‘O triunfo do ovo’, unha lección de literatura moderna

Fragmento da capa de 'O triunfo do ovo' na edición galega de Irmás Cartoné.

Fragmento da capa de ‘O triunfo do ovo’ na edición galega de Irmás Cartoné.

Sherwood Anderson non é un dos narradores clásicos contemporáneos estadounidenses máis famosos. A súa escasa obra publicada e o seu afastamento dos círculos literarios do seu tempo teñen moito a ver no papel secundario que a historia oficial das letras dos EUA lle concedeu. Mais coincidindo coa caducidade dos seus dereitos de autor, unha nova xeración pode descubrir unha figura que está entre as máis interesantes da literatura do século XX. En galego, descubrimos este nome grazas a outro acerto da nova editorial Irmás Cartoné.

O triunfo do ovo reúne quince relatos, publicados orixinalmente no 1921. É unha maneira perfecta de achegarse a Anderson porque nestas narracións está condensada toda a súa idea sobre as posibilidades da ficción, da literatura. E chegan ao tempo noso tan frescas coma cando foron compostas. Velaí un xeito inesperado do triunfo dese ovo, un dos produtos máis necesitados de frescura para conservar o seu sabor.

O ovo de Anderson é unha lección de literatura moderna por tres motivos: un, demostra que na sociedade audiovisual (que el viviu na fase inicial, coa consolidación da fotografía e o nacemento da música gravada e mais o cinema), a literatura enfróntase principalmente á imposibilidade de contar. Dous, a literatura deixou de ser útil para facer didáctica. E tres, o máis importante non son os feitos, son as voces, as percepcións.

É unha maneira perfecta de achegarse a Anderson porque nestas narracións está condensada toda a súa idea sobre as posibilidades da ficción, da literatura.

O escritor renuncia a contar. Adiantándose ao gusto polo fragmentario e incompleto, os seus relatos creban a dinámica de presentación-nó-desenlace e substitúena por unha pulsión (fracasada) da expresión literaria por ordenar o caos. A tensión entre a escritura que quere encadear a realidade a través de secuencias e o propio río das interaccións humanas produce momentos de grande altura narrativa. O lector acaba emboscado na mesma cilada ca o autor, persegue canda el unha quimera e por último ten que conformarse coa beleza desa desorde implacable. Notamos pegadas de Sherwood Anderson en William Faulkner (que se considerou sempre discípulo del) mais tamén en Raymond Carver ou incluso no galego Cid Cabido.

O subtítulo do libro de Anderson é “Un libro de impresións sobre a vida americana en relatos e poemas”. Poemas como tales hai poucos aínda que a narrativa do volume é lírica de verdade, non mediante o recurso a metáforas efectistas senón atendendo ás cousas que pasan dun xeito sensorial e inclusivo. Nada é demasiado importante na prosa de Anderson pero tampouco nada se debe descartar.

Ese obxectivo de “pintar” a vida americana do seu tempo converte o libro nun tratado realista sobre unha sociedade en profundo cambio. Vemos como a América rural vai esmorecendo ao tempo que van medrando as megalópoles. Pola procedencia do autor, esa cidade símbolo adoita ser Chicago (tamén Nova York), un espazo urbano e industrial que fascinou outros autores, caso de Thomas Pynchon. Como diciamos, Anderson renuncia ao didactismo. Mentres que nesa incipiente década do 1920 por todo o mundo triunfaban os escritores que xulgaban os avances científicos ou os cambios socioeconómicos cun exceso de adxectivos e alertas, neste caso, esas profundas mudanzas aparecen nas vidas dos personaxes como forzas físicas e psicolóxicas, ás veces inaprensibles e arrebatadoras; noutras ocasións mediante o seu contraste. É moi interesante o personaxe de Stoner, o solteiro, do relato “De ningures á nada”, un dos máis densos e poderosos da colección.

Notamos pegadas de Sherwood Anderson en William Faulkner (que se considerou sempre discípulo del) mais tamén en Raymond Carver ou incluso no galego Cid Cabido.

Os personaxes de Anderson están quizais perdidos. Perdidos na inmensidade das chairas do Medio Oeste dos EUA; perdidos nun mundo que ve o futuro coa ilusión da luz eléctrica e as accións de bolsa entrementres o millo segue a medrar coa mesma parsimonia e os rechouchíos dos paxaros se entremesturan co cheiro das flores que mexe o vento. Ningunha das historias permite un resumo deses de cinco liñas que tanto abundan na literatura convencional. O lector pode chegar ao final de cada relato coa sensación de que non entrou na vida dunhas xentes senón que as percibiu de esguello, a través dun cristal embazado. Eses reflexos son quizais máis poderosos ca os personaxes férreos porque custa desapegalos da mente e da pel. Moito despois de acabada a lectura, as palabras que lle leramos a Anderson, o que evocan nos nosos sentidos e nosos recordos, volve aparecer para recordarnos que na experiencia humana é tan importante o que se vive coma o que se pensa que se vive.

Na tradución ao galego de Carlos Valdés e Celia Recarei cóaronse na primeira edición bastantes grallas e castelanismos. Esperemos que a obra consiga unha segunda versión, mellor corrixida.

♦ O triunfo do ovo, de Sherwood Anderson, Irmás Cartoné, 2015. 226 páxinas.♠12,50€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s