Celia Recarey: “A falta de traducións fai que a cultura galega estea coxa”

458176_10151293640829656_497560715_oCésar Lorenzo Gil.

Irmás Cartoné é unha editorial que se deu a coñecer hai ao redor dun ano coa publicación en galego dun dos grandes clásicos da literatura universal contemporánea, o Orlando, de Virgina Woolf. Desde aquela, publicaron outros dous títulos, Hadrián VII, de F. Rolfe (Barón Corvo) e O triunfo do ovo, de Sherwood Anderson. Celia Recarey (Dodro, 1977) é unha das súas responsables. Tradutora e editora con grande experiencia, traballou para Alfaguara en Madrid e logo como freelance participou en proxectos de lectura e tradución para moitas empresas antes de se trasladar a Galicia no 2010. Conversamos con ela sobre un proxecto que destaca pola calidade das súas edicións, no contido e na forma.

Se escolleron o nome Irmás Cartoné, en plural, é porque hai máis persoas envolvidas neste proxecto?

Formamos o proxecto Carlos Valdés e mais eu. El encárgase da distribución, tamén da ilustración; eu da diagramación… O resto: produción, difusión, tradución, ímolo facendo en conxunto. É unha editorial de nova xeración, na que nós os dous asumimos o groso do traballo editorial en base ao noso propio esforzo, en “gastarmos” o noso tempo na editora para así facer sustentable a empresa.

Unha nova editorial en galego parece un milagre neste tempo. Como xorde Irmás Cartoné?

É un soño de vello. Levabamos moito tempo querendo publicar os nosos propios libros. Tanto Carlos coma min realizamos un máster de edición e traballamos no ámbito editorial de Madrid moito tempo. Aprendemos o oficio, quizais cansamos de facer só un traballo que si nos daba de comer pero que non nos satisfacía e necesitabamos dar o paso: fixar as nosas ideas sobre o libro nun proxecto tanxible que puidese convivir coas esoutras nosas obrigas máis comerciais.

Até agora publicaron traducións do inglés e do francés de libros contemporáneos pero non actuais. Esa vai ser a liña editorial principal?

A nosa liña ten dúas ponlas: publicar en galego obras clásicas, canónicas, indispensables, que non formaban parte das letras galegas. E tamén publicar esoutros clásicos que nós denominamos freaks, libros de moita calidade pero que non son famosos, obras que resistiron o paso do tempo pero que quizais é necesario rescatalos. Chamámoslles freaks porque son libros moi queridos por determinados lectores. Deunos unha grande alegría, logo de publicarmos Hadrián VII, que nos escribise un lector para darnos as grazas porque era a súa obra favorita. Ese é o público que buscamos, persoas que quizais xa leron os libros que publicamos pero que queren posuílos traducidos ao seu propio idioma, en edicións coidadas.

Existe ese lector en galego?

Non somos un gran selo que poida facer estudos de mercado. E aquí, entre nós, eses estudos moitas veces non atinan. Nós guiámonos polo entusiasmo e por unha mentalidade editorial máis instintiva. A nosa idea é crear unha liña definida e conseguir que os lectores saiban que detrás dos títulos que escollemos hai un compromiso franco dos editores por dar a coñecer obras que consideramos tan interesantes que deben estar no catálogo da lingua galega. Ese pacto co lector esperamos que vaia atraendo cada vez máis público.

Xa teñen deseñado un plan editorial?

Non. Este primeiro ano necesitámolo para pór en marcha a maquinaria, axustar as cousas, comparar as nosas expectativas coa realidade e ver como está o panorama. A nosa idea é publicar proximamente dous novos libros, unha novela de Émile Zola e un libro de relatos de Katherine Mansfield. Co tempo, queremos deseñar un programa editorial que nos permita facer unha previsión máis axustada e previsible de prazos e de novidades. Mais polo de agora, Irmás Cartoné aínda non pode ter toda a nosa atención, todo o tempo que nos gustaría dedicarlle.

En galego, a tradución de clásicos sempre se fixera até agora con apoio ben institucional ben empresarial, das caixas de aforros, por exemplo. Vostedes lánzanse sen rede.

E para facelo hai que cambiar a mentalidade. En Galicia as editoras que empezaron con bibliotecas de clásicos e logo pararon tiñan unha lexítima visión comercial e unha estratexia de produción clásica, máis profesional, con recursos para contratar tradución, corrección… A nosa é unha maneira de funcionar diferente. Podemos acometer o traballo profesional da produción sen recursos alleos. Só contamos de inicio nun proxecto co que nos custe a imprenta. Até a distribución a facemos nós. Isto fainos máis humildes, non nos permite nin encher o mercado nin producir moitos títulos pero tamén nos garante sustentabilidade porque o que estamos “consumindo” non é diñeiro senón o esforzo persoal.

A realidade é que a posibilidade de vivir da escrita ou da tradución literaria é moi moi baixa.

Moitas voces critican o voluntarismo, especialmente aqueles profesionais, caso dos tradutores, que coidan que iniciativas coma a súa é unha especie de “competencia desleal”.

Podo entender as queixas pero coido que nacen dun diagnóstico errado da situación. Cantos tradutores hai que cobren regularmente de grandes empresas que lles poden pagar as súas tarifas? A realidade é que a posibilidade de vivir da escrita ou da tradución literaria é moi moi baixa. E non falo do sistema galego, falo do español, con toda a súa suposta potencia. E o conto vale tamén para os escritores. Hai pouco falaba cunha amiga miña que hai dous anos publicou un libro infantil en castelán. Chegáralle a liquidación e estaba a muller moi alterada porque da venda de dous mil exemplares a ela correspondíanlle ao redor de 200 euros. Cando lle dixen que estaba moi ben vender 2.000 libros, replicoume que só gañara 200 euros. O problema é que se creou unha imaxe errada do negocio editorial. Moitos pensan que dentro desta “mina” hai ouro e, francamente, as satisfaccións que podemos tirar da edición non son unha gran rendibilidade económica, pasan máis ben por conseguir cumprir metas persoais, metas moi modestas no plano económico.

O importante neste caso é que o proxecto polo menos non dea perdas.

Pensemos no ciclo habitual dunha pequena editorial. Catro? Cinco anos? Proxectos que acaban xusto cando acaba o ciclo dos créditos. E por que pasa iso? Porque incluso os editores máis modestos teñen, ou tiveron, porque coido que a cousa está mudando, un modelo calcado do gran negocio das grandes marcas. Queren remedar o sistema pero en miniatura. E iso é un erro. Pensan que porque teñen o almacén baleiro, venderon a tiraxe e lánzanse a imprimir outra. E de alí a uns meses chegan os exemplares devoltos das librarías porque neste negocio non existe unha relación directa entre o provedor e o maiorista senón que o produtor deixa en depósito e só consegue beneficios do que o libreiro dá vendido.

Nós, por exemplo, podiamos deixarlle a unha empresa a distribución pero sabemos que en tiraxes tan pequenas coma as nosas a marxe de beneficio anda moi axustada e vai depender desa cantidade de diñeiro que poidamos conseguir distribuíndo nós mesmos. Iso é só un exemplo de como hai que encarar este negocio hoxe en día. Ser pequeno non é unha eiva se se sabe xogar co tamaño e se crea coherencia entre a oferta e a demanda.

“Libros de papel nos tempos do iPad”. Cantas veces escoitaron iso?

Penso que logo dun tempo de incertezas, hoxe dáse por superado ese mito da desaparición do libro de papel. Coido que convivirán e que na lectura literaria seguirá a ser protagonista o libro de sempre porque ten vantaxes comparativas na usabilidade para os lectores.

O importante é aproveitar todas as posibilidades para producir bos libros. Tempo de medrar sempre hai.

Ultimamente, un dos temas recorrentes na literatura galega é a necesidade de ampliar o marco de publicacións para a narrativa galega. Aquí en Biosbardia falaron do tema primeiro Fran Alonso e logo Rexina Vega. Vega especificaba que cómpre unha nova editorial pero que non valía cunha pequena, que tiña que ter certo tamaño para ser eficaz. Que opina vostede disto?

Alonso ten razón. Coido que hai espazo para máis selos editoriais. É unha idea factible no económico e que conta cunha vantaxe: Galicia é unha terra que dá moitos escritores. Non habería escaseza de contidos. En canto ao comentario de Vega, penso que ese preconcepto cara ao pequeno está un pouco obsoleto. Primeiro porque está relacionado co que dixen antes: pensar que hai que facer as cousas coma as fan as grandes. Iso é un erro porque o importante non é crear infraestruturas que en teoría teñen todos os elementos dunha empresa editorial ao uso; o importante é aproveitar todas as posibilidades para producir bos libros. Tempo de medrar sempre hai. Hoxe en día é posible empezar con poucos recursos sen que por iso se resinta a calidade.

É curioso que neste tempo, falo no contexto español, estean a nacer ou consolidarse moitísimos proxectos. Dá a sensación de que cada mes nace unha editorial cun fabuloso nivel de edición e cunha interesante escolla de títulos. Hai perigo de burbulla?

Coido que son proxectos sustentables, que nacen desa idea da que falaba antes: aproveitar as potencialidades propias e as melloras técnicas, caso da edición dixital, por exemplo, que facilita tiraxes curtas e evita en gran medida o problema da almacenaxe de libros. Todos estes novos selos comparten unha cousa: están fundados por profesionais cunha amplísima formación e experiencia. Coñecen o negocio e levan tempo aprendendo para daren o salto a proxectos propios. Están a crear unha gran variedade de liñas editoriais. Non sei se hai casos nos que dependan de recursos externos; eses serán os máis débiles dentro duns poucos anos. Outros si que poden sobrevivir e incluso medrar.

En Galicia, a pesar de todo, hai arestora tres editoriais cuxos alicerces son as traducións e os seus promotores eles mesmos profesionais da tradución: Irmás Cartoné, Hugin e Munin e a pioneira, Rinoceronte. Hai oco para tanto na nosa lingua?

A falta de tradución en galego é moi grande. Do meu punto de vista, o problema non é pensarmos se hai mercado para tres editoras dedicadas á tradución, é falarmos do contrario: é urxente e cómpren todos os tantos para que o lector medio en galego poida ter o maior número de referentes da literatura universal na súa propia lingua. Cando falas con algunha persoa minimamente lida, decátaste de que todos os títulos que o marcaron, que serviron para constituír o seu corpus lector, (iso que chamamos os clásicos) dáchos en castelán: “Las uvas de la ira, El hombre sin atributos, Orgullo y prejuicio“… Ao non haber traducións, a cultura galega é unha cultura coxa. Cando non hai traducións reséntese a calidade do idioma, tanto na escrita coma na fala, mantennos nun status de dependencia porque non somos unha cultura autosuficiente na recepción do coñecemento universal.

No futuro veremos no catálogo de Irmás Cartoné autores actuais?

Esa é a nosa idea a medio prazo. Queremos ampliar os contidos, cara a outras linguas diferentes do francés e do inglés, que son as que nós dominamos como tradutores e tamén cara a nomes e títulos interesantes que se están a publicar arestora. Co tempo iremos logrando eses e outros obxectivos.

 

 

 

Advertisements

Un comentario en “Celia Recarey: “A falta de traducións fai que a cultura galega estea coxa”

  1. Pingback: Unha lista de lecturas para o verán 2015 | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s