Jaureguizar: “A cultura galega está nas mans de cincuenta persoas con alto instinto de permanencia”

César Lorenzo Gil.

Santiago Jaureguizar (Bilbao, 1965) é escritor e un dos poucos xornalistas culturais que quedan con salario en Galicia. Autor de máis de vinte obras de narrativa, tanto para adultos coma para nenos e mozos, o seu último texto publicado é O veleno da risa, a terceira aventura da serie Tintimán, que publicou Xerais o ano pasado. Falamos con el sobre o presente da literatura galega desde diversos ángulos.

jaureguizarTintimán é unha serie de libros pensados para a mocidade que buscan unir aventura, humor e historia ao redor de enigmas cinxidos ás cidades galegas. Até agora xa tiveron a súa propia novela Santiago, A Coruña, Vigo e Lugo…

Faltan tres: Ourense, Pontevedra e Ferrol. Estou a preparar a historia que se vai desenvolver en Ourense. Levará por título A boca do inferno. Non podo contar máis.

Non abondan as series de literatura infantil ou xuvenil en galego aínda que son comúns noutras linguas. Estou a pensar no Gerónimo Stilton, por exemplo.

Recoñezo que non confiaba cando ideei o personaxe e o concepto do Tintimán que tivese o éxito que logo logrou. Era ben máis entusiasta o editor, Manuel Bragado, director de Xerais. E ao final acertou. Son libros que se venden ben, que lles gustan aos rapaces e que conseguen que se alguén leu unha das historias, vaia á libraría ler as outras.

Cal é a fórmula que explica ese éxito?

Un escritor nunca a coñece. Eu tiña claro o que quería facer: un personaxe actual, un rapaz de hoxe en día pero con algunhas ideas do pasado. Por exemplo, é un personaxe bastante machista. Quería convertelo nun buscador de tesouros, nun xornalista sen medo pero cun toque irónico evidente; son tempos de escepticismo e crise, xa ninguén quere superheroes dunha peza. Houbo certas críticas que confundían autor con personaxe e tiven que insistir outra volta nesa obviedade que a moita xente se lle esquece: a literatura non está para domesticar a vida nin para dar leccións de moral. Eu son escritor e conto historias; os meus personaxes son como son, sen máis fins ca os narrativos. Logo os lectores son os que deciden se lles interesa lerme.

Dicíame que vostede non era moi optimista sobre o resultado.

Ultimamente, debe ser pola idade, xa non teño grandes expectativas en case nada. Pero funcionou. E aínda así hei recoñecer que é un dos traballos máis difíciles que realicei. Cada novela require un gran traballo de documentación, de coñecemento profundo de cada unha das cidades nas que se ambienta.

Polo que me di, as súas obras seguen a funcionar entre o público, malia a crise.

É lóxico que se vendan menos libros, tamén os máis vinculados ao ensino, caso dos de literatura infantil e xuvenil, porque cando entra menos diñeiro na casa, hai que mudar as prioridades. Pero si é certo que eu non dou queixa e que nos últimos tempos estou a notar iso da “recuperación”.

Intúo que non está a pensar en deixar de escribir.

Non. Escribo desde os dezanove anos e sigo a facelo. Si é certo que arestora xa non escribo tanto coma cando era novo pero iso é lóxico. Primeiro porque antes me autoimpoñía altos ritmos de escrita para experimentar. Aprendía a escribir escribindo. E segundo por unha razón física. O corpo xa non me aguanta aquelas sesións de dez horas seguidas escribindo. Xa teño unha idade. Escribo menos e leo moitísimo máis. Non me preocupa que me publiquen. Preocúpame escribir historias que me convenzan e que sexan do gusto do lector pero non teño obsesión por chegar a ese lector a calquera prezo.

Á parte do Tintimán en Ourense, que outros proxectos ten na cabeza?

Xerais publicará proximamente unha nova aventura dunha serie infantil, Os Sabuxos, do que xa saíu un título, Os sabuxos entran na casa do pé esquerdo. Estou rematando tamén unha novela xuvenil e teño xa finalizada unha novela para adultos que está á espera de saír publicada. Non podo dicir cando irá á imprenta.

Se xa a rematou, pode adiantarnos o argumento.

É unha novela de xénero negro. A min interésanme moito os xéneros na narrativa porque como escritor permítenme construír mellor a estrutura dos libros. Neste caso, o libro observa a crise económica desde o punto de vista dun home que ten un concesionario de coches.

Vostede ten defendido que o novelista actual ten que contar o tempo no que vive.

Eu son xornalista. Coido que os xornalistas cando facemos literatura temos que facer a crónica do noso tempo. Penso que así se consegue mellor a conexión cos lectores. Na literatura recreas o mundo ao teu xeito pero o importante é recrealo no tempo no que o vives, non recrear as batallas dos nosos pais e avós. Na literatura galega contemporánea houbo unha enchente de libros sobre a Guerra do 36 cunha visión maniquea sobre o conflito e moitas veces adornada. É dicir, en case ningún deses libros se reflexiona sobre o apoio ao franquismo da inmensa maioría do pobo galego. Iso non aparece. Hai unha necesidade de expiar os pecados dos nosos pais e avós, que eran masivamente franquistas (e non o digo polo meu pai, que era antifranquista) a través dunha literatura que enxalce esa minoría moi minoritaria que se opuxo á ditadura. Hai un complexo de culpa e a literatura é unha maneira de facer penitencia. Unha penitencia literaria por uns crimes que non cometemos nós.

Nunca lle sinto á AELG unha palabra de alento para os escritores que están no paro e que o pasan realmente mal.

Hai poucos escritores que falen do tempo de hoxe. Aínda menos que o fagan sen caer no costumismo.

E mira que vivimos un tempo ben interesante. A nivel literario pasan cousas con enorme interese. A min gustoume a eclosión artística que provocou a maré negra de principios de século. Coido que daquela era doado facer literatura porque estaba moi ben identificado o monstro e ninguén podía defendelo. Era un mal absoluto. Quizais coa crise non está tan clara a cousa. Moitos dos nosos escritores necesitan ter o monstro claramente localizado. Falo de oído porque non teño demasiados amigos escritores. Non sei ben o que pensa a maioría.

Falando de escritores. Ultimamente ten manifestado o seu desacordo co labor da Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG).

É que non sei que funcións ten a AELG máis alá de colocar pedrolos en honor de escritores e xuntárense anualmente na entrega duns premios que acaba sendo como unha especie de lamentación colectiva sobre o mal que tratan a literatura a Xunta de Galicia e a prensa. Nunca lle sinto á AELG unha palabra de alento para os escritores que están no paro e que o pasan realmente mal. Non sei para que serve tan colectivo.

Risco é con diferenza o pensador galeguista máis profundo e rigoroso da nosa historia.

Vostede asistiu á última entrega dos Premios AELG. A súa crónica foi moi comentada.

Eu asistín como testemuña que palidecía conforme escoitaba o que alí se dicía. Non se pode convocar un acto subvencionado unicamente para dicirmos que somos moi bos e que nos persegue a Xunta e a prensa. Non se pode pasar o día enteiro a citar a Rosalía de Castro. Rosalía de Castro viviu no seu tempo e escribiu sobre cousas do seu tempo. Por suposto que era moi moderna pero non podemos pensar que cada verso seu serve para definir cousas que pasan agora, máis de cen anos despois de ela estar viva. Non se pode construír un mito perfecto e empregalo para todo. Por que ninguén fala da covardía de Rosalía? Porque Rosalía foi unha covarde, que deixou de escribir en galego unicamente porque se meteron con ela. E logo en cambio condenan a Vicente Risco porque si sentiu enriba o peso do medo… o medo a que lle pegasen un tiro. Pois ben, Risco é con diferenza o pensador galeguista máis profundo e rigoroso da nosa historia pero en cambio está mal visto reivindicalo. En troques santificamos a Castelao, que foi un bo político, un brillante humorista e artista gráfico pero que como pensador era bastante mediocre.

Na listaxe de mitos falta un; vostede tamén fala moito sobre Otero Pedrayo.

Como escritor, Otero Pedrayo só me produce bocexos. Cáusame certa tenrura a súa obsesión por querer manter en pé todo o léxico galego. Se hoxe se levanta e ve cantas palabras galegas se perderon… Pero si que lle recoñezo o seu gran papel por achegar a modernidade europea á literatura galega. El sempre porfiou en conseguir unha comunicación cultural co mundo sen necesidade de pasar polo castelán. Ese é un mérito que lle recoñezo.

Antes dicíame que a literatura vive obsesionada en protestar contra o Goberno.

Si, a AELG, especialmente; sobre todo nos tempos nos que non hai tantas subvencións como lles gustaría. Nos tempos nos que era conselleira de Cultura Ánxela Bugallo non había tanta protesta. E seguro que Bugallo foi unha das mellores conselleiras do ramo no tempo da Autonomía. Foi ela a que planificou do mellor xeito a industria cultural e pareceume moi inxusto o xeito de aparcala no imaxinario colectivo, coa caricatura dos mojitos na Feira do Libro da Habana. De feito, a política de Bugallo mantívoa en gran medida Xesús Vázquez. No seu tempo de conselleiro foi un político bastante razoable, que fixo bastante co pouco orzamento que lle quedou por mor da crise e sobre todo por culpa desa hipoteca que nos deixou Manuel Fraga chamada Cidade da Cultura do Gaiás. O diñeiro que chucha ese mastodonte marca a política cultural de Galicia desde hai máis dunha década.

Cando falamos de política cultural, moitas veces esquecemos que o político só entende a cultura desde un punto de vista cuantitativo, cifras e estatísticas que poder presentarlles aos seus electores coa única motivación de que voten por el e así renovar o seu posto de traballo outros catro anos.

Que agora Xerais ou Galaxia publican tales ou cales libros? Deduzo que publicarán o mellor que teñen para publicar.

Quizais o problema da AELG é ser un colectivo profesional dunha actividade que en Galicia non pode ser profesional.

O problema é outro pero quixera falar sobre a escrita profesional. Coido que non termos escritores profesionais é unha bendición. Falo desde un punto de vista persoal: ter que escribir si ou si, che guste ou non a historia, iso é moi alienante. Hai pouco coincidín con Manel Loureiro, o escritor de Pontevedra que vende nos EUA as súas novelas de zombis. Díxome que tivo que asistir a un curso de marketing. É dicir, o escritor non se debe á escritura senón ás vendas. Cando a escrita se converte nunha actividade profesional aparecen cousas como Arturo Pérez Reverte. Non, mellor que a literatura sexa a parte da vida persoal que buscamos, non a que nos obriga ao sustento.

Dicía que o problema da AELG non é a quen representa senón que sistema defende. A cultura galega está nas mans de cincuenta persoas cun alto instinto de permanencia. Imaxinemos que cada unha destas persoas teñan dúas, tres boas ideas ao ano. Non pode avanzar un sistema cultural con cento cincuenta ideas ao ano, en total. É unha organización pechada, sempre á defensiva, que rexeita o novo, que ocupa todos os postos de responsabilidade, que toma todas as decisións, que di que é bo e que é malo. Non hai posibilidade de debate nin de renovación. E o malo é que ese modelo impide que se visibilicen as boas cousas que pasan.

Fáleme desas boas cousas que pasan.

Chévere é unha delas, sen dúbida. Outras, xa falando de literatura, son os dous últimos traballos de Alberte Ramos e Fran P. Lorenzo. Máscaras rotas para Sebastien Nell (Galaxia), de Ramos, é unha obra moi moi boa, da que pensas logo de lela: Como pode un rapaz de vinte e oito anos escribir así! Cabalos e lobos, (Xerais) de Lorenzo ten unha construción, un traballo detrás, unha fondura literaria pouco comúns nunha primeira obra. Tamén son boas novas o traballo de Galaxia e de Xerais, de Rinoceronte e Hugin e Munin, de Urco.

Critíqueme algo.

A arte. Nos últimos tempos vivimos unha era de arte do discurso en detrimento da arte da técnica. Hoxe unha obra de arte, para selo, ten só que crear un discurso aínda que o artista non teña técnica ningunha. Antes falaba do interese cuantitativo dos políticos; no caso da arte contemporánea iso está sublimado. O único relevante é ver canta xente foi ver tal ou cal exposición e se a cifra é menor ou maior á do ano pasado. Non importa que esas obras deixen algo relevante desde un punto de vista creativo, artístico.

“A Xunta debería fomentar unha nova colección para narradores noveis”

Na entrevista a Rexina Vega que Biosbardia publicou, a investigadora criticaba a liña editorial de Galaxia e Xerais.

Lin a entrevista e coido que hai que gabar ambas editoriais, que conseguiron salvar a crise con gran dignidade. Hai poucos anos estaba en cuestión a súa supervivencia. Que agora publican tales ou cales libros? Deduzo que publicarán o mellor que teñen para publicar. Quizais a cuestión non é a escolla editorial senón o traballo dos escritores. Insisto na gran calidade das novelas de Ramos e Lorenzo das que acabo de falar. E pensemos no mercado de narrativa para adultos, que vende o que vende e dá para o que dá.

Vega uniuse ás voces que defenden, caso de Fran Alonso, a posibilidade de crear unha nova colección de narrativa pensada para autores galegos. Que opina?

Ese proxecto xa existiu. Chamouse Sotelo Blanco e foi moi importante para lanzar novos autores no seu momento. Agora non estou certo de que haxa espazo. Penso que está cuberto por Xerais e Galaxia, que o nivel de lectura e de compra de libro galego non dá para tanto. Si que podería existir, e sería positivo, unha colección financiada e promovida pola Consellaría de Cultura co fin de publicar novos autores que nunca antes foran editados. Sería un bo xeito de afacelos aos oficios do escritor que van máis alá da escrita: o trato co público, a crítica, os xornalistas…

Antes falábame dese cerne do sistema cultural que non deixa que nada se mova. Afecta os premios literarios?

Por exemplo. Eu sempre que fun xurado dun premio literario sempre quixen premiar libros moi diferentes aos que querían premiar e premiaron os meus compañeiros. Hai unha visión sobre o que debe ser a literatura galega moi estable. Non hai moitas sorpresas. E cando pasa que algunhas voces novas queren entrar, teñen un discurso poderoso, non se conforman, son expulsados. Expulsados literalmente. Velaí os casos de Xoán Tallón, Manuel Jabois ou Manuel de Lorenzo. Publican en galego e como ven que son incomprendidos cando non maltratados, marchan a Madrid, aceptan ser a cota galega pero xa non escribindo en galego como no caso de Manuel Rivas ou Suso de Toro senón directamente escribindo en castelán. É unha pena que a literatura galega perda escritores coma eses, de gran valía.

A prensa percíbese como un dos grandes inimigos da literatura galega. Vostede nega que os medios ignoren a cultura propia.

Nego que os medios, así, en xeral e en abstracto a ignoren. Os que se queixan só len un periódico no quiosque, ignoran os outros. Eu traballo nun xornal no que se fala de literatura galega; en papel hai outros. E na rede cada vez hai máis medios que falan de literatura. Biosbardia é un deles. Por que ignorar isto? Por que centrarse só nesa cabeceira? O importante é aparecer na prensa ou aparecer en determinada prensa? O importante é a realidade ou ter de que queixarse?

Non penso que lle faga mal ningún ao sistema que o usuario da biblioteca teña que pagar cincuenta céntimos por cada libro que leve para a casa.

Os medios dixitais somos, na maior parte dos casos, afeccionados, amadores. Moitos autores ou axentes culturais quéixanse de que non temos difusión suficiente para influír.

É certo que se dá atomización e que o conveniente sería que vos xuntarades para facer cousas máis grandes entre varios. Hai unha base dunhas mil persoas interesadas na cultura que podería sustentar un medio de referencia e conviña que ese medio saíse desa zona de ineficiencia, é dicir, conviña que a información máis interesante lograse entrar no campo onde se deciden as cousas porque arestora ninguén dos que decide sobre a nosa cultura vos le. Pero tamén hai que recoñecer o gran traballo dalgúns xornalistas destes novos medios, por exemplo Montse Dopico, que fai un labor sensacional, e tamén que conseguen abrir determinados debates, que rompen fantasías repetidas durante demasiado tempo, como esa de que a poesía galega actual é a mellor do Estado ou que cada semana se publican obras mestras.

Vostede ten un blog, Cabaret Voltaire, que eu encontro cada vez máis requintado, máis eficaz como exercicio de reflexión literaria, sempre ben nutrido de lecturas, cunha enorme facilidade para relacionar conceptos cos feitos da actualidade. De onde tira o tempo para escribilo?

O importante do blog son as lecturas. Eu leo moito. Érgome moi cedo, ás seis da mañá e leo. E cando teño tempo, leo. Sempre fago a coña de que me criei nun porto da Commonwealth, Ribadeo, e que alí aprendín a ser un escritor anglosaxón, con alta disciplina para a lectura.

Agora que tocamos o tema da lectura, vostede é dos poucos autores que se mostra publicamente a favor de cobrar un canon por empréstimo nas bibliotecas públicas.

Claro. E dígoo como usuario constante da biblioteca. Viñen vivir para onde vivimos porque me quedaba perto da biblioteca. Vou alá tres ou catro veces por semana. Así que sei do que falo. E non penso que lle faga mal ningún ao sistema que o usuario teña que pagar cincuenta céntimos por cada libro que leve para a casa. En que lles vai afectar ás bibliotecas unha tarifa así? Vai deixar de ler a xente por ter que pagar cincuenta céntimos? Penso que non. En cambio, ese importe si que é relevante para o escritor, que perde de gañar o seu dereito lexitimamente adquirido a que lle paguen pola autoría.

Dígame que está a ler. No seu caso vou ter que pedirlle contención, visto o seu ritmo de lectura.

Teño canda min arestora Na busca da verdade, de Thomas Bernhard, na edición española de Alianza. Tamén con dúas novidades de Galaxia, A identidade fascinada, de Antonio Piñeiro, e O viaxeiro radical, de Xerardo Quintiá. Hai pouco que rematei Islam e modernidade, reflexións blasfemas, de Slavoj Zizek, que publicou en castelán Herder. Sempre estou lendo a George Simenon; descubrín hai pouco a poesía de Tomas Transtömer.

Advertisements

3 comentarios en “Jaureguizar: “A cultura galega está nas mans de cincuenta persoas con alto instinto de permanencia”

  1. Sempre gozo lendo as opinions de Jaure. A medio camiño, entre apocaliptico e integrado. Sen pelos na lingua e, aos seus anos, xa de volta dalgunhas cousas…

  2. Pingback: Nova reivindicación de Otero Pedrayo: ‘Fra Vernero’ | BiosBardia

  3. De onde saca que a inmensa maioría do pobo galego apoiou o franquismo? Menos o seu pai e Risco que foi porque tiña medo. O resto como se sabe?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s