban ser as dos libros de poesía publicados pola barcelonesa Seix & Barral: antoloxías ou obra completa dalgúns autores xa consagrados: 2.500 exemplares, iso si, a mediados dos 1960. A colección el Bardo tiraba 1.000 exemplares, e, excepcionalmente, 2.000 (a finais dos 1960 e principios dos 1970). Canto era a tirada media dun libro de poesía galega nos anos 1950: cincocentos exemplares –moitos me parecen? Canto tempo se tardaba en vender a edición? Vender nun ano 1.500 exemplares dun libro de poesía en galego, e en 1954… non é críbel. Pode ser que os 1.500 exemplares sexa a suma das vendas totais por parte de Editorial Celta das edicións que fixo (dúas? tres?) de Terra Cha, en case 20 anos. O propio Manuel María afirma que deste libro, na edición para escolares publicada por Xerais se levaban vendidos 11.000 exemplares. Non temos por que non acreditalo, e témonos que preguntar como é posíbel que das obras completas deste poeta se vendesen tan poucos exemplares –segundo o seu editor, Miguel Anxo Fernán-Vello en declaracións a A Nosa Terra (cito de memoria, pero creo lembrar que o editor afirmaba que vendera nove (9) exemplares nun ano).

A partir destes datos (dos de venda de novela policial e narrativa, dos entregados sobre a Terra Cha, etc) debemos facer(nos) algunhas preguntas: a) como é posíbel que en menos de vinte anos se perdese tal cantidade de lectores?; b) ou aqueles que compraban estes libros non eran lectores?; c) ou as cifras non son certas; d) e se as cifras son certas, cando e como se rompeu a cadea?; e e) se as cifras son certas, porque se laia(ban) tanto os editores?, ou non souberon ver que despois de cada ciclo de vacas gordas vén o de vacas fracas?

As entrevistas e os artigos teñen o interese que teñen os personaxes a que se entrevistan ou se dedican os artigos: ás veces algún, outras ningún ou case ningún, pero o certo é que case todos son debedores daquel “triunfalismo delirante” do que falabamos noutra ocasión.

Até aquí chegaron as miñas lecturas vacacionais en galego (ben, non é certo, lin tres libros de poesía: Leopardo son, de Pilar Pallarés –moi bo–, Cráter, de Olga Novo –moi ben, a pesar dalgúns fallos– e Traballo de campo, de Seamus Heaney, que xa lera, mais quería lembrar a tradución, boa, como todas as súas, de Vicente Araguas) e, por tanto, os meus comentarios, que espero foran máis sarcásticos do que outra cousa, porque como escribe Antonio Gramsci nos seus Quaderni: “O sarcasmo […] aparece por tanto como a compoñente literaria dunha serie de esixencias teóricas e prácticas que superficialmente poden aparecer como indefectibelmente como contraditorias; o seu elemento esencial é a “paixón” [passionalità] que se converte en criterio da potencia estilística individual (da sinceridade, da profunda convicción en oposición ao charlatanismo e ao mecanicismo)”. Porque só mediante o sarcasmo, apunta o italiano, podemos loitar por unha nova cultura.

Xesús González Gómez.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s