As ensinanzas para a vida real de Kurt Vonnegut

vonnegutO máis parecido que oín a un discurso de graduación deuno o xornalista deportivo Gaspar Rosety, escollido non sei moi ben como padriño da miña promoción de Xornalismo na Universidade de Santiago. Non quero ser inxusto con aquel home pero só recordo que estaba moi emocionado, moi sorprendido por estar alí, centro dunha homenaxe que a cada pouco se encargaba de agradecer. Lembro, iso si, que suaba moito. Quizais se hoxe puidese ler o discurso que deu atoparía algunha ensinanza para o que logo me tocou vivir como profesional. A el vaille ben: é asesor da Federación Española de Fútbol!

Mais ao ler Que levante mi mano quien crea en la telequinesis y otros mandamientos para corromper a la juventud, do estadounidense Kurt Vonnegut, que publica en castelán Malpaso, tiven nostalxia de non ter vivido unha experiencia con alguén coma el nun deses días sinalados da miña vida académica. Porque este libro reúne os mellores discursos que deu o escritor, convidado durante anos a falarlles a universitarios e alumnos de secundaria nos días nos que remataban os seus estudos. Vonnegut paseou o país enteiro e non me estraña o seu éxito: son discursos xeniais, ben construídos, cheos de contido, críticos coa sociedade, próximos aos intereses da mocidade, tapizados con humor e cercanía, deses que non se esquecen.

Esta recompilación convértese nun ensaio sobre os EUA e nun manual humanista para persoas que queren pasar polo mundo con pés de la, humildes veciños afectuosos que se conforman con conservar no mundo aquelas cousas que están ben. Parece pouca cousa pero tal e como se puxo de moda a destrución da convivencia, é un heroísmo altamente transformador.

O texto de Vonnegut preséntanos un país norteamericano diferente aos tópicos do individualismo e do capitalismo extremo. O autor fala, a través dos seus discursos, dunha estratexia colectiva moi poderosa: o asociacionismo. Contra o tópico, son maioría os norteamericanos que participan en colectivos de todo tipo. O activismo de barrio, cívico, vinculado a afeccións, intereses comunitarios ou incluso ideoloxías máis amplas (desde a permacultura aos clubs de manualidades; desde a defensa dos animais ao hacking dos mobles do Ikea) representa, nas palabras de Vonnegut, a solución ao empequenecemento das familias. “Historicamente estabamos afeitos a familias moi numerosas; a crise do matrimonio ten a ver coa soidade: non estamos deseñados para convivir só cunha única outra persoa”.

Tamén adoita deitarse unha imaxe dos EUA baseada na firmeza dos seus principios capitalistas e militaristas. Este libro desmente ese espírito rochoso. O nivel de contestación é amplo e activo. Non se entende a urxencia de Barack Obama por traer os militares do Irak e de Afganistán para a casa sen a presión que exerceron estes colectivos durante anos. O “Non á guerra” escoitouse por primeira vez nas manifestacións multitudinarias que percorreron Boston, Nova York, San Francisco ou Portland desde o 2003.

Vonnegut, quen presidiu de forma honoraria a Asociación Humanista Americana (en subsistución de Isaac Asimov, por certo), fai neste libro unha defensa decidida dos valores da educación. En tempos nos que se cuestiona o dereito universal á formación, está ben alimentármonos de argumentos para seguir a defender a necesidade de instrución, de crecemento persoal a base do estudo e da lectura.

Este é un libro que nos reconcilia coa vida e co paso do tempo. Cansos estamos de escoitar iso de que a vida vai deixando dores e cicatrices que amargan o carácter, que converten as persoas con maior experiencia en animais feridos, resentidos, escépticos e amargados. Vonnegut, que tiña ben cousas polas que acabar sen folgos, é capaz de insuflar ilusión e ganas de facer cousas. Se estades baixos de moral, se fungades máis que sorrides, se vos dan ganas de meter catro pezas de roupa nunha maleta e fuxir deste país, lede este libro; talvez encontredes motivos para ficar e loitardes.

Ao principio falaba dun discurso que tiven que oír. Cando no libro o autor lle pregunta ao seu auditorio se recordan un profesor especial que marcou as súas vidas, eu pensei no mesmo que sempre penso. No mesmo que sempre cito, naquela persoa que máis me marcou nunha clase. Sempre recordo a Xacinto Barreiro, o profesor de Literatura Española do Instituto do Calvario de Vigo no que estudei o BUP e o COU, que tamén é adestrador de fútbol e comentarista deportivo. Non sei se era moito de dar discursos ou só de dar charlas nos descansos pero nesta hora estraño moito un discurso del cando eu tiña dezasete anos.

♦ Que levante mi mano quien crea en la telequinesis y otros mandamientos para corromper a la juventud, de Kurt Vonnegut, Malpaso, 2014. 128 páxinas. ♠17,50€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Un comentario en “As ensinanzas para a vida real de Kurt Vonnegut

  1. Unha lembranza emocionada para todos eses profesores e profesoras do ensino público que marcaron as nosas vidas. Non seriamos as persoas que somos sen eles e elas. Pero César, é que os institutos de Vigo eran moito,,,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s