O semáforo

Xerardo Méndez.

–Giuliano Messina tiña unha filla que o poñía tolo …

Mireino: o tío Néstor, o dos abrigos longos e os traxes a raias, o do sombreiro de aba caída e ollos durmidos, o que non daba máis de dúas palabras seguidas e que estivera na América das películas, por fin, por fin estaba botando a lingua a pacer. A avoa dicía que alá fixera moitos cartos en pouco tempo, seica nun negocio de construción, pero ninguén sabía máis nada, e inda que moitos lle pediron que lles dese referencias para marchar para alá, o tío nunca quixera cumprir aqueles rogos, e mira que algún inda lle ofrecera cartos bastantes, pero despois da primeira, e brevísima, confesión sobre o que fixera alá e os motivos do seu regreso, nunca soubemos arrincarlle unha palabra máis. Ese home, vestido sempre coa tea negra do silencio, paseando os traxes de raia diplomática polas feiras do condado sen que nunca ninguén se metese con el –nin os gardas, que o chamaban de don, nin os atracadores que de cando en vez baixaban da serra a moverlle os pesos de sitio aos ricachos da parroquia: ninguén o molestara nunca– e iso que a abundancia de billete ben se lle coñecía na roupa e na cara. Desaparecía de cando en vez sen dicir nada, e logo volviámolo ver sentado detrás dos xogadores de cartas, sen dar sequera unha voz, sen comentar unha xogada. A espicha estaba aberta, Que tería eu? Quince anos, daquela? Por aí tería.

…A filla de Giuliano tiña sona de guapa, e abofé que o era: eu cheguei a vela unha vez, de lonxe, un día de San Nicolás, por unha festa de anos á que estivera convidado todo o que era alguén … Foi un dos meus primeiros e escasos traballos para o Don, despois púxome de chofer da señorita Olimpia. O Don, digan o que digan, era un home irresistible para as mulleres: novas e vellas, grandes e pequenas, fracas e gordechas, nunca se fartaba. Vin aquela boneca no alto da escaleira e case sentín como se lle afiaba o dente … Nunca se saberá como foi, o caso é que, logo da recepción, Giuliano, que sabía o que tiña na casa, logo a encerrou nunha esquina parecida a unha torre. Seica tiña algún que outro problema co irmán, Tonino, pola cuestión do herdo: Giuliano era o vinculeiro, e fachendeaba. Tonino era o segundo, e calou, ata que un día, a poucos meses daquela festa, Giuliano o botou da casa, ou marchou antes que o matase o irmán, iso non se sabe ben, que seica o acusaba de picarlle a filla, a filla que tiña escondida naquela torre escura do recanto norte da casa. Ninguén sabe a verdade: Tonino cargou aquela culpa e liscou, alandillando, cara ao outro lado do río, casou, e ben, en Newark, co ollo posto no que lle quedara atrás, e foi metendo a uña no porto de Jersey, ata que só o arredaba do irmán aquel muro de auga.

A segunda muller de Giuliano era unha siciliana bigotuda e estúpida, que non lle daba parido un fillo nin por recomendación. A filla guapa víñalle dun matrimonio anterior cunha moza de Hoboken, filla dun pasteleiro irlandés que non estaba no negocio, que ao pouco de parir descubriu onde se metera e non se sabe ben se alandillou polos seus propios pés e tivo unha desgraza ou se os peixes lle comeron os ollos por querer mandar de máis. Giuliano casou coa siciliana en canto se descubriu o cadáver, e o pecado de casar fóra da familia foille perdoado desde as alturas, que xa lle deran pé ao Tonino en pensar en cruzar a ponte e volver á casa. A siciliana tronzou aquela ameaza, e a cambio, sempre desprezou a filla do home, que lle lembraba todo o que ela non tiña: beleza e un fillo, un bastardo, si, pero un fillo. Aquela estúpida foise ver cunha bruxa, que lle meteu na cabeza que o seu home non había ter máis fillos mentres a filla vivira, e que o neto o había matar. Consciente de que o seu home lle debía cando menos a metade do que tiña, chamou polos seus; unha noite abriron a torre, colleron a muller e o cativo e metéronos nunha arca, coa intención de facerlle un agasallo a un tal Jack Seis Dedos, que tiña un edificio a medio empezar en Newark e contas pendentes co Giuliano desas que co tempo non fan máis que podrecerche o ánimo e anubrarche o entendemento.

 

Retrato de nena. FLICKR

Retrato de nena. FLICKR

Por esas cousas que pasan, o paquete non lle chegou a Jack, senón que caeu na porta de Joe. Os Seis Dedos eran xemelgos e non se distinguían moi ben. O conto é que o Joe quixo abrir o vulto e xa non puido pechalo. A nova logo lle chegou ao Jack, que era o vinculeiro –o que conta un minuto: para que logo digan– e o que fixera o trato. Así foi como lle arrincou a muller e o fillo: reclamando o que era seu. Aquela monada sabía ben como remexerse, e tan axiña lle encheu o ollo que os zapatos de cemento se perderon nalgún solar de Newark, sen que aquela Cinderella chegara a os probar sequera. Tiñan que vivir agochados, lonxe do ollo da siciliana, que daquel contrato non recibiu máis que garantías de palabra, e non quedara moi conforme, pero seguían vivos. E podía quedar a cousa aí, se non fose que non somos de bo conformar. Ao maior dos Seis Dedos mirroulle tanto o entendemento o trato coa irlandesa que non facía máis que lle pedir que casase con el. Ela non quería: como había querer? Unha cousa así sempre se acaba sabendo, e de saberse, a siciliana querería rematar o que lle quedara a medio facer. Pero o outro non transixía: mandaba traer da quinta avenida as mellores teas, os vestidos franceses das estrelas de cine, os mellores mestres para o cativo… todo foi inútil. Joe díxomo moito tempo despois; mentres lle tomabamos uns cacharros na de Ackermann contoume como se precipitou todo.

Farto daquel comportamento de raíña, deixou os agasallos e pegou a dicir que todo o mundo tiña que traballar naquela casa, que xa estaba ben de vivir da sopa boba. Un día Joe oíulle dicir que pedira a man de Serafina Malatesta, filla dun capo de Jackson Heights, Giordano Malatesta, que metía algo máis que alcol na cidade. Oíra falar daquel negocio e quería entrar pola porta grande. Serafina Malatesta era case vella, e un pai con seis fillas había agradecer que o librasen de algunha, pero para que o vello considerase a súa petición debía ofrecerlle un agasallo… E só había un que garantía os resultados: a cabeza da Gorgona que envelenara o pai dez anos atrás. Sofía Gorgona fora amante de Genaro Malatesta: unha amante singular, asasina a soldo recoñecida e con condenas pendentes en seis estados. Contaban dela que deprendera dos chineses a arte de inmobilizar o inimigo con encantamentos: que se a deixabas que te mirase seguido cinco segundos estabas perdido, ou que podía converterte nunha estatua cravándoche unha simple agulla, como fixera con Renato Corleone antes de atravesarlle o corazón cunha navalla enferruxada, que o tivo entre a vida e a morte cinco días, berrando como un esgazado, ata que aos médicos se lles acabou a morfina e morreu botando os liviaus pola boca…

Joe non entendía como lle contaba tantos detalles, cando normalmente non lle dicía unha palabra do que había facer: entendeuno cando detrás del sentiu a voz do rapaz ardendo de impaciencia:

–E se che traio a cabeza da Gorgona deixarasnos marchar?

Joe recoñeceu a trampa no momento, o caso é que non podía dicir unha palabra máis alta que outra sen delatarse diante do irmán: un irmán que nun arrebato podía espetarlle dous tiros, e que estaba claro que xogaba a súa última carta: morto o fillo, a resistencia da nai sería máis doada de vencer… Viuno marchar decidido a todo, e pensou que era unha xogada mestra: se o rapaz non volvía, tería a muller, e se volvía, tería o po de Jackson Heights. Non esperou moito a recoller o froito: en canto o rapaz puxo o pé fora da casa, Jack pegou a berrar:

–Dana! Dana!

Con Joe detrás mirando de desfacer aquela aduanada. Joe parou un momento, descolgou o teléfono, e tirando a vulto, atinou: chamou o padriño e contoulle o caso, para saír correndo detrás do irmán antes de que fixese calquera cousa que tivera pensado. Encontrouno botado enriba dela nun sofá, arrincándolle a roupa a golpes, usando as mans como gadoupas, levantando sucos encarnados naquela pel de leite… Joe non aguantou máis: agarrouno polos colares e correuno a lapotes ata o xardín, despois acolleu aquel corpo esmaiolado nos seus brazos e correu carreira embaixo ata a igrexa de San Paulo, acolléndose en sagrado porque era o único sitio onde sabía que podía estar minimamente a salvo.

Edificio arruinado en Newark, Nova Jersey, EUA. HJ HIPSTER/FLICKR

Edificio arruinado en Newark, Nova Jersey, EUA. HJ HIPSTER/FLICKR

Todo se podía ter arranxado moi ben aquela mesma noite, pero a orde que lle chegou a dona Olimpia foi incorrecta. Tal e como foran as cousas, o lóxico sería que o padriño mandase cepillar o tarabelo que quería matar a muller e o rapaz, deixar a Joe á fronte de todo, casalo coa irlandesa e deixar que o raparigo seguise o camiño que o estaba levando dereitiño á Universidade e a outro mundo. Despois, cando lle dei voltas, tíveno igual de claro, pero se el non quixo, digo eu que por algo sería. Así que a orde foi outra, e vin a dona Olimpia baixar fungando polas escaleiras:

–Non aprende e non aprende! Cando saberá estar quietiño? Cada día que pasa descubro que o señor ten outro bastardo, e claro, el non pode ocuparse: preocúpase, pero non pode ocuparse. Xa me ten a min para ocuparme deses babiolos: querida, ocúpate de que, cando faga o que ten que facer, non lle aconteza nada… O claro! Que fácil! Que o pailanciño se cargue á Gorgona! Axudarlle… e que non se note! Merda!

Fomos buscar o raparigo. Non tardamos en atopalo, a unhas tres mazás da casa, aterecido co frío, os ollos ensanguinados e a tolemia engalanándolle os ollos. Dona Olimpia mandoume aparcar diante del, e cando pasou rente súa parouno cunha palabra. Con dúas meteuno no coche, e coa terceira tíñao apuntando cunha trinta e oito nun garaxe, preto do cruce da Sétima e a Quince, e ensinándolle todas as malas artes.

O raparigo era espelido, e logo se converteu nun artista da navalla –tanto como se pode chegar a ser en dous días– e do ferro. Ao terceiro día collemos cara ao Leste: non se sabía onde se agochara a Gorgona; despachar a Malatesta fora unha cuestión persoal, pero o de Corleone entraba no temerario: non se podía acabar así como así cun dos membros dunha familia tan distinguida… e agardar vivir para contalo. A Gorgona desaparecera, pero nós tiñamos unha pista: As NymphSisters tiveran unha vez un cuarto membro, de pel máis clara e ollos rasgados. As NymphSisters saíran de preto da Chinatown de Brooklyn. Aquela cuarta compoñente chamábase Sophie. Pero xa non estaba co grupo moito antes de que as NymphSisters chegasen a actuar nos clubs elegantes da zona Leste. Agora vivían retiradas en East Orange, e alá que fomos, envoltos na néboa da madrugada e no fume dos cigarros, cigarros que prendiamos sen parar, cunha ansiedade máis propia da guerra que de calquera outra cousa.

Dona Olimpia deulle ao raparigo un chaleco deses que trae a policía, porque as ordes que tiña eran estritas: ensinarlle a sorprender os gatos, instruílo e proporcionarlle o material necesario para o cumprimento da súa misión, procurar por riba de todo que a el non lle ocorrese nada baixo ningunha circunstancia, e, en calquera caso, facer só o mal necesario. Nunca sabes moi ben que quere dicir esta frase: só o mal necesario.

Retrato de muller. MARZLA BISOGNIN/FLICKR

Retrato de muller. MARZLA BISOGNIN/FLICKR

Atopamos as irmás durmindo unha mona de campionato; nin despois de lle baleirar os ollos ás tres conseguimos que desen unha palabra: arrincámoslle os dentes ao vivo, naquel soto que tiñan que parecía que estaba agardando por nós: fondo, escuro, e sen ventilación, non se escapaba un chío dos berros que daban aquelas vellas fóra das catro paredes da casa. Dona Olimpia non se luxou as mans, pero o mozote… deus me libre de caer nas súas mans! Que entusiasmo! Tiñas que velo coa culler e coas tenaces: un espectáculo. Por fin cantaron. Deixámoslle enriba da mesa o único ollo que non rebentara e nin nos preocupamos de facer limpeza: chamamos á casa e dixemos o que había. Nós tiñamos que facer. Collemos a estrada do Norte, penso que a estatal 87, non estou certo: esa que vai subindo canda o río. Chegamos a Albany con día, paramos a tomarlle un café e seguimos cara ao norte, aos Addirondacks, que deixamos a un lado: podiamos aparcar nun sitio que lle chaman Lake George, pero non era plan chegar con luz ónde queriamos ir, así que deixamos correr o tempo dando un rodeo ao lago, subindo a Schron e portándonos coma turistas, mentres procurabamos un sitio no lago para nos desfacer da parte do cadáver que non pensabamos levar connosco. Entramos en Silver Bay á noitiña, a esa hora na que nin os cans saben se fiarse da vista, do oído ou do olfacto. Atopamos a casiña de madeira cos postes da terraza pintados de verde, pasamos como unha serpe por diante e aparcamos nunha canella que se ía meter no monte, un pouco máis abaixo. Deixamos o coche resgardado polas árbores e volvemos buscar a casiña. Sempre me pareceron de xoguete esas casas de madeira. Buscamos a porta traseira, e sentamos na beira da fraga, que case se metía nas casas, a esperar que se fixese noite e aquela xente apagase as luces e se metese na cama. Era un traballo para un neno, e o rapaz fíxoo case con demasiado entusiasmo: levabamos unha serra para separar a cabeza do corpo, pero o mozote afiou tanto a navalla e empregouse con tanto entusiasmo a rabenarlle o pescozo que practicamente non fixo falta que lle axudásemos en nada. Buscamos unha lona na que meter aquel corpo, pero non atopamos máis que sabas e mantas. Aquel pescozo cichaba sangue sen parar, e para colmo de males a tipa non tiña coche: houbo que a meter no noso, e descargar o corpo correndo, ben cargado de pedras, na primeira fondada que lle vimos ao lago. Pareceume que o sangue debuxaba serpes na tona da auga, pero non me fagas moito caso: era noite e aínda que había lúa, neses momentos a vista pode enganarte. Recollemos e collemos cara ao Sur: cruzamos cunha patrulla da estatal, un xigante e outro con cara de cabalo: tiñan parada a furgoneta duns rapaces, e quedáronsenos mirando ao pasar rente a eles. Fixemos como que acababamos de contar un chiste, e, por sorte, nin nos pararon nin viñeron atrás nosa.

–Só o mal necesario, Néstor

dixo dona Olimpia, así que … deixámolos. A volta foi un paseo, e a señora pediume que a deixase na casa de Long Island: cruzamos o río en White Plains, deixamos a dona Olimpia e deume por volver por Queens: daquela eu tiña unha moza por alá, metín o rapaz no allo e fomos ao de Eddy, tomarlle uns cacharros, porque ela paraba moito no sitio. Non estaba, e mellor foi, que xa non puiden volver ao sitio. Había un xigante na entrada: quería saír e nós queriamos entrar. Debín decatarme do que ía pasar, pero despois de tanto tempo en tensión, un acaba descoidándose: cando oín o ton da voz xa era tarde:

–Antes de entrar hai que deixar saír…

A Gorgona. ANNA/FLICKR

A Gorgona. ANNA/FLICKR

Nin o pensou. Borracho como viña de sangue, o neno tirou de navalla e coa punta do fío fíxolle un sorriso de orella a orella…polo medio do pescozo. Mentres aquela montaña caía polas escaleiras cara a dentro do local volvín, prendín o coche e metémonos polas canellas, facendo pouco ruído e coas luces apagadas, vendo pasar e deixando atrás o lucerío azul das sirenas. Pensei que libraramos cando batemos de fronte cun patio no que acontecía unha pequena traxedia.

Xa oíra algunha vez que pasaban cousas así en Chinatown, o caso é que nunca pensei en acabar metido en semellante conto. Moitos chineses venden as súas fillas. En teoría como serventas, ou como bailarinas: a maioría acaban nos clubs dos amarelos facendo xa sabes o que; é así e non hai volta que darlle: todos gañan co negocio, por veces mesmo as raparigas, que cando menos teñen a oportunidade de ver mundo. O caso é que algunhas veces os pais pásanse de listos e venden a filla dúas ou tres veces. E neses casos cómpre un escarmento, público a ser posible. Como iamos coas luces apagadas e sen facer ruído non nos decatamos de onde chegaramos ata que o tivemos diante. A moza estaba atada no valado do fondo da calella, unha tea metálica enferruxada e case tapada pola varredura que cincuenta apartamentos deixaban caer por alí, cando non había canseira de baixala, que era un día si e outro tamén. Cara a ela camiñaba unha auténtica besta cunha barra de ferro na man, disposto a impartir xustiza. Notei que o neno quedaba mirando para a rapaza, e antes que puidese botarlle a man xa botara pé a terra, e chamaba por aquel grandón dándose aires… O grandón mirou para el e nin lle fixo caso: seguiu afiando un coitelo coma os de sangrar: debía traballar no matadoiro e aquilo debían ser horas extra. Botei as mans á cabeza. Que podía facer? Nunca en semellante caso me vira: non podía deixar que lle pasase nada ao raparigo, ou dona Olimpia habíame esfolar vivo. Baixei do coche, metinme na sombra, carguei a lupara e funme preto da moza, procurando non luxarme con aquela morea de porcaría e manterme na sombra. O rapaz negociou cuns vellos que por alí andaban: serían os que xa venderan a filla dúas veces; por que non facelo unha terceira? Rápido acordaron, e o mozote pegou a berrar polo homón. Non levaba ferro: estaba seguro de que non levaba máis que a navalla. Botouse cara a el como un lobo, pero aquilo era un risco imposible de aceptar, así que apertei o gatillo e aquel xigante caeu sen saber de onde lle chovía a morte. A vella da porta acenaba coma unha tola, e berraba saberá o demo que cousas, tanto berrou que acabaron aparecendo corenta malandros polo fondo da canella, cargados de paus e cadeas. Entón estiven seguro que me equivocara, e moito, co raparigo. Porque dunha prega da gabardina sacou o ferro que lle emprestara dona Olimpia para as prácticas de tiro, e aquela máquina de escribir empezou a ladrar tanto e tan ben que inda hoxe sinto un arrepío cada vez que oio ladrar un can. Iso si que era unha gadaña! Cando aquela caterva aplantillou cara ao lugar de onde saíran, o mozote ceibou a rapariga, unha rapariga cunha melena que lle chegaba ata os pés. Agarrouna da man e escapou con ela. Prendín o coche e fíxenos subir pitando, que xa non tiña o corpo para máis andrómenas.

Parei en Ocean Avenue, metín aqueles ruliños na primeira cafetería que atopei aberta, e funme ao teléfono coma unha bala, antes de que aquel mequetrefe me armase outra.

–Espérame aí. Vou deseguida.

Deseguida é moito dicir. Deunos tempo, máis que matar a fame, a torturala a conciencia: había que ver o que tragaba a parelliña! Cando chegou dona Olimpia, colleu o rapaz nun á parte e mentres eles falaban tratei de preguntarlle a aquela mocosa que pensaba facer da súa vida. Díxome que había casar con el, que estaba escrito no libro do destino. Deume por rir, que lle queres? Vin como Dona Olimpia collía o teléfono, e acenaba coa cabeza. Veuse cara a min:

–Lévanos a San Paulo.

–A estas horas?

–A estas horas.

Semáforo

Semáforo

Quen manda non roga, así que … alá que fomos. Dábame a min que inda non se gastara toda a foguetería que había contratada para aquela festa. Cando chegamos a San Paulo, o mozote abrazouse a aquela muller: foi a segunda vez que a vin. Acenoume coa man, e os labios debuxaron no ar a palabra: grazas.

Aínda non estaba todo acabado. Joe Seis Dedos espetoulle a Dona Olimpia alí mesmo a razón de que estivesen acollidos na igrexa, e antes de rematar xa vin eu o raparigo volver coller aquel seu canciño e pórse a cruzar a estrada. Subiu pola avenida como un trebón, abriu a porta da casa desde as escaleiras e foi sementando a morte polos corredores ata chegar ao salón, onde Jack Seis Dedos brindaba con Serafina Malatesta e parte da súa familia polo recentemente adquirido compromiso matrimonial. Cando quixeron tirar de artillería xa estaban esfachicados e o sangue regaba os manteis e as grilandas varridas da mesa pola metralladora.

Joe Seis Dedos e a irlandesa convidáronme á súa voda: foi alí onde souben a primeira parte da historia, que Giuliano Messina, o avó do raparigo, morrera dun accidente de caza nos Addirondaks, (que coincidencia) así que o raparigo se fixera cargo dos negocios da familia, e axiña había haber outra voda.

Dona Olimpia deume permiso para ir dar unha volta, e tan aparvallado ía que non vin o semáforo. Cruceino en vermello, sen fixarme naquel garda. Cando quixen escapar do subiote xa o tiña enriba, pedíndome a documentación. O carné de conducir? Non o tiña: para ter o carné tiñas que ter o permiso de residencia, e para ter o permiso de residencia tiñas que xustificar un traballo, pagar impostos e esas miudezas. Non é que non puidese xustificar un traballo normal e corrente, pero sempre me parecera un gasto superfluo. Levaba mil pavos na carteira e púxenllos diante do fociño: mala sorte a miña, ir dar co único policía honrado da cidade. Do semáforo á comisaría, de aí á corte –alá chámanchelle corte ao xulgado– e da corte ao barco, e volta prá casa. Desde a comisaría mandei recado de que liquidasen os meus negocios e que me mandasen os cartos, e teño que agradecerlle sempre a Dona Olimpia o interese que puxo en arranxalo todo. Chamoume un par de veces, por se quería volver. Nunca acabei de me decidir … Igual querías vir comigo para alá, –dixo, sen moito convencemento …

Nunca volvemos falar do tema. Aos dous días morreu, de repente. Un ataque ao corazón, dixo o médico. Calquera sabe.

1275567905082mendez_xerardo_2008_web_400x400

Xerardo Méndez (Colón (Panamá), 1962). A súa última obra publicada é O baile do sol. Outras obras sobranceiras del son O cazador, As horas que nos quedan, Outeiro dos mouros e A Burga das letras.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s