Andee Silver, unha inglesa que cantou en galego

Andee Silver en 'Teño Saudade'.

Andee Silver en ‘Teño Saudade’.

Xosé Enrique Acuña.

Un feito histórico, hoxe podemos dicilo, tivo lugar no Londres de 1970. Nesta cidade, e nos prestixiosos estudios Decca, grávase unha sensible peza musical por voz dunha cantante da que en Galicia e España se escoitara o xusto. Británica e de nome artístico Andee Silver, esta muller de poucos anos entraba, sen que ela puidese nin sospeitalo nin procuralo, na historia social da lingua galega. Facíao despois de interpretar, cun sotaque plenamente inglés, unha canción composta por Andrés do Barro a partir dunha letra escrita por Xavier Alcalá. Coa saída ao mercado do single que contiña “Teño saudade”, Andee Silver convertíase na primeira artista pop estranxeira que utilizaba o galego nun repertorio discográfico. Mais esta historia —por tantos vivida ou lembrada— merece agora, corenta e cinco anos despois, ser revisitada por medio de distintas, e por veces contraditorias, testemuñas e voces.

Unha sorpresa en tempo de polémicas e compromiso

A chegada ás tendas do disco non pasou nin moito menos desapercibida. Desde o primeiro momento as emisoras de radio e as revistas musicais da época atenderon a campaña de marketing que Decca, a discográfica responsable da edición, deseñara para tratar de sumar a canción de Andee Silver a toda aquela serie de éxitos que o galego, como lingua de expresión da chamada música pop, estaba sorprendentemente a vivir neses anos. Éxitos que xurdiran, na práctica todos, de modelos musicais apadriñados desde a industria discográfica convencional e nacidos, como produto e inversión que eran, con clara vocación comercial e sempre á procura dun consumo de masas. Unha dinámica, acontecida en pleno franquismo, que foi interpretada desde os sectores que desde 1968 apostaban por unha canción en galego comprometida coa resistencia política á Ditadura como un intento interesado por parte do réxime de reconducir e mesmo domar a presenza do galego na nova música popular.

Andee Silver na prensa.

Andee Silver na prensa.

Chega pois o “Teño saudade” de Andee Silver cando estaban vixentes unha serie de polémicas que implicaban os actores principais, cos seus aliados sociais e políticos, da  chamada canción “protesta” e da popularmente denominada como música pop. Tanto na prensa galega convencional como nas publicacións clandestinas repetíanse críticas, por parte de voces achegadas ao movemento Voces Ceibes, á facilidade con que cantantes como Juan Pardo ou Andrés do Barro accedían aos principais medios de comunicación e como as súas cancións, entendían, non paraban de emitirse polas  emisoras de radio e a televisión. O éxito de vendas e a popularidade —masiva e socialmente transversal, no caso de Galicia— acadada polas máis afamadas pezas de Pardo e de Do Barro situou o galego, para sorpresa de todos, como un  instrumento de expresión, natural e asumible, da emerxente música pop. Un fenómeno social —que permite a aparición de opcións directamente comerciais como a de Andee Silver— merecente de amargas críticas chegadas mesmo desde revistas publicadas no exilio como Nova Galiza e Información Española, as dúas ligadas ao PCE, e nas que cantantes como Amancio Prada ou Miro Casabella, con distintos matices, chegan a se queixar dos apoios que os críticos musicais de Madrid e Barcelona lles ofrecen ás cancións en galego firmadas por Pardo e Do Barro mentres que, as deles recibían non máis que silencios ou censuras. O que segundo Xerardo Moscoso, outro Voces Ceibes e tamén nun medio exiliado, caracterizaba como unha “contrapostura” política animada desde o goberno e o seu Ministerio de Información y Turismo. Dinámicas de enfrontamento e de defensa do “compromiso” fronte ao “comercial” que igualmente acadan foro na prensa galega. Críticos ligados a Voces Ceibes como Baldomero Cores —na revista Chan, e mesmo a citar a Andee Silver como exemplo prefabricado de calidade— trataba de orientar por onde debera circular a “verdadeira” canción en galego. E Ramón García Balado — neste caso desde as páxinas musicais de El Correo Gallego— sinala o que el entendía como unha adulteración do galego na música: “Ellos (por Voces Ceibes) fueron los primeiros en redescubrir el gallego como lengua para cantar; luego vino la explotación. Todos sabeis por donde va la cosa; está claro, Do Barro, Juan Pardo (…) ellos subieron muy facilmente. Vieron que cantar en gallego resultaba comercial y lo hicieron. Tenían dinero, mucho dinero. Voces Ceibes, no”.

Andrés do Barro-Juan Pardo

Batallas viciadas e propias dun debate baixo a pouta vixiante dunha ditadura que administraba ao seu interese a capacidade de prohibir ou non o uso do galego na canción e que, con cálculo político, non dubidou en utilizar todas as súas armas en defensa da estabilidade do réxime. O control sobre a prensa, a radio e a televisión, e o uso discrecional ou obrigatorio destes medios en favor ou na contra das tendencias que desde 1968 pulaban pola canción en galego, sempre estivo no ánimo dos dous políticos que dirixían a política de propaganda do franquismo neses anos. Un ministerio nas mans de Manuel Fraga Iribarne e Pío Cabanillas, os dous galegos, e os dous tamén empeñados en que todo estivese “atado e ben atado”. O certo é que da noite da mañá —mentres as cancións de Voces Ceibes circulaban por circuítos minoritarios ou semiclandestinos— o galego, en pleno franquismo e desde Madrid, comezou a ocupar tanto as listaxes de vendas como as ondas da radio e a televisión. Fenómeno que hoxe, tantas décadas despois, semella incomprensible e que, tempo é de dicilo, malia as axudas gobernativas que os seus protagonistas, directa ou indirectamente, puidesen recibir, só puido ser posible desde a calidade —tan distinta— das cancións de Juan Pardo e dun Andrés do Barro que nos seus comezos artísticos tivera que soportar a represión e as molestias cuarteleiras da garda civil. O autor de “O Tren” contáballe a Enrique Barreiro en 1973: “As catro primeiras veces que intentei cantar en Galicia prohibíronme os recitais… recitais, chámolle eu (sorrí)…, ben, era o que eu quería facer. Despois, a primeira vez que conseguín cantar na miña vida, foi dentro dun estudio de gravación”.

Malia pensarse en que a canción pop en galego foi favorecida polo franquismo, Andrés do Barro andou de discográfica en discográfica sen éxito porque insistía en cantar en galego.

E este comezo profesional que narra Do Barro tampouco foi sinxelo. De discográfica en discográfica a recibir negativas —pola súa insistencia a cantar en galego— até que RCA acepta gravarlle un EP con catro cancións, todas de arranxos imposibles, e no que unha delas —“Por non poder”— xa anuncia toda esa intuición e naturalidade pop que en breve o converterá en celebrada figura da canción. Con influencias recoñecidas de Donovan e do Gianni Morandi máis folk, tamén da música popular galega, o seguinte paso da súa carreira pasou por unha alianza. Un contacto natural entre un par de cantantes —os dous se sentían ferroláns e os dous foron sinalados á vez polo seu suposto uso “comercial” do galego na canción pop— que os conducirá a que se xunten para crear desde traxectorias e orixes diferenciadas. Un Juan Pardo, que entregara e triunfara con pezas en galego como “A Charanga” (1969) e “Meu ben dorme” (1970), e un Andrés do Barro que tomou o co-compositor de “Anduriña” (1968) como produtor musical dalgunhas das súas pezas máis celebradas.

Juan Pardo e Andee Silver en Londres.

Juan Pardo e Andee Silver en Londres.

Andee Silver e o galego

Á altura de 1969 ese Juan Pardo protector coñecía polo miúdo a obra de Andrés do Barro e neste mesmo ano pode situarse outra conexión que nos vai situar de novo ante a historia de Andee Silver e a súa canción en galego. Dous profesionais da música  entran en contacto e, os dous, con Pardo como apelido. Un o Juan Pardo que tenta abrir contactos e novas experiencias en Londres e, o outro, un produtor musical de nome David Pardo que na capital británica se responsabilizaba das gravacións de grupos como The Casuals e Purple Heart ou de cantantes como Bobby Hanna ou Ornella Vanoni. Posiblemente os dous Pardo xa se coñeceran previamente en España onde, David Pardo andaba ocupado en lanzar a carreira musical de quen era a súa dona, tamén cantante. Ela, de nome Andrea Silverstein, nacera en Londres o 12 de maio de 1951 onde xa canta desde ben nova en grupos escolares e, que con só catorce anos, é solista na banda liderada por Joe Loss. Canda grava o seu primeiro disco en solitario (“Too Young To Go Steady”, 1964) elixe o nome artístico de Andee Silver e abre unha carreira que, xunto a David Pardo, a conduce a participar no festival de San Remo e gravar tres discos en italiano. En 1969 participa e vence no Festival da Canción de Mallorca, comeza a introducirse no mercado discográfico en español e consegue —con cancións que tentaban reproducir os éxitos de Sandie Shaw ou Petula Clark— editar dous discos nos que xa ensaia tanto co español como na colaboración con Juan Pardo.

Os contactos daquela estabelecidos eran proveitosos para as dúas partes. Juan Pardo estudaba entrar no mercado en inglés e avanzar en Londres como produtor. Mentres, David Pardo e Andee, trataban de asentar as súas carreiras facéndose un nome en España. O intercambio comeza a dar os seus froitos cando Juan Pardo lle entrega á parella unha canción de Andrés do Barro á vez que lles propón que Andee a grave en galego. Pardo, que nalgunha das súas actuacións chegara a cantar “O tren”, entendía que as composicións de Do Barro eran como un maná e unha peza como “Teño saudade” era todo un galano para a voz dunha Andee Silver que despois declarou ter preparado o galego da canción —“palabra por palabra”— con Juan Pardo. Das horas no estudio de gravación da Decca, con dirección musical de Richard Hensen e produción de David Pardo, tamén coa presenza de Juan Pardo, Andee —que nese momento tiña dezaoito anos— contaralle a Antonio D. Olano (un xornalista galego propagandista de Fraga Iribarne e Pío Cabanillas, e daquela íntimo de Juan Pardo) das súas dificultades para interpretar “Teño saudade” nun idioma do que non coñecía nada: “He tenido más dificultades que con el castellano —nos dice Andee—, porque el gallego tiene más matices. ¡Me entusiasma! Y nadie crea que he cantado como un papagayo «Teño saudade». Juan me hizo sentir toda la enorme poesía que encierran los versos de esa canción…”. Transcrición, con todas as reservas por ser recollidas estas palabras por un xornalista tan ligado tanto aos intereses das discográficas como do réxime, que se suma a súa descarada pretensión de Olano para enredar —era o seu segundo oficio— cos enfrontamentos de Voces Ceibes con Pardo e Do Barro. “¿Que dirán cuando escuchen a una inglesa cantar en gallego? Es Juan quien sale al paso: —espero que tengan el sentido de la justicia suficiente para varias cosas; una, agradecer que una gran figura extranjera cante y, por lo tanto, difunda nuestro idioma. Segundo, que no piensen que el gallego es un coto cerrado que sólo pueden utilizar ellos”.

A presenza de Antonio D. Olano na contorna directa da produción deste “Teño saudade” por unha “inglesita, de estatura media, ojos claros, pelo rubio” pode verse  como todo un síntoma da capacidade publicitaria que naqueles anos tiñan as principais compañías discográficas. Con locutores e críticos sempre da súa man —os “sobres” circulaban sen disimulo— a estratexia de difusión da tan “extravagante” aposta dunha británica polo galego logra unha recepción inmediata. Os despachos de axencia narran o comezo dun lanzamento que tiña a televisión como elemento clave: “Andee Silver, la primera cantante inglesa, que interpreta canciones en gallego, llegará a Madrid el próximo día 6, con el fin de actuar ante la TVE”. Presenza de “Teño saudade” nos programas musicais da única televisión en 1970 que foi entendida polos poucos críticos galegos que reivindicaban o movemento das Voces Ceibes como un exemplo máis do que se entendía como “explotación do idioma galego como tendencia snobista”. Tino Cabanas analizaba en 1971 estas tendencias “comerciais” da canción “con galego”: “Un idioma ha sido transformado por el capitalismo en instrumento, sólo instrumento, para conseguir sus fines inmediatos: aumentar el capital”. Cabanas, con todo, tiña razón. O éxito do “Teño saudade” de Andee Silver foi inmediato e a discográfica que a apadriñaba, conseguiu o que sen disimulo deseñara: vender discos e lograr beneficios. Insistía Cabanas: “Las casas de discos de España, ante el resonante triunfo alcanzado por Juan Pardo y por Andrés do Barro, comienzan a disputarse a los cantantes que interpretan sus canciones en gallego. A la «voz meiga de la meiga Galicia» se le reconocen valores poéticos que se le negaban desde principios del siglo XV. Y todo, en orden a la consecución de más y más dinero. El filón fue descubierto y es necesario explotarlo porque el rendimiento está asegurado”. Era, seica, o caso de Andee Silver.

Disco 'Miña terra', de Andee Silver, editado no 1972.

Disco ‘Miña terra’, de Andee Silver, editado no 1972.

Éxito

Mentres así se opinaba, en anos franquistas, insistimos, a canción de Do Barro interpretada pola Silver logra ser cantada en miles de casas de Galicia, rádiase polas emisoras e de tal xeito asenta, naqueles complicados días, un orgullo pola lingua propia —especialmente entre os emigrados— que, hoxe, é difícil de acreditar e comprender. Éxitos da música de expresión galega, conectada coas tendencias xuvenís do pop, con recepción plenamente interclasista e a anos luz de fracasos “comerciais” como aqueles que a Editorial Galaxia sofre desde a súa alianza coa discográfica barcelonesa Edigsa. O rotundo fiasco popular das propostas que en galego se fabrican cos cantantes cataláns Luis Olivares e Jacinta, dos que editaran discos con letras adaptadas por Xosé Luis Franco Grande, puxo contra as cordas un tipo de música baseada unicamente nun chamado “compromiso” e do que, neses mesmos anos, era activo propagandista Xesús Alonso Montero. O problema, tamén daquela denunciado por Tino Cabanas, era a “ausencia de vínculos”. Mais Andee Silver, sen telos —e fóra das desiguais capacidades de promoción das que se beneficia— logra desde unha produción profesional e a contrastada calidade como compositor de Andrés do Barro, un suceso popular que acada aínda maior altura coa edición de “Teño saudade” na voz do seu autor orixinal. Meses despois, Do Barro publica (1971) a súa versión do éxito anterior de Andee Silver que pola súa parte non dubida en inserir a súa versión galega nun LP para o mercado británico que publica en 1970 baixo o título “A Handful of Silver”. O “Teño saudade” de Do Barro, malia os tristes arranxos cos que os directivos musicais da RCA (Ele Juárez, Paulo Ormi ou Ivo Ruíz) sempre o condenaron, arrasa en Galicia e entra nas listaxes de cancións máis vendidas que vai compartir por un tempo con “Meu ben dorme”, outro tema, extraordinario, de Juan Pardo e igualmente gravado en Londres coa participación de Andee Silver nos coros. Neste mesmo ano, á vez que Andrés Dobarro canta “Teño saudade” ante 25.000 persoas en Buenos Aires, Andee Silver, en xullo, actúa en Vigo e é xurado dun denominado Festival Bahía de Vigo no que participan Xil Ríos e Joan Baptista Humet, o cantante catalán que en 1977 lle dedicaría unha canción ao conflito das Encrobas. Aos poucos, a cantante inglesa insiste na súa colaboración con Juan Pardo e os dous forman un dúo que grava varios discos baixo a marca Andee & Juan. Mais a contribución de Andee Silver á canción en galego non se pecha con “Teño saudade”. Juan Pardo, a maiores de aproveitar esta temporal unión para gravar as súas primeiras composición en inglés, dálle pezas de enorme calidade —a espectacular “Soledades” ou “Nuestras manos”— e aínda reserva para Andee unha canción na que concentra toda a súa creatividade pop.

A emisión por TVE en marzo de 1971 de  “Miña terra”, unha composición que Pardo firma co músico arxentino Adolfo Waitzman, cantada en galego por Andee Silver, foi o testemuño televisivo dun disco que, curiosamente, non logrou a difusión da que era merecente. O redescubrimento anos despois de “Miña terra” converterá este tema cantado por Andee Silver, nun dos máis versionados e interpretados polos cantantes e orquestras das verbenas populares galegas. Á altura de 1975 a colaboración de Juan Pardo con David Pardo xa rematara. Antes os intentos do anterior membro de Los Brincos por dar un salto internacional desde un LP gravado integramente en inglés —“Natural” (1972), no que tamén colabora Andee Silver— convértese no último sinal a resaltar dunha inglesa que, no parecer de Vicente Araguas, foi a que mellor interpretou “Teño saudade”. O certo é que grazas a Andee Silver e Andrés do Barro a cultura pop galega ten monumentos a escoitar e cantar. Nos últimos tempos aquel “Teño saudade” que un día de 1970 fora gravado en Londres foi celebrado, homenaxeado —o caso de Ugia Pedreira— por unha xeración que na practica non coñecera a desaparecida figura de Andrés Lapique do Barro. Un músico —e un poeta— que ocupa hoxe un lugar sinalado da nosa historia, social e musical. A Andrés —que xa vítima propicia das discográficas grava en 1972 unha versión do seu tema en español— preguntáronlle certo día en Vigo sobre que lle parecía a canción na voz de Andee Silver. E sincero que foi: “Por veces non a entendo ben, pero nós cando cantamos en inglés tampouco o facemos ben”. Era o seu carácter.

Advertisements

7 comentarios en “Andee Silver, unha inglesa que cantou en galego

  1. Por fim podemos, tantos anos despois falar de qualidade musical, e ponher cada um no seu lugar. Obrigado biosbardia e obrigado ao cequeliños

  2. Chama a atención o parecido máis que razoable entre a música (que non a letra) de “Miña terra” e a do tema central da película “La cera virgen”, dirixida na mesma época por José María Forqué e interpretada por Carmen Sevilla.

    Grazas a esta entrada en Biosbardia volvín pesquisar e atopei no rexistro xeral da propiedade intelectual que:

    coa inscripción 155.504 aparece = «Cera virgen» (moderato beat). Antonio Gala Velasco (“Antonio Gala”), de la letra, y Adolfo Waitzman, de la música. Madrid, 1972. Octavio, Félez y Compañía, S. A. Propiedad: Los autores, de su obra.-Madrid. 93.102.

    e coa 156.356 = «Miña terra» (“Mi tierra») (moderato beat). Juan Pardo Suárez, de la letra, y Adolfo Waitzman, de la música. Madrid, 1972. Octavio. Félez y Compañía, S. A. Propiedad: Los autores, de su obra.-Madrid, 93.489.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s