O día que a gaita e a zanfona entraron na universidade

Faustino Santalices no centro, antes da súa conferencia en Santiago o 8 de agosto do 1934. KSADO

Faustino Santalices no centro, antes da súa conferencia en Santiago o 8 de agosto do 1934. KSADO

Xosé Enrique Acuña.

Un evento cultural logrou en agosto de 1934 algo que até ese momento semellaba imposible. Que a gaita e a zanfona entrasen en territorio académico e soasen por vez primeira no elitista e rigoroso ambiente da universidade compostelá. O escollido para facelo, claro é, non foi un cego de feira nin un gaiteiro de aldea. O sinalado si era músico, e dos bos, mais o feito de que se servisen del para actuar en espazo de togas e eruditos non foi casual nin improvisado. Permitírono, non hai lugar a dúbidas, porque o que foi seleccionado, a maiores de que era un home de orde, posuía licenciatura universitaria e, letrado de oficio principal, mesmo estaba dotado para a oratoria e o cerimonial. Faustino Santalices, o gran restaurador da zanfona, é o protagonista desta pequena ou se acaso gran historia da nosa música patrimonial.

Desde había anos un grupo de historiadores e científicos españois, non especialmente progresistas pero si abertos ás posibilidades e vantaxes dos cambios sociais, levaban organizando co apoio dos ministerios de instrución pública, primeiro de gobernos monárquicos, despois dos da ditadura “primorriverista” e posteriormente dos saídos das distintas tendencias gobernamentais xa republicanas, unha serie de reunións científicas, desenvolvidas e celebradas por varias cidades da península, que adoptaran a denominación de “Congreso para el Progreso de las Ciencias”.

Como todo un acontecemento celebraron as forzas vivas de Galicia a elección de tres poboacións galegas como foros para celebrar sesións do que sería a XIV edición dun congreso e que tería a Santiago, na súa condición de cidade universitaria, como sede central da doutoral xuntanza. De feito, as autoridades compostelás implicáronse fondamente na organización congresual e, sabedoras das grandes posibilidades turísticas e de contactos que de seguro se abrirían, puxeron a disposición do comité organizador todas as infraestruturas das que por eses anos podía dispor o concello. Foi así que Compostela mesmo se responsabilizou de organizar actos culturais e artísticos paralelos desde o intre no que comezou a recibir a conferenciantes e a un número nada desprezable de inscritos. O maior peso de organización correu por conta de diferentes cátedras da Universidade de Santiago que, despois de definir e crear as comisións organizativas de carácter local, levaron a voz cantante tanto na composición das mesmas como para decidir a selección dos profesores do seu claustro que intervirían nas sesións ou aos que aportarían soporte técnico e administrativo.

Tamén a prensa galega foi consciente que este congreso, e a presenza nel de celebridades, pensadores e científicos, era un feito transcendental e que a súa celebración lles daba á sociedade e mais aos estudantes universitarios en particular a oportunidade de coñecer en tempo real os últimos avances das distintas ciencias e disciplinas. Até Compostela se achegarían figuras de sona das universidades portuguesas e españolas e certo número profesores estranxeiros, americanos e europeos, con algún premio Nobel incluído. Nas programadas sesións deste XIV “Congreso para el progreso de las Ciencias”, tanto a efectos organizativos ou de secretaría (Xosé Filgueira Valverde, Santiago Montero Díaz, Luciano Santiso Girón, Sebastián González García-Paz) como a intervir con conferencias, participarían prometedores estudosos e intelectuais do distrito, aínda mozos daquela como os anteriores, caso de Xosé María Castroviejo ou Xoán López Durá.

Ábrese o congreso

O 1 de agosto, no Paraninfo, con canto do himno de Pondal e o republicano español no protocolo, celébrase a sesión inaugural reservada ás autoridades e a unha primeira lección ofrecida polo fundador do Centro de Estudios Históricos, o catedrático e americanista español Rafael Altamira, un historiador que despois de 1939 hase ver na obriga de se exiliar en México. De seguido, o programa, dividido en tres seccións que se correspondían con Medicina, Ciencias Sociais e Física e Química, manterase desde as tribunas cun periplo de intervencións monográficas que abrirá o médico portugués Almeida Garret e que continuarán, entre outros, Jorge Echeverri, Varela Gil, Carlos Ruíz del Castillo, Constante Amor Naveiro, Carmelo Viñas ou o hispanista portugués Fidelino de Figueiredo, para sumar a unha serie comunicacións sobre mecánica cuántica, células fotoeléctricas, bioloxía do cosmos, corpos mágnéticos ou mais tamén de matemáticas, enxeñería e física como a lección impartida por Blas Cabrera, discípulo de Albert Einstein e tamén obrigado a se exiliar en terras mexicanas despois do 36.

O Congreso para o Progreso das Ciencias reuniu en Galicia primeiras figuras da academia internacional.

Ao tempo, por medio sesións de traballos e palestras foi posible que estudosos galegos ofrecesen novas propostas referidas aos seus campos de actuación dentro dunha presenza activa que lles permite aos editorialistas da prensa galega afirmar que Galicia, con razón neste caso, non se limitaba a ser unha simple testemuña muda do congreso. Un exemplo foi a entrega de Paulino Pedret Casado sobre o ilustrado José Andrés Cornide ou senllas propostas sobre as personalidades de Feijóo e Sarmiento. Comentario positivo que se agranda cando ao tempo celebran os xornalistas á oportuna decisión, non exenta de valor político, que se adoptou por parte do comité organizador de lle ceder estrado privilexiado neste grande evento cultural ao que sen dúbida era neses momentos a gran referencia intelectual do país. Posiblemente, por decisión ou visto e prace do doutor Manuel Villar Iglesias —secretario executivo a proposta da Universidade de Santiago deste XIV congreso— Ramón Otero Pedrayo, un “simple catedrático de instituto de provincias”, encargaríase, ante unha elite de catedráticos e profesores universitarios e científicos internacionais, de ofrecer a súa recoñecida e global visión da cidade de Santiago. Unha conferencia de título “Compostela Monumental” que deixou totalmente impresionados os asistentes e que, se lle facemos caso ás crónicas, valeulle para recibir unha felicitación especial do propio Rafael Altamira. Pola contra, e dada a reivindicación que Otero Pedrayo realizou da historia propia de Galicia durante a exposición, moi na liña do que despois deixaría maxistralmente reflectido na súa —imprescindible— obra O Espello na serán, debeu deixar fóra de si —o propio El Pueblo Gallego subliñouno— o catedrático e político nacionalista español Antonio Royo Villanova, alí presente, e que xusto neses días destacaba, nas Cortes da República e como deputado da dereita, polos seus agres e continuos ataques á autonomía política das nacionalidades históricas.

E a gaita e a zanfona soaron en Fonseca

A corporación de Santiago, nese momento presidida por Raimundo López Pol, o alcalde que convocara as grandes asembleas municipalistas pola Autonomía de Galicia, esmerouse no recibimento e atención aos congresistas chegados a Compostela e pasou a promover actos nos que a música e o folclore da terra sempre estarán presentes por medio de actuacións de coros e agrupacións corais. Na recepción oficial no Pazo de Raxoi con intervención da Coral de Ruada e pola noite, no Obradoiro, daquela rebautizado como “praza da República”, con todos os seus edificios monumentais engalanados, ideou xunto á comisión organizadora unha sorte de romaría popular que daría comezo cunha escenificación na que distintos coros e danzantes entraban acompañados de gaitas, caixas e tambores, entrando desde os catro recunchos da praza para ofreceren bailes e cantigas representativas das diversas comarcas do país. Acto festivo e masivo, aberto a unha veciñanza mesturada cos congresistas, ao que se lle deu fin con fogos de artificio botados pola foguetería de Millarengo. Momentos de lecer e protocolarios para entreter os visitantes chegados, díxose, “ao máis alto centro docente da nosa terra” ao que tamén se sumou outro centrado na figura do arquitecto Antonio Palacios, igualmente presente no congreso, que sería agasallado cun pergamiño artístico debuxado por Camilo Díaz Baliño no que constaba a súa proclamación como “Arquitecto Honorario de Santiago”.

Se a prensa máis progresista e galeguista xa saudara a feliz opción de elixir a Otero Pedrayo para dar no congreso a visión máis nobre, por real, de Compostela e Galicia, igual de intelixente e acaída resultou a sorprendente decisión de lle ofrecer a Faustino Santalices a posibilidade de impartir unha charla maxistral sobre a zanfona. Un instrumento que en rigor estaba a pasar por unha etapa “arqueolóxica”, con escasos tanxedores solventes, e que tiña no músico e funcionario gobernativo ourensán un dos seus escaso valedores, mesmo como restaurador e construtor.

Santalices acompañou o seu discurso coa música da súa vella zanfona. Entre o público estaba o físico austríaco Erwin Schrödinger.

Faustino Santalices toca a zanfona o 8 de agosto do 1934 en Compostela. KSADO

Faustino Santalices toca a zanfona o 8 de agosto do 1934 en Compostela. KSADO

Chegado o momento, as 6h30 da tarde do 8 de agosto dese 1934, o histórico salón do Pazo de Fonseca mostrábase a rebordar cando Faustino Santalices a piques andaba de facer vivir un momento histórico. Home afeito a falar en público e dotado da retórica propia da súa formación como xurista, aplicou ao seu discurso do paraninfo o ton de gravidade académica que agardaba un auditorio tal culto. Procurando os orixes da zanfona na historia, e nun papel de historiador da música, comezou a debullar as relacións entre o galego e o portugués participándolle aos asistentes as teorías desenvolvidas por Menéndez Pidal, que el aceptaba plenamente, para de seguido pasar a referir as relacións que segundo el existiran entre os xograres medievais e os cantores musulmáns. Na súa opinión, afirmou, o xograr cantaba as súas propias composicións e o cantor máis aristocrático nacería posteriormente en forma de trobador. Circunstancia histórica que aproveita Santalices para trasladarlles aos seus oíntes que a el o que realmente sempre lle interesara dese tempo medieval fora o coñecemento e salvagarda dos instrumentos que daquela se usaban e tanxían. De tal xeito que chegou citar os vinte e oito diferentes que localizou despois da lectura do Libro del buen amor. Como músico que era, o máis especial da súa comunicación foi que acompañou as palabras e os argumentos cuns didácticos exemplos tocados na súa vella zanfona. Pezas que foi ofrecendo ao longo dunha intervención, tan novidosa como pedagóxica, que navegou, recolleuse, pola “marabilla das nosas cantigas e na gama melódica dos nosos ritmos vellos”. Anos antes o zanfoneiro, nesta ocasión como poeta, escribira en verso o que ben podería ser o guión da lección de Fonseca: “Eu fun con Pedro da Ponte / e con Martín Códax, escrava / dos seus cantares de amor / Bernardo de Bonaval / feríame nas entrañas / Copras coma a fel amargas / chorei co infeliz Macias / por querencias mal pagadas / coas cantigas de escarnio / como un coitelo afiadas / copras de Santa María / e co sabio Rei eu cantaba / na harmoniosa fala nosa / para que ao ceo mellor chegaran”. O certo foi que Santalices emocionou o seu selecto público, entre o que figuraban reitores, decanos e até un Premio Nobel —o de física en 1933, o austríaco Erwin Schrödinger— co seu experto percorrido sobre a historia da música galega desde o século XII e xa, a xeito do típico “bis” de final de concerto, agasallou aos congresistas con outro, nesta ocasión de gaita —dos gaitas e tambor realmente— que daría peche á primeira presenza culta da zanfona e a gaita galegas nun acto de carácter exclusivamente académico celebrado na Universidade de Santiago. Acontecemento singular que como case todos os eventos oficiais do “Congreso para el Progreso de las Ciencias” foi transmitido ás ondas por Unión Radio Galicia, a había pouco creada estación radial de Compostela.

Triste final e suspensión do congreso

Santiago compartía sede do congreso con Vigo e A Coruña. A estas cidades estaban previstas xiras turísticas en paralelo ás académicas e outros destinos, máis turísticos, tamén lles foron ofrecidos aos participantes. Nun deles, o que un importante grupo de congresistas realizaba no Pazo de Oca, acabou en traxedia. Xa dentro tan histórico edificio, o peso dos visitantes provocou a caída do piso do salón principal do pazo do marqués de Camarasa. Unha alumna da Escola Normal de Vitoria morre no propio lugar e unha gran cantidade de feridos terían que ser urxentemente conducidos aos sanatorios e hospitais de Santiago, algúns con feridas da gran gravidade. Ricardo Gurriarán, investigador que dedicou páxinas aos aspectos científicos deste congreso, referiu que un dos feridos, Manuel Lora Tamayo, que chegaría a ser ministro de “Educación Nacional” co xeneral Franco, quedaría coxo para toda a vida por conta do accidente. Ante a desgraza, o alcalde López Pol decreta o loito na cidade, organizase unha capela ardente pola congresista falecida, masivamente visitada, e o comité organizador do congreso, en sinal de solidariedade e mais tamén de loito, decide suspender o evento. As participacións maxistrais, as máis agardadas, e que estaban previstas na Coruña, con José Ortega y Gasset, e na cidade de Vigo con Gregorio Marañón, foron igualmente canceladas e o presidente da República Española, que ía a presidir a clausura oficial do congreso, xa noutra cousa, adicaríase a facer turismo e tamén algo de política. Da do bienio negro. Mais a Niceto Alcalá Zamora tampouco lle faltaron gaitas na súa honra.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s