Mª do Carme Kruckenberg: “A poesía, para min, non ten sexo”

Xan Carballa.

Esta entrevista foi realizada o 14 de abril de 1991. Sesenta anos despois de proclamada  a II República, no enorme piso da rúa Lepanto de Vigo no que daquela moraba María do Carmo Kruckenberg. Seguiron case 25 anos nos que publicou e protagonizou moitos momentos dunha traxectoria incesante de presenza social e literaria nunha cidade en perpetua mutación. Agora que desaparece temos tamén testemuños pormenorizadas da súa andaina vital como o libro de Mercedes Queixas Zas,  Vivir, unha aventura irrepetíbel (Xerais, 2011). Poeta no senso máis puro da palabra, pertencía a un grupo acrisolado despois da guerra, María do Carme Kruckenberg estaba sempre na plataforma pública para dicir os seus poemas sempre que a reclamaban. O seu primeiro libro en galego foi publicado no 1960, Canaval de Ouro, saíndo despois Cantigas de amigo a Ramón González-Sierra Pampillón, A sombra ergueita e Cantigas para un tempo esquecido (Máis información bibliográfica actualizada e outros documentos aquí).

Mª do Carme Kruckenberg. XAN CARBALLA

Mª do Carme Kruckenberg. XAN CARBALLA

“Tiña 16 anos e era unha pequena entre grandes nas tertulias nas que se recuperaba un algo o debate político e cultural despois da guerra. Con esa idade María do Carme Kruckenberg ía dous días á semana aos baixos da antiga Taberna Alameda de Vigo, de 8 a 10,30 da noite, cun grupo de persoas nomeadamente das letras e das artes. Era polos anos 44, 45, 46 e 47. Despois moitos marcharon, para América, para Madrid. Os que iamos regularmente eramos Laxeiro, Prego, os Álvarez Blázquez e eu, ás veces Celso Emilio Ferreiro. Falábase de todo nun reservado que tíñamos para nós: de literatura, primordialmente, e de pintura, tamén de política. Lembro que recitabamos, ás veces, o himno galego, cantando sen cantar. Eu era moi nova e todos tiñan unha predilección por min que empezaba a facer poesía. Empecei escribindo en galego e só deixei de facelo ante a dificuldade de publicar. Daquela a poesía en galego era nacionalismo e iso significaba ser de esquerdas. O primeiro libro foi Cantigas do vento, poemas moi curtos, os primeiros bornoriños na poesía que eu fixen”

A narración deses primeiros comezos tatexantes na escrita de creación en galego preceden á súa viaxe a América, onde viviu varios anos e coñeceu as figuras máis importantes do exilio galego e español da época. “Había un xeneral en Vigo que tiña cabalos e pedinlle se me deixaba montar nos que non usaba. Accedeu e fíxenme íntima amiga do seu asistente, que me esperaba no Castro e logo iamos por Beade e Matamá até a praia de Samil. Á volta dunha desas viaxes comecei a escribir poemas para a miña sorpresa, que nin sequera seguira un bacharelato vinculado á literatura. Ese libro, que fun completando, non o publiquei porque despois casei e  fun para Arxentina no 1949.

“En Buenos Aires coñecín a Lorenzo Varela, Luís Seoane, Cuadrado, Alberti, estiven  dúas veces con Castelao (unha persoa docísima e extraordinaria, aberta, un personaxe auténtico). Por entón o Centro Galego convocou un premio de poesía en galego e Alberti animoume a mandar os meus versos; dicíndome ‘serán poemas de adolescentes; como ti dis, pero aquí hai poesia’, axudoume a facer a escolma e mesmo el escolleu o título. A sorpresa nosa foi que o premio daquel ano foi para Ramón González Alegre, que escribira un libro en castellano. Non quedei desencantada pero máis adiante só unha vez mandei un meu libro en castellano ao Premio Adonais, do que fun finalista con outras cinco obras. Ademais ás veces hai que escribir para premio e eu non sei facelo. Desde entón traballei metida na miña cunchiña e para min”.

Autopoética e siléncio editorial

No fío da conversa María do Carme Kruckenberg adiántase mesmo a cuestións que un leva pensado formular “non sei se será certo o que dicía Juan Ramón Jiménez, pero penso que o poeta ten que escribir primeiro para si e despois para os demais. A poesía é máis íntima que unha novela, máis fonda. É un anaco  de ti mesma que botas fóra e hai que ter unha cabeza bastante firme para non deixar de ser ti e que lea a xente algo no que non cres. Probabelmente agachas cousas nos poemas pero o bo lector sabe sempre onde estar: Penso que poetas son quen escriben e quen len, porque estes últimos teñen que ter a capacidade de asimilación dese poema e comprendelo. Normalmente a xente non entende a poesía, quizais porque desde pequenos non foron educados nela. No noso país os poetas son grandes soñadores de terceira: é imposíbel publicar un libro de poemas”.

Hoxe é máis difícil publicar poesía que no franquismo.

Desde 1984 esta muller, veterana dunha xeración de posguerra, xunto a outras catro mulleres “unha en cada provincia: Pura Vázquez en Ourense, Xohana Torres na Coruña, Luz Pozo Garza en Lugo e eu en Pontevedra”, non publica un libro. Ten dous preparados para dar ao prelo e ningunha editorial galega se atreve. Non mostra resentimento por ese silencio imposto pero constata unha realidade “pode que teñas algunha axuda institucional e e logres editar pero hoxe é moito máis difícil publicar poesía que na época do franquismo”.

Nacida no 1927, Kruckenberg séntese integrada entre os poetas novos, dos que é amiga, “cada vez que me piden ir a algún lado vou encantada porque a xuventude que fala galego, que está preparada, é o futuro da nosa terra. Pero os que escribimos nos anos 50 estamos un algo deixados da man de Deus, aínda que eu síntome moza para recitar ao lado dos máis novos e ademais é a miña obriga facelo”.

O feito de ser muller define unha característica como creadora?

Non fago distincións, aínda que quizais os críticos o fagan. Como se pode dicir que unha poesía é feminina e outra non? Se hai moitos poetas homes e ti non sabes que unha obra está feita por un home, por que non pode ser esa poesía feminina? Eu escribo e escribín poesía moi dura, como os “Poemas inevitables” que veño de traducir ao galego; e non se pode adxectivar como feminino, é poesía e para min non ten sexo. Non creo nesas divisións.

Nun acto recente facía unha defensa dunha poesía sempre atravesada polo social.

Penso que a poesía social foi importante hai anos e neste momento actual. Neste momento histórico precísanse cantar as mesmas cousas que entón. Non sei se temos ou non un retroceso político, pero estou certa de que o mundo está mudando, non sabemos se para ben ou para mal. Acabada de nacer eu foi a guerra de África, con nove anos vivín a guerra civil, despois a guerra europea, axiña Corea, Vietnam… estou vivindo unha guerra permanente. Cada vez que collo un xornal o primeiro que topas é unha traxedia e iso non pasou, está presente permanentemente e así o sinto. A fame, a xente fuxindo da súa terra… é o mesmo de hai anos. A paz? A pomba da paz foi destruída moitas veces, non existe. Un amigo dicíame que a nosa xeración deu mal resultado físico e é que vivimos sempre en estado de alerta.

María do Carmo Kruckenberg no 1986. XAN CARBALLA

María do Carmo Kruckenberg no 1986. XAN CARBALLA

Nese mesmo acto do que antes falei, vostede definíase como unha persoa de esquerdas pero sen adscrición política. Como definiría esa idea súa?

Son dunha esquerda que é doutra maneira: a humanística, a da xente perfectamente honesta, a de quen non se aproveita do seu nome para nada… Quizais é unha esquerda máis antiga pero paréceme máis seria e sen aproveitamento de ningunha clase. Hoxe hai xente que senta detrás dun despacho e calquera o tira de aí, convértese en vitalicio. Non estou de acordo, como non o estaba antes de que houbese quen mandou corenta anos no país. É que estamos xogando ao mesmo? Quen antes ridiculizaban a pesca, a caza e os iates… agora fan o mesmo. Non se pode ridiculizar algo no que que vas caer despois, hai que ser consecuente. Eu son a mesma que aos dezaoito anos cos meus ideais e a miña maneira de pensar.

Participa e organiza recitais poéticos, é o xeito ideal de comunicación do poeta?

Coido que si. É moi importante na poesía dar recitais e ten que haber un grupo que os organice durante o ano para concienciar a xente sobre o valor da poesía. Hoxe é a arte máis limpa: non se cobra, apenas se venden libros… Somos case os cartuxos da arte xunto con algúns compositores de música.

Vostede non escribe prosa?

Escribín unha narración para nenos e recentemente outra pequena cousa. Non sería capaz de facer unha novela. Teño unha concepción restrinxida do que quero dicir para a que o poema me serve, mesmo o poema curto. Preciso condensar o que teño que dicir e nunha novela andaría perdida, poderíanme as personaxes e serían elas as que mandasen.

E que xuízo ten sobre a poesía que hoxe se fai no noso país?

Está nun dos mellores momentos. Hai moitos e bos poetas. Con diferenza é o lugar da península no que mellor poesía se fai, mesmo ollando os demais en conxunto.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s