‘Olympia Ring, 1934’: Guía erudita da Barcelona republicana

Portada de la última novela de Xabier López LópezAs etiquetas inventáronse para facilitar o comercio, para que o consumidor saiba diferenciar o sal e o azucre, a marmelada de amorodo da de framboesa. Mais na literatura, as etiquetas nunca son precisas e ás veces pasa que compras unha novela de detectives e acabas obtendo outra cousa. Eis o caso de Olympia Ring, 1934, de Xabier López López.

A obra conta como o xornalista Sebastián Faraldo (personaxe que xa apareceu en obras anteriores do autor) pescuda na Barcelona da II República, concretamente despois da frustrada declaración unilateral de independencia do 1934, as razóns da morte do boxeador galeguista Manuel Rodríguez, O Camión. Antes do final do púxil o escritor narra como vivía Pontevedra a época de frustración e dor do bienio negro republicano.

En realidade, o argumento é só unha armazón, unha estratexia narrativa que López usa, en primeiro lugar, para poder utilizar a etiqueta de novela policial, ultimamente atractiva nas librarías, e en segundo lugar como fío condutor dunha trama que se fai necesaria para introducir todos os elementos dunha maneira verosímil. Persoalmente, coido que a trama é o menos importante da novela. Como lector, as calidades literarias do libro están noutro lado. Iso non significa que o escritor non a resolva con eficacia. Xabier López López é un dos autores galegos máis precisos, nunca deixa nada a medias, nunca se permite liberdades nin abusos sobre o lector. Desde hai moito tempo ofrece un produto seguro, confiable coma un coche alemán.

Dicía que a trama non é o máis interesante porque de cinxirnos só a ela naceríannos pronto insolentes bocexos. Un xornalista de Pontevedra que viaxa a Barcelona cun prometedor boxeador e que acaba enredado na resolución do seu asasinato. En fin, cando fan a película? Non. O valioso é que sempre dentro das fronteiras da novela clásica, López vai desanoando o ambiente da Catalunya daquel tempo (tamén en parte de Galicia aínda que queda pendente unha novela específica sobre a Pontevedra republicana), dunha forma natural e robusta, dúas calidades que non son nada fáciles de conseguir.

A naturalidade imponse grazas á profunda dixestión que o novelista fai da amplísima documentación coa que traballa. López non inventa o pasado, tenta recrealo a través da prensa, da arte, da literatura dun tempo convulso e poliédrico pero relativamente próximo, con abondosa información. Case nunca o autor ten a tentación de atordoar o lector cos seus coñecementos; non o axustiza con datos inútiles unicamente para presumir do moito que estudou. Cada peza vai no seu sitio e o percorrido polas paisaxes catalás faise agradable, sen estrañas reviravoltas que queiran xustificar a inclusión de tal ou cal material documental.

E digo que é robusto o resultado porque o lector aprende moito con esta novela. López López é consciente da ampla presenza de Barcelona no imaxinario literario do último século, formula un intelixente diálogo con escritores como Eduardo Mendoza ou Manuel Vázquez Montalbán. Non é unha novela que repita os mitos literarios da capital catalá; si que os ten en conta pero ao final do libro fai medrar a gana de ler ou recomendar ler, como é o meu caso, La verdad sobre el caso Savolta, de Mendoza.

A pesar das virtudes da novela, por momentos o ton narrativo, que quere procurar certa ampulosidade propia do xornalismo da década do 1930, faise aborrecido. Talvez a estratexia de ambientar as novelas históricas mediante a propia linguaxe estea superada e en todo caso nunca debería ensombrecer os demais recursos e técnicas cos que conta o escritor para transportar o lector ao pasado. Nunha novela coma Olympia Ring, 1934, onde se describen ben as atmosferas da época, ese “acento construtivo” coido que sobra.

Tamén sobran, como é común en case toda a novelística galega actual, diálogos. Non é certo que fagan avanzar os libros, en todo o caso fan que o lector salte os diálogos insubstanciais na busca do miolo do asunto. Como dicía Alejo Carpentier, os escritores deben administrar as palabras en voz alta dos seus personaxes como quen goberna unha cantimplora de auga no deserto.

♦ Olympia Ring, 1934, de Xabier López López, Galaxia, 2014. 304 páxinas. ♠17€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s