Sobre os libros de memorias con Sabino Torres ao fondo

Presentación en Pontevedra do libro de memorias de Sabino Torres, terceiro pola esquerda. Á súa dereita, Xesús Alonso Montero; á esquerda, Miguel Fernández Lores. Primeiro pola esquerda, Vítor Freixanes. PONTEVEDRA VIVA

Presentación en Pontevedra do libro de memorias de Sabino Torres, terceiro pola esquerda. Á súa dereita, Xesús Alonso Montero; á esquerda, Miguel Fernández Lores. Primeiro pola esquerda, Vítor Freixanes. PONTEVEDRA VIVA

Xesús González Gómez.

A fins do século pasado puxéronse de moda os dietarios e as autobiografías de escritores e outras especies. Tan de moda, que mesmo mais dun comentarista chegou a afirmar que o dietario era o “xénero literario” da posmodernidade, superando a novela. Un escritor español (posmoderno el; stakhanovista el), autor duns dietarios ou diarios que semellan non ter fin, Andrés Trapiello, escribiu un libro sobre o tema: El escritor de diarios. Non vou repetir o que dixen sobre semellante ersatz no seu día, nas páxinas de A Nosa Terra. Trapiello, como o catalán Valentí Puig, aínda que este último con moita máis calidade literaria, é un incansábel escritor de dietarios ou diarios: outra cousa é o seu interese.

As diferenzas entre dietarios e/ou diarios e autobiografías son grandes e están claras para todos. O dietario (ou o diario, ben que existen diferenzas entre eles), nun principio, é, ou debe ser, máis “intervencionista”, mais sincero, máis combativo, e máis fragmentario, que a autobiografía. Por outra parte, a autobiografía adoita, ou debería, ser un exame de consciencia exercitado coa axuda da memoria, esa compañeira tan traidora e falaz. Ademais, e agora deixemos de lado os dietarios e/ou diarios, todos sabemos, mesmo quen as escriben, que as autobiografías ou memorias non son, ou non adoitan ser, outra cousa que “alegacións en defensa propia”, “documentos (sic) xustificativos” dunha vida ou dunha actuación; ou mesmo dun pensamento. Se a maioría das autobiografías fosen algo máis, sinceras e “conscientes”, deberían ser as actas dun proceso (non no sentido xurídico, mais…) dunha vida, dun pensamento, sobre todo as autobiografías dos políticos, que deberían mostrar a vida en acción, e non estáticamente, que é o adoita acontecer co 99% destes produtos. Con outras palabras, os “autobiógrafos”, escritores ou calquera outra especie, escriben a súa “biografía” para daren unha imaxe súa determinada, para se defenderen, se xustificaren, para lle entregaren á posteridade unha imaxe “limpa” e “limpada” da súa figura, etc. Acontece, porén, que moitas veces esa imaxe vese embazada pola existencia de “documentos” que contradín o que di o “autobiógrafo” ou o memorialista. A cousa vén, sabemos, de lonxe. Case me atrevería a afirmar que desde As Confesións, de Santo Agostiño, o gran creador do “xénero”.

A sinceridade de Rousseau

Se ben non hai dúbida que o creador do “xénero” foi o bispo de Hipona, o gran libro autobiográfico da modernidade, o gran libro auroral da autobiografía moderna, é o titulado, tamén, As confesións, de Jean-Jacques Rousseau, sen esquecérmonos a súa outra entrega: Fantasías dun paseante solitario. O cidadán de Xenebra inicia o primeiro libro citado da seguinte maneira: “Emprendo unha tarefa da que nunca houbo exemplo e que non terá imitadores. Quero descubrir perante os meus semellantes a un home con toda a verdade da natureza, e este home serei eu […] “Nada malo agachei, nin me atribuín nada bo, e se hai algún adorno indiferente e innecesario, púxeno tan só para encher un baleiro imputábel á miña falta de memoria […] Mostreime tal como fun, desprezábel e indigno, ou bo, sublime e xeneroso: puxen a miña alma de manifesto tal como Ti a viches, oh Supremo Facedor!” […]”. Jean-Jacques, ese neno traste, segundo Otero Pedrayo, mostrouse tal como se vía, mais non se mostrou completamente, segundo os seus máis conspicuos biógrafos, a pesar de que, en primeira instancia, se dirixía ao Supremo Facedor, quen o sabe todo de cadaquén, á parte de amalos e protexelos (ese ser, segundo Jorge Luis Borges, sería unha das máis grandes, ou a máis grande, invencións da literatura fantástica de todos os tempos). Segundo moitos biógrafos dese neno traste, mesmo o famoso escándalo, o abandono dos seus fillos á inclusa, parece ser que foi unha “arroutada”: en realidade, dinnos, nunca tivo fillos… porque era impotente, etc. Mais, esquecendo a biógrafos, outra especie da que hai que coidarse moito, o que non se pode negar, nin o poden negar os seus inimigos máis feroces, é que As confesións e as Fantasías dun paseante solitario son, á parte doutras moitas e importantes cousas, obras mestras da literatura, non só francesa, non só europea, non só do século XVIII, senón a literatura universal e de todos os tempos.

Rousseau escribiu As confesións para se defender dos seus múltiplos inimigos, a maioría reais (non se lanza en van a incerteza sobre o ideal de progreso en que se fundaba a Ilustración), outros, inventados. Mais, á parte de se defender dos seus inimigos, Jean-Jacques (“ese funesto individuo”, segundo recitaba José Antonio Primo de Rivera no discurso fundacional da Falange Española no Teatro da Comedia de Madrid) tiña a intención, va, de “dicilo todo”, e, sobre todo, para que alguén, despois de lelo, se atrevese a dicir: “Eu fun mellor que ese home”. Noutras palabras, máis que para se defender dos seus inimigos, Jean-Jacques escribiu as súas Confesións, e as súas Fantasías, para fulminalos.

Con todo, e a pesar de que as autobiografías se poden definir ou cualificar de moitas maneiras, tamén se pode pensar que moitas veces as autobiografías son un acto de orgullo: xúlgase que a propia vida é digna de ser narrada porque é “orixinal”, diferente da dos outros, porque a propia personalidade é orixinal, diferente da dos outros, etc. etc. Ora ben, as autobiografías son interesantes non en canto relatan unha vida “orixinal”, diferente, chea de acontecementos interiores, senón se se afastan da rexouba e tanto en canto exemplifican non acontecementos autobiográficos en sentido estrito, ben que estes non poden faltar, senón en canto reflicten experiencias civís e morais (morais no sentido ético-político), estreitamente conectadas coa propia vida e cos acontecementos, tanto nacionais como universais. O outro tipo de autobiografía, certamente, o que máis abunda, que poderiamos denominar individual ou estilizada, non deixa de ser unha especie de masturbación máis ou menos literaria.

Pla, Sartre… e a “novela” da memoria

Michel Leiris.

Michel Leiris.

Se as confesións rusonianas están escritas como un informe, polo miúdo, dunha vida vivida e pensada, outros escritores botaron man doutros “modos” para escribiren as súas autobiografías ou memorias, totais ou parciais. É dicir, de toda unha vida ou duns anos da súa vida. Por exemplo, Josep Pla (El quadern gris) sería un dietario dos anos 1919-1920 do escritor catalán. Sábese que Pla escribiu o libro nos anos 1950 e, talvez, inicio dos 1960 a partir de notas que tomara no seu día. Non todo o que di é certo, e moitos “historiadores” da literatura poñen en solfa algunhas das súas afirmacións e informacións. Algúns outros o fixeron en forma de novela, non como novelas “autobiográficas”. Un dos cumes deste tipo de “memorias” son os catro volumes (Biffures, Fourbis, Fibrilles e Frèle bruit) que compoñen La règle du jeu, de Michel Leiris; volumes aos que hai que engadir L’âge d’homme: os cinco libros conforman unha especie de memorias onde os feitos non contan, só son “a base” para a escrita. Estes cinco volumes teñen un claro propósito: vincular entre si os datos tirados da vida íntima do autor, de aí que se mesturen datos afastados e recentes, soños e farrapos de soños, compromisos e covardías, ideas e meditacións, introspección de si e ollada ao mundo, feitos anódinos e feitos colectivos, poesías, pequenos ensaios?, feitos importantes da “historia literaria francesa” no que o autor tivo un importante papel, son narrados de maneira que quen non estea no “allo” pode considerar o feito unha invención novelesca, un episodio real mais sen outra importancia que a de significar un chanzo máis na progresión vital do autor, porque Leiris case nunca dá nomes e, poucas veces, datas. Nunha palabra: aspiración ao marabilloso e intento de considerar a literatura como un perigo (o prefacio de L’âge d’homme, un dos textos capitais da literatura francesa do século XX, titúlase: A literatura considerada como unha tauromaquia, texto no que o autor confesa que aspira a converter a súa literatura nun risco que implique, como na “corrida” a morte do autor, aínda que sabe que iso non é posíbel: só baixo réximes ditatoriais a escrita corre o risco de se converter en “pena de morte”, de prisión, de desterro, etc.). Falar do interese e da calidade destes volumes levaría moito espazo, demasiado; só cabe, xa que logo, recomendalos. Infelizmente, que eu saiba, só existe versión española, catalá e portuguesa do último libro citado.

Outra das obras mestras deste tipo de memorias máis ou menos presentadas en forma de novela é As palabras, de Jean-Paul Sartre, que tantos, e malos, imitadores tivo, e da que felizmente temos versión galega (Laiovento, 1999). Logo as memorias, o diarios, “clásicos”: lembremos dous moi coñecidos, o de W. Grombowicz, e os de Ernst Jünger. Os de Jünger, varios volumes, diversos títulos, desde o primeiro, Tempestades de aceiro (as versións deste libro aparecidas despois de 1945 eliminan os diversos prefacios que lle puxera o autor antes de 1930: aí está todo o militarismo alemán en estado puro. Con sorte, e algúns cartos, o lector galego pode atopar en librarías de vello a versión española de 1929 ou 1930, que reproduce estes prefacios para-nazis). Os outros volumes, os da Segunda guerra mundial, por exemplo, son, máis que nada, intentos de xustificación do inxustificábel: o seu servizo aos nazis aos que, teoricamente, desprezaba. Mais nunha lectura fonda nótase a impostura de Jünger, sobre todo no tema dos xudeus e da suposta “oposición” a Hitler. Mais, ai!, había que reconvertelo en demócrata de toda a vida e en antinazi, e así se fixo, e ás veces con axuda de autotitulados esquerdistas, marxistas, etc. E para este lavado, sérvense dos seus diarios, onde abrolla a cada intre o militarismo alemán, a ideoloxía junker: antimoderna, elitista, militarista, antisocialista, totalitaria, etc., etc. Mais o “paradigma” das memorias “mentireiras” talvez sexa o volume de Pablo Neruda, Confieso que he vivido, que en Latinoamérica retitularon: Confieso que he bebido, e non fai falta engadir máis nada.

O século XX en España

Na literatura española, onde tantas novelas son máis ou menos autobiográficas (como acontece entre nós), non existen, como tamén nos acontece a nós, moitos libros de memorias (ou dietarios), á parte dos que lles escriben aos políticos en paro; mais de memorias de políticos, aínda máis falsas que as dos escritores, non queremos falar. Pero cómpre sinalarmos que desde que se proclamou o dietario ou diario xénero posmoderno, na literatura española abrollaron dietarios como cogomelos abrollan ao inicio do outono. Con todo, entre nós contamos cunha obra mestra da literatura memorialística: As décadas de T. L., de Luís Tobío, de visita obrigatoria. Diciamos que na literatura española non existen moitos libros de memorias, mais hai un que salienta porque foi, nun principio, presentado como unha novela: Coto vedado, de Juan Goytisolo. Goytisolo quixo explicalo todo, dicilo todo, e conta escenas sexuais cun avó seu pederasta, etc. Os feitos foron negados e discutidos polos seus irmáns, e non en nome da familia. Quedou, xa que logo, no ar se o que contaba Goytisolo en Coto vedado sobre o seu avó era certo ou non, e non sabemos, a non ser que el o confese, o que nunca fará, se foi certo ese “episodio” ou foi unha maneira de épater au lecteur ou épater à la famille. Outro libro de “memorias”, presentado como novela, é a Autobiografía de Federico Sánchez, de Jorge Semprún, libro no que conta moitas cousas e agacha outras. Semprún continuou a súa obra memorialística en libros como Federico Sánchez se despide de ustedes e outros, estes tamén presentados como novelas: A longa viaxe, A escrita e a vida, Adeus, luz do verán, Le mort qu’il faut (traducido en español como Viviré con su nombre, morirá con el mío). En todos estes libros, aínda que conta moito, non conta todo: aí están as aclaracións de Stéphane Hessel en Danza co século sobre Semprún en Dachau, etc. Están tamén as memorias, ás veces noveladas, outras non, de Carlos Barral. Curiosamente, a parte novelada valeulle unha condena xudicial. Ou as “memorias” de Jaime Gil de Biedma, sen esquecermos as de Caballero Bonald, Jaime Salinas ou Castilla del Pino: case todos da mesma “xeración”. Todas discutidas e, ás veces, discutíbeis, todas, ou case todas, con clara vontade de estilo. E todas, ou case todas, claramente xustificativas, empezando polas de Castilla del Pino. Digamos, porén, que, literariamente, talvez o mellor libro de memorias, para min, dos últimos 25 anos da literatura española sexa Autorretrato sin retoques, de Jesús Pardo (Anagrama, 1996). Os dous posteriores que entregou, Memorias de memoria (Anagrama, 2001) e Borrón y cuenta vieja (RBA, 2009), se ben son interesantes, non teñen, acho, a calidade literaria do primeiro.

Hai logo memorias de exiliados, as de Max Aub, que, para min, non teñen a calidade da novela La gallina ciega. As de Francisco Ayala, onde aparecen Seoane, Dieste, etc. Ou as de Rafael Alberti, La arboleda perdida, que se poden cruzar coas da súa compañeira María Teresa León, Memoria de la melancolía. Se o lector as le cruzadas, pode darlle a impresión de que un miraba o que escribiu a outra, ou viceversa, para non se contradiciren e se presentaren como modelo de parella comunista-stalinista a ollos dos seus lectores, e dos militantes e seguidores do partido. Todo é tan puro, tan bonito… Deixando de lado erros factuais, hai nas memorias de Alberti a ausencia de outros amores (Maruxa Mallo, por exemplo), e nas de María Teresa León os seus enfrontamentos con Miguel Hernández no tempo da guerra civil, sen ir máis lonxe.

En 1982, a un ano escaso do seu pasamento, apareceron as “memorias” do cineasta aragonés Luis Buñuel: Mon dernier soupir (París, Robert Laffont éditeur). Como sabe calquera que lera o libro, non foron escritas estas memorias polo director de cine: despois de longas conversas con Jean-Claude Carrière (guionista dos últimos films buñuelescos), este redactou o que foron as memorias de Luis Buñuel –supomos que serían, finalmente, revisadas e corrixidas, se había algo que corrixir, polo aragonés. Como tampouco redactou as súas memorias a muller de Buñuel, Jeanne Rucar –Memorias de una mujer sin piano, Alianza Editorial, 1991–, escritas por Marisol Martín del Campo, segundo reza na portada do libro.

O libro –as memorias do director aragonés– trae moita información e, en moitos momentos, case todos, é divertido. Lese con pracer, mais Buñuel non contou toda a verdade. Por exemplo, nunca di que militou durante moitos anos no Partido comunista de España. Finalmente, Paul Hammond & Roman Gubern acabaron colocando todos os puntos que lles faltaban a moitos is (ver: Los años rojos de Luis Buñuel, Madrid, Cátedra, 2009). O cineasta aragonés deixaba, para a posteridade, o retrato que quería que se tivese del: quería que se esquecese que fora stalinista e nas memorias reivindica sempre o surrealismo, do que, en realidade, nunca renegou. Os documentos existentes, as correspondencias, puxeron os puntos sobre os is, mais non por iso, claro, Luis Buñuel deixa de ser o gran director revolucionario que foi. Podiámonos, tamén, referir a libros de memorias de falanxistas reconvertidos, cuxo paradigma é Descargo de conciencia, de Pedro Laín Entralgo (Barral editores, 1976): libro mentireiro e falaz –e oportunista. Laín, xusto despois da morte e quen fora o seu Caudillo durante tantos anos, quixo limpar a súa imaxe e para redondear a operación entregou o orixinal a un editor de esquerdas, Carlos Barral. Juan Marsé, por exemplo, afirmaba que escribiu La muchacha de las bragas de oro contra a Laín e as súas mentireiras memorias. Finalmente, co tempo, e a pesar deses humoristas que nos queren facer acreditar que Laín era un home liberal, aquel que non estea cegado ideoloxicamente, ou non lle comeran o “coco” os novos liberais españois ou pseudo-esquerdistas como Jordi Gracia ou José-Carlos Mainer, sabe o que era Laín: un oportunista que intentou, e sempre o conseguiu, caer de pé en todas as ocasións (por outra parte, nas súas memorias nunca menciona a súa gran amizade co nazi belga Léon Degrelle, ou que escribía artigos na prensa alentando á mocidade a se alistar na División Azul para loitar, a carón dos nazis, contra a pérfida Rusia e o máis pérfido aínda comunismo, por exemplo). Outro libro de memorias dun falanxista demócrata (?) máis falso que un peso de chumbo –o libro–, é o de Dámaso Santos, o crítico literario oficial do réxime, aínda que el se defenda e o negue: De la turba gentil… y de los nombres. Apuntes memoriales de la vida literaria española (Planeta, 1987). Claro que estes dous libros tiñan un antecedente glorioso: Memorias y esperanzas españolas, de José Luís López Aranguren (Taurus, 1969), onde o profesor non se explicaba como a España franquista, con intelectuais que el denominaba liberais: Laín, Tovar, Ridruejo, Rosales, Torrente, Vivanco, etc. –é dicir, os mentores da revista Escorial– non elevara o nivel intelectual do país, etc, etc. O que non acabou de entender Aranguren, ou non quixo entendelo, xa que pertenceu a este grupo, é que, a) non existiu nunca un falanxismo liberal, e b) o grupo da revista Escorial era o grupo nazi, pro-nazi, da Falanxe. Que logo, axudados por unha certa esquerda, ficasen como reconvertidos á democracia, ese é outro cantar. Non estará de máis lembrar que tanto as memorias de Laín como as de Dámaso Santos non mencionan para nada fusilamentos e represións: eles estaban por riba do ben e do mal, e, así, por exemplo, Laín gábase de que o seu grupo non quixo estar entre os redactores da Historia de la cruzada. Ora, tampouco di que os dos seu grupo, con Álvaro Cunqueiro incluído, foron os cronistas oficiais do paseo do cadáver do “ausente” desde o cemiterio de Alacante até o mosteiro de El Escorial; ou que gozaron, case todos, de prebendas oficiais até 1975 e máis. Dos diarios de falanxistas desilusionados, o único que semella veraz e auténtico é o de Luis Felipe Vivanco: Diario (1946-1975) (Taurus. 1983). Talvez por iso, por veraz e auténtico, logo de ser liquidado hai anos nas rebaixas de El Corte Inglés (e non é coña), nunca máis, que eu saiba, foi reeditado. Non falo de Casi unas memorias, de Dionisio Ridruejo porque este libro é unha montaxe perpetrada por amigos e familiares do autor.

10-maria-casares-theredlistExisten, evidentemente, moitos máis libros de memorias, de falanxistas arrepentidos ou non, ou de escritores españois: acabaron todas, pola súa calidade intrínseca, saldados en grandes almacéns ou en librerías de lance. Como en librerías de lance, saldados, acabaron todas as “memorias” dos políticos da transición española. Á parte de que estaban mal escritas, de que non había vontade de estilo por parte ningunha, o que contaban, non o crían nin neles. Con estes libros, os dos políticos españois, non se podería facer unha antoloxía que se titulase: A mentira considerada como unha das belas artes. Unha aclaración: os libros de políticos españois publicados ultimamente, Bono, Zapatero e uns cantos máis, raramente aparecen saldados en cantidades: debido á lei do libro, aos editores sáelles máis barato converter os exemplares en pasta de papel que vendelos a grandes almacéns ou librerías de lance, como facían antes. Acción esta que en Galicia non acontece: aparecen saldados milleiros de libros sen que ninguén o impida e sen que a maioría dos autores cobre un can, o que vai contra da lei.

Nunha palabra, as “autobiografías” de escritores hai que collelas con pinzas, e se están esterilizadas (as pinzas, as autobiografías case sempre o están), mellor que mellor.

Un xénero case ausente en Galicia

E entre nós? Ai!, non temos case autobiografías. Xa mencionei a de Luís Tobío (por certo, debe ser cousa da amizade, pasa por riba, por exemplo, da traxectoria de xente como Felipe Fernández Armesto e outros) e hai que citar outro dos grandes libros memorialísticos de entre nós: Matádeo mañá, de Elixio Rodríguez (Xerais, 1994), memorias tamén cuxa visita é de obrigado cumprimento. Hai que sinalar que as memorias de Tobío como as de Elixio Rodríguez non intentan xustificar nada senón dar testemuño. E, ademais, teñen vontade de estilo, é dicir, queren ser, e o son, gran literatura. Temos outros libros de memorias, e algúns son interesantes, mais non son literatura: os de Fernández del Riego, ou o de Alvilares Moure, sen esquecermos os libros memorialísticos de Franco Grande ou X. M. Álvarez Cáccamo, Luís Soto, as deste último interesantes mais que ás veces “inventa”, e algún outro que non vou citar porque, no fondo, non son máis que unha broma máis ou menos literaria –máis ben menos. Logo hai outros que, infelizmente, están escritos en español. Uns interesantes, os de Emilio González López, os de Portela Valladares, etc. Outros interesantes e ademais literatura no bo sentido da palabra: Syra Alonso. E outros que son simple acumulación de datos e feitos, sen ordenamento posíbel, e con reflexións que é mellor esquecer: os seis ou sete tomos de memorias de Santiago Álvarez. Tampouco debemos esquecer que un dos libros de memorias mellor escritos por un/ha galego/a, con verdadeira vontade de estilo, e con moita información, foi redactado en francés: Residente privilexiada, de María Casares (edición galega, Trifolium, 2009), libro no seu día loado, pola súa calidade literaria, por Alejo Carpentier: “Maria Casares, residente privilegiada”, artigo publicado no xornal barcelonés La Vanguardia, 29 de marzo de 1980. Por outra parte, sería necesario indagarmos se nun país sen tradición memorialística, como é o noso, é posíbel, excepcións á parte, argallar un tipo de autobiografía na que o que se le non semelle ou excepcional ou pintoresco. De momento, penso, navegamos entre eses dous adxectivos.

Infelizmente, se ben Castelao, en Sempre en Galiza, deixou moita memoria, fáltannos, por exemplo, memorias (ou dietarios) de Eduardo Blanco Amor, de Luís Seoane, de Ramón Suárez Picallo, de Ramón Piñeiro (o volume que con tal título anda por aí deste autor, semella case unha broma: hai que ter coidado cos editores) e tantos outros. Faltan na nosa literatura libros de memorias, sobran libros de “conversas”, xa que ás veces o entrevistador, á parte de estar secuestrado polo entrevistado, non sabe da misa nin o “introito”. E, un aviso, cóidense os lectores dalgunhas memorias que andan a argallar os actuais próceres da nosa literatura, da nosa cultura, da nosa política: sairán retratos e condutas cadrados, dunha peza, medidos ao milímetro: é mellor ler a Philip K. Dick, Farmer, Asimov, Arno Schmidt e outros: son escritores de ciencia ficción serios.

E agora que penso, na maioría destas “autobiografías” (fóra da citada de Juan Goytisolo e as de Michel Leiris, algo na de Caballero Bonald) a sexualidade, o sexo, brilla por ausencia. Nos autores galegos, non me estraña, xa que na propia narrativa galega o sexo é un grande ausente. Nos españois, case que tamén, e nos franceses…

Torres e Pontevedra

Capa do libro biográfico sobre Lois Tobío que publicou Ir-Indo.

Capa do libro biográfico sobre Lois Tobío que publicou Ir-Indo.

E regresamos ao citado “entre nós”. Nos últimos meses un libro de memorias publicado por unha prestixiosa editorial galega acaparou críticas que o celebraron, e mesmo a súa chegada ás librarías xerou unha fóra do normal recepción que, no noso caso, seguimos pola rede. De tal xeito detectamos que a entrega ofrecida por Sabino Torres Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960 (Galaxia) chegou a figurar nesas listaxes de libros máis vendidos —caso da do Faro de Vigo—, foi presentado por un alcalde nacionalista e de esquerdas e mais polo presidente da RAG, conseguiu amplas entrevistas ao autor e mereceu por parte do seu editor e prologuista a consideración de “memorias dun editor”.

Como aviso previo tería que recoñecer que eu, a modo, non lin máis que o prólogo de Vítor Freixanes e algunhas páxinas ao chou, e que a opinión sobre esta obra pasei a formala logo de falar con verdadeiros lectores, que me informaron sobre as súas calidades, que seica as ten, e máis tamén sobre as súas flagrantes ausencias, contradicións e silencios. Mentres eu, a pasar páxinas, a tomar rápidas notas, decidín que, con moitos tramos do seu contido plenamente local e pontevedrés, estas memorias de Sabino Torres, poderían ser neste primeiro momento prescindíbeis e que mellor sería reflexionar cos comentarios, positivos e negativos, dos amigos lectores e máis tamén xogando coas afirmacións introdutorias do prologuista e editor.

Freixanes, editor principal de Galaxia, desvela que o autor antes de entregar a obra deulle moitas volta para titular o seu libro. Á fin rematou tendo ese —tan de editor— Días de tempo escondido que axuda a resaltar a Freixanes que estas son memorias dun tempo “escondido por ignorado, mais tamén por non suficientemente explorado, agochado no caixón da negrura que o contexto social impoñía”. Palabras como para abrir boca e que nos sitúan ante un territorio de lectura prometedor. Sobre todo cando o fío da narración comeza en 1936 e practicamente no momento no que dous dos profesores de Torres son fusilados polos militares. Unha cuestión que semella marcar o autor das memorias até o punto de que vai tomar a decisión de pechalas e redondealas cun claro recoñecemento e homenaxe á figura dos seus asasinados mestres da preparatoria pontevedresa.

Entendo que a oportunidade de publicar as memorias de Sabino Torres Ferrer viría dada polo seu papel como armador principal da Colección Benito Soto e do seu papel durante o primeiro franquismo na restauración editorial da literatura galega. Estariamos, pois, ante unhas “memorias necesarias” que, a maiores de estenderse no devalar biográfico de Sabino Torres, valesen para aclarar dunha vez por todas ese atípico e “raro” episodio editorial sorprendentemente acontecido nos anos máis duros da ditadura. Cuestións que Freixanes quere situar en espazo e tempo co que, en desafortunada caracterización, se denomina como “exilio interior” (caracterización baixo a que se agacharon certos individuos que viviron moi ben baixo o franquismo, cando non mamaron do seu teto. Esta caracterización lembra un pouco, para os que teñen a miña idade, aquela definición de si mesmos que se daban algúns ministros franquistas: “liberal reprimido”). Retallos de intrahistoria, utilizo palabras tamén de Freixanes, que unha vez máis, e xa son repetidas, vai situar esta obra na tradición, tan asentada nas nosas letras, das memorias frustradas ou inhabilitadas desde os seus silencios e medias verdades.

Elixio Rodríguez.

Elixio Rodríguez.

A mentira sobre Benito Soto

No debe de Sabino Torres estarían os seus esquecementos, que cando menos nesta primeira entrega que remata en 1960, son algo máis que notorios. Nunha cidade na que el desde moi novo formou parte das elites que se asomaron á Falange e ao Frente de Juventudes, a ausencia nas súas memorias de datos que clarifiquen os nomes e apelidos de quen dirixiron a represión en Pontevedra anuncia o que, ao longo das páxinas, vai ser unha constante. É imposíbel que coa red

e de amizades da que se dotou, coas informacións que escoitou, moitas delas en postos privilexiados, Torres non soubese dos asasinos, dos que sinalaban co dedo. Outra cuestión é que, por conta das relacións que abriu durante décadas, agora, nas súas memorias, tan grave circunstancia histórica, desapareza do seu percorrido persoal. E máis cando unha figura como Víctor Lis Quibén, o xefe da Guardia Cívica de Pontevedra, nunca deixou de estar presente nos fastos e banquetes que os intelectuais pontevedreses baixo o franquismo, como Sabino Torres, non deixaban de celebrar. Poderiamos citar como fallas no relato asuntos dos que non logramos entender porque hoxe, pasadas xa décadas, o autor decide deliberadamente deixar fóra. Así nada aparece do seu paso como actor e director do grupo de teatro que os xerarcas da Falange montan na cidade, como tampouco nada conta da biografía real do seu pai anterior ao 36. Un tipógrafo que os historiadores sociais ben saben que ocupou cargos de responsabilidade no partido socialista local e que mesmo formara parte de directivas do sindicato de oficio federado na UGT. Temas agachados, despistados, que non fan máis que situarnos á defensiva ante a veracidade ou non de certos aspectos dunhas memorias que, no que respecta á Colección Benito Soto, xa sufriran un embate a propósito da idílica versión que por anos defendía o propio Sabino Torres. Toda esa fraude dun suposto carácter “pirata” da editorial, cando —e agora vese na obriga de recoñecelo nestas memorias, aínda que daquela maneira— non foi máis que unha impostura que por certo cadraría co desnortado e tamén interesado relato que para outros é esa cantilena do “exilio interior”. O profesor cubano Omar García Obregón e Xosé Manuel Dasilva, neste caso na revista Grial en 2008, descubriron que todo era unha mentira, e nada piadosa, que Torres alimentou ante uns entregados intelectuais dispostos a se deixar enganar. O propio Concello pontevedrés financiara con subsidios unhas edicións da Benito Soto que, Sabino Torres recoñéceo abertamente neste libro, por veces nin se distribuían e quedaban nos almacéns da imprenta de seu pai. E todo nunha cidade que, segundo afirma o poeta e editor, “pouco se falaba galego”. Pensamento elitista e ben lonxe da realidade  —estase a referir ao anos 40 e 50 do século pasado— que non fai mais que retratar a configuración elitista e de círculo pechado dese grupo de “intelectuais” da mesma contorna dun Sabino Torres, que non gozaba especialmente da bendición de Filgueira Valverde. Quen foi tan pedantemente denominado como “polígrafo pontevedrés” non sae ben parado nas memorias de Sabino Torres. Pero o caso é que se nas súas páxinas non se atreve (por emisión ou edición) en culpar a Filgueira do peche da Colección Benito Soto —cousa dos nosos libros de memorias—, o antigo membro da Dereita Galeguista pasa a ser sinalado directamente en entrevistas posteriores á saída de Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960 —pódense consultar— como o valedor principal do abrupto e gobernativo fin da editora.

Torres e o Movimiento Nacional

Cousa das guerras internas dos intelectuais permitidos ou animados polo franquismo nunha vila galega como Pontevedra, que é reflectida nas memorias de Sabino Torres como trama paralela e xemelga, quizais, da súa propia traxectoria social, política e biográfica. Home este Sabino, tamén me transmiten, afábel no trato directo e que como escritor xa entregara unha sorte de memorias prostibularias (As tres columnas) de moito maior interese malia a inapropiada, por férrea, versión galega da que se responsabilizou a editorial Galaxia.

No libro de memorias que nos ocupa, nárrase, recoñécese, por parte do seu autor que nun primeiro momento non gozou do recoñecemento de Xesús Alonso Montero a causa de anteriores actividades súas (de Sabino Torres) no Frente de Juventudes. Despois, dise, trinta anos “afastado de amigos e ilusións, lonxe da miña cidade”. Na mesma páxina, tomei nota, Sabino Torres, a se saír do tramo temporal destas memorias, afirma que, por motivos profesionais, pasou máis tarde a abrir “unha porta a esa Europa en liberdade que só coñecía por soñala”. Insiste: “Foi moi fermoso descubrir a Italia dos anos sesenta e setenta das liberdades sindicais comunistas (…) a alegría daquelas festas dun Partido Comunista cheo de xuventude que soñaba con transformalo todo”. Cuestións e afirmacións que nos permiten, nos autorizan a lembrarlles aos lectores de memorias que as veces os seus autores se non menten, ocultan interesadamente datos que serían fundamentais na súa vida como para nós no papel de lectores. En 1965, o “viaxeiro” Sabino Torres gozaba da confianza dos xerarcas pontevedreses de Movimiento Nacional, que o elixiron presidente da asociación de antigos membros do Frente de Juventudes e que poucos meses despois lle concederían maiores responsabilidades outorgándolle o cargo de Delegado Provincial de Organizaciones del Movimiento. Na nota oficial do nomeamento, extractamos de El Pueblo Gallego, (1-II-1966) dise que Sabino Torres “procede del Frente de Juventudes, habiendo mandado diversas unidades de las Falanges Juveniles de Franco y desempeñado durante ocho años la Jefatura del Servicio Provincial de Cultura y Arte del Frente de Juventudes de esta provincia”. Datos, repito, de 1966 e aos que podemos sumar, tamén de hemeroteca, intervencións, leccións políticas, do “camarada Sabino Torres”, a intervir en público sobre “a vigencia de la unidad falangista y a los postulados doctrinales del Movimiento Nacional”. En 1969, cando menos, aínda ocupaba o cargo á fronte dos antigos membros da xuventudes da Falange de Pontevedra (El pueblo gallego, 1-VII-1969). Lembremos, porque parece que xa ninguén se lembra, que a inicios de 1969 se proclamou en todo o territorio español un durísimo “estado de excepción”. A verdade é que a partir desta data “desaparece” o nome de Sabino Torres dos xornais, e só volve aparecer en 1975 (Los sitios de Gerona, 23-II-1975; ABC, mesma data, etc.): era un home achegado ao dirixente falanxista Manuel Cantarero del Castillo, quen foi xefe “nacional” das organizacións de antigos membros do Frente de Juventudes, e que en 1975 funda a asociación política Reforma Social Española, organización da que Sabino Torres tamén sería co-fundador. (As asociacións políticas foron un invento do tardo-franquismo para intentar dotarse dunha face “democrática”; invento que foi argallado por Carlos Arias Navarro, o último presidente dos gobernos franquistas, coñecido no seu día como “o carnicerito de Málaga”, debido á represión que exerceu nesa cidade andaluza. Evidentemente, todas as asociacións, pálidas pseudocopias de pseudopartidos políticos, tiñan que acatar, do primeiro ao último, os gloriosos Principios Nacionales del Movimiento). Noticias estas todas, que xa adiantamos, saen do tramo concreto convertido en memorias de Sabino Torres, mais que sen dúbida, axudan a nos poñer á defensiva ante certas “memorias” e nos descoidos da súa edición. Seguimos pois coa mala sorte.

Texto xornalístico no que se alude a Sabino Torres no 1966.

Texto xornalístico no que se alude a Sabino Torres no 1966.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s