Erín Moure: “É un luxo histórico deixar perder o galego”

erinCésar Lorenzo Gil.

Erín Moure (Calgary –Canadá–, 1955) coñeceu a cultura e a lingua galegas logo de pescudar sobre as orixes do seu apelido. Poeta, tradutora ao inglés de autores galegos, portugueses e franceses e estudosa da nosa historia. Recuperamos esta entrevista publicada no semanario A Nosa Terra en outubro do 2007, cando a autora presentou en galego Teatriños ou aturuxos calados (Galaxia), en edición bilingüe galega-inglesa, traducida ao noso idioma por María Reimóndez.

 

Como descubriu a súa orixe galega?

Foi unha historia algo novelesca. No 1994 encontrei xunto co meu pai uns papeis antigos que pertenceran ao seu avó. Era unha partida de nacemento do meu bisavó Bieito Moure Lobariñas. Naqueles documentos enrugados e velliños nomeábase Crecente e inmediatamente quixen coñecer o país do que viñeran os Moure. Non era como quen vai visitar uns parentes porque o meu bisavó emigrou de Galiza no 1848.

E visitou Crecente.

Visitei. E cando descubrín o son do galego, quedei encantada. Para min, sentir aquela lingua descoñecida era como oír un río, como escoitar unha caída de auga. Namoreime e quixen saber máis. No Canadá non se sabe nada de Galiza. Nin tan sequera de España, fóra de catro cousas básicas que quedaron sen actualizar desde os tempos de Francisco Franco. Así que para min era como descubrir un novo mundo. Aquel amor a primeira vista foi medrando ano a ano, en canto coñecín a súa literatura, a riqueza do seu vocabulario.

Para ser bisneta de galego fala mellor que moitos que viven en Galiza.

Iso non é certo. Eu falo coma unha nena de once anos. Pero non me preocupa. Xa falei coma unha de sete, de oito… Sigo aprendendo cada día, madurando o idioma. É incríbel que moitos galegos non coñezan a súa fala ou non a practiquen. Non entendo como só o 20% dos pais lles falan en galego aos fillos. É un luxo histórico perder un patrimonio tan valioso coma este. Só encaixando esta actitude na historia de represión que sufriu o galego podo chegar a comprendelo. Eu sempre conto que eu coñecín o castelán a través da xente galega que atopei no Canadá e que me falaba nesa lingua. Aínda hoxe non o dou falado, máis alá de catro frases de turista. En troques, en galego até consigo pensar. E é curioso, cando penso en galego o meu xeito de reflexión cambia, limítase ao coñecemento que teño da lingua e obrígame a repensar a miña realidade a través do vocabulario que podo manexar. Supoño que isto cambiará cando domine máis o idioma.

En galego até consigo pensar. E é curioso, cando penso en galego o meu xeito de reflexión cambia, limítase ao coñecemento que teño da lingua e obrígame a repensar a miña realidade a través do vocabulario que podo manexar.

Sempre se di dos americanos, en xeral, que non dan entendido a diversidade lingüística europea. Supoño que no Canadá isto é diferente, non?

O Canadá é un país moi respectuoso coa identidade lingüística dos seus habitantes. Por exemplo, a constitución española obriga os cidadáns a coñecer o castelán. Se alá se aprobase unha norma semellante, inmediatamente o Quebec se declararía independente. No Quebec todo o mundo coñece o inglés porque o estudou na escola e porque está

rodeado de territorios anglofalantes mais segue a defenderse o francés como lingua pública. Eu, que nacín na zona anglófona pero vivo en Montreal –a cidade quebequesa máis importante– uso o francés na vida cotiá. Pero non só se usan estas dúas linguas. No barrio portugués fálase o brasileiro, os chilenos falan castelán… Iso non quita que moitos anglofalantes pensen que só vale a súa lingua porque é a que domina o mundo. Pero soberbias hainas en calquera lado.

Que escritores canadenses recomendaría ler?

Quen goste de Manuel Rivas que se achegue a Michael Ondaatje. Ten un universo moi complexo e moi rico en imaxes. Tamén son de moita calidade os poemas de Nicole Brossard, dos que hai tradución ao castelán.

Vostede traduciu a Chus Pato ao inglés. Que valores literarios descubriu nela?

Chus Pato é unha escritora ampla, que percorre diferentes épocas, diversas historias e moitas persoas. O ser é multiplicado e acaba nunha explosión onde todo o discurso cobra sentido. Condúcese entre a alta cultura e a cultura de masas con xentileza e estilo. Ademais, gústame que sexa unha autora esixente con quen se lle achega. Para lela e comprendela hai que ter intelixencia. Non explica as cousas como se os lectores fósemos menores de idade. Ela vai adiante á velocidade máxima. A historia, a política, o cariño polo propio –no seu caso Galiza– son temas universais. Calquera ten un pasado, un futuro incerto. Todos temos medo, coraxe. Todo iso está na súa obra. Abofé que vou traducir moitas máis cousas de Chus Pato.

Chus Pato é esixente con quen se lle achega. Para lela e comprendela hai que ter intelixencia. Non explica as cousas como se os lectores fósemos menores de idade.

Que dificultades ten a tradución de poesía?

Cando un se enfronta a un verso, sabe que unha parte do significado orixinal se vai perder polo camiño. Outras veces o temor inicial pérdese. Por exemplo, cando traducín Charenton, de Chus Pato, pensaba en como introducir unha listaxe de escritores galegos que ela incluía ao final do libro como homenaxe aos seus antepasados literarios. Cando xa tiña a tradución feita, decateime de que o lector, en chegando a esas páxinas, xa sabía, xa conectara co universo da autora. Velaí o complicado: pensar como un lector e transmitirlle o espírito da obra de maneira que poida mergullarse nel malia a diferenza idiomática. Outro punto que hai que ter en conta é a sintaxe. A poesía permite unha forma de expresión por veces retorcida que á hora de trasladar a outro idioma pode resultar perniciosa para a comprensión e dar a imaxe dun mal traballo. Por iso moitas veces hai que “ordenar” un pouco as frases.

Que outros escritores galegos gostaría de traducir?

O meu soño sería ter unha xemelga para que me axudase a traducir todo o que me gusta. Estou lendo un libro de Manuel Outeiriño que quero traducir ao inglés. Tamén me gustaría recuperar Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro. Pero eu escribo poemas, traduzo do francés e do portugués… Non me sobra o tempo, precisamente.

Agora chega Teatriños, o seu primeiro poemario traducido ao galego. Que destacaría deste libro?

É o meu libro máis galego. Na súa versión orixinal contén doce poemas escritos en galego. A historia é curiosa. No 2002, cando xa era inminente a invasión do Irak por parte dos EUA, entroume tal carraxe que quixen deixar de escribir en inglés. Non quería ter nada a ver con George Bush nin cunha lingua que usan os poderosos cando deciden matar. O galego é un idioma que non mata e decidinme a usalo literariamente. A medida que ía escribindo, pensei que era bo que o galego e o inglés dialogasen no texto. Usaba a mantenta palabras galegas para recordarlles a eses lectores anglófonos que a súa lingua non lles serve para sabelo todo. E ao final do libro incluín un pequeno glosario que, obviamente, non aparece nesta edición.

En dous libros anteriores usara o galego no título, O cidadán e O cadoiro. Con que intención?

No caso d’O cidadán quería recuperar o valor da propia palabra por riba do clixé, por riba da obviedade de encontrarse co termo citizen sen máis. O cadoiro significa lugar no que cae algo. Esa obra está inspirada nas cantigas galegoportuguesas medievais. Xa só a palabra é tan fermosa que merecía titular un libro.

Cales son os seus libros e autores favoritos?

En galego, obviamente Chus Pato; e tamén Manuel Rivas. Ademais Lisa Robertson e Robert Majzels, que son compatriotas meus.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s