‘Bibliotecarias infames’: A violencia franquista contra o funcionariado

9788484872399Hai xa meses Edicións Laiovento deu ao prelo o libro de Francisco Xavier Redondo Abal Bibliotecarias e bibliotecarios “infames”, que leva como subtítulo A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego. O volume leva un limiar de Manuel Rivas e divídese en cinco partes: Introdución. 2. A depuración como forma de violencia política do réxime franquista. 3. Os actores do drama. 4. Epílogo, e 5. Apéndice Documental, no que se reproducen o prego de cargos contra unha das bibliotecarias “depuradas” e a contestación ao prego de cargos feita por un dos funcionarios expulsados do corpo, e a bibliografía e fontes primarias utilizadas.

Desde o prólogo de Manuel Rivas até o epílogo, o lector vai notar aquilo que lin unha vez (non recordo quen o dixo, sei que era unha conversa entre dous historiadores alemáns do XIX –e que, polo que lembro, non debían ser moi “esquerdosos”–): a historia non se pode facer sen odio e sen amor, ou sexa, co ira et studio tan famoso e tantas veces mencionado.

Ora, despois de dito isto, e despois de acabar de ler o libro, un, que non é historiador nin nada que se lle semelle, séntese un pouco decepcionado. Decepcionado porque se ben está escrito con odio e amor, acho que o libro promete (sobre todo no subtítulo) máis do que dá. Aclaremos este punto: “A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego” (as cursivas son miñas). E a cousa, paréceme, non é ben así, mais deixémolo para o final.

Segundo o autor: “O criterio fundamental deste estudo toma Galiza como punto de referencia polo que trataremos de analizar as vicisitudes daqueles funcionarios perseguidos naturais do noso país, mais tamén estudaremos o caso daqueles outros cuxo labor profesional se desenvolveu dentro dos nosos límites xeográficos” (p. 19).

Na introdución, Redondo Abal lémbranos que a depuración dos funcionarios por parte franquista foi moi dura e nalgúns casos, como o dos mestres, “cun milimétrico procedemento de avaliación e investigación”. Tamén nos di que coa chegada da República, a democratización da sociedade “obrigou tamén a unha democratización da lectura en particular e da cultura en xeral”. (Sobre o tema, volveremos).

Entra logo a falar da depuración, e despois dunhas “consideracións previas” explica o que foi a Lei do10 de febreiro de 1939, que ía propiciar a depuración do CFABA (Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos) e quen foi e quen era o seu redactor: Eugenio Vega Latapie. A lei perseguía, segundo Redondo Abal, un duplo obxectivo: 1) investigación política de todos os funcionarios; e 2) apurar o nomeamento dos novos funcionarios que debían substituír os depurados (asasinados e exiliados). A depuracion do corpo foi, segundo o autor do libro, dunha porcentaxe que se aproxima ao 20%. (Na parte republicana, durante a guerra civil, a depuración foi máis feble –o que, talvez, foi un erro en tempos de guerra civil. Mais non imos entrar nesas consideracións. Con todo, na parte republicana, nos primeiros meses da sublevación sete funcionarios foron fusilados, talvez debido ás sacas indiscriminadas que aconteceron nun Madrid asexado e tomado polo medo. Non se trata de xustificarmos as sacas, senón de intentar comprendermos por que se realizaron.)

A finais de 1935 o CFABA contaba con 295 funcionarios. A seguinte cifra coñecida é de 1941 e dá o número de 240, é dicir, 54 funcionarios menos, cifra “paupérrima”, segundo Redondo Abal. Sen intentar xustificarmos nada, talvez se debería ter en conta, á parte dos asasinados polos republicanos e polos franquistas, os exiliados. Facendo ese cálculo deberiamos saber con cantos funcionarios contaba o CFABA a finais de 1939 antes de cualificar de “paupérrima cifra” a de 240 funcionarios, xa que hai que ter en conta que se acababa de pasar unha guerra civil e o país estaba completamente estragado e o Estado sen recursos para se manter a si mesmo (non hai que esquecer que o PIB non alcanza as cifras de 1935 até mediados dos anos 1950; e habería que saber o número de funcionarios civís en 1936 e en 1941, por exemplo: militares e policía de seguro que medraron), polo que neses momentos todo Estado, sexa da cor que sexa, adoita reducir o número de funcionarios, e máis de funcionarios especializados, por así dicilo, en temas culturais, e mais se o novo Estado quere darlle unha “volta” total á cultura e crear novas elites. Todo Estado saído dunha guerra civil, para hexemonizar a sociedade que é a súa, debe contar con funcionarios (intelectuais) propios, como estes non nacen dun día para outro, debe usar funcionarios (intelectuais) do “antigo réxime”, mais controlados. Velaí o que fixo o franquismo. Até que non formou funcionarios propios (e agora esquezamos enchufismos e outras barbaridades) valeuse de funcionarios republicanos, depurados e vixiados. Mais disto falaremos máis adiante. Acho que cualificar de paupérrima a cifra de 240 sen “contextualizala” é froito máis da paixón do historiador que, digamos (revirándoas un pouco) parafraseando as palabras de Marx, das ilusións da época do seu estudo das que debe participar o historiador, considerando entre as “ilusións” as circunstancias políticas, económicas, sociais e culturais concretas, porque se non a historia se converte, simplemente, nun “relato”, nunha narración[1].

Velaí o que fixo o franquismo. Até que non formou funcionarios propios (e agora esquezamos enchufismos e outras barbaridades) valeuse de funcionarios republicanos, depurados e vixiados.

E entramos na parte “central” do libro: os actores do drama. A Dirección Xeral de Arquivos e Bibliotecas, de quen é responsábel Miguel Artigas, xa importante funcionario durante a Ditadura de Primo de Rivera e durante a República. Artigas era un “bo” funcionario, mais, segundo Redondo Abal, “estivo sempre máis preto do libro que do lector, e esquece en todo o momento a misión das bibliotecas e dos bibliotecarios: a difusión da lectura pensando nos usuarios”. A difusión da lectura pensando nos usuarios é, ou pode ser, misión da bibliotecas e dos bibliotecarios, mais en segunda instancia: en primeira é do Estado. Fagamos unha “utopía”. Imaxinemos por un momento que os 240 funcionarios con que contaba o CFABA en 1941 fosen todos de ideoloxía difusamente (ou fortemente) “republicana”, que considerasen que a súa función era a difusión da lectura entre os “usuarios” ou o pobo en xeral. Cambiarían as cousas? Non idealicemos, si vous plaît. A difusión da lectura, a democratización da cultura –esa cousa tan difícil– foi e é e, infelizmente, será por moito tempo, función ou misión dos Estados. Nun Estado democrático-parlamentario, os funcionarios poden axudar a esa difusión enfrontándose coas directrices do Estado, recorréndoas, etc. Nunha ditadura que exerce a súa hexemonía só coa violencia pensar que os funcionarios civís, só eles, se enfronten ás directrices do Estado non é unha utopía, senón, simplemente, unha parvada.

O xuíz instrutor: Gómez del Campillo. Este, dá impresión de que só foi un instrumento en mans de Artigas, aínda que Redondo Abal non o diga. Gómez del Campillo acusa fortemente e recomenda sempre a expulsión do corpo do “procesado”. Artigas rebaixa sempre as peticións do “fiscal”, e só se expulsa nun caso (do “caso galego”) a un funcionario –aínda que despois será “recuperado” por pouco tempo. Ao proceder desta maneira, non era un modo de Artigas para gañar o favor ou a “benevolencia” dos funcionarios procesados, que no canto de seren expulsados eran degradados ou trasladados, mais continuaban a “cobrar” o seu salario en tempos máis que difíciles? É unha hipótese persoal, mais…

E veñen os bibliotecarios/as e/ou arquiveiros/as do caso galego. Digamos os seus nomes, cómpre lembralos, como cómpre lembrarmos os dos funcionarios da parte opoñente, estes para inscribilos na historia universal da infamia. Aqueles, para lembrarmos os seus nomes, xa que sen eles se quebra un elo na cadea democrática.

Teresa Vaamonde Valencia (nunca exerceu a súa profesión en Galiza). Sanción: non poder solicitar cargos vacante durante dous anos.

Luisa Costa Gutiérrez (non galega de nacemento). Exerceu en Galiza de 1921 a 1930 e sobre o noso país traballou. Traslado forzoso durante un ano. E despois de dicir cal foi a súa sanción, Redondo Abal fai un comentario fóra de lugar: “Nada mellor para castigar a unha bibliotecaria –especialmente se é culta, ama a lectura e cre na divulgación do libro como método para o progreso dun país– que trasladala a un arquivo de provincias”. Deixando de lado iso da lectura como método para o progreso dun país (adoita ser máis ben o resultado do progreso do país), este comentario vén dicir que os arquivos, as bibliotecas de provincias só deben ser rexidos por bibliotecarios/as inútiles ou mediocres? É que en provincias non poden existir “tesouros” bibliográficos e documentais máis importantes que no “centro”? Para que logo nos queixemos do “centralismo”. (Por exemplo, en Burgos, segundo a Asociación de Bibliotecarios e Arquiveiros de Castela-León existían, hai nove ou dez anos, cando a polémica sobre os papeis de Salamanca, máis dun millón de documentos referentes á guerra civil, almacenados e sen catalogar: cantos tesouros haberá entre eses papeis? Quen debería catalogar estes documentos, os últimos da promoción, os máis parvos, os máis inútiles…? En fin, este comentario de Redondo Abal sobraba de todas todas, xa que, curiosamente, non é máis ca a expresión dun elitismo inconsciente.

Maria Brey. Ingresou no corpo en 1931. Foi destinada a Santiago mais en 1933 está en Madrid (debido aos contactos de seu pai, aínda que Redondo Abal mitiga o enchufismo aclarando que as xestións do pai da bibliotecaria preto de Marcelino Domingo e outros líderes republicanos, non deron froito inmediatamente; de acordo mais que en pouco  menos de dous anos sexa trasladada de Santiago a Madrid cando de seguro había abondo funcionarios con máis antigüidade que tamén querían como destino a capital do Estado, denota que o nepotismo non desaparecera entre a esquerda burguesa republicana). Sanción: traslado forzoso e prohibición de solicitar vacantes durante cinco anos, aínda que en 1943 traballa en Madrid, nas Cortes. Foi novamente molestada e finalmente, farta de todo, en 1961 pide a excedencia.

Nicéforo Cocho (natural de Benavente). Traballou na Coruña de 1922 a 1934, ano este último que vai para Madrid. Na Coruña foi redactor de El Noroeste, diario de la República, órgano do Partido Radical-Socialista. Sacerdote que abandonara os hábitos. Sanción: expulsión do corpo. Morre en 1943: un ano antes reingresara no CFABA.

Juana Capdevila. Casada con Francisco Pérez Carballo, último gobernador civil da República na Coruña, asasinado polos sublevados. Ela foi detida, liberada e novamente detida e salvaxemente asasinada.

Ramón Iglesias Parga. Fundador das JONS, que abandona en 1934 e acaba militando no Partido comunista. Grande historiador de temas hispanoamericanos e director da revista Tierra firme (xa no exilio). Ingresa no corpo en 1931. Nunca traballou en Galiza aínda que era galego de nacemento. Morreu no exilio en 1948.

Juan Vicéns. Ingresou no corpo en 1935. En outubro de 1935 estaba en Compostela, por pouco tempo. Membro do PCE, espía republicana durante a Guerra civil e, segundo os mexicanos (como recolle Redondo Abal), espía soviética. Morreu en Beixing en 1959.

María Muñoz Cañizo. Filla e neta de galegos aínda que non galega de nacemento. Ingresa no corpo en 1931. Como todos os que quedaron en territorio peninsular, e querían continuar a ser funcionarios do Estado, debe pedir o reingreso, o que fai en abril de 1939. Sanción: traslado forzoso e postergación por cinco anos, e inhabilitación perpetua para cargos de confianza e directivos. En 1941 fai unha permuta con outro bibliotecario, catalán e tamén sancionado, e vai a Lugo (antes da guerra non exercera en Galiza). En 1949 está en Madrid.

Juana Capdevila. Casada con Francisco Pérez Carballo, último gobernador civil da República na Coruña, asasinado polos sublevados. Ela foi detida, liberada e novamente detida e salvaxemente asasinada: as razóns do seu asasinato son políticas, como moi ben di Redondo Abal, mais tamén, pola forma en que se realizou, semella obra dun(s) sádicos(s) que cumpriría analizar (psicanalizar) para, talvez, descubrir unhas razóns, á parte de políticas, persoais profundas de medo, frustración, odio á muller,etc.

Despois de ler a historia dos “actores do drama” (historia que recomendamos para saber quen eran, que fixeron, como desenvolveron a súa vida “profesional” e mesmo política), é dicir, dos bibliotecarios e bibliotecarias depurados, o lector percibe axiña que en xullo de 1936 ningún destes funcionario/as tiña o seu “destino” daquela en Galiza. Abandonaran o noso país había meses e/ou anos ou nel nunca exerceran a súa profesión. Disto todo avisa xa na introdución Redondo Abal, mais penso que non debeu nunca referirse ao caso galego. De caso galego, nada; todo o máis, bibliotecario/as galego/as depurados, ou bibliotecario/as depurado/as que nun momento ou outro exerceron un tempo en Galiza a súa función profesional. Porque ao acabar de ler o libro, o lector non saberá cantos membros do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos que exercían a súa función no territorio galego en xullo de 1936 foron depurados (ou asasinados, encarcerados ou exiliados; investigados, de seguro que todos). Ou é que nin houbo en Galiza ningunha depuración de tal corpo? Porque polas noticias que dá (ou deixa de dar) Redondo Abal así foi. É dicir, ningún dos funcionarios pertencentes ao CFABA que exercían en Galiza en xullo de 1936 foi sancionado depurado, exiliado ou encarcerado. Se foi así, que non o sei, e Redondo Abal tampouco nolo di, si que existe “caso galego”, e aquí radica a súa orixinalidade: nin un depurado, sancionado, expulsado, asasinado ou exiliado.

Por outra parte. Dos oito casos estudados, temos dous exiliados (ambos comunistas) e unha salvaxemente asasinada. Os outros cinco non perderon (a fin de contas) o seu cargo. Por que? Aquí habería que entrar en razóns de Estado. O Estado franquista, aínda que exercía a súa hexemonía mediante unha violencia salvaxe, unha vez conquistado o estado, non exerce a violencia de modo indiscriminado (o que non quere dicir que deixe de exercela de forma masiva: por outra parte, só xa a súa existencia é pura violencia criminal –todo estado é violencia, mais non ten por que ser criminal). Sobre todo a que se exerce sobre o corpo de funcionarios no seu conxunto. Por outra parte, non eran tan parvos como alguén nos quere facer crer: o Estado necesitaba funcionarios, e en 1939 non os creara, é dicir, necesitaba funcionarios aínda que non foran “franquistas” ou non comungaran con novo “réxime”: só se trataba de telos suxeitos e controlados. Funcionarios que militaran en partidos e sindicatos obreiros non lles interesaban: estes, despois de tres anos de guerra, estaban fondamente ideoloxizados e, ademais, afeitos a loitaren en condicións adversas e de clandestinidade. Había que botar man doutro tipo de funcionarios: os que saíran da pequena burguesía máis ou menos radical ou radicalizada, os que estaban próximos aos partidos da chamada “esquerda burguesa”, mesmo tivesen veleidades obreiristas. E a estes foron aos que recorreron (por outra parte, os funcionarios tiñan que solicitar o seu reingreso: vexo difícil que un funcionario comunista, socialista ou anarquista o pedira); ora, iso si, avisándoo: de aí as sancións máis nunca a expulsión, o encarceramento ou o fusilamento. E todos eles (os cinco que se mencionan aquí) foron readmitidos, exerceron a súa función (e pensamos que con “profesionalidade”) durante o franquismo. E, ademais, con esta selección na represión por parte franquista (que semella urdida por cerebros maquiavélicos, no sentido infame que ás veces se lle dá a este adxectivo) tratábase de romper calquera lazo ou elo que durante moitos anos vinculara, ás veces tenuamente, ás veces fortemente, certas capas intelectuais pequenoburguesas máis ou menos radicais co movemento obreiro. Lazos, vínculos, que en 1976 estaban completamente destruídos, mais iso xa é outra historia.

Malia as pegas, Bibliotecarias e bibliotecarios “infames” é un libro que hai que ler.

Bibliotecarias e bibliotecarios “infames”, de Francisco Xavier Redondo Abal, Laiovento, 2014. 174 páxinas. ♠16€

XGG.

[1] Sobre o tema da «narración» ha historia, recomendo ‘Teoría y narración en la historia’, do coruñés Juan José Carreras, incluído en Razón de historia. Estudios de historiografía, Madrid, Marcial Pons, Ediciones de historia S. A., 2000, pp. 215-229. Por recomendar, recomendo encarecidamente todos os textos do libro.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s