Cómic, a heterodoxia en papel que se salva da crise

Imaxe da serie sobre a Comuna de París de Tardi.

Imaxe da serie sobre a Comuna de París de Tardi.

Manuel Veiga Taboada.

O cómic ou banda deseñada é un produto franco-belga, algo italiano, por suposto norteamericano, aínda que doutra maneira, e incluso un pouco arxentino, se contamos as tiras de Mafalda. Nos últimos anos, o cómic en papel e en gran formato, salvo o manga xaponés que acostuma a ser máis reducido, non só resistiu o tsunami dixital senón que conseguiu fortalecer o seu propio mercado, grazas sobre todo ao incremento da calidade gráfica e a unha ampliación intelixente, incluso brillante, a todas as áreas temáticas. Atrás queda a idea do cómic como arte de segunda categoría ou como narración centrada case exclusivamente no erotismo, na ciencia ficción e nos super heroes de Marvel.

As tendas especializadas en banda deseñada non padecen a crise das librarías. Pero non só iso. Nas librarías tradicionais, a banda deseñada ocupa agora espazos dos que antes non dispuña en absoluto, salvo na habitual sección infantil.

Imaxe de 'Ardalén', de Miguelanxo Prado.

Imaxe de ‘Ardalén’, de Miguelanxo Prado.

Como exemplo de cómic para adultos e de boa calidade podemos citar algúns títulos dos últimos anos: Dublinés, biografía de Joyce, realizada por Alfonso Zapico; O Ánxelus, inspirado no cadro de Millet, de Giroud e Homs; Os ignorantes, historia cruzada dun produtor de viño e dun debuxante de historietas, de Étienne Davodeau; Xogos para morrer, a aventura fatal de cinco mozos marxinados na Francia dos cincuenta ou O grito do pobo, unha historia da Comuna parisina, os dous últimos de Tardi.

Certo é que esta mellora do produto e esa consecuentemente máis ampla recepción por parte do público non quita que perviva aínda certa identificación entre a banda deseñada e o conto de viñetas infantil ou tebeo. Quizais, dentro do Estado español, a idea maioritaria continúe dependendo, máis do debido, do mortadelismo (dito con todos os respectos) difundido pola barcelonesa Bruguera, a partir dos anos cincuenta e con éxito definitivo a partir dos sesenta.

Tampouco se pode negar que unha parte visíbel da clientela do cómic segue, en certa medida, compoñendo unha sorte de tribo urbana, caracterizada polas súas melenas e camisetas negras, e pola compra de produtos de promoción asociados, como bonecos, escarapelas, etc. Con todo, pódese dicir que, a día de hoxe, as barreiras están xa felizmente rotas.

Imaxe do cómic 'Mamede Casanova: O fillo da ira', de Poi e Fernández.

Imaxe do cómic ‘Mamede Casanova: O fillo da ira’, de Poi e Fernández.

Os libros máis heterodoxos

Quizais por esa certa marxinalidade da que “gozou” até agora, a banda deseñada acostuma ser un dos espazos culturais onde é máis doado toparse de fronte con algunha idea heterodoxa. Abonda con lembrar os cómics de materia gai publicados por Nazario, hai xa varias décadas. Formando parte do propio canon, é dicir dese grupo de títulos recoñecidos a través de premios ou de páxinas nos suplementos culturais da chamada prensa seria, aparecen ás veces libros como Os Borgia, no que a máxima xerarquía eclesiástica da época, a libertinaxe sexual e o crime se dan a man dun modo espectacular, raiano no efectismo. A inclusión desta obra entre os álbumes de referencia, neste caso, provén sobre todo do nome dos seus autores, dous consagrados: o guionista Alejandro Jodorowsky e o debuxante Milo Manara.

Garante iso unha liberdade total? Non, por suposto. Un dos mellores cómics publicados nos últimos anos no Estado español, e tamén dos máis irreverentes, A miña Marisa é un anxo, do asturiano Javi Guerrero, é unha autoedición.

Banda deseñada en galego

A banda deseñada galega vénse dando a coñecer con algunha publicación discrecional e incluso con coleccións específicas, no ámbito das editoras xeneralistas (Rinoceronte, Xerais, Factoría K…), pero, sobre todo, conta con dúas editoriais dedicadas en exclusiva ao cómic, El Patito e Demo.

El Patito Editorial é a responsábel da publicación dalgúns traballos, de acabada presentación, como Ardalén, o último de Miguelanxo Prado; Engurras, tradución ao galego do cómic naturalista dedicado á vellez e realizado por Paco Roca ou 36-39 Malos tempos, un clásico no que se verte, por primeira vez á nosa lingua, unha das historias realistas e penetrantes de Carlos Giménez, ambientadas na guerra e na posguerra española.

Pola súa parte, Demo Editorial, grazas sobre todo ao esforzo do seu responsábel, o tamén debuxante Manel Cráneo, conta xa cun significativo catálogo no que se pode encontrar unha serie temática sobre Castelao e varios traballos destacábeis, entre os que se encontran: O fillo da Furia, sobre o bandido Mamede Casanova, con Manolo Poi como guionista e Miguel Fernández como debuxante, e Cabana de Balieiros, notorio desafío creativo que chega da man de Tokio.

O esforzo de Cráneo, dos responsábeis de Patito, e de todos os que colaboran en ambos proxectos, é grande, tendo en conta a situación xeral do propio idioma e as dificultades para facer visíbeis os seus traballos. Contando con este condicionante, e aínda sen telo en conta, o nivel do producido, é, en xeral, bastante máis que aceptábel.

Imaxe da serie 'Castelao', de Suárez e Vilariño.

Imaxe da serie ‘Castelao’, de Suárez e Vilariño.

O que non ofrece ningunha outra linguaxe

Salvo excepcións, os mellores resultados en banda deseñada obtéñense da colaboración entre un guionista e un debuxante. Non é moi común atopar autores que destaquen nos dous terreos.

En todo o caso, compre desterrar definitivamente a idea do cómic como subproduto ou arte subsidiaria, aínda que só sexa pola simple razón de que conta cunha linguaxe específica, é dicir que o que nos di o cómic, o que podemos ver e ler en moitos albumes de banda deseñada, non é posíbel lelo nin velo, da mesma maneira, baixo ningún outro tipo de expresión. As suxestións mentais que produce unha boa historia debuxada non as suscita ningún outro xénero e moitas temáticas só son accesíbeis a través deste medio.

Como exemplo, abondaría con citar o Sin City de Frank Miller, un extenso traballo, xa un clásico, levado con eficacia ao cine. Da película, e a pesar do seu notábel éxito, creo que só cabe dicir que é o cómic en movemento, o que na práctica implica unha lectura máis redundante e, polo tanto, enfática. A alma de Sin City, a súa estética e o seu ritmo, pertencen sen dúbida ao papel e é no papel onde mellor se pode gozar dese mundo de criminais que oscilan entre o sadismo e as finanzas –se é que resulta posíbel oscilar entre ambas cousas–, prostitutas organizadas e heroes románticos, con aspecto de boxeadores xubilados.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s