As correntes que sacoden Catalunya: Francesc Serés e Valentí Puig

O mundo é a Esfinxe, o artista o seu Edipo cego, e

as obras de artes parécense á súa sabia resposta

 que precipita a Esfinxe no abismo.

                                                                                                              Th. W. Adorno

00106520923456____1__1000x1000

1. O novo rural catalán

En 1936, dous homes novos que aínda non chegan aos trinta anos, son enviados pola revista Life para investigar sobre os “foreiros” que cultivan o algodón no Sur dos Estados Unidos. Walker Evans é un fotógrafo case descoñecido; converterase nun dos grandes nomes da fotografía norteamericana. James Agee é un mozo intelectual saído hai pouco de Harvard e que busca o seu camiño entre a escrita e o xornalismo, despois de abandonar, segundo as súas propias palabras, dous grandes dogmas: o cristianismo e o comunismo. Os dos mozos pasarán seis semanas no Sur e compartirán a vida cotiá con tres familias de granxeiros brancos de Alabama. (Adrede, Agee non falará dos negros, aínda que na súa reportaxe lembrarase deles.)

Life rexeitará a reportaxe e as fotografías dos dous mozos, que darán lugar a un dos grandes libros americanos de todos os tempos: Loemos agora os homes famosos (Seix Barral, 1993). Agee escribiría logo unha novela (Unha morte en familia, diversas edicións, entre elas, Alianza Editorial, 2009), algunhas reportaxes máis, o guión das películas, A raíña de África, dirixida por John Huston, e A noite do cazador, de Charles Laughton, e pouca cousa máis. Postumamente recompilaríanse as súas críticas de cine (Escritos sobre cine,  Paidós, 2001) e vería luz parte da súa correspondencia.

Lembramos aquí a Jamees Age e o seu libro Loamos… porque na súa esteira, hai uns meses, viu luz o libro de Francesc Serés (1972) La pell de la frontera (Quaderns Crema, 2014), un libro sobre a nova inmigración en Cataluña. Outro día presentaremos a obra de Serés, unha obra importante e que, malia todo, aínda non goza da consideración que merece, segundo a nosa opinión, autor de novelas e libros de relatos como Una llengua de plom, De fems i de marbres ou Contes russos. Serés é un dos grandes narradores cataláns contemporáneos.

No 2002, Serés comeza a redactar o traballo que acabará sendo La Pell de la frontera, libro de entrevistas, crónicas, reflexión sobre a propia escrita (o capítulo “Avións que entran pola fiestra” é unha fonda reflexión, en forma narrativa, sobre a propia escrita, a escrita dos outros, a situación do escritor na súa sociedade e a “idiotez” por parte do escritor de reclamar un posto privilexiado na sociedade; este capítulo e máis o que segue, “Todo o que sei de min e dos outros antes de esquecelo”, serven como contrapunto ao “lugar” ou situación dos inmigrantes na sociedade). Pero sobre todo o libro é crónica, fotografía e reflexión sobre o impacto que produciron na súa terra natal (o Baix Cinca e o Segrià) as vagas imparábeis de inmigrantes: de África e do Leste europeo. É dicir, nas comarcas catalás que están divididas pola administración política entre Cataluña e Aragón, entre Lleida e Huesca.

Francesc Serés.

Francesc Serés.

O libro componse de catorce capítulos, redactados en diferentes anos: 2002, 2004, 2007-2008, 2011, 2013, 2006, etc, e a súa distribución, agás o primeiro, non é “cronolóxica” : a disposición do autor débese a un propósito ben definido: que fale a materia narrativa.

Ao deixar que fale, Serés, aínda que solidario cos emigrantes, nunca cae na tentación do impudor, na compracencia nin na caridade. O que reivindica, e non mediante a reflexión, senón mediante a “exposición”, é o sentido da dignidade… e a obriga de facerlle saber ao lector que nun momento determinado, nun espazo xeográfico concreto, as cousas eran (son) así e era verdade que funcionaban (funcionan) desta maneira.

La pell de la frontera céntrase, como dixemos, na inmigración africana (norte de África e África negra) e da Europa do Leste, no traballo escaso e precario destes homes (maiormente) e mulleres na agricultura e na gandería, os seus efectos no contorno rural (e nos homes e nas mulleres deste contorno: léase o primeiro capítulo: é a vella historia do home solitario que encontra unha familia e a perde), os mecanismos de defensa sen os cales dificilmente poden vivir, nas privacións económicas, na desorganización moral que provoca a inmigración, e en algo que o escritor, e penso que ninguén, non pode definir e que é ocasionado pola soidade, a incomunicación e o desarraigo. Serés olla, pregunta, rexistra fotograficamente a miseria, mais tamén procura, busca o que queda da terra e dos costumes dos seus antepasados (esa cadeira na que o seu anterior propietario sentaba hai anos a tomar o fresco e que encontra entre uns matos, preto dunha “casa” onde agora dormen búlgaros). La pell de la frontera é, en certa maneira, unha epopea sobre a vida cotiá destes inmigrantes, unha reportaxe, mais tamén, a pesar de fuxir de toda moral, perdón, de calquera moralismo, é un rogo, unha oración, un documento sobre a miseria da nova inmigración, que é a miseria da inmigración de todos os tempos e que agora nós, que tantos emigrantes demos e damos, xa esquecemos, ou queremos esquecer como se ao ollármonos no espello do outro sentísemos vergonza. É tamén unha enciclopedia da vida material e un tratado de supervivencia en situación hostil –a pesar de que hai homes e mulleres solidarios[1] con estes inmigrantes, léase o xa mencionado primeiro capítulo: “Pequena historia das historias sen historias”–, un monumento levantado á memoria de xentes simples.

Serés olla, pregunta, rexistra fotograficamente a miseria, mais tamén procura, busca o que queda da terra e dos costumes dos seus antepasados.

Denominamos La pell de la frontera como unha reportaxe, mais como acontece con Loemos agora os homes famosos, transgrede as simples leis do xornalismo e, por outra parte, que eu saiba, ningún dos capítulos foi publicado en ningún xornal ou revista: o libro naceu como proxecto narrativo, para contar unha “historia”. Serés di nestas páxinas que a literatura é no fondo iso: “unha historia que se pode explicar, que non sabes moi ben por que funciona”, e engade: “o mundo deteríase se deixásemos de explicarmos historias”, mais historia complicada, por simple, sen necesidade de relatar anécdotas asombrosas, senón, sinxelamente, contarnos en poucas palabras relatos da “vida mutilada”.

O libro, claro, está escrito en primeira persoa, non podía ser doutra maneira se se quería fuxir de todo moralismo. Mais o eu do autor dilátase até o punto de borrarse, de desaparecer, e así toda a humanidade se anima. A audacia de Serés, o seu compromiso, a habilidade dos medios literarios que emprega, fan deste libro un testemuño elocuente do que o espírito humano pode alcanzar cando nel se conxugan o talento, a arte de observar e de escoitar, a coraxe e o espírito solidario e a ollada compasiva cara á dor dos outros.

Ao longo de La pell de la frontera Serés insire fotografías feitas por el, sen “ánimo” artístico, non como documento de “apoio”, senón como se fosen un medio literario máis (un capítulo, “Pequeno manual de interiorismo e de arquitectura efémera”, está argallado a base de fotografías das casas e os interiores destas casas construídas ou amañadas polos inmigrantes: dino todo, sen seren fotografías “artísticas”, son fotografías que nunca pasarían a preselección dun concurso de fotografía de calquera casino vilego de calquera vila do Estado). A fotografía é aquí un recurso “literario”, de aí que nunca fotografe rostros: o rostro humano dos protagonistas están ausentes –o rostro humano pode conducir cara a un movemento de emotividade que, neste caso, sería traizoar o profundo da escrita e talvez tamén eses homes e mulleres, tantas veces traizoados[2]. Só ás veces, ao lonxe, unha silueta, porque para nós, eses homes, esas mulleres, son, ás máis das veces iso, só siluetas que se moven na escuridade ou na claridade. Mais, ante todo, non hai rostros porque para Serés, ao cabo escritor, é a palabra quen debe dar testemuño, é a palabra quen debe converter a casa baleira da vida nun mundo máis habitábel.

♦ La pell de la frontera, de Francesc Serés, Quaderns Crema, 2014. 320 páxinas.♠22€

[1] Mais solidarios no sentido que lle daba Herbert Marcuse á expresión. Para o filósofo alemán, ou norteamericano-alemán, a solidariedade en si non é en modo ningún un valor. Existe, di, unha solidariedade da Mafia, houbo unha solidariedade nazi até o amargo final, de feito, existen todas as solidariedades posíbeis. A solidariedade, o que entendemos por solidariedade, afirma, “debe basearse nunha estrutura que poida unir eroticamente os homes, é dicir, na estrutura da sociedades sen clases. Ten que ter a súa raíz na estrutura pulsional mesma. A solidariedade fascista baséase manifestamente na solidariedade na agresión, e non na solidariedade no eros, non na protección do outro, no coidado do outro, no amor ao outro,sexa o que for isto…”, J.Habermas, «Diálogo con Herbet Marcuse», Perfiles filosófico-políticos, Madrid, Taurus, 1975, p. 262.

[2] Serés lembra o silencio da intelectualidade catalá, e española, perante o maltrato e a deixadez destes homes e mulleres por parte da «autoridade». Como afirma Serès, pp. 67-68: “Unha cousa era teorizar no Centre de Cultura Contemporània de Barcelona sobre a alteridade, a interculturalidade, Europa e as clases sociais e outra moi diferentes encontrar todo isto na praza de Catalunya”. A inicios de xuño do 2001, as autoridades españolas desviaron cara a Cataluña, en gran medida, e menos cara a Valencia, inmigrantes ilegais que acabaron reuníndose na praza de Catalunya: alí durmían e alí facían as súas necesidades. Cando a situación se considerou “insostíbel”, a inicios de agosto, a cidade chea de turistas e o centro da cidade a cheira a latrina, as “autoridades” tomaron en mans o asunto: desprazaron os inmigrantes ás zonas rurais.

97884758853222. Retrato satírico do independentismo

Autor de estupendos dietarios, xornalista de opinión, poeta máis que interesante, novelista e autor de libros de relatos, ensaísta sui generis, tamén, durante un tempo, crítico literario nas páxinas cataláns de Abc e no “Quadern de El País; liberal do século XIX, conservador e antinacionalista, xa que logo e polo tanto amante do “progreso” baseado na economía de mercado e na libre competencia, todo isto, e moitas cousas máis, conforman un grande escritor catalán, mallorquino de nación, chamado Valentí Puig (1949).

En novembro do 2014 deu Puig ao prelo a súa última novela, por agora: La vida és estranya (Proa). A novela, narrada en primeira persoa, conta a historia de Oleguer Regós, de sesenta anos, que decide escribir as súas memorias. Oleguer provén dunha familia carlista con certo ascendente aristocrático, pero menos, aínda que el se considera un aristócrata, vive nun pisiño en Barcelona e pasa as fins de semana no lugar onde naceu, e onde foi criado por unha ama galega da que garda sempre bo recordo. Tivo un amigo íntimo, Julien, o seu contrapunto na novela, fillo dun nazi belga refuxiado en España, casou con Gloria (e separouse, aínda que continúa namorado dela, ou só desexa o seu corpo?), bota de menos o pai e a nai. Non entende o que está a acontecer en Barcelona e, talvez, no mundo. Coñece e trata moita xente, sobre todo un mecenas nacionalista, Befàs, personaxe mesiánico, poderoso e corrupto e corruptor, que acaba no cárcere. (Personaxe feito a partir de trazos de F. Millet –o famoso “Caso Palau”– e Jordi Pujol. Befàs, como Pujol: “É cobizoso e á vez soña –ou soñaba– un imperio inexistente porque confunde Cataluña co centro do universo. Un bo día era socialdemócrata, o outro liberal, despois demócrata-cristián, a miúdo conservador. En resume, como di el, só Cataluña importa. O seu maior esforzo, a súa vaidade máis grande, era ser considerado un conspirador perfecto. Case que o conseguiu, mais non existe crime perfecto”).  Describe a Barcelona turística, a Barcelona descoñecida e a Barcelona que, para el, se perdeu. Como Regós é historiador, está a escribir un libro que o axudará a comprender e establecer as leis da historia. Tanto nos pode falar do cuaternario como das guerras carlistas ou da guerra civil e da FAI, e da posguerra. Regós, con todo, séntese desnortado, ademais de incomprendido e illado, e confesa que é “un fracasado sen paliativos”. E ese desnorte, acha, é o desnorte que sofre o país, a sociedade.

Puig, usando dunha escrita satírica, irónica ás veces, poética outras, sempre chea de información, mais unha información que semella codificada en Morse, que corta a narración, e evoca o tempo pasado que lles daba confianza aos seus “moradores” e a caída do presente, onde todo é cinismo, hedonismo barato (son deliciosas as páxinas nas que satiriza a teima gastronómica actual), de aí que ás veces, como nunha improvisación jazzística, soe, forte, un “solo” de melancolía.

Nesta novela, Puig sintetiza tanto a súa escrita de poeta, dietarista, xornalista, como a súa, digamos, ideoloxía. Todo, a pesar do triunfo do neoliberalismo, vénnos dicir o protagonista da novela, foise ao carallo. Que nos queda? Adivíñeo o lector, pero digamos que talvez só queda un bo vaso daquel zume que se produce despois da prensar a uva.

Puig reflicte a sociedade, ou, mellor dito, a evolución social, sobre todo a evolución social dunha clase dirixente que xa non ten rumbo e o seu único obxectivo é facer diñeiro fácil.

La vida és estranya, a pesar da ideoloxía que a percorre, é un bo “retrato” tanto da Cataluña actual como das súas clases dirixentes e de certo non-sense en que se move a política catalá actual e, polo tanto, a sociedade “produtora” desa política. Divertidas, satíricas, irónicas, nunca sarcásticas, xa que a escrita sarcástica é a escrita que destrúe todo, a escrita da “revolución”, son as conversas das fins de semana coas forzas vivas de Tossals, o lugar de nacemento de Regós. Como divertida é esa “cotidianeidade” na que o protagonista acompaña a un seu amigo a praza da Catedral onde fan “Sardanas pola Independencia”. Talvez só desde esa ideoloxía é posíbel retratar ferozmente (e á vez con certo “cariño” ou certa tenrura, cariño e tenrura que produce, como ben vira no seu día Adorno, a sátira) unha clase dirixente que, en realidade, sempre desprezou a súa sociedade. Talvez só se pode entrar no ámago desa clase dirixente pertencendo a ela e, mesmo, compartindo as súas alegrías, os seus desgustos, os seus obxectivos. A novela de Puig, porén, non é ideolóxica porque non se afirma como ser-en-si perante as tensións sociais, senón que a súa evolución autónoma (non tan remarcada, por exemplo, como no libro de Serés que acabamos de comentar) reflicte a sociedade, ou, mellor dito, a evolución social, sobre todo a evolución social dunha clase dirixente que xa non ten rumbo e o seu único obxectivo é facer diñeiro fácil –de aí, da constatación da falta de rumbo, talvez o ton elexíaco que paira sobre toda a novela. De aí que o protagonista, egocéntrico e un pouco murcho, só vexa a salvación no desexo de realización intelectual (e persoal) que nunca se conseguirá porque xa non existen “heroes”, nin modelos. De aí que na presente novela todo sexan retratos. Retratos dunha, digamos, clase social á que o autor se sente vinculado, á que, a pesar da sátira, ama e na que, en certa maneira acredita, mais que ao ser o seu fiel cronista e, tamén en certa maneira como o “protagonista” de La vida és estranya, Oleguer Regós, ao ser ver “pletoricamente só, libre, irredutíbel, o home en individualidade mais posuidor dun destino, o meu destino, que é formular as leis da Historia”, só pode describila na súa actualidade, na súa realidade, non na súa verdade, porque esa clase, a pesar do que pense Oleguer Regos (e tamén Puig?) é falsa.

Valentí Puig.

Valentí Puig.

Mais Valentí Puig, ao contrario que Regós, non quere formular as leis da historia, aínda que si, talvez, se sinta un “fracasado sen paliativos”, porque, finalmente, percibe que “os seus” o traizoan e se traizoan e que nos momentos que albisca un mínimo perigo ao seu estatus, tiran de debaixo da cama “o trabuco e a sotana”; porque, en última instancia, querer formular as leis da historia é intentar escapar a esta, ás súas leis –se é que existen–; mais ao verse (ou vémolo nós así) como “cronista”, como novelista de certas capas sociais, non pode menos que presentalas e describilas como son, nas súas grandezas, poucas, e nas súas, demasiadas, miserias, e entregar un retrato cabal, e sereno, do que foron, do que son e do que xa nunca serán.

Máis unha vez, a arte reivindícase e, como afirmaba Adorno, (Filosofía da nova música), a “obra de arte é a realidade encuberta, evocada como aparición” e supera calquera tipo de coacción ideolóxica. Valentí Puig, nesta novela, con Barcelona cau, a anterior no tempo, a súa, para min, mellor realización narrativa, está a narrarnos, como afirmaba o “protagonista” dunha das súas obras (Somni Delta?), “o volcán en erupción que temos diante de nós”.

♦ La vida es estranya, de Valentí Puig, Proa, 2014. 288 páxinas.♠17€

Xesús González Gómez.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s