Pechan as editoriais O Figurante e Emerxente

o-figurante

Logotipo de O Figurante

As editoriais O Figurante e Emerxente, dedicadas maioritariamente a publicar poesía en galego, pechan. Así o comunicou o responsable de ambas, o editor, innovador e escritor Alberte Momán o 8 de xuño. A incapacidade de manter un diálogo estable cos lectores e a imposibilidade de manter economicamente os proxectos son as principais causas para a fin da traxectoria dos selos.

“Para proxectos como os meus, de poesía, non hai un público que lea voluntariamente, ou é moi reducido. Só se venden libros nas presentacións, cando hai público, o que obriga a estar facendo desprazamentos constantes que non son compensados economicamente coas vendas”, explica Momán para ilustrar a dificultade de manter un proxecto estable de publicación poética.

“Non hai lectores nin lectoras. Moita xente está máis preocupada en escribir que en ler, o que di moito das súas producións”, engade Momán, quen considera imposible manter proxectos editoriais coma estes sen ese diálogo cos receptores. “Non é un problema unicamente de distribución porque tampouco temos boas vendas directamente pola internet”.

A distribución é outro dos factores que provoca o final de Emerxente e O Figurante. “En Galiza non existen distribuidoras pensadas para este tipo de proxectos. As que aceptan editoras pequenas non pagan os libros vendidos. A maiores, o seu funcionamento é sempre deficiente, especialmente na xestión dos exemplares distribuídos e da recepción nas librarías”, di.

Sobre as librarías, Momán é crítico tamén. “Realmente hai poucas librerías que vendan libros de editoras pequenas. Os libreiros e libreiras, en moitas ocasións, descoñecen a súa existencia. Se tivera que contar as librerías que, en todo o país, teñen un mínimo interese por este tipo de proxectos, posiblemente sobrarían os dedos de ambas mans”. E destaca: “Unha vez que se asume a distribución propia, resulta verdadeiramente complexo que algunhas librarías cheguen a declarar libros efectivamente vendidos para proceder á liquidación destes”.

O editor recorda as deficiencias que ten arestora a difusión da literatura en galego. “Non temos un sistema literario maduro e crítico. A información cultural case non existe e a que existe non chega. A moitos promotores culturais, se non todos, e aos que din defender a cultura nacional, este eido, en concreto, non lles interesa”.

Como aprendizaxe, Alberte Momán salienta a necesidade de coñcer realmente os custos de produción de proxectos pequenos en temas como o ISBN, a maquetación e a impresión en tiraxes que logo son pequenas. Tamén subliña a imposibilidade de atinxir mercados foráneos aínda no suposto de separar a produción (que se faría en Galicia) e a impresión (que se ha facer no país de recepción). “Os custos son demasiado elevados”.

De cara ao futuro, o editor e escritor coida que cómpre unha concienciación xeral entre o lectorado e os axentes da cultura galega sobre que dimensión real queremos para a literatura propia. “Cómpre normalizar a poesía pero antes cómpre formarnos para sermos lectores e cidadáns maduros”.

No catálogo de ambas editoras publicaron libros autores galegos, caso de Lois Pérez, Verónica Martínez Delgado, Rosa Enríquez, Daniel Landesa, Xosé Alberte Corral, Marta Dacosta e Eli Ríos. Tamén a primeira tradución ao galego de Anne-Marie Cazalis.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s