Unha lista de lecturas para o verán 2015

Lendo cabo dunha árbore. BRITTANY RANDOLPH/FLICKR

Lendo cabo dunha árbore. BRITTANY RANDOLPH/FLICKR

César Lorenzo Gil.

Coa calor entra a modorra, as ganas de non facer nada, esa luz a medias atractiva a medias perigosa porque nos sufoca. Amais dunha sombra, poucas cousas hai máis saborosas no verán que aproveitar ese estado de perpetuo sono para a lectura á sombra. Deixar que os soños que lemos se entremesturen cos nosos propios soños, nunha multiplicación alucinante da nosa imaxinación. Velaquí unha ducia de recomendacións para abandonarse á delicia.

12. As covas de aceiro, de Isaac Asimov. No futuro, a hiperpoboada Terra concentra a súa poboación en megacidades, covas de aceiro, onde un estrito control permite a subsistencia. Unha civilización extraterrestre intenta evitar unha gran catástrofe cun ambicioso plano no que van ter un papel especial os novos robots, de aspecto humanoide. Asimov presenta esta novela de ciencia ficción con xeitos de novela policial, unha combinación moi axeitada para entreternos sen nos deixar de aguilloar a curiosidade sobre moitos temas relevantes. Edita Hugin e Munin

11. Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas. Xerais publica a primeira incursión da escritora viguesa na narrativa para adultos. Un conxunto de relatos que quere ser tamén unha aproximación sentimental á II Guerra Mundial. O fío que une cada historia nace da propia tensión sobrehumana que produce a guerra. A partir de acontecementos secundarios do conflito, a autora tece unha ficción de corte clásico, con personaxes cos que facilmente se identifica quen le.

10. A música dos seres vivos, de María Reimóndez. A nova novela da lucense (mantén a autora o altísimo ritmo de publicación, máis de unha obra por ano, case todas dispoñibles no catálogo de Xerais) é un retrato íntimo dunha cantante de éxito internacional, MK, cuxa imaxe pública dista moito da súa personalidade real. Os seus medos, a influencia da súa orixe familiar (támiles emigrados), o amor e as obrigas sociais van configurando un relato que segue certos parámetros habituais na última narrativa de Reimóndez, polo que é unha lectura moi interesante para quen siga a súa traxectoria. De feito, a protagonista xa aparecía como personaxe en En vías de extinción.

9. Ulises e as cronoamigas. Surfistas en California, de Érica Esmorís e Jacobo Fernández Serrano. Ulises é unha rapaza, si, unha rapaza, unha excelente estudante que ten un talón de Aquiles, si, Ulises pode ter atributos de Aquiles, neste caso, unha debilidade: non lle gusta a historia, até tal punto que a suspende. A piques está de salvar a situación grazas a que os seus pais quedan obnubilados pola manchea de sobresalientes do resto das súas notas. Pero ao final a irmá de Ulises descóbrea e a punto está de arruinarlle o verán. Que mellor para o estío ca unha obra coma esta, de Sushi Books, que converte unhas vacacións nunha aventura moi ben contada, chea de humor e orixinalidade. Personaxes construídos con autenticidade e graza por unha autora que publica este traballo poucos meses antes de que se publique o texto polo que gañou o Premio Merlín 2015. As ilustracións de Serrano, xeniais, coma sempre.

8. Poétic@, de Fran Alonso. O primeiro gran traballo literario en galego pensado, executado e adaptado á lectura na internet. Este non é un libro electrónico común, é dicir, un contido equivalente ao texto dun libro pensado para ler no móbil ou na tableta. Non, Alonso utiliza as convencións xa recoñecidas e admitidas polo formato das webs para aproveitar todos os recursos da propia rede a prol da literatura. Unha experiencia que se pode desfrutar a bocadas, sen rumbo; unha viaxe que só necesita dunha wi-fi ou dun plan de datos, vale un modestiño. A cambio, unha obra distinta, innovadora, enriquecida pero esencial no que ten de literaria.

7. A batalla por Avalon, de Fernando M. Cimadevila. Terceiro volume da saga d’O Mundo secreto de Basilius Hoffman, unha das series máis exitosas da recente fantasía galega. O autor compostelán é fiel ao que os seus lectores esperan del: misterios, aventuras, maxia… un resaibo ás épocas nas que un libro era capaz por si só de manternos atentos por horas a unha engrenaxe narrativa que corria a toda présa mentres no exterior, na realidade do espazo da nosa lectura, nada mudaba. Achegarse a este volume obriga necesariamente a visitar os dous números anteriores: O ladrón de soños Un faro na escuridade, todos publicados por Urco.

6. Máis alá da fiestra, de Maurice Sendak. Unha das cousas máis bonitas de ler é ler en voz alta. Ler para nós ou lerlle un libro a alguén. A última xoia que Kalandraka publica en galego do mestre Sendak é un deses volumes que apetece abrírllelos aos pequechos que aínda non saben descifrar as letras para que se deixen levar pola forza das imaxes mentres nos escoitan a nós recitar as frases do libro. Disque os guionistas da exitosa serie Como coñecín a vosa nai se inspiraron inconscientemente na trompa dourada deste título para a trompa azul que os seguidores da serie saben que tamén é un obxecto simbólico no argumento.

5. Os sete irmáns, de Aleksis Kivi. Rinoceronte segue a traducir ao galego clásicos universais de literaturas das marxes do sistema. Este libro é unha especie de obra fundacional da literatura moderna finlandesa, único traballo do seu autor, incomprendida no seu tempo (segunda metade do século XIX) pero hoxe peza primeira do canon do país escandinavo. Cunha linguaxe moi rica, o autor describe a vida de sete granxeiros que intentan fuxir do seu destino. É idea para ler con relax polo seu aguzado sentido do humor, o especial dos seus personaxes e un estilo vistoso que non decae a pesar das súas case 400 páxinas.

4. A identidade fascinada, de Antonio Piñeiro. Unha novela distinta, construída con armas de ensaio, de crónica e de autobiografía. Compostela, primeiros anos da década do 1980. Por primeira vez na historia, estudar na universidade é unha actividade masiva, non maioritaria pero si suficiente como para que a única cidade con facultades duplique a súa poboación durante o curso académico. Imprescindible para quen teña agora entre 45 e 50 anos, en especial con pasado universitario. Moi interesante para entender parte do noso pasado recente, aqueles anos nos que se cimentou iso que agora se define como cultura da autonomía. Edita Galaxia.

3. A neve interminable, de Agustín Fernández Paz. O retorno ao relato de terror e ao formato indiscutiblemente xuvenil do veterano autor, o máis vendido das nosas letras. Publica Xerais na colección ‘Fóra de xogo’. Un grupo de guionistas viaxa á Fonsagrada no puro inverno para inspirar a redacción dunha nova serie de terror para a televisión. En chegando á pensión comeza unha nevarada poderosa que os vai illar entrementres empezan a acontecer cousas ben estrañas. Homenaxe do escritor ao terror clásico con referencias explícitas ao proceso de creación do Frankenstein de Mary Shelley. Relato de relatos onde o pouso clásico e a narración clásica destacan.

2. O triunfo do ovo, de Sherwood Anderson. Moderno, misterioso, eficaz… o estilo do estadounidense que publicou este libro no 1921 é fantástico. Os relatos que se axuntan neste título deixan no lector unha sensación estraña, sen nome, desas que só provoca a altísima literatura. Unha boa nova o instinto editor de Irmás Cartoné, un selo con pouco tempo de vida que insire a Anderson na biblioteca galega.

1. Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo. Xerais publica o último Premio Blanco Amor de Novela Longa, destinado a converterse na obra narrativa con maior repercusión do ano 2015. Igual que sucedera con anteriores fenómenos editoriais, caso de Ollos de auga, de Domingos Villar, ou Os fillos do mar, de Pedro Feixoo, Vigo é protagonista, personaxe dunha historia que combina elementos clásicos do drama con trazos da literatura popular: o misterio, as mentiras, os segredos, o pasado, a guerra… Obra de debú que consolida tamén no plano literario unha das figuras máis importantes do xornalismo galego actual.

Advertisements

Un comentario en “Unha lista de lecturas para o verán 2015

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s