Cristina Novoa: “No curso pasado funcionaron clubs de lectura en 238 centros de ensino que leron máis de mil títulos”

CRISTINANOVOACésar Lorenzo Gil.

O 5 de xuño celebrouse en Compostela a VIII Xornada dos Clubs de Lectura dependentes de centros de ensino públicos. Estes clubs de lectura agrupan máis de dez mil persoas, a maioría rapaces, a través dos libros. Ademais, por primeira vez, estes clubs outorgaron un premio ao autor máis lido, que recaeu en Agustín Fernández Paz. Conversamos con Cristina Novoa (León, 1957), responsable da Asesoría de Bibliotecas Escolares, que coordina estes clubs, sobre esta poderosa iniciativa cultural pública.

Vostede dirixe, xunto a Pilar Sampedro, a Asesoría de Bibliotecas Escolares. Cales son as funcións deste órgano?

Desde a súa fundación, no 2003, é o encargado de coordinar o desenvolvemento das bibliotecas dos centros de ensino que en Galicia dependen da Consellaría de Educación. Naceu como mecanismo de fomento e modernización das bibliotecas, especialmente as de centros de Ensino Infantil e Primaria. Antes do seu nacemento, o funcionamento desas bibliotecas dos colexios dependía unicamente da vontade dos profesores. E aínda que en moitos casos, foron os profesionais os que conseguiron facelas funcionais e valiosas para a comunidade, outras veces eses espazos non existían ben fisicamente (como depósitos) ben lectivamente (como espazos útiles para docentes e alumnado).

Nestes anos de traballo, a biblioteca escolar cambiou e mellorou ao tempo que as demais bibliotecas. Noutro tempo non era estraño que a biblioteca dun instituto estivese pechada ou que os libros se gardasen en vitrinas inaccesibles ou que non houbese unha base de datos útil para saber que recursos había dispoñibles. Agora, e grazas ao traballo de moitos profesores durante moito tempo e contra moitos preconceptos, iso mudou. A biblioteca é un lugar de encontro e de coñecemento, unha ferramenta lectiva imprescindible.

Vostede está desde o principio na asesoría.

Estou. Eu son mestra de profesión. Desde nova estiven vinculada aos movementos de renovación pedagóxica, nos que coincidín, por exemplo, con Agustín Fernández Paz ou Antonio Cortizas. E desde que no 1988 cheguei ao centro de ensino de Palmeira (Ribeira) entendín que o espazo da biblioteca era fundamental para o desenvolvemento académico. Así que empecei a formarme, a gañar en experiencia, a compartir coñecemento cos meus compañeiros, a aprender doutros modelos de fóra… E cando no 2003 a consellaría optou por harmonizar e potenciar ese traballo a prol das bibliotecas, presenteime á praza e gañei o concurso de méritos. Foi un tempo de ampla aprendizaxe porque eramos conscientes de que había moito material á nosa disposición, outros modelos que era conveniente adaptar á nosa realidade. Eu, por exemplo, son unha grande entusiasta do sistema portugués de bibliotecas escolares, que coido un dos mellores do noso contorno, polo ben estruturado que está, o seu nivel técnico… Estaría moi ben que en Galicia puidésemos chegar a algo así.

Se hai vontade e formación, será cousa de orzamento a evolución do sistema.

O investimento público foi chave no cambio e mellora destes anos. Até a chegada de crise e os conseguintes recortes, tanto a Administración galega coma a central apoiaron a iniciativa. O investimento serviu para dar importatísimos pasos na dixitalización ou na capacitación profesional; tamén, obviamente, para a adquisición de libros e a planificación de actividades relacionadas. Loxicamente, a situación actual é máis complicada pero o certo é que para nada se nota no ritmo e potencia das actividades das bibliotecas.

Unha das actividades de maior éxito son os clubs de lectura escolares. Como xorde a idea?

Foi unha iniciativa máis dentro das medidas de dinamización. A iniciativa empezou no 2006. Coincidiu no tempo cun aumento do orzamento dispoñible para fomento da lectura e recoñezo que cando introducimos o modelo e a formación docente para incorporar os clubs aos centros contabamos con que, no mellor dos casos, conseguiriamos que participasen cincuenta centros ou así. No primeiro ano empezaron tres clubs. No seguinte ano xa había cento cinco centros de ensino interesados en formar clubs de lectura.

Hai que subliñar que estes clubs de lectura fórmanse fóra do horario lectivo, moitos deles vinculados ao traballo dun profesor, que se fai cargo do seu programa case en exclusiva. Nacen e mantéñense grazas ao compromiso persoal, cívico e social do profesorado. É tempo que os docentes, en troques de empregar en asuntos propios, invisten en fomentar a lectura, en converteren os libros en vehículos de mellora pedagóxica a moitos niveis.

En Ourense funciona un club especializado en lecturas de Filosofía da Ciencia.

Como funcionan, que actividades fan? Como se manteñen?

Reciben anualmente fondos públicos, especificamente para tres cousas: a compra de libros, a organización de actividades culturais, por exemplo, excursións literarias, e tamén para combinar encontros con escritores.

Funcionan dun xeito sinxelo: reúnense cada certo tempo os grupos ao redor dun título escollido e debaten ou interactúan ao redor del. Hai centros que teñen varios clubs de lectura funcionando a un tempo, clasificados por idades (o 26% dos centros teñen clubs para adultos, que integran profesores, persoal non docente, pais e nais mais tamén persoas que non teñen relación co tal centro) ou por temas. Neste ámbito hai iniciativas moi interesantes. En Xinzo da Limia funciona un club especializado en lectura teatral; no IES Otero Pedrayo de Ourense un profesor mantén un club con lecturas sobre Filosofía da Ciencia. A lectura científica reúne varios clubs máis. Ademais, os clubs fan actividades relacionadas, desde viaxes a concursos ou encontros.

Hai un intenso tránsito de libros percorrendo Galicia.

Quen decide que libros se len?

Depende de cada club. Ás veces é o docente quen propón unha lista e de aí os lectores escollen. Noutros casos, a escolla é aínda máis aberta… Incluso se elixen libros ao azar. A variedade é moi grande. No curso pasado léronse entre mil e mil cen títulos.

Conseguir libros non será doado.

Está a funcionar moi ben a nosa bolsa de libros de empréstimo, denominada Libros a Eito. Cada centro publica na internet que libros ten en stock e de cantos exemplares dispón. Os centros poden usar esas bases de datos e pediren os exemplares que necesitan. Funciona moi ben. Hai un intenso tránsito de libros percorrendo Galicia todos os días.

Cantos centros participan nos clubs de lectura?

O curso pasado participaron 238 centros, entre institutos de ESO e Bacharelato, Escolas de Idiomas, centros de FP… Tendo en conta que en cada centro hai varios clubs… a cifra de lectores que participan sobrepasa os dez mil. Arestora, máis do 66% dos centros públicos de Galicia participa nesta actividade lectora.

Houbo un neno que participou nun club que leu Escarlatina que a pesar de non entender ben o texto, fixo un pastel seguindo unha das receitas do libro.

Como especialista, que vantaxes teñen os clubs. Só serven para gañar lectores?

Serven para moito máis. Eu sempre digo que son como células cívidas. Aprenden a ler, a argumentar, a interactuar, a coñecer o país, a comportarse e falar en público… Está demostrado que os participantes en clubs de lectura adquiren maiores competencias lingüísticas ca os compañeiros que non participan. En moitos casos, ademais, teñen a función de integrar alumnado en risco de marxinación, ben porque é aí no club onde encontran un grupo co que comparten afeccións (o caso de rapaces que lían na súa casa pero que non son moi hábiles en deportes e acababan pasando moito tempo sós) ben porque hai grupos sociais con dificultades de integración que a través dese espírito lúdico, divertido e colaborativo encontran o seu sitio; moitas veces dun xeito tanxencial á lectura mais finalmente completamente convencidos de que son eses libros os que unen o colectivo.

Antes falabamos da escolla de títulos. Están ao tanto os clubs das novidades?

Por suposto. Aínda que hai unha gran cantidade de títulos clásicos, os docentes poden consultar no blog Redelectura, entre outros, información sobre novidades, especialmente de Literatura Infantil e Xuvenil en galego mais non só.

Tamén falabamos dos recortes. Afectou a nova situación á vitalidade dos clubs?

Iso era o previsible. Con iso contabamos mais onde fallou o orzamento apareceu o entusiasmo. A cifra de clubs non deixou de aumentar a pesar da crise e o número de actividades tampouco. Quizais hai menos diñeiro para actividades que loxicamente o precisan pero os profesionais da docencia están a demostrar unha enorme capacidade, esforzo e imaxinación para manter estas iniciativas ao cento por cento.

Cal coida vostede que é o segredo do éxito dos clubs? Non sempre os profesores se senten satisfeitos nin co seu traballo nin coa resposta do alumnado.

Penso que a clave é o papel que asumen os docentes. Non son profesores no tempo dos clubs, son compañeiros. Permiten unha forma de traballar horizontal, en igualdade, que os alumnos agradecen. Ese sistema garante o éxito porque todos forman parte de algo que lles gusta, co que aprenden e co que desfrutan, que non se circunscribe só a ler libros. Por poñer un exemplo, houbo un club que estivo lendo hai pouco Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas. Seica había un neno que non acababa de entender o texto, que lle custou entrar na historia. Mais aínda así, un día de sesión apareceu cun pastel que fixera seguindo unha das receitas que atopara no libro. Este tipo de sensacións non se conseguen por outros medios.

“Quen le habitualmente na adolescencia, le toda a vida”

En Galicia, aínda máis gravemente no caso dos libros en galego, temos unha cota moi baixa de lectura entre os adultos. Que falla ao deixar o instituto?

Quero ser optimista. Penso que o labor destes anos de clubs de lectura activos son unha sementeira que vai dar os froitos. Os especialistas din que os resultados aparecen a partir da primeira década de funcionamento. Estamos a piques de cumprir o tempo. O que está claro é que é na infancia onde nace o lector mais é na adolescencia onde se fixa o hábito, sempre que estea guiado e acompañado. Nesas idades un ama a lectura e xa non a pousa. Hai estudos que afirman que as persoas que len habitualmente na adolescencia, serán bos lectores adultos. Pode pasar, e de feito pasa, que ese hábito se interrompa durante o tempo da universidade porque o actual plan de estudos é esixente, con moitos traballos e clases, e non deixa tempo para lecturas non lectivas… Mais ao acabar a carreira, os lectores voltan ás bibliotecas e ás librarías.

Sempre que se fala de lectura adolescente, xorde a controversia sobre se os libros pensados para esas idades estimulan o seu sentido crítico ou os afán nun tipo de contidos moi mastigados, con poucas claves artísticas.

Pola nosa experiencia, que poden corroborar moitos autores que teñen participado nas actividades dos clubs, a rapazada é máis esixente do que a xente pode pensar. Fálanlles aos autores de ti a ti, descóbrenlles certos erros nos seus libros e incluso debaten en termos de técnicas narrativas con eles. Existe un interesante feedback entre escrita e lectura neste ámbito. A medida que a mocidade ten máis bagaxe lectora, o seu nivel de esixencia medra e non se conforman con produtos pouco traballados. Por exemplo, detectan moi facilmente os libros que se escriben para algún fin, que non nacen por interese literario senón con outra finalidade máis “inmediatista”.

 

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s