Manuel María: “Os poetas novos falan menos de literatura”

Manuel María na Casa de Cultura que leva o seu nome. PAULA BERGANTIÑOS

Manuel María na Casa de Cultura que leva o seu nome. PAULA BERGANTIÑOS

O 2016 será o Ano Manuel María na cultura galega. O autor chairego será homenaxeado o próximo ano co Día das Letras, doce anos despois da súa morte. Recordamos varias chaves do seu pensamento literario e experiencia vital publicando esta entrevista que saíu hai case vinte anos no semanario A Nosa Terra, concretamente no número 690, do 7 de setembro do 1995. Unha boa oportunidade de coñecer máis un poeta pendente do seu tempo, que sempre se negou a construír calquera torre de almafí.

Manuel Veiga Taboada.

Hai corenta e cinco anos que publicou o seu primeiro libro de versos que foi de paso a primeira obra en galego realizada na posguerra por un autor novo. Vén de xubilarse da sua profesión de procurador dos tribunais e goza da tranquilidade que dá ter feito sempre “o que crin que debia facer”, nesta era que -como tantas- fai votar os mortos e claudicar os soñadores. As xa bastantes páxinas que ten escrito posúen en común unha autenticidade, sen argucias. O 15 de setembro do 1995 recibirá, no Teatro Rosalia de Castro da Coruña, unha homenaxe por iniciativa da Asociación Socio-Pedagóxica Galega. O acto consistirá nunha cea e nun recital poético e musical no que está previsto participen moitos dos máis nomeados creadores de toda Galiza.

Na introdución que Manuel Maria escribiu para a edición bilingüe de Catorce oracións (Espiral Maior), obra dun dos seus poetas predilectos, Francis Jammes, apunta o seguinte: “Cando xurdiu á vida literaria en Francia estaban vixentes o simbolismo, o parnasianismo, o decadentismo (…) Francis Jammes reaccionou contra toda esta poesia, creando unha obra caracterizada pola súa orixinalidade, a súa sinxeleza transparente, polo seu franciscanismo; polo amor á natureza, por un telurismo panteísta, pola aceptación do cotián e pola expresión dos sentimentos dun xeito auténtico, directo e claro (…)”. Tamén fala da sua ironía, do seu sensualismo e dun estilo “aparentemente descoidado, mesmo balbuciente como cando falamos embargados por grandes e irreprimíbeis emocións”.

Ao escribir sobre Jammes estaba tamén a definirse, cando menos en parte, a si mesmo?

A paixón por Jammes é moi vella en min. Descubriumo Pimentel cando tiña 19 anos. As miñas afinadades con el comezan pola infancia nunha pequena vila, entre rural e urbana, cun gran contacto coa natureza desde rapaces. El viviu sempre lonxe de París, que era onde se fabricaban as modas. Eu, en certo sentido, tamén vivin lonxe dos lugares que en Galiza foron marcando as pautas da recuperación da nosa literatura, fosen Vigo, Santiago ou calquera outra das cidades ás que chegaban antes as novidades e nas que, máis ou menos, habia un ditado da moda.

En Jammes, como en moitos dos seus poemas, percíbese un sentido de trascendencia.

A miña escrita naceu por un afán de comunicación. No fondo o que hai é unha loita contra a morte. Calquera ser humano que se pon diante dun papel, aínda que non pense publicar nada, está loitando contra a morte. Unha palabra dila e nun momento vaise. Cando a escribes estaslle a dar máis vida, rescátaslle un espazo da morte que ten a palabra falada. Por iso, toda obra que deixa o ser humano, aínda que non o formule racionalmente cun sentido de permanencia, é unha loita inconscente contra a morte. Eu creo que son tamén bastante franciscano e entendo que a natureza pode ser un receptor adecuado. É o sentirse metido no mundo que te circunda. Cando escoito o murmurio do regato do Cepelo sempre penso que me quere dicir algo.

Os labregos tamén senten esa identificación coa natureza.

Si. Eu lembro, sendo un rapaciño, a sensación, que logo atopei nun poema de Miguel Hernández, que me produciu o ver unha árbore na Praza de Santo Domingo rodeada cuns ferros en círculo, coma se estivese prisioneira.

Sobre ese fondo constante, vostede iniciouse nun existencialismo persoal, introduciu logo na literatura galega a linguaxe administrativa, tivo unha etapa que se podería denominar de intervención e nos últimos tempos volveuse cara á nostálxia. Que representan esas distintas épocas?

Poderia comparar a miña obra cun río. O caudal é o mesmo pero as augas son distintas. Procurei andar os camiños que a vida puxo diante de min, coas limitacións que a miña profesión e o meu acerto me impuxeron. Hai xente que se especializa, pode haber poetas exclusivamente do amor ou do metafísico. O meu temperamento e a miña curiosidade son máis abertos. Kipling andou todos os mares do mundo e Kant non saíu endexamais de Königsberg.

Hai certo paralelismo entre as suas últimas obras e as dos primeiros tempos.

A miña traxectoria seméllase á dun foguete, cunha ascensión movida pola inquietude e o deslumbramento ante o que pode deparar o mundo, propia dos primeiros anos, perceptíbel en Muiñeiro de Brétemas, Morrendo a cada intre ou Advento, e unha baixada, cando ese interese permanece, pero xa estás no camiño de volta.

O día 15 recibirá unha homenaxe de moitas e variadas persoas deste país. Quizais ese consenso ao redor seu teña que ver co feito de que vostede foi considerado sempre un poeta da Terra, no sentido que lle deu Otero, e do pobo, en virtude da súa sensibilidade para coa colectividade á que pertence. Esas características foron esquecidas polos escritores máis novos?

Teríano que contestar eles. Pola miña parte, podo dicir que sentín desde rapaciño a conciencia de pertencer a unha comunidade e, por outra banda, deime de conta de que esa comunidade non estaba normalizada. Pareceume o máis natural denunciar esta situación precaria e dicirlle á xente que nos xogamos mesmo a nosa sobrevivencia. Dentro desa loita que falabamos antes contra a morte, os individuos tamén se salvan non só individualmente, senón tamén colectivamente. Se o teu pobo é algo na historia élo ti tamén. Ora, estar de parte dos que padecen a historia sempre trae un conflito e estar do lado dos que a fan pode traer prebendas. Hoxe o escribir en galego pode dar diñeiro en canto os teus libros vaian ao ensino, iso pode crear uns intereses e a decisión de non tocar nada que moleste o máis mínimo a un poder que, en definitiva, é alleo a nós.

Recital en Rianxo diante do busto de Castelao. XAN CARBALLA

Recital en Rianxo diante do busto de Castelao. XAN CARBALLA

Anos de tertulias e libros de man en man

Vostede, con Muiñeiro de Brétemas (1950), deulle ao país a primeira obra en galego da posguerra dun autor novo, é dicir, de alguén que non tivese publicado antes do 36. Naqueles anos a limitada vida cultural desenvolvíase a través das tertulias.

A tertulia de café tivo grande importancia desde o século XVIII. No XIX eran famosas moitas delas en toda Europa. En Madrid era extensamente coñecida a de Granja del Henar, onde ía Valle Inclán, en Barcelona Els quatre gats, na cal tiñan réplica as correntes modernistas importadas de Le chat noire de París. En Portugal era famosa A brasileira de Lisboa e, sobre todo, o Majestic do Porto. Quero dicir que este tipo de relación foi normal até a II Guerra Mundial. Non se trataba só de xuntanzas de escritores, senón que as había por grémios: de pintores,  de médicos, de xentes do Dereito, de toureiros, de ensinantes de universidade. A tertulia da mediodía continuábase despois de cear. Había xente que despois do xantar ía a unha e pola noite acudía a outra. Nelas falábase de todo e servían tamén de mentideiros sobre aventuras amorosas ou acontecementos políticos. Lembro que en Lugo, no Méndez Núñez, tiña lugar unha de xadrecistas e outra de maxistrados. No Español, de Santiago, frente á tertulia de Don Ramón Otero Pedrayo, celebrábase unha de profesores da facultade de Dereito. No Avenida tamén se facian, etc. Até que comezou a chegar esta vida moderna dos automóbiles e dos televisores.

Aquela xente tiña sona de culta e erudita.

Case todos os escritores galegos anteriores á guerra civil eran universitários e pertencian á burguesia ou á pequena fidalguia, caso de Otero ou de Cuevillas. Con algunhas excepcións, como por exemplo Cabanillas. Todos procedian das Irmandades da Fala ou do Partido Galeguista. Nas Irmandades tratábanse e colaboraban, entre si, como irmáns. Na posguerra quedaron estes vínculos herdados da etapa anterior, ao que se engadiron outros vencellos como a marxinación por parte da oficialidade e o común sentimento antifranquista. Para as novas xeracións, Novoneira, Cuña, Ferrín, García Bodaño ou eu mesmo, foron moi abertos, acolledores e xenerosos. Eles estaban gozosos de ver que a sua obra tiña unha continuidade e que habia unha xente nova que podía seguir o labor que a eles lles tronzaran violentamente. Esta irmandade mantívose desde o 49 até o sesenta e tantos que veu unha nova xeración, con distintas opcións políticas e aí empezou unha guerra que a min paréceme bastante negativa.

A maiores da censura gobernativa máis expresa, había naquel tempo verdadeiras dificultades de comunicación.

Os libros chegaban da Arxentina e de Francia. Os de América traíanos os médicos e camareiros dos barcos que levaban os emigrantes. Iámonos facendo con eles algún de nós e tamén se vendían en certas librarías de confianza, como a que tiña en Vigo Álvarez Blázquez, na Coruña Moret, en Santiago o Eduardo, o xudeu do portal. A xente que ía a Francia traía as novidades e logo ía pasándonolas a todos. O ano pasado falouse moito de como chegaban os libros de Seoane, pero o mesmo sucedía coa Esmorga de Blanco Amor, coa Gaita a falar de Rei Romero e, sobre todo, co Sempre en Galiza de Castelao. Os primeiros libros de Sartre que lembro eran obras de teatro, A puta respectuosa, O demo e o bon Deus. Iso tróuxoo un catedrático de francés Xulio Lago, á tertulia do Méndez Núñez. Tamén liamos a Camus. A xeración anterior, Celestino Fernández de la Vega, Luís Pimentel, Ánxel Xoán… lía ben o francés. Intercambiábanse libros entre tertulias. Por exemplo, viña Marino Dónega a Lugo ou ía alguén á Coruña e levaba as novidades.

Cada libro era un tesouro.

Home claro. E forrábanse con outras tapas para disimular. Poñíaslle as dun libro de cociña, por exemplo, e podialo estar lendo nun bar. Recordo que en Vigo, González Alegre fixera e editara unha tradución de Sartre e puñéraselle o pé de imprenta de Montevideo. Igual que lle pasou ao Voz e voto de Celso Emílio Ferreiro.

Entre as persoas que admira da época, quizais destaquen Maside e Otero.

Maside foi quen máis influíu en min como persoa. Era serio e tímido. Tiña duas eivas: unha tuberculose e unha diabete, polo que facía unha vida moi ordenada, aínda que era un gran fumador. Cando chegamos a Santiago, Novoneira e máis eu comezamos a falar con el e a intimar. Emprestounos moitos libros galegos da súa biblioteca, case todos os que publicara Nós. Tiña unha sólida formación intelectual e moitos contactos, por exemplo co PC. Foi o que me explicou o que era o marxismo. Porque nós tiñamos un trato grande con Piñeiro e el dicíanos que o marxismo, en canto que se definía como universalista, non casaba co nacionalismo. Tamén nós deu notícia de xente que estaba en América, como Seoane, Dieste ou Lorenzo Varela, que eran os que non adoitaban citar os do grupo Galaxia.

Otero tamén tiña as súas prevencións a respecto desta xente. A convivencia con Otero resultaba moi grata. Pese aos seus longos monólogos era moi observador, non se lle escapaba nada e tamén escoitaba, aínda que non sei como, nin cando. Era moi xeneroso e non falaba mal de ninguén. Se alguén lle fixera dano dicía que á xente había que comprendela que debía un poñerse no seu lugar, que ás veces a necesidade… Un día na casa de García Sabell, despois de xantar, e de tomar uns grolos de augardente de herbas, fitou para a copa de cristal tallado e botou un discurso moi florido sobre as esencias do outono que alí se reflectían, etc. Rematou decindo que el estaba alí porque era un vello que aínda decoraba unha mesa. Ou seña que era moi conscente de todo.

Maside, xunto con Colmeiro, Seoane e algúns máis, foi o gran renovador da arte galega, asimilando as vangardas que se dan en Europa, cun sentido moderno, reaccionando contra o costumismo e proporcionándolle unha perspectiva totalmente galega. A respecto de Otero, coido que ademais dos seus ensaios e da súa obra literária, entre a que se atopan alguns contos que non desmerecen ao carón dos grandes mestres da literatura universal, pois escribiu un libriño que é o Ensaio histórico sobre a cultura galega que nos forneceu un xeito novo de ver o noso país. Galiza antes del era unha cousa dividida en catro províncias moi desartellada. Por primeira vez dáse unha interpretación unitaria, coherente, poética e, ao tempo, historicamente rigorosa.

Algúns daqueles anos a Real Academia consagrou o 17 de Maio a figuras pouco relevantes e nós demos como alternativa outras persoas como foi o caso de Cabanillas.

A Frente Cultural

En paralelo á morte de Franco, hai agora 20 anos, créase a AN-PG. Desde a súa Frente Cultural, na que vostede tiña un papel sobranceiro, lanzáronse directrices sobre a recuperación cultural, vixentes aínda hoxe. En que consistían?

Daquelas había unha chea de asociacións culturais por todo o país que cumpriron un papel moi importante. Todas elas estaban coordinadas ou, cando menos, contaban con militantes da AN-PG e mesmo da UPG. Fixéronse publicacións, números comemorativos do Dia das Letras. Un dos eixos eran as campañas pola normalización do idioma. Interesábanos, sobre todo, crear unhas bases para o futuro. O fundamental era reivindicar a cultura propia, a base de coñecemento da nosa literatura e do noso pasado. Había tamén que desenvolver unha liña cultural cun punto de vista nacionalista e coa maior dignidade formal posíbel. Algúns daqueles anos a Real Academia consagrou o 17 de Maio a figuras pouco relevantes e nós demos como alternativa outras persoas como foi o caso de Cabanillas.

Manuel María fala nunha manifestación na Estrada a prol da lingua galega. XAN CARBALLA

Manuel María fala nunha manifestación na Estrada a prol da lingua galega. XAN CARBALLA

Se temos en conta que daquela os libros de texto só traían unhas liñas en letra miuda dedicadas a Rosalía como toda referéncia á cultura galega, que Castelao non se mencionaba e que o antroido estivera proibido durante o franquismo, ese labor foi como unha campaña de alfabetización a pequena escala.

Si, en certo sentido. Intentabamos que se galeguizase a música das festas, que se recuperasen as tradicións dos xogos populares, do Antroido, dos Maios, da noite de San Xoán. Todo isto tiña ademais unha proxeción nos cursiños que facía a Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Tamén se fixeron campañas de recuperación dos nomes tradicionais das rúas, como foi o caso de Ourense, o que deu lugar a varias detencións. Houbo moitas mocións nos concellos, nos que había presenza nacionalista, para que se recuperase a toponimia e para que se fixese un inventario da riqueza monumental e artística do municipio. Intentouse recuperar a artesanía popular, maiormente a olaría, para o que estabamos en contacto cos oleiros de Niñodaguia, Buño, Bonxe, Tameiga… A propia militáncia da ANPG e os membros das asociacións culturais poñían decote postos de venda de cerámica e artesanía popular, así como de libros. Era rara a romaría na que non houbese un posto destes. Lembro que na Festa do Polbo do Carballiño vendíase unha cantidade astronómica de libros. Tamén se promovían os cantantes, o cine galego que tiña un rexurdir, facíanse recitais poéticos, cursos de história de Galiza e moreas de conferencias.

O establecemento da autonomía púxolle fin a este papel cultural?

Todo o que foi a Frente Cultural asumiuno a Consellaría de Cultura e despois as concellarías de Cultura dos municipios. O que pasa é que tanto a consellaría como a maioria das concellarías fixérono dunha forma máis inconsecuente, descafeinada. Ao primeiro, pois si, aínda tinguían de galeguismo o que facían, pero logo coparon todas as actividades que antes levaban a cabo as asociacións culturais desgaleguizándoas.

O corte xeracional do 36 fixo que Galiza sen fronteiras practicábeis, a diferenza de Cataluña ou do País Vasco, ficase con poucas persoas capaces de reconstruír o discurso nacionalista. Cal era a idade da xente que participaba neste labor do que está a falar?

A maioria eran rapaces. A xente maior que habia basculou cara a Galaxia, que facía un culturalismo pouco combativo, con moito medo á censura e normalmente non participaban. A xente nova ademais radicalizouse moito. Con quen se conectou foi con Celso Emílio e mesmo con Blanco Amor, despois de vir do exilio. Outra xente, como Ferro Couselo, deu conferencias, así como Francisco Carballo ou eu mesmo.

“En España vennos como uns tipos raros que están metidos nun cortello e escriben nun dialecto vernáculo”

Vostede sempre estivo en contacto coa cultura catalá, coñeceu a Espriu, coa vasca a través de Aresti e coa portuguesa por medio de Saramago e doutra moita xente. Ese coñecemento entre as culturas peninsulares, non castellanas, tivo o seu auxe nos anos da transición, pero como está hoxe?

Hai unha relación a través dos encontros Galeusca. Cando menos, os escritores coñécense e trátanse. Hai tamén algunhas traducións, aínda que non as necesarias. Eu tiven a sorte de que galegos emigrados me levaron moitas veces a dar conferéncias tanto a Cataluña como ao País Vasco e así entramos en contacto.

Ten afirmado que os escritores de linguas periféricas en Madrid non se len nin traducidos.

Si, creo que é asi. Pásalle mesmo aos portugueses. Vennos como uns tipos raros que están metidos nun cortello e escriben nun dialecto vernáculo. A proba son as escasas traducións de calquera destas linguas ao español. Teño estado en bastantes congresos en Portugal e os poetas de lingua castelá sempre me deron a impresión de que se comportaban coma se estivesen nun país conquistado, sen participar nas discusións, tomando a broma a cultura portuguesa e mesmo con actitudes descorteses, en xeral. Hai anos, nun destes encontros, e con presenza de poetas de toda Europa, cantou para nós o Fado Universitário de Coimbra, que só actúa en ocasións moi excepcionais. Deuse a casualidade de que de cinco escritores casteláns, algúns de renome, ningún asistiu. Algo que os amolaba moito nos congresos é que, cando interviñan eles, os portugueses non poñían os auriculares de tradución simultánea e, cando falaban os portugueses, eles tiñan que poñelos porque non entendían nada.

“Un debe ter o seu xeito de gañar a vida e logo escribir se ten esa necesidade”

Malia a sua obra narrativa -catro libros de contos, a série Andando a Terra…- non escribiu ningunha novela.

A novela, en xeral, ten moita palabra morta, moitas páxinas enchidas por encher. Aínda que hai novelas excepcionais, prefiro o relato curto. Tampouco me propuxen nunca ser un escritor profesional. Penso que un debe ter o seu xeito de gañar a vida e logo escribir se ten esa necesidade. É o modo de conservar a independencia. O que si me planteei sempre foi ser un escritor en galego.

Tamén gosta do teatro.

Sempre me chamou a atención, desde rapaz. Aínda que o vivir en Monforte quitoume oportunidades de presenciar moitas representacións. Se tivese oportunidade de ver máis teatro e traballar cun grupo de actores tería escrito máis. O que me gosta do teatro é ver a representación e escribilo, aínda que o que non me tira é o labor de direción.  Teño escrito moitos textos por encarga.

Xa que fala de encargas, algúns músicos quéixanse de que faltan letras para cantar. A vostede téñenlle musicado poemas varios grupos, abonda con lembrar o do Aradiño de pau que cantaba Fuxan.

Letras sobran. A poesía galega, desde a popular á culta, é riquísima. Eu teño arranxado e completado poemas, letras populares e cantares de cego para moitos grupos.

Que sente cando chega a unha escola e encontra cen nenos recitando os seus poemas?

É moi bonito. Eu andei por case todas as escolas de Galiza e resulta, como se di agora, moi gratificante. Teño experiencias moi boas de diálogos moi agudos, máis incluso que con universitarios. Aínda que hai erros, como ese de que se programen todos os actos xuntos no mes de maio, enchendo os rapaces con catro conferencias sobre un autor que ademais lle coinciden cos exames, e que non se fagan ao longo de todo o ano. O peor é tamén cando che meten os máis pequeniños cos de oitavo e logo uns cansan antes ca os outros. Polo demais, ben. Téñome atopado con traballos impresionantes, como nun colexio de Zas ou noutro xa na fronteira que me quixeron poñer unha coroa de loureiro na cabeza, o que é excesivo, porque así coroaban os emperadores romanos e ademais o loureiro é unha árbore sagrada.

“O meu sentimento, a miña fala, os meus movementos lentos son chairegos”

A literatura galega de hoxe abala entre a poesia hermética e a novela de supermercado. Vostede que coñeceu épocas moi diferentes, a que pensa que se debe?

Á poesia fóronlle sacando mercado. Deixouse de promover e de ler nos centros de ensino. O libro que se vende, non só o galego senón tamén o de castelán, é o que vai aos centro de ensino. A xente escribe novelas para gañar un premio que agora empezan a estar ben dotados, malia que Paco Vázquez fixera o que fixo, ou para metelos nos colexios. Paréceme tamén unha mentalidade trabucada esa de facer as cousas simples para que as entendan os rapaces. Simplificar non é sempre clarificar senón empobrecer. Sobre a poesía, coido que hai un afán de orixinalidade e tamén moitos poetas que son profesores e caen un pouco no exercicio literario. Na miña opinión, hai algúns novelistas moi bos e algúns poetas que me gostan moito que teñen un verso moi claro, honrado e cun gran dominio da composición. Estou a pensar en Fiz Vergara Vilariño, en Darío Xohán Cabana, en Antonio Tovar, que ten un libro asombroso: A nada destemida, ou mesmo en Rodríguez Baixeras que é un bon sonetista. E xa apuntan algúns novos como un dos irmáns Villar. Claro que despois da xeración espléndida que houbo na posguerra, con Cuña, Novoneira, Ferrin, Bernardino Graña, García Bodaño, Celso Emelio Ferreiro ou Díaz Castro que foron grandes poetas, pois o de agora pódese considerar unha focha que se superará.

Saleta Goi e Manuel María. PAULA BERGANTIÑOS

Saleta Goi e Manuel María. PAULA BERGANTIÑOS

Antes afirmaba que a xeración de preguerra era moi aberta aos novos. Manteñen vostedes agora esa actitude?

O vivir en Monforte suponme o non ter un grupo detrás de min. Eu cos novos enténdome ben. Teño boas relacións con eles e penso que eles comigo tamén. Trátanme con moito agarimo. Nos congresos vexo que me tran viño e me compran tabaco. Ora, o que noto é que falan menos de literatura que as xeracións anteriores. Con Aquilino, Otero ou Celso Emilio era imposíbel non falar de literatura. Agora coincides con poetas novos e falan de movidas, de cine, de rapaces e moi pouco de literatura.

De onde lle vén esa afección a colecionar obras e anécdotas de autores excéntricos ou toliños, caso de Juan de la Cova, por exemplo.

Debido ao chocante que resultan, a maior parte deles teñen unha grande orixinalidade. No fondo posúen moita graza. Eu sinto ademais polos toliños unha tenrura especial, polo desvalidos que me parecen. Ese mundo atráeme e inquiétame. Lembro moitos toliños que andaban por Outeiro. O do Cribeiro que era mudo e nin sequera dicía nai, só sabia dicir ma. O tolo de Palmeiro que non falaba con ninguén. O Atanasio que andaba cheo de medallas e dicía que era comandante xeneral de sebes e camiños, de prados e corredoiras. O Gabriel do Castro que ademais era esmolante. En Lugo tamén habia unha colección tremenda. Pero non é só que eu teña curiosidade polos tolos, é que eles conectan comigo, veñen falarme espontaneamente. Iso tenme pasado fóra de Galiza. Achéganseme e eu o único que fago é, non quizais atendelos o que merecen, senón simplemente ser receptivo e estar á recíproca. Aquí en Monforte case todos os tolos maiores son amigos meus. Véñenme saudar cando se van e así.

Vostede, malia ser un poeta chairego, desde 1958 reside en Monforte. Chama a atención que seña un lugar que mencione tan pouco, mesmo na súa obra.

Quizais sexa moi rilkiano, naquilo de que a patria é a infáncia e pessoano no de que a patria é a lingua. En Monforte estou adaptado, pero pese a todo son chairego. O meu sentimento, a miña fala, os meus movementos lentos son chairegos. Eu boto moito de menos a paisaxe da Terra Cha.

“Cando fun concelleiro, en vez de ao cargo de Cultura, puxéronme en Lixo e Incendios”

Que opinión ten do actual Goberno?

Coido que asumiron formalmente a lingua e a cultura galega, como obriga que non lles é moi grata. Non hai xente realmente interesada a fondo en normalizar a cultura e a lingua e se fan algunha concesión é sempre baleira de contido. Se cobren algún terreo é para taparlle a boca ao nacionalismo. Porque aquí hai un nacionalismo, aínda que non o numeroso que faría falta para ter o poder que sería un primeiro paso ideal. O nacionalismo tería que ser máis belixerante e máis efectivo. A Lei de Normalización Linguística non se cumpre, as materias que hai que dar en galego no ensino non se dan, a maior parte dos estamentos e funcionariado da Xunta non falan galego. Se houbese unha vontade política de normalizar teríase feito.

Como lle afectaron as distintas situacións que viviu como escritor: a censura franquista, as multas na transición e a etapa actual?

No franquismo tiñas medo e unha grande inseguridade. Estabas a temer sempre que che aparecese a policía pola casa, que che levasen os libros, que te levasen a ti e, sobre todo, cando a miña sobrevivencia dependia da miña profesión. Despois, cando caeu o réxime, non participei en grandes capelas, estiven aqui en Monforte, indo a congresos ou conferencias cando me chamaban e publicando a miña obra, sen demasiados problemas.

As novas institucións autonómicas recoñeceron, dalgún modo, o seu labor de tantos anos a prol do galego e da cultura?

Eu nada lles pedin e elas nada me deron. Mesmo cando fun concelleiro en Monforte non me encargaron de Cultura senón de Lixo e Incendios.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s