A estraña ausencia de biografías de Filgueira Valverde e outras curiosidades literarias

filgueira-valverdeXesús González Gómez.

En 1945 ou 1946, non o lembro, André Breton atopouse con Sartre en Nova York. O surrealista debeulle preguntar por vellos amigos e vellos inimigos. Sartre, segundo Breton, afirmoulle que naqueles momentos (debía ser 1945) falar mal de Louis Aragon, o poeta oficial do Partido Comunista Francés (PCF), implicaba o risco de ser linchado.

Por aqueles anos, unha das máis vendidas revistas literarias en Francia era Les lettres françaises, que nacera na Resistencia, fundada, entre outros, por Jean Paulhan, o home forte da Nouvelle revue française e da editorial Gallimard. Unha vez liberado o territorio francés da presenza nazi-alemá, a revista caeu unas mans do PCF. Pasou a dirixila Claude Morgan (membro xa do PCF, que proviña, como outros que logo foron comunistas ou compañeiros de ruta, da extrema dereita antisemita dos anos 1930-1940: Claude Roy, Maurice Blanchot…), e o primeiro que fixeron, despois de que Paulhan se enfrontase aos comunistas coa súa Carta aos dirixentes da Resistencia, foi eliminar o seu nome da lista de “fundadores”, práctica stalinista par excellence: en 1968, cando morreu Paulhan, volveu revivir como fundador da revista. Morgan tivo diversos enfrontamentos co aparato cultural do seu partido, e especialmente con Aragon. En Les lettres françaises apareceu un artigo do lingüista (tamén membro do PCF) Georges Mounin, no que afirmaba que prefería a poesía doutro ex surrealista, René Char (que se destacara na Resistencia armada contra os nazis e as milicias de Vichy), á de Aragon. O artigo de Mounin propiciou a primeira escaramuza entre Aragon e Morgan, e Elsa Triolet, a muller de Aragon, espetoulle a Morgan: “Ti queres matar a Louis”. Aos poucos meses, noutra revista comunista, Action, Pierre Hervé, que chegaría a ser subdirector de L’Humanité (o órgano do Partido) e escribiría parvadas asasinas até 1956, ano en que abandonou o Partido para pasar pola SFIO (partido socialista) e acabar como gaullista de “esquerdas”, publicaba unha recensión nada cortés contra… Triolet. Un dos protexidos de Aragon, Jean Marcenac (futuro biógrafo de Éluard e de Neruda, cativado polo surrealismo na súa mocidade) fíxolle unha entrevista a Elsa como resposta ao artigo de Hervé e enviouna a Les Lettres… Morgan dixo que tal entrevista debía aparecer en Action. Aragon e a súa dona, que debía aparecer en Les Lettres… (de maior tiraxe, venda e lectura). Finalmente, Aragon chamou ao seu papá Maurice Thorez, secretario xeral do Partido. Thorez chamou a Morgan a capítulo. Morgan afirmou que non lera a entrevista, e Thorez contestoulle: “Pois lela e logo responsabilízaste”. A entrevista apareceu en Les Lettres… con este “sombreiro”: “Cumprimos o deber de publicar a entrevista a Elsa Triolet feita por Jean Marcenac, aínda que non aprobamos os termos”. O “sombreiro” armou rebumbio e Thorez convocou unha asemblea extraordinaria dos escritores e dos xornalistas do partido. Morgan tomou a palabra para denunciar que a actitude de Aragon non era unha actitude comunista, senón unha “actitude de príncipe”. Aragon quixo abandonar a sala. Thorez chamouno á orde. Aragon tranquilizouse non sen espetarlle ao seu irmán de partido un substantivo que nos anos 1945-1964 ía estar na boca dun sen fin de escritores galos para “definir” os seus contrarios para pechar calquera tipo de discusión: “Salaud!” (Porco!).

Despois desta memorábel sesión, Thorez designou un membro do Comité Central, Laurent Casanova –outro que tal bailaba– para arranxar os problemas dos intelectuais do Partido. A primeira medida que esixiu Casanova foi que fose despedido de Les Lettres françaises o seu redactor en xefe, Loÿs Masson: “abondo estrafalario para se pretender á vez cristián e marxista”. Unha vez despedido Masson (que era un poeta mediocre mais de grandes vendas) ocupou o seu lugar o ínclito Pierre Daix, morto hai uns meses (en novembro do ano pasado) e do que un día haberá que contar a súa escura historia –de L’Humanité pasou a Le Figaro e a “limpar” o seu pasado de stalinista feroz. En 1953, tomando como pretexto dificultades financeiras, o partido relevou do seu cargo de director a Morgan e colocou a Aragon, con Daix como secretario de redacción: nunca alcanzou as vendas de 1945-50, e en 1973 desapareceu despois de que os países “socialistas” retirasen a compra masiva de exemplares porque desde as súas páxinas se criticaba a invasión de Checoslovaquia. Antes, a partir da morte de Stalin, Aragon abrira as páxinas da revista a non-comunistas, sobre todo por medio de entrevistas: intentou que se entrevistase a Breton: os dous redactores enviados aínda lembran como voaban os trastos cara ás súas persoas, lanzados polo autor de Nadja.

******

En 1978, Anne Gaillard, unha xornalista de France Inter (emisora radiofónica estatal) mecanografou Hans d’Islandia, de Victor Hugo. Cambioulle o título: Os mineiros son loucos (Les mineurs sont des foux), e o nome do autor. Enviouna aos vinte principais editores parisienses: todos rexeitaron o mecanoscrito. Repetiu a operación coa novela  de Jean-Louis Bory, Mon village à l’heure allemande (Miña aldea á hora alemá), premio Goncourt 1945, retitulada Con eles (Avec eux) e con nome de autor diferente. Mesmo éxito que con Victor Hugo. Só un editor, Georges Piroué, director literario de Éditions Denoël cheirou a impostura e envioulle ao remitente da obra (un amigo de Anne Gaillard) unha carta de felicitación para lla transmitir a Victor Hugo.

Gaillard, na súa emisión radiofónica, entrevistou o editor Pierre Belfond. Bory era daquela o autor vedette da súa editorial. Na carta de rexeitamento da obra de Bory (con outro título), a editorial remitíalle unha postal que dicía: “Lea Le pied de Jean-Louis Bory!”. Belfond non se cabreou, apertou a xornalista e confesoulle que recibira unha boa lección.

En 1992, o crítico de Le Figaro littéraire, Renaud Matignon, repite a experiencia. Esta vez copia unha das novelas menos coñecidas de Marguerite Duras, L’après-midi de Monsieur Andesmas (O serán do señor Andesmas). Cambia os nomes dos personaxes e dos lugares, asínaa Guillaume P. e titúlaa Margot et l’important. Envíaa ás tres editoriais que publican a Duras: Éditions du Minuit, Gallimard e P.O.L.; das tres editoras só recibe unhas liñas de rexeitamento…

 

*****

En 1977, Jorge Semprún gana o premio Planeta co seu primeiro libro escrito directamente en español: Autobiografía de Federico Sánchez, libro que merece hoxe unha relectura, xa que no seu día, por motivos  políticos, foi máis maltratado e peor lido que outra cousa. Lembremos tamén que, segundo Manuel Barrios, Lara ofrecéralle medio millón de pesetas para que retirase a súa novela (Vida, pasión y muerte en Río Quemado) da competición, xa que podía ser unha perigosa contrincante da obra de Semprún (isto segundo Barrios, escritor de terceira ou cuarta fila). En fin, que o Premio Planeta 1977 o ganou Jorge Semprún e, á parte da polémica literaria houbo polémica política –todo o que lle interesaba, por suposto, ao dono da editorial Planeta.

autobiografia-de-federico-sanchez-jorge-semprunEste premio adoita cerrar a admisión de orixinais o 15 de xuño (evidentemente, conta cunha serie de profesionais que van eliminando orixinais, pois se non os membros do xurado deberían pasar os catros meses que decorren até o fallo de premio lendo orixinais as 24 horas do día –un destes lectores “profesionais” foi no seu día o escritor galego Xavier Costa Clavell. O Premio Planeta é, ante todo, unha operación comercial, e con isto non descubrimos nada. Por outra banda, todo premio literario é unha operación comercial. O exemplo está en que a pouco máis, ou menos, dun mes do fallo están na rúa centos de miles de exemplares da novela ganadora e da finalista, o que quere dicir que, como mínimo, cando se entrega o galardón xa están impresos os libros, faltan os estampados de ganador e de finalista.

Semprún, como dixemos, ganou o Planeta 1977, que se concede nun hotel barcelonés (cambia o hotel cos anos; eu, que asistín durante tres convocatorias consecutivas por mor do meu traballo, podo afirmar que se comía peor que no servizo militar), cada 15 de outubro, día de Santa Teresa, xa que a muller de José Manuel Lara (e verdadeira lectora da editorial nos primeiros anos da súa existencia) se chamaba Teresa. Se Semprún seguiu todos os pasos para se presentar ao premio, entregou o orixinal, como moi tarde, o 15 de xuño de 1977: como é posíbel que na “novela” se fale da gran manifestación pro-Autonomía que tivo lugar en Barcelona o 11 de setembro de 1977, e que el ollaba desde a terraza da, hoxe desaparecida, cafetaría Navarra, sita en Passeig de Gràcia esquina rúa de Casp, a carón de Radio Barcelona, da cadea Ser, onde acababa de ser entrevistado? Milagres da literatura? Semprún oficiaba de vidente cando escribía a novela? Imaxíneno vostedes.

 

****

En xuño, acho, de 2014 a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das letras galegas a Xosé Fernando Filgueira Valverde. Supoño, xa que non o lin, que no comunicado en que se daba a coñecer tal nomeamento se loaban as aptitudes literarias (e investigadoras; serían capaces de escribiren científicas?) de Filgueira Valverde. Axiña houbo un movemento de reacción en contra. E, claro, outro de reacción a favor. O que se lle bota(ba) en cara a Filgueira era o seu compromiso co franquismo. Compromiso duro (e puro). Algún dos de “a favor” chegou a manifestar que Filgueira non fora falanxista, penso (non creo que se lle ocorrese dicir que non fora franquista). Non sei –nin me interesa– se tiña ou non carné da Falanxe, o que si é certo é que foi durante moitos anos alcalde de Pontevedra e, polo tanto, “xefe natural” do Movimiento: un, de primeiro de bacharel até preuniversitario, tivo que papar cada ano a materia denominada “Formación del espíritu nacional”, e que nos chamabamos, simplemente, política, o que cabreaba aos encargados de dar tal materia, falanxistas todos (por certo, o libro de segundo de bacharel, Aprendiz de hombre, estaba argallado por un demócrata de toda la vida: Gonzalo Torrente Ballester, antólogo e prologuista de José Antonio Primo de Rivera y Saenz de Heredia).

Filgueira tamén se presentou como candidato á “patochada” que o franquismo denominaba eleccións para deputados a Cortes polo terzo familiar; votación na que podían participar todos os cabezas de familia censados. Ganounas, e foi deputado franquista pola provincia de Pontevedra, elixido “democraticamente”, ou sexa, con votos emitidos. É dicir, ao mellor se o Caudillo te nomeaba alcalde de calquera lugar non te podías escapar, a non ser que quixeses ir ao cárcere e quedar sen traballo. Ora, se te presentabas ás eleccións, era que aceptabas todo o que o réxime significaba. Dedución, nada sherlock-holmiana senón de pobre sentido común: Filgueira era franquista e vivía feliz e contento baixo o franquismo sobre todo se tiña poder.

Cando a un escritor lle dedican o Día das letras, xa a finais do ano anterior a que sexa celebrado adoitan saír biografías súas, ou libros da súa autoría. No 2014 non aconteceu nada diso, que saibamos. Ningunha biografía de Xosé Fernando Filgueira Valverde. Hoxe, cando publico estas liñas, a dous meses exactos do ínclito día. Que eu saiba, non se deu ao prelo ningunha biografía de Filgueira Valderde, e iso que algún a prometera. E libros da súa autoría, non sei se se publicou algún: en Barcelona hoxe non existe ningunha libraría que reciba novidades de libros galegos, situación que dura xa hai case tres anos, desde a desaparición de Sargadelos. Para remediar tal ausencia de noticias, mirei nas webs de diferentes editoriais galegas: ningunha delas, a día de hoxe, anuncia biografías de Filgueira nin libros deste. Que acontece? Non interesa? É dicir, as editoriais ventan que o autor a quen este ano se lle dedicou o día das letras non vai vender un exemplar e, xa que logo, non paga a pena edítalo, nin publicar biografías sobre el, xa que sería lanzar impunemente os cartos ao lixo? E os biógrafos, que cada ano aparecen como cogumelos, ulos? Como é posíbel que outros anos, polas mesmas datas, a escritores con menos “biografía” (e obra) que Filgueira xa se lle dedicaran tres ou catro libros e este ano aínda non aparecera o primeiro sobre o ex alcalde? A que é debido?

Lancemos unha hipótese: ninguén quere ser o primeiro en publicar unha biografía de Filgueira. Por que? Doado de contestar, por medo ao que diga ou non diga, ao que escriba ou non escriba, ao que plasme ou non plasme na súa obra, na súa biografía o biógrafo. Imaxinen vostedes que un señor, ou señora, publica unha biografía de Filgueira e pasa por alto, ou só o menciona de pasada, o seu franquismo. Ou non menciona cousas que sabe e que non se atreve a dicir porque o seu libro vaino publicar unha editorial que non lle vai permitir dicir segundo que cousas, por aquilo de que ao mellor as “institucións” non compran o libro ou non nos subvencionan o ano que vén. O Sr. (ou Sra.) fica “vendido”. A miña hipótese é que todos os biógrafos, e editoriais, están a esperar a primeira biografía como auga de maio: a ver que di e así saberemos até onde podemos chegar. E mentres todos continuamos a nos divertir co que aínda non apareceu. Ou, ao mellor, as editoriais están a esperar á Semana Santa para publicaren estas biografías, por aquilo de Calvario, Paixón e Resurrección.

Advertisements

Un comentario en “A estraña ausencia de biografías de Filgueira Valverde e outras curiosidades literarias

  1. É ben sabido por toda a Cultura Galega que unha editorial galega lle encargou o ano pasado a un coñecido escritor unha biografía. O tal biógrafo escribiuna e cando lla presentou á editorial, esta rexeitouna por razóns descoñecidas, que todos sabemos cales son.

    Por outra banda, parabéns polo post. Está moi moi ben que alguén diga publicamente o que todo o mundo sabe. 😉

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s