Demanda de clásicos populares. A conta da reedición de ‘Xente ao lonxe’

Foto de Eduardo Blanco Amor, realizada en Noia, que Galaxia utiliza na última edición de 'Xente ao lonxe'.

Foto de Eduardo Blanco Amor, realizada en Noia, que Galaxia utiliza na última edición de ‘Xente ao lonxe’.

César Lorenzo Gil.

Foi para min unha das mellores noticias do ano a reedición de Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor, libro que recuperou das mutilacións da censura Xosé Manuel Dasilva e que publicou nunha excelente edición Galaxia. Esta obra é, para min, tan fundamental nas nosas letras coma a canónica A esmorga e debera formar parte da formación básica de calquera persoa interesada na literatura galega contemporánea.

En realidade, debera formar parte do monllo de lecturas básicas da sociedade galega. O texto de Blanco Amor podería unirse a outros libros, tan distintos deste, como Memorias dun neno labrego, Arraianos, Polaroid, Ilustrísima, Merlín e familia, As aventuras de Ramón Lamote, Á lus do candil ou Morning Star, entre outros, nunha biblioteca popular galega cuxo principal obxectivo tería que ser estar na meirande parte das casas.

Mais arestora ese proxecto de biblioteca popular parece unha utopía. Principalmente por dúas causas: o prezo dos libros e o galego no que están redactados moitos destes libros.

Empecemos polo final. A edición de Xente ao lonxe respecta o galego de Blanco Amor. É unha lingua bravía, que capta a riqueza oral coas propias ferramentas do autor, só, profundamente só nun tempo no que o galego é un código practicamente ágrafo. É unha opción correcta manter a xenuína voz do autor ourensán pero o lectorado galego do século XXI merece tamén poder achegarse a este fantástico texto cunha ortografía normativizada, accesible, cómoda. Facer unha versión deste e de calquera outro clásico escrito denantes do nacemento da Autonomía non é traizoar os autores; pola contra, coido que é o camiño máis natural para garantir que sigan sendo libros efectivos, influentes na sociedade, útiles para explicar o noso pasado. Estou convencido de que Blanco Amor ou Cunqueiro ou Fole estarían de acordo. Non en van, non coñezo nin un só autor que protestara porque lles modificaran os seus escritos para adaptalos á normativa do 2003. Non se trata de mutilar léxico. Ben ao contrario, as formas do galego real brillan mellor cando se púen os hiperenxebrismos ou as irregulares adaptacións de coloquialismos e outros fenómenos do rexistro oral.

Cómpren edicións populares de determinados clásicos, publicados a baixo prezo e cun galego estándar.

Sería óptimo que Galaxia conseguise da Administración un compromiso para difundir as obras fundamentais da nosa literatura con prezos reducidos. En xeral, o libro galego é caro. Volumes de tapa branda, con 400 páxinas, custan 24 euros. É moito diñeiro. Por suposto que noutros idiomas con máis lectores os prezos non andan moi polo baixo. Rara é a editorial en español cuxo rango de prezos non ande entre os 18 e os 25 euros pero logo do paso da novidade hai moitas opcións de comprar libros de centos de páxinas por prezos que oscilan entre os 7 e os 13 euros nas diferentes coleccións de peto. Estou a pensar en coleccións como Anagrama Compactos ou Alianza de Bolsillo, títulos ben editados, esixentes co lector con peor vista pero cunha edición de alta calidade.

Tal esforzo quizais é imposible para as editoriais galegas. Sei de selos que están a traballar duro para rebaixar custos porque son conscientes de que o prezo é tamén unha marca de marxinación para os títulos no noso idioma. Talvez o seguinte paso sería comprometer a Xunta para que exerza a súa función de garante do equilibro social do idioma propio e mude o seu sistema de compra de libros, que é ineficaz arestora, por un programa de difusión da lectura subvencionando parte do custo de edicións populares, baratas de producir, baratas de comprar.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s