Carlos Casares, a opción para revivir o 17 de Maio

QUE FACER CO DÍA DAS LETRAS (E II).

Carlos Casares. XAN CARBALLA

Carlos Casares. XAN CARBALLA

Xesús González Gómez.

O das letras, despois deste ano, está, guste ou non, literalmente morto. Ía morrendo de morte matada desde hai anos, mais a nominación de Filgueira Valverde foi a “puntilla”.

O Día das letras quixo ser, e certa maneira conseguiu selo durante algúns anos, unha especie de festa cívica e reivindicativa; ao declarar a xornada día festivo, talvez se matou un pouco ese sentido de festa cívica para dar paso a un día de festa… consumista, e non precisamente de libros e/ou cultura. Mais con todo, semella, ía funcionando, até que se empezou a dedicar o famoso día a escritores de cuxa calidade é mellor non falar, ou a persoas que podían interesar aos especialistas no tema en que era especialista o homenaxeado. Coa nominación de Lois Pereiro, e contra todo prognóstico, o éxito foi evidente, semellaba que o día podía revivir, mais os nomes que seguiron non fixeron máis que alongar a súa agonía, porque a xornada é unha moribunda que está na UCI cun sacerdote na sala de espera para lle dar a extremaunción. E, contra o que se poida pensar, non podemos practicar a eutanasia con esta moribunda, hai que revivila, resucitala. Xa sei que é máis fácil facer un fillo que resucitar un morto. O primeiro é algo, digamos, natural; o segundo, un milagre. Mais temos que operar ese milagre. Como? Non o sei.

Coa nominación de Lois Pereiro, e contra todo prognóstico, o éxito foi evidente, semellaba que o día podía revivir, mais os nomes que seguiron non fixeron máis que alongar a súa agonía.

De momento, quizais, empezar a cambiar o sistema de nominación. Pensar, porque hai que pensalo, que está moi ben homenaxear un poeta que era moi bo, mesmo ser un cumio, mais non se debe esquecer que, en realidade, non o leron máis de 1.000 persoas, e, ademais, talvez tamén cabe pensarmos que os rapaces dos institutos e das escolas, cando teñan que lelo, para facer algún exercicio de lingua ou de literatura, se poden aburrir coa súa lectura e van correr a procurar unha lectura que lles agrade: ou a xogar co móbil ou con calquera outro artefacto moderno. Para cambiarmos o rumbo cara á nada que leva o Día das letras, hai que pensar na xente moza e esquecer os especialistas. E tamén se debe pensar na sociedade en que nos desenvolvemos.

Todos sabemos que, actualmente, o escritor galego non é nin respectado nin recoñecido pola súa sociedade (e esquezamos o debate de se o escritor debe ser recoñecido e respectado, esa é outra cuestión). Todos sabemos tamén que hoxe a poesía é cousa de catrocentas ou cincocentas persoas, máis ou menos. A poesía é o cumio da literatura, mais, como dicía Paul Valéry, as montañas non descansan sobre os seus cumios. Valéry referíase con este comentario á cultura occitana, que morreu de ser só poesía. O mesmo camiño levabamos nós, a pesar do cumio que era, e é, e será, Rosalía. Mais só cando os homes das Irmandades, que eran homes de acción, descubriron a prosa, é dicir, a posibilidade de que a linguaxe organice a acción e a provea de sentido, detívose, en certa maneira, a desaparición, que levaba camiño de ser total, como hoxe. Os occitanos non descubriron a prosa e cando a descubriron, despois da II Guerra Mundial, era tarde: hoxe o occitano é, simplemente, unha peza de museo, a pesar de que poidan contar con excelentes poetas e algún que outro novelista. Quen escribe en occitano diríxese a quen escribe en occitano e, ao mellor, a dous ou tres despistados, máis nada.

Afástome do tema.

Dicía máis enriba que era máis doado facer un fillo que resucitar un morto, iso sabémolo todos. Mais tamén sabemos que o fillo hai que educalo, alimentalo, vixialo para que vaia medrando sen sobresaltos e chegue á súa madurez física e mental. É un proceso que dura varios anos (por non falarmos dos “gastos”), ás veces máis dos que se pensa, por dificultades e atrancos que aparecen no camiño. Tamén é un proceso inzado de preocupacións, de tristezas momentáneas e de alegrías máis xerais, se todo sae ben. Mais é un proceso longo. En cambio o milagre, se se produce, é un proceso ben curto. Dura nada e o corpo do resucitado volve ser o que era, suponse. E como as nosas necesidades son urxentes, acho que un proceso longo pode ser unha nova, e talvez definitiva, derrota. Polo que necesitamos o milagre. Como realizalo? Velaí o problema.

Talvez, para empezarmos a acabar cos partidismos, e como transición, debería dedicarse o día a Carvalho Calero.

Necesitamos o milagre que vigorice, ou revigorice, o Día das letras. Para tal cousa, de momento, sería preciso que os próximos nomeamentos, a empezar polo que se decidirá dentro dun mes, máis ou menos, recaian en prosistas, máis claramente, en narradores, que é o que se le hoxe. E, ademais, todos, uns e outros, debemos empezar a esquecer os nosos partidismos. Tanto as institucións como as contra-institucións institucionais ou con vocación de institución. Talvez, para empezarmos a acabar cos partidismos, e como transición, debería dedicarse o día a Carvalho Calero (a min, en particular, Carvalho non me interese como creador, e como historiador da literatura até certo punto) para saldar unha débeda a acabar cunha inxustiza. Ora ben, acho que de ser así, como desexo, tanto uns como outros deberían, por un tempo, o que durase a celebración, manter en suspenso o debate: non temos problemas de normativas, senón de normalización da lingua, ese é o grave e o difícil problema a resolver; unha vez resolto, o outro problema sería unha minucia. Non discuto que se no seu día a normativa fose a denominada lusista, quizais o problema da normalización sería menor (por exemplo, a etiquetaxe de produtos en galego sería máis fácil e máis “barata”, mais non é hora de facer ucronías, senón de ver as cousas como son para intentar que cambien). E tamén cabe lembrarlles aos chamados “lusistas” que en Portugal só nos fai caso unha ínfima minoría de importancia aínda menor e que, en última instancia, hoxe por hoxe e en anos vindeiros, Portugal (ou a lusofonía) non é ningunha táboa de salvación. Porque a “salvación” vén, só pode vir, de nós mesmos. Hai anos Vine Deloria Jr. (un sioux) escribiu un precioso libro: O xeneral Custer morreu polos vosos pecados (Barcelona, Barral editores, 1975). Que dúbida cabe, se morremos, será polos nosos pecados, non polos de ninguén máis. E se nos salvamos será por nós mesmos, non vai vir a salvación de ningún ceo. Outra cousa é se a salvación necesita a solidariedade activa doutros pobos, ou as loitas comúns cos outros pobos, e non só da península: eu penso que é así. Mais son outros problemas.

E continúo a afastarme do tema que quería tratar: o Día das letras. O milagre que necesitamos para que o día resucite. Hai diversos nomes que poden ser homenaxeados, non só porque o merecen (como é o caso de Carvalho Calero), senón porque hai anos xa deberon ser homenaxeados e pasaron por riba deles nomes de inútiles e nulidades: Ramón de Valenzuela, non con moita obra, de acordo, pero con máis obra de moitos/as a quen se lle dedicou o excelso día e de maior calidade; Antón Tovar Bobillo, Eduardo Moreiras, ou, aínda que poida semellar minoritario, Lois Tobío, ou mesmo un poeta como Victoriano Taibo, etc. (e se queren un nome menor, raro, e non grande escritor mais que ao mellor “triunfa”, Xosé Lesta Meis). Xa sei que hai outros nomes de calidade a quen se lle pode dedicar o día, mais que sería un día para especialistas e, como máximo, curiosos: Celestino Fernández de la Vega, Domingo García-Sabell… Mais dedicándollo a calquera destes dous últimos, hoxe por hoxe, non sería máis que unha maneira de atallar a agonía e chamar correndo ao sacerdote para que lle subministre a extremaunción. (Sinto non poder engadir nesta lista o nome dalgunha muller, mais Pura Vázquez, Carmiña Prieto Rouco, Herminia Fariña ou mesmo Victoria Armesto non son de recibo, porque estamos a falar, maiormente, de literatura.) Necesitamos, e iso sábeo todo cristo, urxentemente un escritor que a xente lea e para que a xente lea, e non un nome para argallar biografías de maior ou menor calidade, e, hoxe por hoxe, a lectura maioritaria é, e continuará a ser durante algúns anos, a narrativa, é dicir, a novela sobre todo, e logo o conto ou relato.

Por que o 17 de Maio está a esperar un nome: Carlos Casares, que era o gran novelista que tiñamos e morreu en plena madurez.

En fin, só desexamos que dentro dun menos, ou un mes e algúns días, non nos vexamos coa desagradábel sorpresa de que a Academia galega lle dedica o Día das letras a xente, moi honrada ela, non o dubido, como Florencio Delgado Gurriarán, o Cura de Fruíme, Alberto Camino, Xoán Barcia Caballero, Crecente Vega, Xosé María Brea Segade, Faustino Rey Romero, Manuel Fabeiro Gómez, Antonio Fernández y Morales (xa se sabe, o dos versos en dialecto berciano), Manuel Casado Nieto ou, postos xa, por que non, o Fidalgo de Paradela. Iso espero, como tamén espero que os que dominan hoxe por hoxe a Academia galega, despois do fracaso da cunca de caldo do presente ano, non nos queiran dar dúas botando, unha vez máis, pola borda unha das conquistas que lograra a sociedade galega e topémonos con nomes como os de Evaristo Correa Calderón, Álvaro de las Casas, Augusto Casas ou Ramón Fernández ou Xulio Sigüenza, de biografía máis ben escura.

Por que o 17 de Maio está a esperar un nome: Carlos Casares, que era o gran novelista que tiñamos e morreu en plena madurez mais que entregou varias novelas e outros libros de doada e gratificante lectura. Porque estes últimos anos –desde que se cumpriron dez do seu pasamento– foi esquecido o seu nome, ou eliminado, ou eludido, polos membros da Academia? Que intereses impediron que a Casares se lle dedicase o Día das letras, que partidismos innomeábeis ou inconfesábeis? Que novela galega dos últimos vinte ou trinta anos é superior a Deus sentado nun sillón azul? Por outra parte, até nas “gardarías”, se se quere, poden traballar con escritos seus (os seus contos infantís), por non falarmos das facultades de xornalismo; xa que é hora de dicir en voz alta que moita xente que compraba o xornal en que escribiu durante moitos anos a columna titulada “A marxe” (xornal cuxo nome prefiro non mencionar), aínda que non lese case en galego, lía esa columna. Casares era o gran novelista que tiñamos. Podemos ou non podemos estar de acordo coa súa “práctica” política, mais como literatura, de momento non foi superado. Se se dedica o Día das Letras a Casares, non sei como funcionará, non son profeta, mais estou seguro de que alguén volverá ler en galego, e que gozará coa lectura, que o do que se trata, en primeira e última instancia[1], e tamén, talvez se poden conseguir novos lectores, ese ben tan prezado. Casares, hai que dicilo sen temor, é o noso “home”, a pesar de que fose, como o homenaxeado este ano, no seu día tamén presidente do Consello da cultura Galega. Mais, como din en Castela, “lo cortés no quita lo valiente”, e a Casares ninguén lle vai quitar, por moito que o intenten,  ser o gran novelista galego do último terzo do século XX.

[1] Contra o que pensa a maioría dos letrados, a lectura de literatura ou é gozo ou non é nada. Ninguén cambia a súa ideoloxía ou o seu modo de ver a vida mediante as lecturas literarias, senón, normalmente, a partir de feitos concretos. Xa o dicía o famoso Jean-Paul Sartre en Que é a literatura?: a visión do Gernika (de Picasso) non vai cambiar para nada a posición do espectador a respecto da guerra civil española: cos libros de creación, o mesmo. A lectura non nos fai nin máis bos nin máis malos, con ela só se aprende unha cousa, ou dúas: a ler mellor e a escribir, ou redactar, de mellor maneira.

Advertisements

2 comentarios en “Carlos Casares, a opción para revivir o 17 de Maio

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s