Henrique Monteagudo: “Se a cultura galega xira só ao redor do 17 de Maio mal estamos”

Henrique Monteagudo. AELG

Henrique Monteagudo. AELG

César Lorenzo Gil.

Henrique Monteagudo (Esteiro, Muros, 1959) é un dos maiores estudosos da nosa lingua e literatura. Sociolingüista, profesor da Universidade de Santiago, director adxunto da revista Grial e secretario da Real Academia Galega (RAG), entre outras responsabilidades. Nesta entrevista analizamos con el algúns temas de actualidade.

Pasou o 17 de maio, un dos máis controvertidos dos últimos tempos pola escolla de Xosé Filgueira como homenaxeado. Pensa que de ser hoxe, a RAG tería elixido tal figura para conmemorar?

Non podo falar pola Academia. A decisión de escoller un ou outro nome para o 17 de maio é colectiva e só podo falar por min. É público que eu non defendín a candidatura de Filgueira e polo tanto non podo facer ese labor retrospectivo. O que si penso é que cada vez que se escolle un persoeiro para o Día das Letras dáse a posibilidade de analizar en profundidade a súa traxectoria; é unha oportunidade moi valiosa para crear un debate sobre determinados aspectos que doutro xeito quedarían na escuridade académica. E desde ese punto de vista, o ano 2015 está a ser de momento un ano perdido. O debate funcionou só no superficial, con argumentos moi sectarios, moi partidistas. Eu era dos que esperaba maior altura. Coidaba que se ía aproveitar para o estudo das estratexias de supervivencia da cultura galega no franquismo e dos intentos do réxime por apropiarse de determinados símbolos da cultura galega.

Unha das cousas que máis chamaron a atención foi a moi escasa produción bibliográfica ao redor de Filgueira. No pasado, figuras dun perfil semellante recibiron moita maior atención editorial. A que se puido deber?

Coido, persoalmente, que se dan varios factores. Non hai que esquecer que xa hai anos que non existe esa “inflación” editorial a conta do homenaxeado no Día das Letras. Houbo desde hai uns anos unha redución de volumes desta temática. No caso concreto de Filgueira, ademais, hai certa dificultade obxectiva en analizar ou estudar a súa propia obra e vida, máis alá da obviedade dos seus cargos no tempo de Franco. Pero hai que lembrar, en calquera caso, que o Ano Filgueira é todo o 2015. Confío en que de aquí a decembro aparezan novos traballos sobre el.

A reacción de determinadas persoas e colectivos contra a escolla de Filgueira foi especialmente virulenta. A cultura galega puido quedar danada por este conflito?

O primeiro de todo é subliñar que o alcance do Día das Letras Galegas non depende unicamente dunha decisión votada pola RAG. Nin sequera a Xunta ten ese poder. Unha figura ten maior ou menor relevancia durante o seu ano mercé á implicación das escolas, as asociacións de pais, de veciños… e de aí á xente en xeral. Déuselle moita importancia á elección do homenaxeado e houbo unha reacción desmedida. Coido que esa reacción vén dada por unha postura de certo nacionalismo galego que ten unha visión exclusivista da lingua e da cultura galega. E dígoo desde dentro do nacionalismo. Coido que hai unha deriva contraria á pluralidade. Escoitei demasiadas veces nos últimos tempos que era unha barbaridade que fose presidente da RAG unha persoa que non se declara nacionalista galega. Ese intento de patrimonialización só beneficia a quen vai instrumentalizar esa desunión, ese conflito permanente, en contra da nosa propia cultura.

Déame a súa opinión sobre ese titular que deu o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, autocualificándose de franquista.

Quen coñece a Alonso Montero sabe que ese tipo de declaracións forman parte da súa táctica para suscitar reaccións. Ten un estilo provocador desde hai moito tempo que a ninguén colle desinformado. Dito isto, e tamén o falei para el, hai toda unha xeración de xente nova que nin o coñece a el nin coñeceu o franquismo, polo que determinadas frases poden confundir.

Mentres moita xente pasa o tempo en pedir que se acabe co 17 de Maio, eu reivindícoa porque é unha festa orixinal e, afortunadamente, xa arraigada nas nosas tradicións.

Moitas voces consideran que o 17 de Maio, así con maiúsculas, perdeu o seu sentido.

Se a cultura galega xira ao redor do 17 de Maio mal estamos. Esa data, esa festa, a decisión de homenaxear a tal autora ou autor non é o centro de nada; é unha celebración importante dentro dun calendario cultural moi amplo e variado. Eu, persoalmente, durante moitos anos, vivín este día sen especial paixón.

Para que serve o Día das Letras? Por unha banda para pór baixo o foco dos estudosos unha figura relevante e o seu contexto histórico. E segundo, para que a escola e, ao seu redor, a sociedade en xeral, atenda nunha determinada data a nosa propia cultura. Iso é o que é, nin máis nin menos. Mentres moita xente pasa o tempo en pedir que se acabe co 17 de Maio, eu reivindícoa porque é unha festa orixinal e, afortunadamente, xa arraigada nas nosas tradicións. E ambas as cousas son moi difíciles: en Galicia unha festa laica e relacionada coa cultura? Pensemos en que outras festas celebramos! E pensemos tamén en que outros lugares gustarían de ter unha oportunidade coma esta. Cando falo con amizades vascas ou catalás, non alcanzan a entender como puidemos conseguir algo así, algo que eles non teñen nin se ven capaces de replicar. Pero insisto, non é o epicentro de nada, non hai que darlle ningunha solemnidade nin nomealo símbolo de ningunha cousa.

“Por debaixo do debate normativo agóchase unha loita polo poder”

Estes días presentouse un pequeno traballo audiovisual, “Decreto Filgueira”, que vincula a Filgueira Valverde co tirapuxa que a normativización do galego viviu nos anos nos que se creou a Autonomía. Chama a atención de que no vídeo se indique que a normativa actual é a daquela cando en realidade a que hoxe rexe nace do consenso do 2002. Parece que tal consenso xa non existe.

Converso habitualmente con compañeiros e amigos reintegracionistas e moitos deles afirman, con franqueza, que nunca aceptarán ningún acordo normativo que non sexa a aceptación total dos seus argumentos filolóxicos. De aí que a pesar de falarmos de normativa de consenso, unha parte dos estudosos do idioma non busca o acordo senón o tránsito completo cara aos seus formulamentos. No tema normativo, debemos ser obxectivos: a opción reintegracionista é claramente minoritaria, na sociedade e tamén no mundo da cultura, entre os que escriben e estudan en galego. A maioría non estamos a favor, por unhas razóns ou por outras. E, polo tanto, nunha situación coma a nosa, só caben dúas posturas, desde o meu punto de vista. Unha, a patriótica, é asumir o que decide a maioría a pesar de que cadaquén poida pensar algo distinto. E a outra é a que eu denomino de minoría de bloqueo, unha postura que entupiu durante moito tempo os avances da normalización. E sería inxusto botarlle a culpa ao reintegracionismo do fracaso do proceso de normalización pero coido que unha estratexia proclive ao encontro, proclive á asunción dunha autoridade neutral, sería positiva para o idioma. O que ocorre é que por debaixo dun suposto debate científico ou incluso ideolóxico, o que se dá é unha loita polo poder. Determinados sectores teñen un concepto sobre a lingua e queren ter oportunidade de poñelo en práctica sen ter en conta nada máis, nin o seu peso social nin a democracia nin o ben xeral. Todos os argumentos se resumen nese.

Hai quen considera que a RAG boicotea o espírito da normativa de consenso, especialmente na filosofía de tomar o portugués como fonte limpa para a creación de léxico.

A RAG é un reflexo da sociedade. E pode ser que haxa dentro dela opinións contrarias a esa filosofía. Non é o meu caso. Eu coido que o galego debería abrirse, de maneira franca, ao portugués, en especial no tema dos neoloxismos, máis concretamente no vocabulario relativo ás novas tecnoloxías.

Pulpo é unha palabra patrimonial na área mindoniense, documentada desde antigo e moi presente na fala viva.

Como valora o caso Pulpo. Os que coñecemos as comarcas de Ourense xa nos maliciabamos que o alcalde do Carballiño, agora en funcións, o popular Arximiro Marnotes, quería usar a RAG para xustificar unha decisión que xa tiña tomada.

Loxicamente, logo de como se desenvolveu o tema, non houbo unha actuación correcta por parte del. Unha persoa que fai unha consulta de autoridade implicitamente recoñécese obrigada polo resultado desta. E non foi así. Pero a RAG ten a obriga de responder ás consultas que calquera institución ou persoa lle faga chegar. E houbo debate e aprobouse unha resolución. E neste tema non oculto que eu si que coido que deberiamos admitir pulpo como variante da estándar polbo. Pulpo é unha palabra patrimonial na área mindoniense, documentada desde antigo e moi presente na fala viva. Antes falaba de que debemos ser abertos na relación co portugués. Tamén penso o mesmo en relación á lingua viva que se fala no territorio galego. Debemos abrirnos ás formas dialectais e populares. E coido errado ser intransixente neste sentido. Hai quen ve ben só abrirse ao portugués, no momento no que o galego vivo vai noutra dirección, xorden os purismos.

Cal é a súa postura na adopción de léxico para a lingua galega?

Defínome como moderadamente purista. Coido que hai que protexer o idioma dunha asimilación co castelán pero que hai que ter a mente aberta. Unha lingua é unha creación colectiva moi complexa e se está viva, non se pode acoutar con fórmulas simplistas. A primeira obriga dos estudosos do galego é dotármonos dun modelo culto de referencia, dunha lingua estándar baseada na expresividade, na elegancia e na riqueza. E a partir de aí sermos flexibles. A lingua ten moitos rexistros e dependendo de cal usemos imos empregar unha lingua ou outra. Non se empregan a mesma sintaxe e o mesmo léxico nunha conversa coloquial ca nunha instancia oficial, por exemplo.

Vostede é un dos grandes estudosos do galego medieval. A min estráñame que en moitas ocasións se aluda a unha ortografía histórica do galego, tendo en conta que os documentos daquel tempo están escritos cada un como a pluma lle deu entender ao escribente en cuestión.

Non existe unha ortografía histórica. Poderiamos dicir o contrario, o galego medieval caracterízase pola heterografía, é dicir, pola variedade de grafías. O problema é que en moitas ocasións o estudo do galego medieval úsase como fundamento dun mito falso: o da Idade de Ouro do galego, pintándonos unha época na que o galego era a lingua normal da sociedade. Iso non é certo. Na Idade Media o galego vivía en diglosia co latín, que era a lingua de cultura. Esa mitoloxía, desgraciadamente, úsase para xustificar un pasado remoto monolingüe que sirva como motor do uso do galego no presente. E o que precisa o idioma non é preocupármonos pola súa recuperación senón por convertelo en sinal de innovación. A batalla hai que dála no século XXI, buscarlle usos á lingua para o presente e para o futuro, captar os sectores máis dinámicos da sociedade como usuarios. Que o galego sirva para explicar o que está pasando, non só o que pasou.

“Os defensores do galego necesitamos unha nova teoría sociolingüística para superar os ataques contra o noso idioma”

Unha das grandes polémicas que viviu vostede como sociolingüista foi após publicar un informe no que avogaba polo concepto de bilingüismo restitutivo. Contaba con aquela reacción? ¿Recibiu vostede sopapos que ían dirixidos contra o ex vicepresidente Anxo Quintana, que entón presidía o organismo que editou tal estudo, o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA)?

Puido ser que parte da reacción tivese a ver cun axuste de contas xeral contra Quintana e o bipartito pero iso non significa que non me doesen moitas das cousas que se publicaron daquela. Algunhas foron realmente duras para min. Pasado o tempo, coido que ese traballo foi o máis importante dos que fixen na miña vida e sigo pensando o mesmo que alí expuxen. O galego como idioma e os defensores de que o galego sexa un instrumento necesario, útil e principal da identidade galega, necesitamos un marco teórico que nos permita defendernos do cambio de estratexia da ideoloxía contraria ao autogoberno.

Nos últimos anos, na España central tomou corpo un concepto ideolóxico que identifica os males do Estado coa xeneralización das autonomías. Esa culpabilización do autogoberno permitiulles a vellos movementos marxinais cobraren un novo pulo en Galicia a través do mito da imposición do galego nas escolas. Moita xente pensou que esa falacia non ía ter máis percorrido porque se pensaba que a nivel político, as tres forzas principais, mantiñan o consenso sobre a lingua que se forxou no tempo do Estatuto. Pero nesas, o PP, que é o partido maioritario do país, por interese electoral nun intre no que estaba na oposición, asumiu ese cambio ideolóxico e converteuno nun dos seus principais piares. E colleunos aos defensores do idioma sen instrumentos de defensa. Aquel informe do IGEA era xustamente unha proposta para evitar que nos sorprendese a treboada.

Hai que conseguir que socialmente si lles pase factura atacar o idioma propio; que en vez de darlle votos ao PP, llelos quite.

O ataque contra o galego non lle pasou factura ao PP. Nese sentido Núñez Feixoo acertou.

Coido que o PP se beneficiou da estratexia posterior do galeguismo. Gran parte do nacionalismo optou por unha loita de trincheiras. E penso que o combate de trincheiras contra un inimigo tan poderoso acaba por deixarte só, marxinado, máis preocupado por non perder que por buscar unha saída. Eu son dos que pensan que hai que intentar saír desa dialéctica e encontrar o punto feble da estratexia do PP: hai que conseguir que socialmente si lles pase factura atacar o idioma propio; que en vez de darlle votos, llelos quite.

E iso como se consegue nun ambiente social non proclive ao galego? Incluso os galeguistas do PP se automarxinaron, cando non apostataron directamente.

Non falo de convencer os do PP para que se fagan galeguistas. Que eles sexan o que queiran. O que hai que conseguir é crear propostas atractivas para a sociedade, que sexa a propia sociedade a que identifique o galego coa modernidade, con esa innovación da que falaba antes. O galego ten que defenderse en positivo. Pensemos na situación da sociedade galega no 1975. Que había? Nada. Foi a xente, pasiño a pasiño, unindo na cadea elo tras elo, quen conseguiu que a reivindicación do idioma, primeiro minoritaria, fose un dos piares da Autonomía. Hoxe debemos facer o propio: desde o colectivo, sen apriorismos, en diálogo coa xente, con imaxinación e sen chisca de sectarismo.

Rexina Vega afirmaba nunha recente entrevista en Biosbardia que a produción crítica académica se “deslocalizara” porque os baremos de cualificación universitaria valoraban publicacións de fóra. Vostede dirixe, xunto con Vítor Freixanes, a revista Grial. Non podería competir esa publicación por ser portavoz do traballo universitario do estudo da nosa literatura?

Ese é un debate moi vello en Grial. Convertérmonos nesa revista científica acorde con ese modelo baseado nas puntuacións curriculares ou seguir puxando por facermos unha publicación de vocación ensaística, interdisciplinar, que axudase a consolidar un público culto en galego. Recoñezo que non teño claro cal é o sentido da revista hoxe en día. De momento seguiremos coa nosa filosofía tradicional pero si é certo que coido relevante un debate sobre se existe público para un proxecto así ou cómpre reformular o concepto Grial.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s