María Victoria Moreno: “Estamos ben programados: gozamos da vida pero ao final aceptamos a morte”

morenoO blog de información literaria feminista A Sega dedicoulle o Día das Galegas nas Letras 2015 a María Victoria Moreno, que será homenaxeada o 15 de agosto con diferentes actos. Recuperamos unha entrevista publicada no 2004 ao redor da súa obra e de como encarou os seus últimos anos de vida.

 

Xan Carballa.

Diario da luz e a sombra (Xerais) foi un dos derradeiros libro de María Victoria Moreno, unha das máis importantes escritoras galegas no eido da literatura xuvenil, á que deu algúns dos títulos máis vendidos como Anagnórise ou Leonardo e os fontaneiros, o seu libro máis querido. En Diario da luz e a sombra fixo a crónica da vivencia cun cancro detectado en 1997, sen abandonar unha poderosa pulsión literaria. Esta entrevista foi realizada en decembro de 2004, un ano antes da súa morte en novembro de 2005 e publicada n’ A Nosa Terra (nº 1157).

Cal é razón fonda para escribir este libro, que é unha testemuña da enfermedade pero tamén é literatura, da que ás veces se di que é terapéutica?

Non o sei. No libro aconsello á xente que escriba. Conto dunha muller que tiña osteoporose coa que me vía no cemiterio de San Mauro. Buscabamos un sitio acougado, ela líame as súas cousas e eu leváballe poemas que pensaba que lle podían servir para acougar a alma. Non é que atopase a ledicia, porque ante un gran pesar non a vas atopar, pero levalo con paz é importante. Se o pesar máis fondo consegues convertelo en melancolía, que é un sentimento superior, daquela estás feliz. Na melancolía vívese con acougo. Por iso aconsello que se escriba, que se trate cos animais, que se lea… A min non mo aconsellaron, pero estiven moito tempo soa, porque a miña filla estaba fóra e os meus amigos tiñan os seus traballos, aínda que os sabía dispostos as 24 horas. Escribín unha novela nese tempo, Guedellas de seda e liño, pero era un traballo que non me prestaba. Enchín seis libretas, e larguei moito e tamén moito fel. Cando tes esta pupa cabrona, agarimo non che falta pero si comprensión. Ti dis, estás mal e dinche que estás moi ben, que engordaches… dincho por ben pero amola. Nesas libretas soltaba o que quería, e uns días antes de saír o libro rompinas todas. Algunhas cousas están no Diario da luz e a sombra, arranxadas, e servindo de fío ao que conto. O libro é lixeiro e pode ser lido por calquera. A miña idea é transmitir serenidade. Cando as cousas se poñen feas non teñen arreglo, pero si podes aliviar a alma porque despertas outros pensamentos.

Escribo sempre como un impulso, sen planificación, Mar adiante, o primeiro libro galego, saíu porque o soñei. E a partir daquela o meu compromiso co galego xa foi para sempre.

Un dos fíos son anacos do ensaio de García Sabell, Paseata arredor da morte. Convalida moitas das cousas que el analisa?

Cancro identifícase con morte, e non é así. Pode ser fulminante pero en xeral avisa longamente. Esa identificación existe, pero aquí non estamos para quedar sempre. Se eu fose unha fada e tivese na miña man facer de ti un inmortal e deixarte neste mundo por sempre, eu non che faría esa putada. García Sabell fala de que cando a morte comeza a substituír á vida non é tan duro, o duro son os prolegómenos. A dor, a desesperación… pero unha vez que a morte se aposenta no teu vivir as testemuñas aseguran que se recibe con gran placidez. A maior parte da xente, sen seren crentes nin nada semellante, morren placidamente, cun sorriso. Iso que di García Sabell de que no derradeiro momento se sabe perfectamente que ten a razón quen está a morrer e non os que está ao seu carón é así. Teño un amigo que é de profesión relixiosa, que gañou a súa vida non como crego senón co seu labor intelectual, estivo moi mal e di que non chegou a ver ningún túnel de luz, nin vertixe, pero cando acordou e volveu á vida, sentiu un fondísimo sentimento de desagrado, estaba mellor alí. Estamos moi ben programados, desfrutamos da vida enormemente e queremos todo o que é fermoso, pero tamén estamos feitos para marchar. Eu penso, como di o Quixote, o Evanxeo de Xoán ou os textos de San Paulo, que o podes coller de onde sexa, que Todo é para ben. Pensei que o feito de estar enferma, de ir á clase con chapeu ou perruca, que os alumnos visen que a profesora non tiña a cilindrada de antes, podíame servir para educalos no que a sociedade non educa, recorda que es po e en po has converterte. E mentres tanto desfruta e fai desfrutar os demais. Pensei que eu era exemplo desa actitude, quixen educalos na idea de que a vida non dura sempre pero hai que desfrutala. Cando non puiden facelo por falta de forzas, nese momento decidín deixar de ensinar. E tiven a despedida máis fermosa que poidas imaxinar. A xente dáme moito amor.

Non fixo un libro de auto-axuda…

Pero se axuda, benvido sexa!

E púidolle tamén o oficio literario.

Fíxeno como unha escritora e se quedas pendurado dos personaxes, querendo saber que foi deles, é porque a vida é o modelo da novela. Se contas unha vida sempre quedan fíos pendentes.

Tamén di que quizais sexa un libro que non debe ler unha persoa nova.

Penso que non, aínda que tampouco me importaría que o lese, porque hai rapaces novos que entenden moito. O tema é serio e evitei o tratamento dos cancros da xente nova, que moitas veces son fulminantes e iso non podo entendelo. Creo que o libro pode axudar a ver a vida doutro xeito, non só á xente enferma senón a quen teña outras doenzas na alma.

Reivindícase como unha muller feliz coa súa profesión de ensinante. Despois de corenta anos de experiencia no ensino, como ve a evolución da mocidade neses anos porque no libro conta anécdotas admirativas dunha xeración que, ás veces, se mira con prexuízos.

A diferenza xeracional existe e a xente maior pensa que ten sempre razón pola experiencia e por intereses creados. Quere meter a mocidade pola súa canle e non entra, nin agora nin nunca. A mocidade é a que tira do mundo, a que o fai cambiar e iso non se pode parar, sexa para ben ou para mal. O que me desgusta é a actitude de envexa dos grandes aos pequenos, pensando que teñen o que ti non tes. Pero non é así; cada época ten os seus sacrificios, os seus esforzos e as súas opcións. Na miña xeración había xente que non estudaba pero os que o faciamos case tiñamos un posto de traballo asegurado, cousa que hoxe nin por asomo. Había un respecto reverencial a unha serie de cousas e hoxe non o hai, pero tampouco era necesario ou xusto. Hai bos, maos e regulares, pero hoxe están despistados porque están maleducados. Os agasallos desta época son, nunha inmensa parte, para xogar e para estar sós, non se fomenta a solidariedade ou a compañía…

Escribo en galego porque amo a Galiza, porque Galiza me deu moito, porque penso en galego, porque collín a causa dos pobres…

Un instituto é un gran lugar para a observación.

Velo todo. Vin grandes cousas, a idea que teñen da solidariedade, da xustiza, como saben sempre con quen están, e tamén envexas. Alí hai unha mostra da humanidade, co bon e o menos bon. Pero se os pais o que queren é ter máis cartos. para iso hai que traballar máis e fáltase da casa. Non se está cos nenos que quedan baixo o mando da televisión, e cos rapaces hai que estar. Telos porque queres e duran pouco como tales nenos. Na medida que desfrutes deles e eles de ti créase o amor máis fondo.

Naceu en Valencia de Alcántara (Cáceres) e chegou a Galiza a dar clase con vinte e dous anos. É unha persoa que se integra até o punto de ser unha das grandes autoras da literatura galega. Como foi ese tránsito?

Na miña familia non hai ascendentes galegos. A da miña mai é de militares de orixe andaluza e a de meu pai de labregos acomodados da raia entre Toledo e Cáceres. Estudei o bacharelato en Catalunya e a carreira de Filoloxía Románica en Madrid. Empecei cunha novela en castelán coa que fun finalista no Café Gijón e tiven un primeiro premio en Guimarães. Alí entra a miña crise de conciencia, e nela ten moita importancia na miña vida Xesús Alonso Montero. Cheguei a Pontevedra, onde escoitaba dicir, que jovencita, licenciadita, ¿te harás del Casino?, e daquela souben que aquilo non era o meu. O que fixen foi poñerme a estudar, porque o instituto era a miña paixón, e gañei a oposición. Botei dous anos en Lugo e comprendín a distribución social da lingua. E sempre estiven cos pobres da terra. Fun competente na miña carreira, sabía francés, catalán, italiano e castelán, tamén algo de romanés e portugués e aprender galego non era ningún problema. Escribo sempre como un impulso, sen planificación, Mar adiante, o primeiro libro galego, saíu porque o soñei. E a partir daquela o meu compromiso co galego xa foi para sempre. Ningunha lingua me necesita a min. Fun necesaria para sacar adiante á miña familia cando tivo problemas, pero ningunha literatura necesita a María Victoria Moreno. Escribo en galego porque amo a Galiza, porque Galiza me deu moito, porque penso en galego, porque collín a causa dos pobres… aínda que tamén o foi de certos vividores, porque hai libros que non se publicarían en ningunha outra lingua de cultura. Penéirase pouco, pero a política dos editores, non a critico: hai que facer cordilleira para que aparezan cumes. Eu non escribín en galego por ningunha gloria mundana.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s