‘Tarzán de goma’, unha obra mestra da sinxeleza

9788415920380Ole Lund Kirkegaard é unha figura imprescindible na literatura infantil. A pesar da súa vida breve (1940-1979) deixou unha chea de obras pensadas para a infancia que foron moi traducidas e moi lidas por varias xeracións. Agora, o que pasa por ser o seu libro máis famoso, Tarzán de goma, publícase en galego, no selo Sushi Books.

Tarzán de goma era un libro moi lido cando eu era rapaz, a finais da década do 1980, mais eu recoñezo que nunca o lin. Coñecíao porque moitos compañeiros falaban del, especialmente na adolescencia e na idade adulta, xa cando o cerebro peneirou as moitas lecturas do período escolar e quedamos só con aquelas que realmente pagaban a pena, aquelas que pensaban máis no que lles gustaba aos críos ca no que lles gustaba aos profesores. A competición de cuspidelas inspirou desafíos semellantes no meu grupo de amigos, iso si, cunha idade bastante máis impropia para andar a esgarrar contra os postes.

O argumento é simple: Ivan Olsen é un rapaz, deducimos que de cinco ou seis anos, coitado e esmirrichado a quen todo o mundo lle berra, lle brouca ou fai pouco del. O seu pai quere que se faga home e por iso busca que se inspire na nobreza salvaxe do personaxe de Tarzán mais o pobre rapaz fracasa en cada intento de destacar. Até que un día todo vai cambiar. Un día máxico por fin vai dar que falar.

O libro de Kirkegaard é unha obra mestra. O autor neste conto longo fai literatura, da boa. Rexeita calquera tentación de pedagoxía. Ningún profesor pode pararse cos seus alumnos e dicirnos: que valores nos transmite este libro. Porque a resposta sería: ningún. Ivan Olsen (o protagonista) empeza o libro coma un pelengrín e acaba coma igual de coitado. Presenta uns personaxes tan vivos, tan verosímiles e chocalleiros a un tempo que se fan inesquecibles. A graza do escritor dinamarqués é inmensa cando vai deixando pinceladas do comportamento das figuras dos mestres, do pai, dos matalotes dos retretes ou dos atléticos campións deportivos. E todo isto contado cun ritmo perfecto e seguindo o vello canon da literatura oral na que todas as pezas van casando. É un conto moi entretido e paga a pena lerllo a alguén en voz alta. A simetría á que obriga o relato resólvese con grande acerto narrativo e estilístico. Chegados ao nó do libro, sabemos o que poderá pasar mais o escritor ten a habelencia de converter esa previsibilidade nun xogo no que a esaxeración, o disparate e a tolemia (case sempre atributos da imaxinación do lector) alcanzan gran brillantez na arte do creador.

A prosa do Tarzán de goma é sinxela, por momentos coloquial, tan local, tan apegada á rúa e aos costumes que o propio autor había ver no seu contorno que consegue facerse universal. Non fai falta que en Galicia sexa difícil que uns pantalóns húmidos acaben conxelados agás en determinadas comarcas moi frías nin que a bicicleta sexa un medio de locomoción tan habitual entre nós. A pesar dos anos e a distancia, a historia de Ivan Olsen ben podería pasar á porta da nosa casa; de calquera porta de calquera casa.

Sushi Books acertou coa publicación deste libro e únese á lista de clásicos infantís que ultimamente se incorporan á literatura galega. Desde os volumes de Roald Dahl que a propia Sushi Books publicou recentemente aos clásicos de Maurice Sendak, editados por Kalandraka.

♦Tarzán de goma, de Ole Lund Kirkegaard, traducido por Moisés Barcia. Sushi Books, 2014. 96 páxinas. ♠15€

César Lorenzo Gil.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s