Mª Xesús Nogueira: “O ensino favorece o compromiso dos lectores co libro en galego”

César Lorenzo Gil.

O 18 de abril culminou unha semana na que a crítica literaria estivo de actualidade co ditame do xurado dos Premios da Crítica Española, que premiou os libros Zapatillas rotas (Xerais), de Xabier Quiroga, na categoría de narrativa, e Celebración (Apiario), de Gonzalo Hermo, na de poesía. Foi o primeiro gran acto da Asociación Galega da Crítica (AGC). Falamos coa súa presidenta, María Xesús Nogueira (A Ribeira (A Estrada), 1968), sobre os obxectivos e funcións deste novo colectivo.

chus nogueiraPor que crear esta asociación? Por que se disolve a sección de Crítica da AELG? 

A razón principal foi a de crear unha asociación independente e non restrinxida unicamente á crítica literaria. Consideramos que a Sección de Crítica da AELG cumprira unha boa parte dos obxectivos cos que fora concibida. Un dos problemas que había era que escritores e críticos compartían espazo. Era preciso iniciar un novo camiño.

Debullemos os obxectivos: Entre eles está o de analizar a produción artística. Que eivas considera que existen agora mesmo neste aspecto que faga necesaria unha reflexión por parte da asociación?

Máis que eivas, a análise crítica da produción artística adoece na actualidade, en xeral, de falta de visibilidade e de recoñecemento. A crítica aparece moitas veces absorbida por outros discursos, diluída neles. Existe ás veces unha certa confusión a respecto da actividade da crítica, coma se se reducise só á emisión de xuízos de valor antes que á argumentación e á análise. Se nos cinguimos ao ámbito específico da cultura galega, a invisibilidade é moito maior debido á presenza cada vez menor nos medios. A progresiva redución de espazos (pensemos, por exemplo na desaparición de publicacións periódicas nos últimos anos) constitúe un problema engadido ao desenvolvemento da crítica.

Outro obxectivo é a análise dos hábitos de lectura. Non sei se vostede xa ten algo reflexionado sobre o tema. O público lector en galego é diferente aos outros? Que importancia ten no conxunto a prescrición?, especialmente a dos profesores de Secundaria.

Quizais no que se refire aos hábitos de lectura falten estudos máis de detalle, que vaian máis alá dos datos estatísticos. En calquera caso, a especificidade do público lector galego vén dada en boa medida pola convivencia, en condicións desiguais, de dúas literaturas. Neste sentido, o público lector galego non pode ser alleo ás estratexias de promoción duns e outros produtos. Estou a pensar en factores como, por exemplo, o espazo físico que estas literaturas ocupan nos escaparates das librarías, na publicidade, nas campañas de lectura, así como moitos outros factores que non debemos ignorar. Alén diso, no público que consome con regularidade literatura galega si atopamos moitas veces un compromiso –cando non unha militancia– co libro galego que moitas veces ten a súa orixe na institución académica. O papel do profesorado é fundamental, non tanto, ao meu ver, no traballo de prescrición, senón sobre todo no de orientación.

Outra meta é contribuír á promoción do libro galego no exterior. Que ferramentas considera que son as máis acaídas? Hai voces que defenden chegar a fóra con subvencións públicas á exportación (tradución) e outras que consideran que a crítica si ten un papel: o de escolmar, o de transmitir fóra das nosas fronteiras qué ten calidade e qué non. Déame a súa opinión.

Non creo que as dúas vías sexan en absoluto incompatibles. O apoio á tradución é unha das vías fundamentais para a difusión da literatura galega. A crítica, coa súa función mediadora, ten tamén un papel importante que non consiste, ao meu entender, en ditaminar o que ten calidade senón en orientar, proporcionar pautas e construír pontes. Se insisto nesta función non (unicamente) prescritiva da crítica é porque creo que está a circular unha visión bastante reducionista dela.

Neste ámbito da internacionalización, que lugar terá a Lusofonía, principalmente Portugal e o Brasil, países ignorados e que nos ignoran inexplicablemente.

A Lusofonía ten que xogar un papel principal que debe ir máis alá de xestos institucionais. Neste senso sería necesario superar dunha vez os preconceptos en materia de normativa que entre nós aínda existen e que en moitas ocasións están a desfigurar as lindes do que entendemos por literatura galega. Volvendo aos obxectivos cos que foi concibida a AGC, o que cremos necesario é integrar un colectivo a cada paso máis numeroso de estudosas e estudosos que están a facer crítica fóra de Galicia e cuxa contribución aos estudos galegos resulta hoxe en día imprescindible.

A crítica, coa súa función mediadora, ten tamén un papel importante que non consiste, ao meu entender, en ditaminar o que ten calidade senón en orientar, proporcionar pautas e construír pontes.

A asociación busca o diálogo entre críticos. As persoas que se dedican á crítica, tradicionalmente, teñen sona de non teren demasiados amigos. Non buscará a asociación facer algo de terapia compartida?

Efectivamente, busca a creación de foros de debate para as persoas que están a facer crítica literaria. Refírome a espazos de reflexión. O outro creo que responde máis a un clixé, un tanto caricaturesco, por certo.

Especificamente, a asociación ábrese á crítica nos medios dixitais. Valóreme este fenómeno relativamente novo. Pensa que é útil a proliferación de webs sobre letras galegas?

Non podería ser doutra maneira. A contribución destes medios paréceme fundamental, non só pola súa presenza, senón tamén polo papel que están a desempeñar nun contexto marcado pola desaparición nos últimos anos de espazos para a difusión da cultura galega e da crítica en particular. A migración dunha parte importante do xornalismo cultural e da crítica a estes soportes resulta significativa. Se a esta razón engadimos as posibilidades que as novas canles ofrecen (non sempre explotadas), a valoración é positiva.

Vostede, entre outros labores críticos, exerce o oficio no programa bandeira da cultura nos medios públicos: o Diario Cultural da Radio Galega. É un programa seguido, respectado e influente. Como leva a responsabilidade? Nota unha diferenza nas reaccións ás súas críticas ao respecto doutros medios?

A colaboración no Diario Cultural foi unha experiencia moi enriquecedora. A radio é un medio particular polos seus tempos e tamén pola súa recepción, pois non só descoñecemos quen nos está escoitando senón tamén en que contexto e situación. Foi aí, na necesidade de comunicar para un público amplo, descoñecido e na súa maioría alleo ao mundo literario, onde eu sentín a maior responsabilidade. A diferenza atopeina tamén no público, ao descubrir receptores das miñas críticas absolutamente insospeitados. Confeso que iso me levou a facer unha reflexión sobre os preconceptos existentes a respecto da lectura e do consumo cultural. Tamén confeso que chegar a ese público foi talvez o máis gratificante de moitos anos de traballo crítico.

Valóreme, en xeral, a influencia da crítica sobre os hábitos lectores. Pensa que está a ser útil na escolla de libros para ler?

Resulta difícil responder a esta pregunta sen datos empíricos, pero a miña impresión é que si. Doutra maneira dificilmente se explicaría a súa pervivencia nos medios nin tampouco as polémicas que en ocasións é quen de xerar.

Hai escritores que se queixan de que a crítica en galego é moi “filolóxica”, demasiado académica nos seus conceptos e nas análises. Como ve este tema?

Hai tempo que Antón Figueroa explicou a “filoloxización da lectura” como consecuencia dunha situación diglósica. Esta filoloxización talvez se vise reforzada, no que á crítica se refire, pola incorporación nas últimas décadas de promocións procedentes da Filoloxía Galega e tamén da Teoría da Literatura. Con todo, neste momento,o carácter filolóxico –no sentido de académico– da crítica creo que ten que ver máis co seu destinatario, o que debe entenderse como un signo de normalidade.

Xa hai un ano, Dolores Vilavedra explicaba nunha entrevista tamén en Biosbardia que baixo o seu punto de vista na crítica galega había bastante autoengano e compracencia. Que pensa vostede?

Como todo exercicio de autocrítica, o de Vilavedra nesa entrevista paréceme necesario. Persoalmente, non creo que o autoengano e a compracencia sexan trazos que caractericen a crítica galega na súa totalidade, pero si creo que sería oportuno preguntarse a que razóns poden obedecer tales actitudes, a que tensións dentro do campo cultural galego e a que idea de literatura. Se cadra, detrás desta suposta compracencia existen en ocasións, máis que intereses, un sentido da responsabilidade que, así entendido, leva a lexitimar a literatura galega mediante as críticas eloxiosas (e, non o esquezamos, tantas veces canonizadoras).

Vostede é unha das nosas críticas especializadas en poesía. Como está a creatividade lírica neste momento en Galicia

Creo que estamos vivindo un momento interesante, rico e diverso. Na actualidade conviven poéticas moi consolidadas con voces máis novas que foron quen de singularizarse a respecto das etiquetas nas que foron encadradas un tanto ás présas. Conseguiron ademais conformar novos imaxinarios e reformular interesantes discursos sociais e de xénero.

Non sei se comparte vostede a etiqueta de narrativa feminina.

Creo que se debe diferenciar entre narrativa de autoría feminina e o que podemos denominar narrativa feminista ou narrativa (escrita con conciencia) de xénero. Na primeira influíu sen dúbida o cambio social. Na segunda, que si podería funcionar como etiqueta ou categoría, a asimilación dos feminismos. Algunhas narradoras rexeitaron ademais de xeito explícito o adxectivo feminina en canto marca, debido ao seu carácter invisibilizador.

Que factores a caracterizan, cales son as súas fortalezas, que achegan de novo ao panorama literario en galego

A principal achega da narrativa escrita por mulleres nas últimas décadas foi o enriquecemento do xénero con novos temas e, sobre todo, novas perspectivas. A da narrativa feminista, unha revisión da tópica clásica e do canon, formulada as máis das veces desde a reescritura.

Se cadra, detrás desta suposta compracencia existen en ocasións, máis que intereses, un sentido da responsabilidade que, así entendido, leva a lexitimar a literatura galega mediante as críticas eloxiosas (e, non o esquezamos, tantas veces canonizadoras).

Nunha entrevista recente para esta revista, Ramón Nicolás recoñece implicitamente que a situación específica da literatura galega obriga a que o crítico participe dun xeito “proactivo” na visibilización do libro, polo que acaba claramente facendo labores de promoción. É unha postura compartida por vostede?

En canto actividade que xira arredor do libro, a crítica está a contribuír á súa promoción, claro. O labor da crítica debe ir, segundo eu o entendo, máis alá da promoción. A crítica debe necesariamente tomar partido e debe facelo coas ferramentas ao seu alcance: a análise, a argumentación e, por suposto, a valoración. Nin o xuízo ten por que ser o fin último nin a descualificación a única linguaxe. A promoción que toda crítica, da natureza que for, leva consigo ha ser, por tanto, selectiva.

Dúas preguntas xemelgas para rematar: Indíqueme un fito significativo que conseguiu a literatura galega nos últimos 35 anos. E o reverso: que defecto ten, actual ou crónico, que é urxente corrixir cos propios medios da industria ou da creatividade.

Un fito importante,para min, foi a continuidade, desde a década do 1980, dunha cultura resistente que soubo, a través de canles alternativas e voluntaristas, ir sorteando dificultades. No reverso, a excesiva dependencia institucional que a moitos niveis segue tendo hoxe en día a literatura galega.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s