‘Máscaras rotas para Sebastian Nell’: A tremoia inverosímil

mascaras-rotas-para-sebastian-nellSe vostede é dos que non dá acabado as entrevistas da revista Jotdown, non lea Máscaras rotas para Sebastian Nell, a última novela de Alberte Ramos, coa que gañou o Premio García Barros 2014 semanas despois de ser finalista no Premio Xerais.

A obra é un “falso” libro-entrevista que a xornalista Rebecca Graham, do The Guardian de Londres, lle fai ao actor e cabaleiro do Imperio Británico Sebastian Nell. En 400 páxinas xustas o escritor compostelán compón un diálogo adubiado con algunhas páxinas de contextualización do propio proceso da entrevista. No deseño da obra como hipotético traballo xornalístico está o primeiro atranco para o lector. Nun momento dado a entrevistadora Graham explica que verteu a entrevista tal e como se fixo, sen tocar. Non hai nada menos xornalístico ca unha transcrición pero iso é só un dos problemas que non resolve o mecanismo. Ramos non compón unha conversa periodística senón un diálogo teatral. Incluso aparecen acotacións do tipo “[Sorrí]” ou “[Sorrí cun aceno de saudade]”. Teatral tamén é o ton, especialmente o de Nell. Non é ningún defecto, xa que o personaxe é un actor pero faise inverosímil a construción das frases. Non é a sintaxe improvisada dun enfermo. A pesar de que a narradora advirte de que haberá interrupcións, frases cortadas, o naufraxio do fío narrativo, os lectores recibimos en troques todo o contrario: un discurso totalizador, unha biografía inventada dun personaxe inventado pero que participou activamente en moitos acontecementos do século XX. Incluso máis: vai morrer o día dos atentados do metro de Londres do 2005.

Ese é outro dos puntos febles da novela. Cando se confecciona unha ficción que quere servir para contar determinados feitos históricos, é moi arriscado inventar un personaxe tan importante, tan presente en asuntos reais e coñecidos amplamente (por exemplo, dísenos nun momento dado que a casa que Nell tiña en Hollywood fora escenario de xogos eróticos entre Kim Basinger e Alec Baldwin). Polo xeral, a técnica narrativa aconsella facer coma Robert Zemeckis en Forrest Gump: achegarse desde unha vida corrente, marxinal, que se entrecruza por azar coas grandes autoestradas da historia. Por que? Porque se non, pásalle ao que a Sebastian Nell, que é un personaxe incrible, do que xa non che interesa saber nada na páxina 45 porque todas as polémicas, arelas e decepcións se deron nun suposto escenario real a través dunha presenza ficticia. A contaminación da realidade pola ficción converte o libro nunha lectura estéril.Quen se pode sentir interesado por unha novela como a escrita por Ramos rapidamente ve as costuras e desiste.

En calquera diálogo xornalístico, é o profesional, neste caso Graham, quen dirixe a conversa, quen marca o camiño. Mais non o fai. Ninguén chega ao posto de responsabilidade no The Guardian que ten tal personaxe con tan pouca personalidade. Por certo, habería que analizar a fixación de certa novelística contemporánea galega con esta cabeceira británica; María Reimóndez tamén amosou a fascinación por tal periódico, por exemplo.

Ao final, o diálogo parece só conformarse con encontrar un sistema para contar a historia baseado no contrapunto. Pero vese o truco e é ineficaz.

O silencio dos años

A película e novela O silencio dos años é unha referencia explícita no libro. Ramos ampárase nese maxistral xogo de tensión entre un monstro da interpretación e unha teimosa escavichadora da verdade para manter o lector enganchado. Fracasa porque as pantasmas que asoballan os personaxes son de cartón-pedra, non sabemos en que posición xerárquica os pon o autor, se como real tema do libro ou simplemente como áreas de descanso para fuxir dos outros vectores da narración.

A decisión de Ramos de situar a acción nun país tan diferente ao noso recorda ao que tamén fixo Berta Davila na recente O derradeiro libro de Emma Olsen, obra que ten varias semellanzas con Máscaras rotas para Sebastian Nell. Son ambas falsas traducións de obras “doutros autores”, ambientes alleos á tradición da literatura galega. Até se dan certos paralelismos biográficos entre Ramos e Davila. Moitos parecidos e unha gran diferenza: Davila formulou un libro baseado na contención; Ramos optou por colocar no texto todo o que sabe. O resultado afástao do éxito artístico porque xustamente a literatura logra o seu obxectivo cando evita o exceso, cando acha ese dificilísimo punto de equilibrio entre a vontade de contar e as necesidades que ten unha historia para ser autosuficiente, orixinal e atractiva.

O resultado final é moi deficiente. Nótase o trazo narrativo inmaturo, a sintaxe perifrástica, o abuso da frase feita, o efectismo baleiro.

Alberte Ramos non chega aos trinta anos e este é o seu primeiro gran proxecto. Hai que gabar a súa ambición logo do libro Todos os días, novela conxuntural, máis terapéutica ca literaria sobre un xornalista que perde o emprego, escrita xusto cando o propio autor perdeu o seu traballo tras o peche do xornal no que escribía. Mais o resultado final é moi deficiente. Nótase o trazo narrativo inmaturo, a sintaxe perifrástica, o abuso da frase feita, o efectismo baleiro. Dá a sensación de que a historia quedaría mellor resolta con menos páxinas, cunha dirección narrativa máis preclara.

E con todo, Ramos é un nome que hai que seguir no futuro. Porque é valente, porque non se conforma coa literatura de xénero nin parece cativado polo realismo costumista que inza nas nosas letras. Son dous excelentes puntos de partida.

♦ Máscaras rotas para Sebastian Nell, de Alberte Ramos, Galaxia, 2014. 400 páxinas. ♠25€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s