Rexina Vega: “Deberían desaparecer todos os premios literarios”

Rexina Vega. ANXO CABADA

Rexina Vega. ANXO CABADA

César Lorenzo Gil.

Escritora, investigadora e profesora da Universidade de Vigo, crítica e coordinadora da publicación literaria Protexta, Rexina Vega (Vigo, 1966) explica nesta entrevista a súa visión do presente das letras galegas.

“Aviso aos mandaríns da literatura galega: de serguirdes así, acabaredes escarallando o invento”. Esta frase súa nas redes sociais foi coma un terremoto. Esperta moitas preguntas. A primeira: quen son os mandaríns da nosa literatura?

Aqueles que deciden como se relacionan os escritores e os lectores. As dúas grandes editoriais: Galaxia e Xerais, a través dos seus catálogos e das súas decisións sobre os libros que se publican. Son estas dúas iniciativas as que deseñan o actual modelo literario.

Defíname ese modelo.

A sensación é que temos unha literatura que é coma o maletín da señorita Pepis. Temos todos os instrumentos dunha literatura pero todos son de xoguete. Debemos deixar de queixarnos de que todo está moi mal e pensar na valía das estratexias que seguimos. Hai moitas voces, moitos discursos, un caos enorme onde debería haber liñas editoriais claras. Galaxia e Xerais están intentando manterse como editoriais canónicas, as que ditaminan cal é a alta literatura que se fai en galego e ao mesmo tempo virarse claramente cara ao mercado. Esa contradición entre o canon e a promoción comercial produce catálogos delirantes que despistan o lector.

Non nace esa estratexia da economía de guerra á que tanto unha coma outra editorial están obrigadas? Cando a crise obrigou ao peche de moitas empresas nos anos 2009-2010, pouca xente pensaba que Galaxia e Xerais aguantasen en pé. A resistencia non o condiciona todo?

Non estou a dicir que non haxa causas razoables para esta situación. O que digo é que a estratexia non dá os seus froitos e pode danar o futuro inmediato da literatura galega. Por dous motivos. Primeiro porque se silencian as voces que non entenden a literatura unicamente como un produto cultural, o que loxicamente angustia o lector de calidade, que se distancia das letras galegas. E segundo porque se difunde unha idea sobre un suposto mercado do libro galego que en realidade non existe. As dúas editoriais queren conseguir a cadratura do círculo, abarcando todo o campo, e iso é imposible. Desde o meu punto de vista, o que deberían facer é reenfocaren a súa liña editorial, clarificala para facela máis efectiva e conveniente.

Como?

Centrándose. Galaxia ten a forza no seu catálogo de clásicos. É aí onde ten que xogar. E Xerais debe asumir sen complexos un papel de grande editorial comercial galega, algo así como o papel que cumpre Planeta no panorama en español. Se cada unha reduce o campo, habería posibilidade para unha terceira vía, unha editorial de tamaño medio que veña facer o papel que fixo en tempos Sotelo Blanco, é dicir, editar literatura de calidade en galego, en tempo e forma, para evitar as actuais distorsións.

Cales son esas distorsións?

A primeira, a que vive o lector. Actualmente temos un sistema en Galicia que só pensa no lector obrigado de lecturas recomendadas nos centros de ensino. Confiar todo ao lector adolescente é un erro a medio prazo. Creouse unha burbulla na Literatura Infantil e Xuvenil, que con todos os respectos, é unha literatura menor. Isto supuxo favorecer un modelo de literatura-lectura fácil. E mentres tanto, o lector adulto que procura literatura de maior nivel, apártase do libro en galego. Nese ámbito perdemos a carreira.

E segunda, a que vive o propio escritor. O tempo que media entre a redacción dun orixinal e a súa publicación en Galicia anda agora mesmo ao redor dos dous anos. É moito tempo. Impídese o diálogo entre o autor e a sociedade no tempo real da creación da obra literaria. Non é normal que teñan problemas para publicar autores consagrados, de todas as xeracións. Investiuse moito en crear capital simbólico con determinados nomes que agora teñen que deitar a súa creatividade na gabeta.

Actualmente temos un sistema en Galicia que só pensa no lector obrigado de lecturas recomendadas nos centros de ensino.

Cales serían os criterios desa nova editorial alternativa?

Editar literatura de calidade non ten moita teoría. Cómpre un editor con olfacto literario e unha boa infraestrutura de distribución e relación cos autores. Porque as opcións que temos hoxe son selos demasiado pequenos, invisibles, sen capacidade de influencia. É necesario un proxecto de maior tamaño para que sexa eficaz, para que os propios autores o tomen como referencia e os lectores confíen no seu criterio, algo así como Anagrama no contexto español. E con isto non quero minimizar o valor das editoriais pequenas que están a facer grandes esforzos. É máis, publican aqueles libros que polo seu éxito de crítica parece ilóxico que non aparecesen nos catálogos das dúas grandes. Só vou pór dous exemplos: o ensaio máis interesante do ano, Galiza, um povo sentimental, de Helena Miguélez-Carballeira, publicado por Através, e o libro de poemas Celebración, de Gonzalo Hermo (que apareceu en Apiario). De verdade estes títulos non estiveron ao alcance da man das dúas grandes?

O problema é como financiar ese proxecto. Quen o sostén?

Eu non vou falar de economía. Pero non hai que esquecer que o lector de calidade é polo xeral máis comprometido, está máis disposto a colaborar na creación de capital simbólico. Pode ser feble no cuantitativo pero máis implicado na compra durante máis tempo. Outra vía de exploración é o formato. Coido que no debate entre dixital e papel o principal problema é que o panorama está moi avolto aínda. Nesta longuísima transición o vello tarda en desaparecer e o novo dá moita vertixe, polo que creamos resistencias. Resistencias que quizais desaparezan en moi pouco tempo. Ademais, pode haber camiños intermedios, caso da edición en papel á carta ou case á carta, que fagan menos custoso un proxecto deste tipo.

Falemos de mercado. Existe o tópico de que o que lle falta á literatura galega son libros con vocación de best-seller.

Un best-seller en galego é un oxímoro. Cando en Galicia falamos de literatura de consumo estamos a manifestar a subalternidade frente ás literaturas de consumo con mercados grandes. En galego, os autores máis vendidos son aqueles que se beneficiaron do altofalante de Madrid. É dicir, os autores con mellores cifras comerciais necesitaban o refrendo estatal e co rebote provocado vendían libros en Galicia. Eis os modelos de Manuel Rivas e Suso de Toro. Tamén o de Domingos Villar. Este sistema tamén funciona ao revés. Se un autor que consegue certo nivel de vendas en galego dá o salto ao castelán e no ambiente madrileño é mal recibido ou simplemente ignorado, acaba prexudicado na propia Galicia e perde ese rol de “escritor moi lido” rapidamente.

O problema engadido a este modelo perverso é que, desde hai un tempo, o mercado español prescindiu de atender a periferia. Xa non lle interesa nin desde un punto comercial nin político destacar aqueles nomes “simbólicos” das outras literaturas estatais. Así que explotar ese camiño é suicida porque nunca teremos poder de decisión sobre que autores e libros son os realmente importantes, e falo xa só desde un punto de vista comercial.

O camiño que deberiamos seguir é outro. Hai que contentar outro tipo de lector, máis esixente pero tamén máis fiel, co que tecer un modelo baseado na calidade e na diversidade.

Neste país a literatura confundiuse moitas veces coa filoloxía e non ten nada a ver.

Para outras persoas, o que se estraña é máis innovación na literatura, máis autores que fagan evolucionar o galego literario.

Se a literatura galega ten sentido é polo seu carácter de modelo de resistencia. Coido que neste momento, a característica principal da nosa sociedade e da nosa lingua é a súa personalidade híbrida. A creatividade literaria ten que asumir ese hibridismo. Galicia é un espazo transcultural. Por este motivo xorde unha nova esquerda que busca novos enfoques de transformación social máis axeitados para un país mestizo que xa non encontra eficaces mensaxes anteriores baseadas en certa “autenticidade” ou “pureza”. A lingua literaria ten que dar tamén ese paso. Hai exemplos máis, digamos, clásicos, como Suso de Toro, que soubo captar este concepto. E outros máis novos, caso de Rosa Enríquez, unha poeta que mestura o galego co castelán e o francés, por exemplo. A partir da nosa oralidade ten que nacer unha nova lingua literaria. Desde a órbita académica vaise na dirección contraria. Reivindícase o “galego de verdade”, cunha expresión cada vez máis en consoancia co portugués. A min non me interesa o galego de verdade, interésame a lingua como ferramenta de comunicación hoxe e agora. Neste país a literatura confundiuse moitas veces coa filoloxía e non ten nada a ver, na realidade. O que fai falta é literatura arriscada, que sexa capaz de actualizar o idioma e facelo evolucionar como ferramenta expresiva.

Debería tomar maior responsabilidade a crítica literaria na esixencia aos autores dese pulo cara a adiante?

A crítica galega ten os mesmos defectos que calquera outra crítica. A diferencia é que somos poucos e estamos todos demasiado perto do poder, dos poderes. E iso ten como consecuencia que asinemos un pacto de silencio que garante a protección. Dáse un riquiñismo, un falso riquiñismo en realidade que agocha unha enorme mesquindade. Igual que nos últimos anos se buscou consolidar un determinado tipo de lector adulto, na crítica tamén houbo unha tendencia xeral a eliminar dos medios de comunicación as valoracións negativas das obras publicadas. Esa tendencia triunfou, agás excepcións. Isto non é bo, denota debilidades. Son necesarias as críticas negativas e non é lexítimo calar cando algo non se escribe ben. O debate, a crítica sincera, son síntomas da vitalidade dun sistema. Cando as verdades se calan é que estamos mortos. Agora mesmo fai falta máis valentía, máis francotiradores.

Outra cousa é a crítica universitaria. Aí o que pasa é que se deslocalizou por mor dos criterios de avaliación. Explícome. Cada revista especializada ten un valor, é dicir, se un autor publica nunha ou noutra consegue maiores puntuacións curriculares. Ultimamente, as revistas galegas non están entre as máis prestixiosas, polo que os debates textuais máis valiosos non se dan no noso espazo senón que se publican no Canadá ou en Alemaña, por exemplo. Isto é un problema porque non hai relación entre críticos e sociedade galega. Debería ser a administración pública a que se encargase de “repatriar” dalgún xeito ese labor crítico para que tivese incidencia sobre o noso sistema literario.

Para animalo a comprar, editores, mediadores e críticos promoven determinados libros que se consideran que encaixan co gusto do lector.

Dicíame que se consolidou un determinado tipo de lector adulto.

Si. As editoriais buscan un modelo ideal, un tipo medio, maioritario, que compre os libros que publican. É máis, inténtase encontrar ese lector de castelán que non le en galego e pasalo ás filas “autóctonas”. Ao final esa procura converteuse no motivo principal dos esforzos de difusión e promoción. Hai que contentar como sexa ese tal lector medio. Para animalo a comprar, editores, mediadores e críticos promoven determinados libros que se consideran que encaixan co gusto do lector. Ao final, na promoción, incluída a que fai a crítica, xa non se valora a calidade literaria. É así como se explica o esforzo que fai todo o sistema por difundir determinados títulos ao tempo que silencia outros. Isto até se dá nas propias editoras, que non lles dan a mesma importancia a todos os seus libros por igual.

Esa “obsesión” polas vendas tamén se traslada aos premios literarios?

Os premios literarios deberían desaparecer. Todos, tanto os que sinalan obras xa publicadas como os que galardoan orixinais inéditos. Os premios son outro factor de distorsión no sistema galego. Amosan a enorme desorientación que existe en canto aos criterios de calidade. Fixémonos neste ano e vexamos que cada premio valorou unha cousa diferente. Como pode ser? Non debería haber certa unanimidade cando aparece unha obra mestra? E, pola contra, coma un paradoxo, un dos problemas dos premios é que están controlados por moi poucas mans. Mans de intermediarios literarios entre os que non houbo renovación nos últimos vinte e cinco anos. Son eles os que deciden que é visible e que pasa desapercibido. Como é posible que estean aí os mesmos nomes que no 1990? Os mesmos axentes refrendan ano tras ano as mesmas obras de autores cos que comparten idade, xeración ou intereses. Xa non coñecen os gustos das xeracións máis novas. É urxente unha remuda.

No caso dos premios a orixinais, o principal problema é que na resolución dos xurados pesa moitas veces a propia conxuntura do momento. Valóranse máis aspectos extraliterarios ca as calidades dunha obra concreta. E dígoo eu, que gañei o Xerais de novela con Cardume, no 2007. Son ben consciente que cando me concederon ese premio pesou moito que estivese ambientado o libro na II República e a Guerra do 36, un tema que estaba de moda nese momento.

 

 

Advertisements

10 comentarios en “Rexina Vega: “Deberían desaparecer todos os premios literarios”

  1. Pingback: Cerco literario para ovellas lectoras | Palavra comum

  2. Pingback: Maldita Literatura | Xustiza Poética

  3. Pingback: Marcos Calveiro: “Escribir deixou de ser imprescindible para min” | BiosBardia

  4. Pingback: Celia Recarey: “A falta de traducións fai que a cultura galega estea coxa” | BiosBardia

  5. Pingback: Henrique Monteagudo: “Se a cultura galega xira só ao redor do 17 de Maio mal estamos” | BiosBardia

  6. Comparto a visión xeral, mais coido que o ambiente sociocultural de Galicia dominado pola verbena eterna…, o pulpiño e o viño…, a funesta programación da TVG dirixida a consolidar o palurdismo, e a falla de hábitos urbanos, que en calquera urbe do mundo promociona a lectura, polo simple feito de estar obrigado a viaxar nun bus, metro ou tren durante máis dunha hora entre a casa e o traballo, dificultan moito a creación de hábitos normalizados de consumo cultural.
    Xerais-Galaxia, Galaxia-Xerais…., simplificando… ¡a casta!

    • Eu non comparto a opinión de Ariel. Botarlle a responsabilidade a tvg ou a “falta de hábitos urbanos” (WTF!?) é despistar ao personal, é tirar por elevación. A raíz está na política, como en todo, e nos consellos da Xunta (ou de ministros en Madríd, que é máis triste aínda) que dictan o modelo de educación e formación de CIDADÁNS e tamén, cómo non, fan unha tvg como a que temos que promociona un tipo de cultura de berbena. Está ben, as berbenas son un éxito, bachata e merengue un clamor popular. Se a xente o quere, pois dámoslle bachata. O problema é que “fabricamos” xente que prefire a berbena, e non pasa de ahí, en lugar de xente que lle gusta a berbena, e le un libro, e cuestiona aos seus representantes públicos, e racionaliza as súas decisións… Non, é mellor crear un rebaño e pastorealo.

      Recoñezo que hai espazo e público para todo, para a bachata e a poesía (sen apriorismos de superioridade moral), pero as autoridades en ámbitos culturáis deberían cando menos velar por que a cultura propia non se vexa directamente afogada.

      Na de Rexina Vega encontro puntos cos que concordo, como que somos unha cultura subalterna (no mercado dos libros) e sen voces propias que se alcen.

      En canto a edición de libros como negocio non teño nin idea, pero será como calquer outra cousa que se queira vender: crear unha necesidade no mercado e satisfacela. Hai necesidade de literatura en galego? Necesitan os editores a complicidade política para creala?

      Como lector, de aldea, cóstame atopar libros contemporáneos orixináis en galego (incluso traducións) que sexan do meu agrado. Son lector “dixital”, o que me coloca aínda máis fora do círculo que crean os editores galegos.

      Só escribín o que me veu a cabeza tras ler a estrevista e a resposta de Ariel. Igoal non ten moito funadamento, pero nin me gusta que os editores (ou outro gremio) se envolvan en bandeiras (como símbolo de apropiación dun ben común como é a cultura) nin que os políticos responsables se escuden nas leis do mercado para xustificar decisións políticas.

      Gracias pola entrevista e este espazo.

  7. Pingback: Jaureguizar: “A cultura galega está nas mans de cincuenta persoas con alto instinto de permanencia” | BiosBardia

  8. Pingback: Fran P. Lorenzo: “As letras galegas sofren do virus do pudor” | BiosBardia

  9. Pingback: Premio Nacional de Literatura, espello deformado | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s