Marcos Calveiro: “Escribir deixou de ser imprescindible para min”

Marcos_Calveiro_512César Lorenzo Gil.

As palabras poden matar (Xerais) é unha das últimas obras narrativas que quedaban na gabeta de Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968). Un relato sobre o medo, a opresión, a amizade e o poder da imaxinación ambientado nun arrabaldo pobre de Sudamérica. Nesta entrevista fálanos asemade do cambio na súa vida, do que el denomina “seca” creativa, de gabetas e de libros.

Como nace As palabras poden matar?

Coma todas as miñas historias, dunha faísca que pon a cousa en marcha. Lin nun xornal que mataran un adolescente mimo nunha vila-miseria, coido que en Medellín, Colombia, un rapaz que participaba nun grupo que buscaba a través do teatro, da arte, darlles unha oportunidade aos rapaces que medraban naquel arrabaldo.

A historia sitúase nunha cidade inventada, Santa Clara, nun barrio de casopas de folla de lata chamado Seavia. Hai algunhas referencias que poderían facernos pensar que estamos no Brasil pero a localización é difusa. Está feito a mantenta?

Está. Si que un lector avezado pode encontrar certas referencias á cultura brasileira pero xustamente o que quería era expoñer unha historia que tanto podía ocorrer no Rio de Janeiro coma en Bolivia ou en México ou en Colombia. Así coido que fica máis nun segundo plano unha conxuntura concreta e o relato cobra un aire máis global.

Vostede é un dos autores galegos que mellor documentan as súas obras. Recordo a sorpresa que me causou cando logo de ler Settecento (Xerais), vostede me dixo que nunca visitara Veneza. E Veneza respiraba naquel libro! Documentouse moito para esta obra?

Non. Hai obras nas que desfruto moito co traballo de documentación. Permíteme chegar a coñecer a historia e os personaxes dun xeito moito máis substancioso. Noutros casos, e esta obra é un deles, preferín a vertixe pura da narración sen rede. Contar o que quero contar cara a cara cos personaxes e co lector. Que a narración flúa a través da imaxinación.

Cando un escritor fala dun ambiente tan distinto ao que habita e prescinde da documentación, que ferramentas emprega á parte da propia imaxinación?

Hoxe en día recibimos moita información de calquera lugar do mundo. Ademais, coido que en libros coma este o autor tira moito da bagaxe que foi acumulando durante toda a vida: libros, filmes, músicas. Eu non era consciente de todo o que ía deitando na narración da obra pero todo estaba aí. Vai saíndo, sérveche para construír o mundo que queres describir, desde as novelas de Rubem Fonseca ao último cinema brasileiro que fala da vida na favela mais non só; tamén filmes e libros colombianos ou doutros países nos que se dá a formación de arrabaldos moi míseros ao redor de megalópoles de millóns de habitantes.

É común na súa narrativa escoller escenarios “exóticos”. Vémolo en O pintor do sombreiro de malvas, Palabras de auga, Centauros do norte… Por que saír de Galicia para contar?

Hai varias razóns. Unha delas é a propia necesidade que teño como escritor de aproveitar a literatura como vía de saída da miña rutina. A min motívame menos falar das cousas que teño á porta da casa que poder viaxar coa imaxinación. Tamén para crear mellores fábulas. Se falase dun instituto de Ourense ou de Vigo, a proximidade obrigaríame a ser máis rigoroso, a manter un perfil narrativo máis estrito para non caer en erros ou contradicións. E a min gústame fabular, mentir, imaxinar… manexar o universo narrativo ao meu antollo. En escenarios afastados é máis fácil manter a atención do lector sen que se estea continuamente preguntando se iso é así tal e como eu o conto.

A min motívame menos falar das cousas que teño á porta da casa que poder viaxar coa imaxinación.

No 2010 aparece Settecento, até agora a súa última novela para adultos publicada. Naquela altura, vostede estaba a piques de cambiar de vida. Pretendía deixar o exercicio da avogacía e dedicarse profesionalmente á escrita. Un lustro despois volvo atopalo nun cambio de vida: atarefado nas obras do seu novo proxecto, o Café Badia, en Teis, Vigo. Un poderoso ziguezague.

É certo que nesa altura quixen dar aquel cambio. Pero en vez de cambiar eu a miña vida foi a vida a que me cambiou a min. Pensaba que podía vivir cos dereitos de autor, porque daquela tiña unhas vendas decentes, especialmente en libros xuvenís; e podía complementar os ingresos con conferencias e outros eventos. Pero superoume a crise. Baixaron as vendas e decateime de que era imposible manter a miña familia por esa vía. Polo camiño tamén se deron unha serie de cambios familiares e persoais que me obrigaron a reformular as cousas. O ano pasado mudámonos a Pontedeume para nos facer cargo dun negocio hostaleiro e agora, tras aquela experiencia, pois decidimos cambiar outra vez. Voltamos a Vigo e aquí estou, deseñando estoutro negocio hostaleiro.

Neste tempo vostede ten declarado varias veces que lle estaba custando poñerse a escribir.

Tanto me custa que non escribo nada desde hai case dous anos. Este libro está escrito de antes ao igual ca outro libro infantil que sairá á volta do verán. E teño na gabeta dúas novelas para adultos… E nada máis.

Cal é a razón dese silencio literario?

Que a literatura xa non é compatible coa miña vida. Cambiaron moitas cousas. Por cambiar até cambiou o meu lugar de escrita. Xa non posúo máis aquel estudio con vistas ao mar onde escribía. Teño outras prioridades, teño outras cousas na cabeza, moitas. Non teño tempo para escribir e recoñezo que xa non é imprescindible para min.

Mais vostede era un autor moi prolífico. Escribiu e publicou moito en pouco tempo.

Chegou a ser unha obsesión. Empataba o rabo dunha novela co inicio da outra. Non vou mentir, durante meses estiven preocupado pola seca. Agora non. Agora simplemente estou a outra cousa. Segue a gustarme a literatura e se podo publicarei o que teño escrito. Tampouco digo que non vaia escribir literatura nunca máis pero xa non me desacouga pensar que quizais non volva ser escritor.

Recordo unha declaración súa, de sorpresa, xusto despois de ver nunha liquidación de dereitos que aqueles libros nos que vostede máis confiaba resultaba que foran os menos lidos. Cónteme que libros eran.

Principalmente, ese comentario ía por Settecento. É unha novela da que me sinto moi orgulloso, coido que está moi traballada, tanto na forma coma na historia. Si que quedei decepcionado ao ver que non ligou cos lectores. Tamén me choca que Rinocerontes e quimeras (Tambre), que é un dos libros xuvenís que coido que me quedaron mellor, pois non teñan tantas vendas coma outros. Ao final, ás veces síntome como o escritor d’O pintor do sombreiro de malvas, só coñecido por ese título.

Nótoo algo decepcionado por esa identificación.

Non, non. Ao contrario. Coido que o éxito dese libro ten a ver con que conseguín captar o lector adolescente a través dunha historia de amor ben enfiada. Penso que é a historia de amor que mellor escribín. Tamén axuda que a figura de Vincent Van Gogh é moi coñecida. É doado para os rapaces entraren nese universo a través de alguén tan recoñecible.

Dicíame antes que ten dúas novelas no caixón. O tempo pode facer que vostede volva a elas, que as retoque ou as actualice.

Non. Des que estiven a traballar en Festina lente case seis anos decidín que no momento que eu soubese que unha novela está pronta, non volvo tocala. Eses dous proxectos están rematados. Como o meu método de traballo se basea en construír os relatos desde o final, unha vez que a estrutura está feita, queda compacta, non hai necesidade nin oportunidade de a modificar.

Na prensa diaria non che dan atención ningunha se non traes a fita de premiado ao redor do teu libro.

Vostede é un dos autores actuais con maior número de premios. Amais de gañar moitos, algúns dos máis prestixiosos, especialmente en literatura infantil e xuvenil, foi finalista doutros. Por exemplo, As palabras poden matar foi finalista do Jules Verne 2014. Que significado teñen para vostede os certames literarios?

Desde un enfoque egoísta, os premios son moi valiosos porque che garanten un ingreso económico. Cando eu pensaba en dedicarme profesionalmente á literatura, esta circunstancia era fundamental. Tiña que garantir a viabilidade económica a base de premios. Desde un enfoque xa máis xeral, na literatura galega gañar un premio é gañar visibilidade. Temos un sistema de medios de comunicación moi feble. Na prensa diaria non che dan atención ningunha se non traes a fita de premiado ao redor do teu libro. E esa visibilidade é crucial logo á hora de conseguir lectores. E é certo que me presentei a moitos premios. E perdín moito máis do que gañei. E ás veces pensei que as novelas gañadoras eran mellores ca as miñas e outras pensei no primeiro momento, recoñézoo, que non eran tal. E logo ao ver como as recibían os lectores, pois decateime de que tivera mal ollo crítico e lector porque se eran obras lidas eran boas obras que seguramente merecían máis os galardóns que as miñas.

É o número de lectores un criterio para calibrar o nivel literario dunha obra?

Non necesariamente. Hai libros moi bos que non venden e eu considérome apóstolo de moitas obras que coido que non se len o suficiente porque non son tan coñecidas como deberan. Pero tamén penso que no sistema literario galego hai poucos lectores pero son bos. Case sempre coinciden os gustos da crítica e do público e iso indica algo. Non estamos a falar de éxitos editoriais ao xeito de Cincuenta sombras de Gray; aquí triunfan libros de calidade porque a nosa é unha literatura que aprecia o traballo ben feito e temos a fortuna de contar con moitos escritores que escriben moi ben.

De todos os xeitos, na valoración do éxito ou fracaso dun libro hai que incluír moitos factores, tamén os extraliterarios. Non sei quen dixo aquilo de que a literatura foi ao pozo o día no que empezaron a aparecer as fotos dos autores nas lapelas. Pode ser que tivese algo de razón.

Hai quen di que a literatura acabou no día no que os escritores tiveron que dedicarse, ademais de a escribir, a facer márketing da súa propia obra.

Depende. A min por exemplo, encántame ir aos institutos e falar cos rapaces. Sempre, en cada encontro, unha rapaza (sempre son rapazas, os mozos len menos) levanta a man e fai esa pregunta que me fai descubrir unha capa oculta da miña propia obra. Ese momento é máxico. É aí cando revivo a miña paixón lectora adolescente, cando todo na túa vida era lectura e toda a literatura estaba por descubrir. Conseguir ver nos ollos deles aquela alegría do meu propio pasado é un privilexio.

Hai un momento no que Vega rexeita falar de economía. E o problema principal é a economía.

Vostede foi unha das voces que criticou publicamente as palabras de Rexina Vega na súa recente entrevista para Biosbardia. Non lle gustou que a crítica considerase a literatura infantil e xuvenil unha literatura menor.

Non me gustaron moitas cousas desa entrevista. En realidade, coido que habería que facer unha emenda á totalidade do que dixo. Nese aspecto concreto, no da literatura infantil e xuvenil, a afirmación é falsa e absurda. Non hai literaturas menores, hai obras e autores maiores e menores. E algún mérito terá a literatura infantil e xuvenil se consegue crear lectores e que eses rapaces que medran con eses títulos logo de adultos sigan a ler en galego.

Hai un momento no que Vega rexeita falar de economía. E o problema principal é a economía. É a falta de recursos a mellor explicación de todos eses síntomas que denuncia. O concepto produto cultural por suposto que é horroroso pero desgrazadamente non se poden separar as palabras produción e cultura no capitalismo baixo o que vivimos. Dicir determinadas cousas sen ter en conta este escenario é inxenuo e inxusto, especialmente coas editoriais que fan o que poden tal e como están as circunstancias, tamén no plano político.

E xa por rematar, coido que falar de literatura para elites e literatura popular é un debate trasnoitado. Eu crieime a base de novelas populares, coma as de Agatha Christie e do Maigret (de Georges Simenon) que no seu tempo eran consideradas literatura mala e hoxe pasaron á categoría de alta literatura.

Falaba de atrancos políticos. A que se refire?

A Xunta de Galicia lexisla contra o galego como idioma e cultura desde hai xa seis anos. Reparemos en como reduciu a dotación de libros para as bibliotecas públicas, como foi reducindo a presenza institucional do idioma propio no ensino. Iso ten consecuencias sobre o lectorado, máis nun contexto de profunda crise económica. Esa política é máis daniña nun momento no que por outro lado mingúan as compras de libros. O sistema queda desamparado.

Xa para rematar, recomende un libro actual.

Lin con moito agrado Funambulistas, de Mercedes Leobalde (publicado por Xerais). Recoñezo que ultimamente non estaba a fixarme moito no xénero do relato, prefería a novela, pero esta obra pareceume moi boa.

 

 

Advertisements

Un comentario en “Marcos Calveiro: “Escribir deixou de ser imprescindible para min”

  1. Pingback: Noticias do bloqueo (do escritor) | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s