Alberte Momán: “Á maioría das novelas galegas sóbranlles moitas páxinas”

Alberte Momán. ADRIÁN FERREIRO

Alberte Momán. ADRIÁN FERREIRO

César Lorenzo Gil.

Alberte Momán (Ferrol, 1976) é un innovador nas dúas facetas ás que se dedica, a escritura e a edición. Como creador, defende a experimentación, novos modelos e produtos narrativos que se axeiten mellor aos gustos dos lectores adultos. O seu interese como editor é encontrar novas voces que arrisquen e que se esforcen. Nesta entrevista falamos de todo isto.

O do interese pola innovación non sei se ten a ver coa súa formación como enxeñeiro.

Que eu proceda dun ámbito profesional distante do mundo da cultura inflúe na miña forma de vivir a literatura en dous aspectos. Por un lado, recoñezo que non tiven un programa de lecturas. Lin desordenadamente, o que me interesou, guiándome polo meu instinto. Quizais isto poida ser unha eiva diante de persoas que si teñen formación académica literaria e que seguiron un plan máis definido. Por outro lado, como non son nin penso en ser un escritor profesional, para min escribir é, ante todo, unha actividade que me divirte. E o que máis me divirte é explorar novas cousas. Na narrativa, non quero caer nos xeitos máis convencionais da escrita. Non me interesa a literatura máis comercial onde se repiten as fórmulas unha e outra vez. A poesía é outra cousa: non é vendible de ningún xeito.

Non me interesa a literatura máis comercial onde se repiten as fórmulas unha e outra vez.

Nesa busca de novos formatos, vostede é un dos escasos (coido que o único) cultivadores do xénero da micronovela. Fáleme dela.

Cando inicio o proceso de reflexión sobre a literatura actual encóntrome con que determinados modelos tradicionais de narrativa xa non son útiles para determinados momentos de lectura. En Galicia, incluso en España, non é común o que si o é, por exemplo, no Reino Unido, onde ves como triunfan best-sellers de baixo prezo, de tapa branda, fáciles de dobrar, co tamaño axeitado para meter no peto ou ler cunha man… Son libros pensados para ler “en tránsito”, son libros para ler mentres se agarda… na parada do transporte público, a que te atenda o médico… Neses momentos se un quere ler non parece o máis indicado pórse co Ulises, de James Joyce; a lectura compite co whatsapp, ten que ser concisa, sinxela, ir ao importante da historia pero ao mesmo tempo debe ter intensidade, forza suficiente para engancharte. Cada palabra, cada adxectivo, cada diálogo, teñen unha importancia fundamental. Os argumentos non poden reducirse a simples repeticións pero tampouco a elucubracións intranscendentes ou aburridas. Deben ser historias con referencias populares, se for necesario alleas á propia literatura, en harmonía cos gustos e hábitos da xente común, con gran peso da imaxinación.

Ese formato alixeira os textos, reduce páxinas, libra o lector de toda a palla, favorece que o diálogo entre creador e lector sexa máis equilibrado, permítelle a quen le acabar de construír o discurso coa imaxinación. É un xénero máis maduro, pensado para lectores adultos que non queren todo o texto mastigado. Estou canso de ler novelas galegas que teñen un exceso de páxinas, que se nota que se constrúen coa intención de conseguir determinada extensión custe o que custe. A micronovela afórralles iso, tanto ao escritor coma ao lector: non hai espazo para o recreo porque en realidade non fai falta.

As súas micronovelas seguro que teñen engádegas a este modelo.

Loxicamente, as miñas propias ideas sobre a literatura. A primeira que escribín foi Vattene!(Q de Vian Cadernos), onde quixen amosar o surreal. É un texto influído polo dadaísmo que investiga sobre as persoas atormentadas. Hoxe vivimos nunha gran frustración que se converte en moitas veces en violencia; non falo só da violencia física, que aparece ás veces, senón nunha violencia habitual, que recibimos e exercemos constantemente na rúa, cando un coche non para nun semáforo, cando alguén se coa na fila do supermercado. Quixen mostrar ese estado á miña maneira, de aí que utilice determinados recursos coma o xénero fantástico ou de aventuras. N’O legado extraterrestre (El Círculo Rojo) esa relación amplíase aos relatos de superheroes. Superman e Robin son protagonistas, ou mellor dito, antagonistas de Circe e Penélope, que se encargarán de pór ao descuberto esa masculinidade parcial que os frustra. En todos os meus libros a expresión ten unha función política, non pedagóxica pero si cunhas pegadas ideolóxicas que procuran servir para a transformación social a través do discurso cultural.

Dicíame que está canso de certa novelística galega, só polo exceso de páxinas?

Estou farto da meirande parte do que se publica porque estou farto dun sistema literario que promove unha forma de escribir pensada para alumnos de secundaria cunha perversión engadida: trata eses lectores adolescentes coma se non fosen ben de xeito que ao final practicamente todo o que se publica trata os lectores coma se non fosen ben. Cómpre reaccionar, encontrar unha alternativa ou quedaremos sen xente que lea en galego porque a ninguén lle gusta que o tomen por parvo. E con isto non digo que eu encontrara a fórmula perfecta pero coido que hai que experimentar, buscar novos xeitos. Aínda que fracasemos, aínda que teñamos que volver empezar. O que non podemos permitirnos é seguir a perder lectores.

Mais as cifras de compra de libro son boas entre o público infantil e adolescente.

Lectores obrigados. Mellor dito, compradores obrigados. Temos que cambiar o concepto do hábito da lectura. Hoxe vese como un trazo de elitismo cultural. As editoriais galegas nunca buscaron espazo para libros máis banais, a nosa literatura tiña que ser moi formal. Hai casos de selos coma o de Urco que pelexan nese sentido e está moi ben que o fagan pero é un exemplo recente. Tamén escritores que tentaron experimentar cos xéneros populares, coma Isidro Novo, que foi incomprendido e marxinado. Eu non entendo como aos rapaces dos institutos os fan ler un libro tan aburrido como A nosa cinza, de Xavier Alcalá, e non Carne de can ou Por unha presa de machacantes, de Isidro Novo, moito máis divertidos.

Non entendo como aos rapaces dos institutos os fan ler un libro tan aburrido como A nosa cinza, de Xavier Alcalá.

A responsabilidade será de quen escolle os libros recomendados.

E quen son? Reparemos, por exemplo, nos libros que gañan ano tras ano os Premios San Clemente. Supostamente son os rapaces quen escollen. Curiosamente sempre gañan libros das mesmas editoriais. É porque só nesas editoriais se publican bos libros? Non será que son as únicas que contan cunha rede de comerciais que en definitiva son os que marcan o que recomenda nos centros de ensino? Os docentes reciben unha visita dun comercial que lles ofrece non só un título de lectura senón unha unidade didáctica baseada nese libro e o compromiso dunha charla do autor se o volume ten tales vendas. Polo mesmo prezo, ese profesor pode apuntarse un tanto cos alumnos e resolver varias clases. Que literatura hai debaixo diso?

“Os premios literarios non están a servir para descubrir bos libros”

Vostede é responsable de dúas editoriais, O Figurante e Emerxente. Cales son as diferenzas? Por que precisou crear dúas plataformas?

No Figurante publico aquilo que me dá a gana. Podería inventar algunha teoría para explicar un suposto programa editorial pero esoutra é a pura verdade. É un selo tremendamente persoal.

Emerxente nace logo de decatarme de que había determinados textos que me chegaban que non tiñan oco no Figurante. Quería darlles saída a libros que me parecían de certo interese. A relación do editor cos escritores coido que pode lograr a longo prazo obras de valía.

Emerxente convocou un Premio de Micronovela que finalmente quedou deserto.

Recibimos algunhas propostas que nun determinado contexto poderían ser publicables pero ningunha que merecese realmente un premio. O relato longo ou a micronovela non son xéneros aos que os escritores lles estean a dar atención suficiente. Son textos que requiren un grande esforzo de síntese e de intensidade para condensar as boas ideas en poucas páxinas. Para que ese xénero sexa atractivo tes que facer un gran labor de concreción e rigor. E iso coido que falta. Encontrámonos con propostas que xa directamente non contaban nada interesante, eran só redaccións sen faltas de ortografía, correctas pero só construídas para encher páxinas; tamén con certa literatura ideolóxica no peor sentido da palabra, desa que só desenvolve os personaxes “simpáticos” e converte os “antipáticos” en simples caricaturas.

Publícanse moitos libros dese estilo en galego.

Si, por iso acaban por faceren escola. Na literatura galega dáse un complexo de superioridade moral entre determinados escritores. Están o tempo todo dicíndolles aos lectores como deben pensar, como deben actuar. Son autores que teñen como único obxectivo deixar claro que están a favor disto ou en contra daquilo. A literatura é outra cousa. Cando se fai con seriedade, primeiro respéctase o criterio do lector e despois non se escapa do conflito, do diferente, de escribir algo que non guste, que incomode. A ideoloxía está ben que apareza para sinalar determinadas situacións que se silencian ou se terxiversan pero hai que saber utilizala con distanciamento.

Coido que quedou sen ganas de convocar de novo o premio de micronovela.

Dubido que se convoque de novo. Agora sei que os premios literarios non están a servir para descubrir bos libros. Están demasiado condicionados: polos escritores cuxo motor creativo é unicamente o seu ego, polas editoriais, que só se fixan en valores comerciais para cualificar as obras, polos xurados, moitas veces presos das súas propias relacións persoais.

Que libros está a ler?

Máis que xa a ler estou a piques de comezar Sefer Sefarad, de Pedro Casteleiro (Azeta Edicións), que me parece unha proposta moi atractiva, cunha chea de claves que até coido ser imposible descubrilas todas. Tamén me propoño reenfocar a miña percepción da pegada que deixou a Xeración Beat. Até agora o pouso que me deixaron as lecturas de Kerouac e Burroughs, especialmente, foi decepcionante. Ginsberg escribe frases con moitos pecados… Coido que necesito volver aló e desta volta quero facelo a través das mulleres da xeración. Recentemente publicouse en castelán Beat Attitude. Antología de mujeres poetas de la Generación Beat (Bartleby).

Advertisements

2 comentarios en “Alberte Momán: “Á maioría das novelas galegas sóbranlles moitas páxinas”

  1. A nosa cinza aburrido?? falas do fast-book, libros-lixo…escribe un libro con 3 ou 4 verbas…barato e fácil de comentar. Ghe! Saúdos!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s