Emilio González López, cartas ao sabio

Lápida de Emilio González López no cemiterio de Santo Amaro, na Coruña.

Lápida de Emilio González López no cemiterio de Santo Amaro, na Coruña.

César Lorenzo Gil.

A personalidade de Emilio González López é unha das máis fascinantes do século XX galego. Catedrático de Dereito, destacado político republicano e erudito historiador. Recuperamos a súa figura a través dun interesante libro que recolle as cartas que recibiu.

Cartas a Emilio González López, en edición de Xan Arias- Andreu Rodríguez (Editorial Trifolium) recolle a documentación epistolar que 27 persoeiros intercambiaron con Emilio González López entre o 1947 e o 1988. Publicouse no 2007, coincidindo co 60º aniversario do nacemento do intelectual. Ademais, o volume tamén inclúe outras cartas que lle enviaron diversos organismos, incluído o Museo de Zooloxía de Barcelona, que lle pedía a González no 1984 que colaborase con esta institución cos seus amplos coñecementos de ornitoloxía.

A actividade política de González López, que foi deputado durante a II República, centra gran parte das epístolas. Castelao foi un grande amigo do historiador. Conta Xan Arias-Andreu na introdución que foi González López quen recuperou o texto perdido do Estatuto de Galiza e o trasladou a Montserrat, onde finalmente foi aprobado polas Cortes no 1938. Na carta incluída, datada no 1947, o autor de Sempre en Galiza cóntalle ao amigo que volve a Buenos Aires desde Francia, onde non atopou acomodo entre os dirixentes do goberno republicano no exilio.

Outros moitos republicanos intercambiaron cartas con González López. Alfonso Quintana, deputado republicano socialista; Claudio Sánchez Albornoz, presidente do goberno republicano no exilio (1962-1971); Fernando Valera, no mesmo cargo entre o 1971 e o 1977; Jesús María de Leizaola, lehendakari no exilio; Manuel Iglesias Corral, alcalde da Coruña (1932-1933); Anxo del Castillo, gobernador civil da Coruña (1932-1934); Julián Gorkin, secretario xeral do POUM; Ramón Esturau, que foi xefe de Organización do Estado Maior do V Corpo do Exército da República e Ramón Martínez-López, líder do Partido Galeguista estiveron en contacto co historiador, comunicándolle moitas veces noticias referidas ás actuacións políticas do goberno exiliado ou movementos políticos na Galiza da Transición.

Tamén se achegaron a el xornalista e escritores. Vitoria Armesto pídelle axuda para iniciar investigacións históricas; Camilo Xosé Cela e Carlos Casares, colaboración para publicacións que neses momentos dirixían; Xosé Filgueira Valverde adiantáballe que estaba en marcha a publicación dunha colección sobre historia de Galiza para a que solicitaba orixinais. Outros nomes relacionados coa cultura que lle escribiron foron Sebastián Martínez-Risco e Domingo García-Sabell, presidentes da Real Academia Galega, Álvaro Gil, fundador da revista Ronsel, Antón Patiño Regueira, libreiro e escritor coruñés, Carlos Martínez-Barbeito, que foi, entre outras cousas, xefe de Programas Culturais da TVE e Ramón Otero Pedrayo.

Como historiador e catedrático de Dereito, mantivo unha correspondencia fluída con persoeiros clave da investigación, tanto en Galiza como en España. Neste volume recóllense misivas de Antonio Meixide, investigador en historia e xeografía; Luis Jiménez de Asúa, catedrático de Dereito e mestre de González López e Xerardo Álvarez Gallego, cuñado e biógrafo de Alexandre Bóveda.

Outros prohomes galeguistas estiveron perto de González, caso do presidente do Centro Galego en Buenos Aires, Rodolfo Prada, os empresarios Valentín Paz Andrade e Xesús Canabal.

Inxustamente esquecido

Oitenta e oito anos de vida activa nunhas circunstancias difíciles. Emilio González López (A Coruña, 1903-Nova York (EE UU), 1991) foi un espírito curioso, intelixente e loitador que soubo buscar a verdade en diversos ámbitos con idéntica paixón. Licenciado con premio extraordinario en Dereito na Universidade de Madrid no 1926, doutorouse primeiro e foi catedrático despois de Dereito Penal nas universidades de La Laguna, Salamanca, Oviedo, Valencia e Barcelona.

Fillo dun afiliado á CNT, participou en política xa nos tempos da ditadura de Miguel Primo de Rivera –fundou o sindicato demócrata estudantil FUE– e foi destacado militante da ORGA e de Izquierda Republicana en Galiza nos tempos da II República, período no que compaxinou o seu posto de deputado pola Coruña nas tres lexislaturas con varios altos cargos, entre os que destacou o de secretario xeral de España na Liga das Nacións (1938-1939).

Aderrota republicana supuxo o final da súa carreira académica e tivo que reiniciar a súa carreira no exilio. Nos EUA adicouse ao ensino, primeiro como mestre de primaria pero máis tarde como profesor de universidade, tanto en Nova York como en Columbia, Panamá e Puerto Rico. Ademais estivo á fronte da Casa de Galiza neoiorquina, colaborou en diversos programas radiofónicos e cultivou a ornitoloxía.

Como no exilio foi profesor de Literatura e Historia, os seus escritos superaron a temática do Dereito e destacan especialmente no ámbito da historia de Galiza. Hoxe xa só se pode comprar unha das súas obras cume, La Galicia de los Austrias (Fundación Barrié) pero foi autor de Grandeza y decadencia del Reino de Galicia (Galicia y Portugal) –traducido ao galego por Francisco Fernández del Riego no 1978 para unha edición de Galaxia–, La Insumisión gallega. Mártires y Rebeldes. Galicia y Portugal en la Baja Edad Media (siglos XIV y XV) e Historia de Galicia, xa publicada na Coruña no 1980.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s