Da literatura non se come? Os oficios dos escritores

Antón Avilés de Taramancos, no centro, ao mando do seu negocio hostaleiro.

Antón Avilés de Taramancos, no centro, ao mando do seu negocio hostaleiro.

Xesús González Gómez.

Catro anos despois da súa publicación, leo o curioso libro: Trabajos forzados. Los otros oficios de los escritores, de Daria Galateria (Madrid, Editorial Impedimenta, 2011). Galateria, italiana especialista en literatura francesa, fala neste libro dos oficios, dos traballos, que exerceron diversos escritores de diferente caste e calidade: Italo Svevo, Jack London, George Orwell, Boris Vian, Kafka, Eliot, Paul Morand, Dashiel Hammet, Jean Giono, Maxim Gorki, e un amplo etc. O libro collino nunha biblioteca pública e sabía, desde o principio, que a súa lectura sería, simplemente, unha axuda para, como dicía André Breton da escrita, “acurtar o tempo”, sobre todo nos enfastiados días da Santa Semana. Non sería un libro que descubrise grandes cousas, mais si un deses libros que se le con pracer e, bastantes veces, ceibando un sorriso. Tamén, é certo, “abríraseme” a curiosidade por saber como respondían perante o traballo, ou o folgo, os escritores seleccionados por Galateria. Sei, porque coñezo varios, que algúns, bastantes, escritores, que estaban á espera de se liberaren do emprego, do “xugo do traballo”, por usarmos un tópico, para así poder escribiren a gran novela (ou as grandes obras) que ambicionaban, e que unha vez retirados do “duro laborar arreo”, só escribiron algún conto, tres ou catro versos ou responderon por escrito a algunha enquisa. Deixaron, como se di, case de escribir: hai varios casos galegos, mais non vou citar ningún. É dicir, talvez a estes escritores o traballo cotián os empurraba a escribir; unha vez carentes deste impulso, abandonaron ou esquecéronse da escrita, marcharon e non se lembraron de volver.

Os oficios exercidos polos escritores que selecciona a estudosa italiana van desde o grande empresario que foi, “por esas cosas de la vida”, que dicía a canción mexicana, Italo Svevo (quen, mentres exerceu de grande empresario non se atrevía a escribir nin unha frase, por medo a que o atrapase a escrita e se esquecese das súas “obrigas” profesionais), até o de detective privado (Dashiel Hammet), a pasar polo de empregado de banca (Jean Giono ou Eliot), enxeñeiro (Boris Vian), diplomático (Paul Morand, Paul Claudel), empregado dunha axencia de seguros (Kafka), carteiro: Bukowski, quen exerceu outros empregos, como Jack London, que foi desde buscador de ouro, a ladrón de ostras e até policía naval ou empregado dunha fábrica de conservas, Maxim Gorki, que fixo de todo desde que era un neno, como London. Ou H. Hrabal, G. Orwell: policía colonial en Birmania e lavapratos en París, etcétera, etcétera. Evidentemente, faltan moitos: Wallace Stevens, director xeral dunha grande empresa de seguros; ou o case descoñecido fóra de Francia Noël Arnaud, que chegou a ser responsábel dos hospitais públicos franceses durante o primeiro mandato de François Mitterand á vez que era un dos máis conspicuos representantes da vangarda literaria gala; ou os diversos oficios exercidos por Tobias Wolf e tantos outros, sobre todo (curiosamente?, norteamericanos. Mágoa que non fale daqueles que case nunca deron golpe: André Breton –quen malviviu case toda a súa vida a costa de “sablazos” e axudas de amigos, ou de vender os cadros que lle regalaban ou os seus manuscritos: cando morreron seus pais, recibiu unha cuantiosa herdanza–, Paul Éluard (este, durante moito tempo, vivía de seu pai, grande empresario froiteiro nas Halles parisienses), Benjamin Péret (que malvivía a base de correccións da prensa diaria), Guy Debord (que, como quen di, viviu durante moito tempo dos cartos que podía conseguir traballando ou escribindo a súa compañeira Michelle Bernstein, e das axudas do que sería o seu amigo e editor, Gérard Lebovici, un dos grandes produtores cinematográficos franceses), Louis Aragon, até que ingresou no Partido comunista, quen o empregou como director de revistas; e moitos máis que agora non veñen ao caso. Digamos, porén, que estes que case nunca traballaron, e que non tiñan fortuna propia, como era o caso de Tristan Tzara (herdeiro dun grande empresario petrolífero romanés de orixe xudía), Marcel Proust, etc., pertencían na súa inmensa maioría ao que se deu en denominar vangarda “histórica”.

Mágoa que non fale daqueles que case nunca deron golpe.

Galateria, atinadamente, non intenta vincular a obra dos escritores aos oficios que estes exerceron, aínda que ás veces si tiveron que ver co desenvolvemento da súa obra. Curiosamente, máis nos escritores que poderiamos denominar de tipo “social”: London, Orwell, Gorki, etc., do que nos outros. Aínda que eses outros puideron tirar das súas experiencias operarias temas ou iluminacións para as súas obras: Hrabal, Hammet, o propio Kafka… Ora, o máis curioso de todo é que moitos escritores afirmaban (Bukowski, Giono, Hrabal, etc.) que lles era máis tormento escribir que traballar.

Despois de ler este curioso libro, pódese un preguntar se ter un traballo seguro axuda á escrita –eu estou seguro de que si–, mais tamén cabe preguntarse se o que se entende (mal) por escritor profesional –é dicir, o que vive da súa “pluma”–, ao verse apremado polo día a día non desleixa un pouco a súa escrita. Pódese pensar que así é, mais lembremos, por exemplo, que Baudelaire escribiu os seus mellores poemas cando non tiña case un can, despois de dilapidar a fortuna (un porrón de millóns) que herdara de seu pai en pouco menos de dous anos e lles mendigaba cartos aos amigos e, sobre todo, á súa nai. Mais sobre todo isto hai moito que discutir e meditar.

No 2010 no suplemento “Luzes” da defunta edición galega de El país, Óscar Iglesias entrevistaba a Xavier Queipo. Nesa entrevista, o escritor dicía, entre outras cousas, que ao non ser un escritor profesional, é dicir, ao non vivir da escrita, porque escritor profesional é outra cousa, como logo explicarei, gozaba dunha liberdade que estes non teñen, xa que o seu salario lle concedía certas prerrogativas. E que, pregunto?

Profesional da escrita vs Vivir da literatura

En canto á diferenza entre vivir da escrita e ser un escritor profesional, hai que comezar a delimitar os termos. Escritor profesional non é só aquel que vive da escrita senón, sobre todo, o que vive para a escrita, para a súa obra; e mesmo está disposto a sacrificar a vida por ela, como afirmaba en 1843 un mozo alemán, filósofo el, que naquel tempo exercía o xornalismo na Rheinische Zeitung), chamado Karl Marx.

Cando se trata de escrita, á parte do traballo teimudo e rigoroso, tamén fai falta algo que se chamaba, non sei se continúa a se chamar así, “talento”. Cervantes escribiu El Quijote no cárcere; Balzac compuxo a maior parte d’A comedia humana para pagar as débedas que tiña, para non ser encarcerado; Dostoievski escribía a toda hostia e sen corrixir para poder pagar as súas débedas de xogo; Shakespeare, que dúbida cabe, era un escritor “profesional”, e supoño que debía escribir apremado polas “estreas”, etc. Ora, e aquí ao mellor chegaba a un acordo con Queipo, isto non impide constatar que a miseria, como episodio biográfico e como realidade social, impediu, imposibilitou escribir moitas máis obras das que eventualmente puideron “xerar” moitos destes escritores, como testemuñan memorias, cartas e diarios de innumerábeis autores. No noso caso, no caso galego: Cunqueiro e, en certa medida, Blanco Amor. Noutros contextos: Walter Benjamin. Con todo, as obras producidas polos mencionados, de non estaren aburados pola miseria ou as débedas, serían “iguais”? Non fagamos ucronías. Tamén é certo que hai que acabar, dunha vez por todas, coa famosa tradición do malditismo: é unha trampa máis da ideoloxía burguesa para que todo o mundo fique contente. (Por outra parte, como afirma Enrique Vila Matas en Doctor Pasavento, hoxe só é escritor maldito aquel que non é citado nos xornais.) É dicir, a pesar da “miseria”, da “pobreza”, estes autores (e se pode recitar unha restra abondo longa) conseguiron grandes obras; o que non quere dicir que para producir grandes obras haxa que vivir como eses escritores, na beira da miseria. Por outra parte, non hai que esquecer tampouco o caso dos grandes directores de Hollywood, de John Ford a Howard Hawks, a pasar por Billy Wilder ou John Huston e tantos outros, que filmaban as súas películas pendentes das tesoiras e os caxatos dos produtores. Ou o caso de Miguel-Anxo, que pintou a Capela Sixtina por encarga de Xulio II e a seguir os desexos deste papa, que mesmo lle indicaba que personaxes debía pór, etc. E non esquezamos que A Eneida foi unha encarga do emperador Augusto ao poeta oficial Virxilio. Nunha palabra, alguén pode ser grande escritor vivindo só da súa pluma e tamén pode selo tendo un emprego óptimo ou exercendo diversos empregos miserábeis. E viceversa, claro. Quen sabe se a obra de Hrabal, de Bukowski, de London, de Orwell e de tantos outros non sería inferior ao que é se no canto de traballaren en ducias de oficios, de viviren ás veces case na miseria, tivesen un bo emprego, con horario fixo e boa remuneración. Quen sabe se as obras de Dostoievski serían o que son se, no canto de ter que escribir sen parar á luz dun candil para pagar débedas fose, por exemplo, diplomático tsarista. Ou a obra fragmentaria de Benjamin, sería o que é se chegase no seu día a conseguir a habilitación universitaria que se lle negou? Ou a de Cunqueiro: sería a que é se en 1944 non fose despedido, por razóns que non veñen ao caso, do bo cargo público, e da profesión de xornalista, que tiña? E así até o infinito.

Quen sabe se as obras de Dostoievski serían o que son se, no canto de ter que escribir sen parar á luz dun candil para pagar débedas fose, por exemplo, diplomático tsarista.

Era Samuel Beckett un escritor profesional? Érano James Joyce ou Marcel Proust ou mesmo William Faulkner? Talvez é hora de empezar a aclararmos que ser escritor profesional non ten nada a ver con gañar a vida coa “pulma”, coa escrita (aínda que hai escritores “profesionais” que gañaron a vida escribindo). Nisto do escritor “profesional” existe moita hipocrisía e moita confusión, polo que non está de máis lembrar un dos consellos que Charles Baudelaire lles daba polo xa afastado 1846 aos “escritores mozos”: “Un exemplo entre mil. Moitas das persoas que amo e estimo irrítanse contra as popularidades actuais, Eugène Sue, Paul Féval, logogrifos en acción; mais o talento destas persoas, por moi frívolo que sexa, non existe menos, e a cólera dos meus amigos non existe, ou mais ben existe de menos –porque é tempo perdido, a cousa menos valiosa do mundo. A cuestión non é saber se a literatura do corazón ou da forma é superior á literatura de moda. Isto é unha gran verdade, cando menos para min. Mais non será do todo xusto até que non teñades, no xénero que vos queirades instalar, o mesmo talento que Eugène Sue no seu. Tendes que prender o mesmo interese con outros medios; tendes que posuír unha forza igual e superior nun sentido contrario; dobrade, triplicade, cuadriplicade a dose até chegar a unha concentración igual, e xa non teredes dereito a calumniar o burgués, porque o burgués está en vós. Até aquí, vae victis!, porque nada é máis verdade que a forza, que é a xustiza suprema”.

Algúns oficios dos poetas galegos

En 1987, no número 95 de Grial, publiquei un pequeno traballo sobre os oficios dos poetas galegos. Vexamos algunhas curiosidades. De 1900 a 1936 tirabamos vinte e dous poetas –mediante a Escolma de Fernández del Riego. Os oficios deste 22 poetas eran os seguintes: sete profesores e/ou mestres; dous cregos; tres xornalistas; dous funcionarios públicos; un empregado de banca; un maxistrado; un avogado; un mariñeiro; un músico e un “escritor profesional”, que tamén fora profesor ocasionalmente (Blanco Amor). Un segundo grupo ía de 1936 a 1975, e estaba composto por 38 poetas –neste grupo introduciamos a Pimentel, aínda que poeticamente debería pertencer ao grupo anterior–, mais neste grupo incluíanse moitos que empezaron a escribir durante a República mais consolidaron a súa obra nos anos 1950 ou máis tarde. Neste grupo contei un total de 38 poetas: once profesores e/ou mestres; cinco funcionarios públicos –locais ou estatais–; tres xornalistas; tres procuradores e/ou avogados; dous oficinistas; un médico; un pintor profesional (Seoane); un empregado de banda; dous cregos; un comerciante; un realizador de cine e TV.; un taberneiro; unha ama de casa (por ter deixado o seu emprego ao casar), un empregado de libraría, un farmacéutico, dous que vivían das súas rendas e outras nimiedades e un escritor profesional en español –Lorenzo Varela. Un terceiro grupo ía de 1975 a 1987 e estaba composto por 40 poetas. Destes 40 poetas vinte e un eran profesores, mestres ou catedráticos; tres xornalistas; tres avogados e/ou procuradores; dous estudantes; dous funcionarios; dos nove restantes, de catro non demos coa súa profesión, e os outros cinco exercían profesións diferentes: crego, empregado de libraría, de banca, administrativo e mesmo naquel momento un policía municipal, etc. Hoxe, acho, o número de profesores ou profesionais do ensino, así como o de xornalistas –o número deste últimos se mantiña estábel ou mesmo perdera porcentaxe na última “mostra”– debeu medrar en porcentaxe. O que si está claro, porén, é que a porcentaxe de cregos baixou de forma alarmante, para os practicantes da relixión. Observemos, no entanto, que esta tendencia –cada vez maior números de “profesores” e/ou ensinantes– repítese en todas, ou case todas, as literaturas europeas e con maior forza aínda naquelas literaturas que non están normalizadas, é dicir, non teñen detrás un Estado, e non só no que respecta aos poetas, senón tamén aos novelistas e mesmo os autores teatrais.

Agora decátome que quería escribir sobre o libro de Galateria e non foi así: outro día será.

Advertisements

2 comentarios en “Da literatura non se come? Os oficios dos escritores

  1. Pingback: As crebas » «Algúns oficios dos poetas galegos», fragmento dun artigo de Xesús González Gómez en Biosbardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s