‘As covas de aceiro’. Intriga e leis da robótica

Isaac Asimov na década do 1950.

Isaac Asimov na década do 1950.

Hugin e Munin combina no seu catálogo editorial diferentes liñas editoriais. A diferenza de Rinoceronte ou Irmás Cartoné, o selo que dirixe Alexandre Tobar intenta captar lectores con diferentes intereses. É coma se andase, nestes primeiros anos de vida, apalpando o terreo para saber onde hai mellor resposta do público galego.

A publicación de As covas do aceiro, de Isaac Asimov, foi un acerto da editora. A pesar de que o formato orixinal era unha novela por entregas para unha daquelas revistas literarias populares que florecían nos EUA de hai cincuenta anos, o volume do neoiorquino deféndese moi ben no século XXI e nunha tradución que se asenta sobre un rexistro moi culto, cun galego (da man do tradutor, o propio Tobar) rigoroso, de alto nivel gramático.

En canto ao argumento, estamos diante dun clásico relato de intriga baixo o xénero da ciencia ficción. No futuro, a poboación do planeta vive en inmensas cidades illadas do seu contorno, covas de aceiro moi preocupadas polo aumento da poboación e en contacto con civilizacións extraterrestres, concretamente os espacenses, dos que só recibimos informacións puntuais. A historia comeza cando un policía humano recibe dúas encargas: resolver o crime dun científico espacense e compartir investigación cun compañeiro especial, o primeiro policía robot que vai traballar en Nova York.

Asimov domina a linguaxe científica e o rexistro da novela de detectives. É un auténtico mestre na dosificación dos datos e en rematar os capítulos en alto. Lóxico, pensando que o texto estaba destinado a unha revista que vivía da arela do lector de esperar con ansia o número seguinte para ver como continuaba aquela historia que o deixara xusto no momento máis interesante.

Son obvios os valores da narrativa de Asimov no plano literario. Crea personaxes complexos, nunca cae no maniqueísmo nin nas trampas “de guión” que lle sirvan para esquivar os nós da trama. Tamén neste libro pousan dúas calidades: unha, a súa visión humanística sobre a convivencia humana. Este libro non é pedagóxico pero si didáctico: reflexiona sobre diferentes conflitos que atinxen (atinxían especialmente o tempo da escrita do libro (1951) nos EUA) a humanidade cun perfil profundamente democrático: a necesidade de integración racial, a reflexión sobre a repartición da riqueza, as consecuencias da lei, incluso aquelas non previstas polos lexisladores que acaban marcando as vidas dos individuos e impoñendo ordes sociais en aparencia xustos mais na práctica profundamente deshumanas. E dúas: As covas do aceiro é un excelente xeito de achegarse ao xénero futurista, científico, da man dun escritor cun amplísimo coñecemento sobre os temas que trata. O seu estudo intelectual sobre a robótica é de gran fondura e en determinadas páxinas deste libro está explicado dun xeito claro pero rigoroso. E sempre ao servizo da acción, en coherencia cunha trama detectivesca enfiada sen fisuras, con falsas pistas, xiros inesperados e pregas realmente atractivas na definición e intereses dos personaxes. O rexistro culto que escolleu Tobar, do que hai un cacho falaba, serve para destacar aínda máis ese labor de Asimov como escritor de longo percorrido sobre o seu perfil de novelista popular que, hoxendía, xa vinte e tres anos despois do seu pasamento, non ten demasiada importancia para chamar a atención de novos lectores.

Con todo, a preocupación principal do libro neste plano sociolóxico é o risco de desequilibrio entre o crecemento da poboación e o nivel de alimentos dispoñibles. Asimov non quere caer no malthusianismo e cavilou en como o mundo do futuro vai xestionar ese desafío. O escritor neste punto cae máis ca en ningún nese punto débil da ciencia-ficción: proxectar os medos do presente só tendo en conta as circunstancias do presente. Por iso esta é a parte argumental da obra que cos ollos de hoxe se ven con maior tenrura. Cando os anos pasan, determinadas preocupacións do pasado acaban parecendo inxenuas. Pasou en todos os estadios da historia. Cando as naos empezaron a dar a volta ao mundo, sesudos científicos universitarios alertaron do perigo que supuña para o ser humano viaxar cara ao oeste e aparecer de repente polo leste. A finais do século XIX publicáronse alertas moi documentadas sobre o perigo que ía supor para o corpo das persoas someterse a velocidades superiores aos 20 km/hora a bordo dos novos automóbiles.

♦ As covas de aceiro, de Isaac Asimov. Tradución de Alexandre Tobar, Hugin e Munin, 2014. 293 páxinas. ♠16,50€

César Lorenzo Gil.

 

Advertisements

2 comentarios en “‘As covas de aceiro’. Intriga e leis da robótica

  1. Pingback: Unha lista de lecturas para o verán 2015 | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s