‘Adral’, a enciclopedia popular de Filgueira Valverde

Xosé Filgueira Valverde, á esquerda, saúda a Francisco Franco.

Xosé Filgueira Valverde, á esquerda, saúda a Francisco Franco.

César Lorenzo Gil.

A editorial Galaxia publicou neste inicio do Ano Filgueira Valverde o máis interesante da obra literaria do catedrático pontevedrés. A ‘Biblioteca Filgueira’ divídese en traballos puramente literarios e outros máis achegados ao xornalismo cultural, á divulgación humanística e á crónica erudita. Estes traballos estaban recompilados en varios volumes que publicara Ediciós do Castro; agora reaparecen dous volumes: Adral Segundo Adral, que compilan os artigos publicados entre o 1976 e o 1981.

A obra puramente literaria de Filgueira é prescindible. Os seus textos lense hoxe envellecidos, algo roucos, sen potencia, cunha lingua arqueolóxica, traballo arrombado polo tempo no esquecemento. A reedición de Quintana viva O Vigairo é unha tarefa necesaria para actualizar o legado do escritor homenaxeado no Día das Letras pero sen real interese para un lector do século XXI.

O miolo do interese de Filgueira, o seu real testamento, valioso e actual, son os Adrais. Filgueira publicou artigos na prensa a partir da súa xubilación, na década do 1970. Na presente edición, estes textos non se ordenan por orde cronolóxica senón por temas. É unha intelixente decisión editorial que permite o mergullo nos textos con curiosidade, seguindo cadaquén as liñas do seu interese persoal.

Filgueira amosa nesta obra as súas calidades como historiador, lingüista e “retratista”. Son retratos dos amigos, logo da súa morte. Amizades relacionadas coas artes, algunhas delas cruciais na historia recente da cultura galega. Filgueira achégase a eles evitando o sentimentalismo. Repara na súa obra, nalgúns recordos íntimos. Xa é un home de máis de setenta anos que sente a morte dos próximos como unha advertencia da proximidade da propia fin.

Nestes volumes, Filgueira está a salvo da controversia política. Xa el non é unha figura próxima ao poder franquista. Por compromiso ou por habelencia, o seu ideario é claramente galeguista. Fala con claridade e paixón da necesidade de recuperar para a sociedade a lingua propia. Faino, loxicamente, dentro dos parámetros do galeguismo cultural do que formou parte pero cunha firmeza indiscutible. Os seus textos sobre toponimia e sociolingüística marcan unha posición definida a prol da normalización da lingua galega. El, que foi conselleiro de Cultura nun goberno de Alianza Popular, hoxe estaría considerado un apestado, un “nacionalista que vive nun país irreal” polo actual presidente da Xunta.

A transición entre o franquismo e a autonomía foi un tempo no que o propio idioma pasou do ámbito da fala, popular e sempre asociado á pobreza, ao da oficialidade. Era un galego que naquela altura, igual que ocorre hoxe, tiña a súa vangarda, o seu máximo orgullo, na literatura. É a base de literatura, de filoloxía, que Filgueira vai metendo o cóbado a través desas columnas publicadas na prensa tan castelá daquela coma agora, a favor da lingua propia. Un dos acertos é o ton. Igual que fixera despois Xosé Luís Méndez Ferrín, con algunhas series tan exitosas coma a que preparou sobre apelidos galegos para o Faro, Filgueira empatiza co lector, ofrécelle unha idea práctica sobre o vocabulario que utiliza, axúdao a atopar un galego do día a día menos contaminado, sen culpas nin requestas, poñendo solucións e explicando cousas tan básicas coma o porqué dos nomes dos días da semana ou o significado dese arume que en moitas comarcas se cantaba no himno sen saber que conxuraban a foupa, as candeas ou o pinocho.

O nomeamento de Filgueira como autor homenaxeado este 17 de maio serviu para convertelo, por parte dalgunhas figuras da Filoloxía e da Política, nun símbolo dunha suposta conspiración das forzas hexemónicas do galeguismo elitista contra a reintegración do galego no ámbito da lusofonía. Lendo este libro, ese cómic da Marvel perde moito fol. Hoxe que só pronuncian corta feira os nacionalistas máis aguerridos, quizais soe estraño que o propio Filgueira reivindique esa forma católica de nomear os días. “Vaise perdendo de todo o vello costume de chamar os días da semana con números seguidos das verbas “feira”, e medra o uso dos nomes “pagáns”. Este laio é semellante ao da Gentalha do Pichel cando montaron este vídeo.

Historia e antropoloxía

Garda grande interese para o lector actual o xeito de explicar determinados fenómenos históricos ou culturais de Filgueira. Moitas tradicións e anécdotas do pasado están contadas cunha linguaxe sinxela; con superficialidade mais sempre con rigor. A do pontevedrés é unha visión clásica, católica, emparentada cos esforzos para xunguir a cultura popular e o necesario alento intelectual que cultivara a Xeración Nós.

Iso non quita que, en moitos casos, os seus comentarios estean hoxe amplamente superados pola evolución das ciencias humanísticas. De feito, ler os Adrais sérvenos para decatármonos do moito que evoluíu o estudo sobre a historia de Galicia (a pesar das enormes e evidentes lagoas que aínda perduran), a etimoloxía ou o estudo cultural comparado. Aínda así, Filgueira destaca por focalizar a Galicia histórica coma unha entidade con iniciativa de seu, perfectamente ao tanto das novidades europeas, en consonancia cos principais movementos históricos.

As pezas de Filgueira foron compostas hai máis de trinta anos. O tempo non pasou en van por Galicia. O catedrático só se queixa en contados intres do cambio social que xa naquel tempo se había notar no tocante á influencia de determinadas tradicións nunha sociedade que estaba a dar o definitivo salto do rural ao arrabaldo (polígono residencial) urbano. Non é que non sinta a perda; coido que todo o contrario. O interese en ilustrar mitos como o de Santiago, a Virxe da Barca, os magostos, os Maios ou a gaita é a forma sutil de intentar blindalos do posible futuro esquecemento.

Filgueira demostra nestes volumes un compromiso con enlazarse historicamente á estirpe de Nós, especialmente á figura de Ramón Otero Pedrayo. Este seu proxecto é un compromiso conservador coa identidade de Galicia. El foi, polo menos nestes seus últimos anos como escritor, un deses conservadores que tanto achaba en falta Manuel Rivas cando cualificou a dereita galega como unha ideoloxía conservadora que non conservaba nada.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s