Ramón Piñeiro e o proxecto da socialdemocracia galeguista

Reunión da sección española do Congreso pola Liberdade da Cultura, na casa de Fernando Chueca, en Toledo, en 1964. De esquerda a dereita: Antoni Badía i Margarit,Ernest Lluch, José Luis Aranguren, Fernando Baeza, Enrique Tierno Galván, Joan Raventós, Dionisio Ridruejo, Vicent Ventura, José Antonio Maravall, Domingos García-Sabell, Maurici Serrahima, Rafael Tasis, Jordi Carbonell, Marià Manent, Pablo Martínez Zaro, Rafael Lapesa, Paulino Garagorri, Lluc Beltrán, Josep Benet e Lorenzo Gomis. Agachados e sentados: Sergio Vilar, Josep Mª Castellet, Fernando Chueca e Victor Hurtado.

Xesús González Gómez.

A correspondencia Joan Fuster-Ramón Piñeiro como pretexto. O Congreso pola Liberdade da Cultura como escenario.

No número 205 de Grial, xaneiro-febreiro marzo 2015, Ramón Villares presenta nuns cantos folios as cartas que se intercambiaron o escritor valenciano Joan Fuster e Ramón Piñeiro: “Joan Fuster e Ramón Piñeiro, á procura de Nós, os galegos”. Cartas intercambiadas en 1965, e outras en «tempos democráticos». A presentación de Villares é correcta e di cousas que poden interesar, mais Villares non acaba de explicar como e por que chegan a cartearse en 1965 o valenciano e máis o galego, aínda que debemos matizar que a presentación trata da proposta que lle fai Fuster a Piñeiro para que se escriba en Galicia un libro parecido a Nosaltres, els valencians. Libro que para Ramón Piñeiro debía escribir Basilio Losada, que non o fixo. Pasados os anos, un libro máis ou menos semellante ao do valenciano, ben que desde unhas perspectivas sociolóxicas, metodolóxicas e ideolóxicas diferentes ás que pensaba Ramón Piñeiro, segundo Villares, escribiuno Xosé Manuel Beiras con O atraso económico de Galicia[1].

Joan Fuster estivera en Galicia 1954, nun deses Congresos de Poesía organizados, en última instancia, polo franquismo e no que participaban mesmo membros da “oposición”. Fuster, no tomo 2 das súas obras completas, Diari 1952-1960 (Barcelona, Edicións 62, 1969), fala un pouco dese congreso; páxinas, por certo, que se reproduciron no libro coordinado por Alonso Montero Carles Riba e Galicia (Vigo, Editorial Galaxia, 1994). Mais o comentario, a recensión importante  dese Congreso por parte do valenciano publicouse anos despois da morte de Fuster, no 2004, en Dos quaderns inèdits (Valencia, Edicions Bromera, 2004, introdución e notas de Francesc Pérez Moragon). Dous “quaderns” que o de Sueca retirara do seu Diari por mor da censura. Nestes cadernos fala longo e tendido sobre tal Congreso: presenta un informe polo miúdo tanto de feitos e intervencións do Congreso en si como da vida dos congresistas unha vez acabadas as sesións oficiais. Segundo o valenciano, o Congreso “ha estat una estafada” (p. 139), e un pouco máis adiante escribe: “Fou amb els gallecs amb qui les relacions van ser més fortes i propícies. Hem pogut adonar-nos d’una poesia jove en gallec ben interessant, i de la existència de tot un moviment cultural de moltes posibilitats. Estan molt lluny encara de asolir no dic la normalitat, sinó ni tan sols la pista de la normalitat” (p. 142). Tamén afirma que a participación dos cataláns en tales congresos, agás o dese 1954, e precisamente polos contactos con Galicia, nunca foi proveitosa. E engade, “els gallecs, pel seu compte, també havien posat objeccions al congrès” (p. 143). E tamén fala sobre persoas e personaxes que a tal concorreron, así como narra anécdotas graciosas e divertidas do evento. A Manuel María, pola súa conversa derramada, os congresistas chamábano “El rollo que no cesa”;  etc. O informe de Fuster é, acho, imprescindíbel para tratar ese congreso que tivo lugar en Compostela en xullo de 1954: até agora, que eu saiba, en Galicia non se citou este “texto” fusteriano[2].

Villares cita esa estadía, pero pouco máis. Non é para botarllo en cara: ninguén sabe todo e ninguén ten todos os documentos e todos os libros perante súa cando está a facer un traballo. Na súa presentación destas poucas cartas. Villares afirma que Ramón Piñeiro apoiou a formación de Partido Socialista Galego (PSG), o que fora dirixido por Beiras, e Joan Fuster o nacemento do Partit Socialista del País Valencià, partidos que en 1975/76 confluíron naquela Federación de Partidos Socialistas, que se desfaría despois das eleccións de 1977, cando moitos dos seus membros dirixentes, e algúns da contada base que tiñan, se pasaron con armas e bagaxes ao PSOE de Felipe González e Alfonso Guerra, supoño que cansos de pasar o día a discutiren se tiña razón Lenin ou a tiña Rosa Luxemburg mentres os votos e os militantes os acaparaba o dueto González-Guerra.

A información achegada por Villares é certa, como é certo que os primeiros folletos dos dous partidos se imprimían en Perpignan –Perpinyà– (Francia), na mesma imprenta que tiraba folletos, libros e revistas do Congreso pola Liberdade da Cultura (CLC).

Pertenceron Joan Fuster e Ramón Piñeiro ao CLC?

Avancemos que nesa mesma imprenta tiráronse catro números da revista catalá Mirador, segunda ou terceira xeira, segundo se mire, baixo os auspicios da ASO (Asociación Sindical Obreira) e de grupos socialdemócratas desvinculados do PSOE e vinculados ao CLC, aínda que moitos homes e mulleres do vello partido de Pablo Iglesias andaban polos mesmos anos na órbita do CLC. Mirador fora fundada por Amadeu Hurtado, un home de Acció Catalana, e dirixida por Just Cabot, un gran xornalista que morreu no exilio. Digo segunda ou terceira xeira, segundo se mire, porque fundada en 1929, en xullo de 1936 foi requisada polo PSUC (os comunistas-stalinistas) que continuaron con ela até 1938 (por certo, aí publicou Rafel Dieste un dos seus artigos máis antifascistas, e o último número desta serie leva como portada unha estampa de Galiza Mártir, de Castelao). Teriamos, xa que logo, dúas etapas de Mirador. Unha vez desaparecida esta, en 1938, os do PSUC, coa mesma redacción, lanzaron a revista Meridià, que desapareceu en 1939, pouco antes de que as tropas fascistas entrasen en Barcelona. Vai ser, pasados os anos, en 1966, cando en Perpignan Amadeu Cuito fixo aparecer unha nova xeira de Mirador, que publicou catro números, desaparecendo no inverno 67/68 do século pasado. Mirador era unha revista cultural-política excepcional que durante o tempo da guerra non perdeu a calidade. En 1966 na revista colaboraban Heribert Barrera, Josep Pallach, Eugeni Xammar, Rudolf Guerra, Miquel Coll i Alentorn, etcétera. Xammar, por exemplo, publicou duros artigos antifranquistas denunciando os homes de Destino, que para el eran simples colaboradores do franquismo. No primeiro número de 1966, datado no verán dese ano, aparecen artigos de Julio Caro Baroja sobre o País Vasco, J. Suárez Carreño, sobre Castela, Joan Fuster, sobre Valencia, e un titulado “Galicia en la Península”, da autoría de Ramón Piñeiro. A revista imprimíase na imprenta de Josep Buiria, 8, rue de Rigaud, Perpinyà. Os folletos do PSG, e do PSPV (en realidade, este último, nos anos 1963/1964, cando empezaba a funcionar, denominábase Acció Socialista Valenciana), publicábaos as Éditions Ibèria, sitas no número 8, da rue Rigaud, de Perpinyà; ou sexa, o mesmo editor, a mesma imprenta que a revista catalá. Mais, en 1966, Piñeiro e Fuster xa se “carteaban”. Con todo, hai un dato na primeira carta de Fuster que chama a atención: Fuster dille a Piñeiro que recibiu o seu libro (Filosofía da saudade –a versión en español que se fixo na Arxentina?) e lle escribe que espera que el (o galego) recibira os seus (entre eles o xenial Diccionari per per a ociosos). O que quere dicir que se intercambiaron libros porque, supoño, alguén os puxo en contacto.

O director de Mirador nesta última xeira era, como dixemos, Amadeu Cuito, un home do Congreso pola Liberdade da Cultura, exiliado e fillo de exiliados, que viviu en Perpugnan até 1976, e que estudou en París. Cuito publicou no 2011 as súas memorias: Memòries dun somni (Barcelona, Quaderns Crema). Nestas memorias, Cuito dedica unhas páxinas a… Ramón Piñeiro. Foi Cuito quen puxo en contacto a Piñeiro e Fuster? As cousas son máis complicadas, ou máis sinxelas, segundo se vexa.

Se por unha parte Cuito, que era un home, como dixemos, do Congreso pola Liberdade da Cultura, eran Piñeiro e Fuster membros de tal Congreso, animado pola diplomacia secreta dos Estados Unidos en tempos da chamada Guerra Fría? Non imos explicar agora o que era o Congreso pola Liberdade da Cultura, o autor pode acudir ao importante libro de Francis Stoner Saunders, La CIA y la guerra fría cultural (Barcelona, Editorial Debate, 2001), no que se afirma que os servizos secretos soviéticos tardaron dez anos en detectar que o tal Congreso estaba financiado pola CIA, por medio de fundacións como a Ford e/ou a Rockefeller e outras, tamén en tal libro se fala da importancia do que tivo «galego» Salvador Madariaga como presidente do Congreso[3].

Foi Cuito quen puxo en contacto a Piñeiro e Fuster? As cousas son máis complicadas, ou máis sinxelas, segundo se vexa.

Fuster, acho, e como tantos outros, foi manipulado en certos momentos polo Congreso[4]. Non el directamente, senón os seus libros. Explícome. Sábese, cóntao Gregorio Morán en El cura y los mandarines (Tres Cantos, Akal, 2015), que o libro de Fuster Nosaltres, els valencians foi subvencionado polo tal Congreso e publicado por Edicions 62, cuxo director literario era un home forte da sección española do Congreso, Josep Maria Castellet. Tanto no Diari, como nos Dos Quaderns inèdits, de que falamos, Fuster móstrase como un socialdemócrata anticomunista (ou mellor sería dicir antisoviético). Mais a partir de 1964/65, sobre todo a partir da lectura de Gramsci –que en España publica por primeira vez en catalán a devandita Edicions 62 e en castelán Ediciones Península, o selo castelán de Edicions 62– reconvértese, e sen chegar a ser un marxista ortodoxo, cada vez máis, até a súa morte, é influenciado polo marxismo. Un marxismo, se se quere, pasado pola peneira de Voltaire e, sobre todo, Diderot. Pódese afirmar que non se entenderá a Fuster se non se le á luz de Montaigne, Voltaire, Diderot, Erasmo de Rotterdam e Gramsci, sen esquecermos, claro, a Marx, e mesmo a Lukács (Fuster puxo en Cataluña en circulación a expresión “o evanxeo segundo san Lukács” cando se discutía sobre realismo).

Ramón Piñeiro.

Ramón Piñeiro.

Como apuntaramos, o Congreso pola Liberdade da Cultura financiou Nosaltres, els valencians, de Fuster. Anos despois, a editorial oficial do Congreso en España, Seminario y Ediciones S. A., publicou un novo libro de Fuster: a versión española de L’home mesura de totes les coses. (Por certo, Morán, desta editorial non di palabra no seu libro.) Editorial que publicou a versión española de Separatismo e unidade: unha mitificación histórica, do notario coruñés Eduardo Menendez-Valdés Golpe, libro que antes fora editado por Galaxia, con prólogo de Piñeiro[5]. Esa mesma editorial publicou en 1971 Testimonio personal, de Domingo García-Sabell. A editorial publicou libros interesantes, e mesmo algún escrito por xente que daquela era do Partido comunista español ou estaba preto del, como Antonio Elorza e J. Trías Vejarano.

Non hai que esquecer que o CLC e a CIA promoveron, contra a URSS e os seus acólitos, o expresionismo abstracto e outros tipos de pintura e literatura para loitar contra o realismo socialista e de paso contra os comunistas e os seus seguidores. Non hai máis que lembrar que promovían a Roberto Matta, pintor surrealista, membro do Partido comunista francés e do Partido comunista chileno; ou a Picasso, membro do Partido francés. Tampouco cabe esquecer, por exemplo, que mentres en La pensée ou La nouvelle critique, ou mesmo Les Lettres Françaises (revistas dominadas polo Partido comunista francés) se promovían nulidades literarias e pictóricas, e doutras artes, Preuves, a revista do CLC, promovía a Gombrowicz, a Perec, etc., polo que o amante das boas artes e da boa literatura prefería Preuves ás outras citadas (cito as revistas francesas porque son as que coñezo). Aínda que non sexa do todo así, habería que matizar moito, pero non temos tempo.

Fuster, xa que logo, non foi do CLC. Foino Piñeiro?

Como dixemos dicindo, Fuster acabou coñecendo e usando do marxismo, e mesmo defendendo os comunistas oficiais, non hai máis que ler os seus artigos sobre o maio do 68 ou sobre Roger Garaudy. Con todo, nunca foi un compañeiro de viaxe deles como tampouco o foi do CLC. Se entramos no caso Piñeiro, hai que afirmar que si. Mais vaiamos por partes.

No diario español El País, do 6 de outubro de 1985, Pablo Martín Zaro, que fora desde 1962 o home executor do Congreso para España, publicaba un artigo á memoria do poeta francés Pierre Emmanuel[6] (home do CLC en Francia). Entre outras cousa, Martín Zaro escribía: “Nunca, repito, le habí­a resultado indiferente lo español [a Pierre Emmanuel]. Lo nuevo para él era que, a partir de ese momento, ya podí­a hacer algo efectivo por el paí­s que tanto le atraí­a. Y en 1959, como directivo de la entidad arriba mencionada [CLC en París], Emmanuel reunió en el sur de Francia, concretamente en Lours Marin, a un reducido grupo de españoles, Cano, Cela, Castellet, Laí­n Entralgo, Marí­as, del que no tardarí­a en surgir el Comité Español de la Asociación Internacional por la Libertad de la Cultura, al que, además de todos los citados antes (con la excepción de Cela), pertenecieron, entre otros, Aranguren, Josep Benet, Bru, Chueca, Garcí­a Sabell, Lorenzo Gomis, Mariá Manent, José Antonio Maravall, Morodo, Ridruejo, Ruiz Giménez, Sampedro, Carlos Santamarí­a y Tierno Galván, y del que yo fui secretario hasta su extinción en 1977”. Temos, xa que logo, que García-Sabell pertenceu ao CLC, o que reafirma o interesante traballo Discreta reunión frustrada en la casa de Domingo García-Sabell. Santiago de Compostela, 15-17 de septiembre de 1968. Pola súa lectura dedúcese que García-Sabell ademais de membro do CLC, gozaba da confianza das distintas “tendencias” que se asentaran no CLC e, sobre todo, da súa dirección[7]. E García-Sabell e Ramón Piñeiro tíñanse unha confianza mutua.

Pero hai máis datos, Josep María Castellet que, como dixemos, era un home forte do CLC en España, escribiu en Josep Marí­a Castellet, «El diálogo durante los años sesenta o la institucionalización en la clandestinidad», en Relaciones de las Culturas castellana y catalana: Encuentro de Intelectuales: Sitges, 20-22 diciembre 1981, Servei Central de Publicacions de la Presidència, Generalitat de Catalunya, Barcelona 1983, páx. 120-ss.; en La cultura y las culturas, Editorial Argos Vergara, Barcelona 1985, páx. 112-115: «Formamos el Comité, con sede (clandestina, evidentemente) en Madrid y secretariado en Barcelona, que llevaba yo mismo. Presidió el primer Comité Pedro Laí­n Entralgo y lo formaban Fernando Chueca, que serí­a el segundo presidente, Enrique Tierno Galván, José Luis Aranguren, José Luis Sampedro, José Luis Cano, Antonio Buero Vallejo, Julián Marí­as, José Antonio Maravall, Joaquí­n Ruiz Jiménez, Dionisio Ridruejo y Carlos Marí­a Bru, entre los asistentes asiduos a las reuniones. Otros nombres se adhirieron con posterioridad o estuvieron desde el principio aunque con presencia menos activa: recuerdo los de Julio Caro Baroja, Domingo Garcí­a Sabell, Paulino Garagorri, Raúl Morodo, Ramón Piñeiro, Carlos Santamarí­a, Miguel Delibes y algún otro nombre que, posiblemente, se me escapa ahora, además de Pablo Martí­ Zaro, quien acabó ocupando la secretarí­a después de los acontecimientos que explicaré a continuación. Posteriormente, cooptamos para el Comité, en Cataluña, a Marià  Manent, Josep M. Vilaseca i Marcet, Llorenç Gomis y Josep Benet, aparte de la colaboración de otros muchos amigos».

Un dato máis para confirmar a pertenza, aínda que polo que afirma Castellet un pouco “lateral”, de Ramón Piñeiro ao CLC pode vir dado pola entrevista que Sergio Vilar lle fixo no libro Protagonistas de la España democrática. La oposición a la dictadura[8], París, Éditions sociales, 1969. O libro foi “financiado” polo Congreso e editado pola editorial do Partido comunista francés; a raíz da súa publicación Vilar, que pertencía ao CLC mais tamén militaba na PSUC-PCE (do que marchou en 1978), tivo que emigrar. O libro foi reeditado en 1966, en España, pola barcelonesa Editorial Aymà, editorial que, curiosamente?, publicaba as obras de Julián Gorkín.

Pódese afirmar, sen medo a se equivocar, que Ramón Piñeiro, con García-Sabell, formou parte do CLC en España. O que non significa absolutamente nada, porque no seu momento, a maioría dos membros do CLC non sabían que detrás do Congreso estaba a diplomacia secreta norteamericana, aínda que os comunistas denunciaran o Congreso desde o primeiro día, mais eles tiñan moito que calar, porque se o macarthismo foi brutal, os procesos que se desenvolveron nas denominadas “democracias populares” a partir de 1948 foron asasinos (por non falarmos dos procesos da segunda metade dos anos 1930). Por outra parte, os homes, e poucas mulleres, do Congreso en España reuníanse para conducir o país cara a unha democracia “europea” e eran antifranquistas convencidos, polo que tiñan que reunirse na clandestinidade, e como escribiu algunha vez Enrique Acuña, a clandestinidade produce monstros –é dicir, que moitas veces non se sabe quen manipula.

Polo tanto, se Fuster estivo durante un tempo nos lindeiros do CLC[9], calquera membro do CLC ou a súa dirección puido pór en contacto o valenciano con Piñeiro, ou talvez se coñeceron nalgunha reunión oficial ou oficiosa, sempre clandestina, do Congreso en España? No entanto, avancemos, á parte da opción García Sabell –por certo, aínda non se publicou ningunha correspondencia do doutor compostelán, por que?, xa que tiña como amigos e/ou coñecidos grandes figuras da literatura e do pensamento, non só españois, senón internacionais, como o devandito Pierre Emmanuel, que era un bo poeta. (García-Sabell publicou no número 66 de Grial, outubro/novembro/decembro 1979, “Carta a Pierre Emmanuel”.)

Pódese afirmar, sen medo a se equivocar, que Ramón Piñeiro, con García-Sabell, formou parte do CLC en España.

Pero á parte de García-Sabell e de calquera outro nome que puidera pór en contacto a Fuster e Piñeiro, pensamos que salientan dous homes: César Alvajar e Amadeu Cuito.

César Alvajar. Figura contraditoria que non imos analizar polo miúdo. Só direi que en 1932 estaba contra o Estatuto galego e que a súa muller, Amparo López Jean, acabou dirixindo as mulleres galeguistas e que Alvajar chegará ser o representante en Europa do Consello de Galiza. En 1946 participara, en Francia, en actos para presentar o Bloque Republicano Nazonal Galego con Xoán Xosé Pla, polo Partido Galeguista e Enrique Lister, polo PCE, entre outros. Co tempo, noticias do devalar de exilio de César Alvajar sitúano sen dúbidas como un cadro importante do Congreso pola Liberdade da Cultura en Europa. Despois de dirixir no exilio La Nouvelle Espagne e ser habitual invitado de “Alló Galicia”, programa para a audiencia galega de Radio France, vai colaborar desde 1954 en Cuadernos, a revista en español apadriñada polo CLC e nela comenta a saída do libro Filosofía da saudade, de Ramón Piñeiro. En 1957 acepta a Delegación europea do Consello de Galiza, que incorpora ao Consello Federal Español. Neste mesmo cargo sucédeo o seu fillo Xavier Alvajar que foi o administrador da revista Mañana, publicada polo CLC en París, baixo a dirección de Julián Gorkín (aínda que o antigo membro do POUM —o español con máis poder no Congreso– apareza como director delegado; como director da publicación aparece Michel Collinet, o segundo marido da primeira esposa de André Breton, Simone Kahn, sociólogo, extroskista e membro importante do CLC).

Existe unha correspondencia entre Ramón Piñeiro e César Alvajar ou co fillo deste Xavier? Se é así, acho que sería interesante que se fixese pública e se estudase. De existir, cousa nada descartábel.

Joan Fuster.

Joan Fuster.

Amadeu Cuito. Nas súas memorias, Memòries d’un somni, libro moi interesante pola cantidade de datos e noticias que dá sobre os socialdemócratas anticomunistas (anti-stalinistas) e outras especies, á parte de que está ben escrito, claro, dedica unhas páxinas a Piñeiro. Polo que dá a entender, debeu coñecelo en 1964 ou 1965, como tamén coñeceu naqueles anos a Xosé Manuel Beiras, que llo presentou Piñeiro. Este viaxou con Cuito a Cotlliure e Perpinyà, onde coñeceu a Josep Pallach, o líder socialdemócrata catalán, anticomunista furibundo, cousa de entender, xa que os comunistas (os stalinistas), cando Pallach era novo e membro do POUM, quixeron liquidalo durante a guerra civil, e a Josep Buiria, o impresor e editor de Mirador e dos folletos do PSG. Tamén viaxou con Piñeiro ao País Vasco, onde o galego lle presentou a Cuito a Koldo Michelena, co que o galeguista que pasara uns anos no cárcere, en Madrid, e a Juan Ajuriaguerra, “xefe indiscutíbel da organización clandestina do Partido Nacionalista [vasco]”, segundo Cuito. O catalán, vese clarisimamente lendo as súas memorias, era un home do CLC, e mesmo, pódese afirmar, do Departamento de Estado americano. Coñeceu a Joan Fuster tamén por eses anos, cando estaba a argallar Mirador e Fuster acababa de publicar Nosaltres, els valencians (1962). Penso que Cuito ben puido dicirlle a Fuster que lle enviase os seus libros a Ramón Piñeiro. E así se iniciou a curta, infelizmente, correspondencia entre os dous homes.

Villares, na súa introdución, cita un artigo de Fuster sobre Galicia e a súa literatura publicado en 1965 e que Basilio Losada menciona na súa correspondencia con Piñeiro. Cando Fuster escribe ese artigo, xa mantiña correspondencia co galego, e é de imaxinar que Galaxia lle enviara diversos libros, de aí o coñecemento da literatura galega[10] que mostra no seu artigo e que, en certa maneira, sorprende a Basilio Losada. A Editorial Galaxia tiña a teima, eses anos, de enviar libros a escritores que falaban de Galicia, así o testemuña a correspondencia entre o gran Gaziel (Agustí Calvet, o mítico director de La Vanguardia de antes da guerra) con Josep María Cruzet, o seu editor. Gaziel escribiu ao Faro de Vigo porque neste xornal se publicara, segundo el propio, a mellor recensión do seu libro de viaxes La Península inacabada (en catalán), no que fala de Galicia. A recensión fixéraa Salvador Lorenzana (pseudónimo de Francisco Fernández del Riego); Del Riego decidiu enviarlle libros galegos, o que lle explica Calvet a Cruzet. En fin, que está máis que claro que o inicio das epístolas entre Fuster e Piñeiro debeu ser unha indicación de Amadeu Cuito, naquel momento interesado na formación de partidos socialdemócratas de tipo nacionalista –en realidade, máis nacionalistas que socialdemócratas– que se enfrontasen tanto aos comunistas como aos socialistas “centralistas”, é dicir, ao PSOE. Ora ben, como chegou Cuito a Piñeiro: non o explica o catalán nas súas memorias, e nelas non aparece, que eu lembre, o nome de Alvajar, mais penso que debeu pórse en contacto co galego mediante unha indicación dalgún dos Alvajar (Cuito, fillo de exiliados, viviu moito tempo en París)…. Ou de algún outro membro do CLC. Talvez os arquivos do Consello de Galiza en París nos desen algunha explicación máis ou menos definitiva[11]. Ou a correspondencia de Domingo García-Sabell.

Das cartas intercambiadas entre Fuster e Piñeiro, as publicadas en Grial, prefiro non dicir nada e recomendalas aos lectores. Só lembrar que Fuster lle di a Piñeiro que talvez, ademais de a Heidegger, deberían ler a Marx e mesmo a Voltaire. Un marxismo volteriano: non estaría nada mal, e non só para Ramón Piñeiro.

[1] Non estará de máis lembrar que en 1970 apareceu en Buenos Aires, en español, o libro de Xavier Costa Clavell, Los gallegos. O volume de Costa Clavell, que tiña como modelo o libro de Joan Fuster, debía aparecer en 1968 na editorial barcelonesa Llibres de Sinera, mais a censura impediuno, polo que foi publicado en Buenos Aires. Cómpre matizarmos que o libro de Costa Clavell era máis informativo do que teórico ou “propositivo”, como era o caso do de Fuster.

[2] Agás a breve referencia que fixen en eu “He mirat aquesta terra: algúns motivos común na poesía de Salvador Espriu e Manuel María”, en Manuel María: Literatura e Nación. Actas do congreso: “Manuel María: literatura e Nación”, A Coruña, 3-5 de novembro de 2005, A Coruña, Universidade da Coruña, 2009, p. 109-121.

[3] Para ampliar ou, ás veces, matizar datos e ideoloxías, pode o lector ler, á parte de libros e traballos que se citan ao longo deste artigo, ás seguintes fontes: Olga Glondys, La guerra fría cultural y el exilio republicano español. Cuadernos del Congreso por la Libertad de la Cultura (1953-1965), Madrid, CSIC, 2012, prólogo de J.-C. Mainer, Jordi Amat, “España en la guerra fría cultural”, La Vanguardia, 24 de febreiro de 2020, supl. Culturas; Christopher Lasch, La agonía de la izquierda americana, Barcelona, Ed. Grijalbo, 1970, tradución e prólogo de Manuel Sacristán; Enzo Traverso, Le totalitarisme. Le siècle XX en débat. Paris, Editions du Seuil, 2001; e os traballos de Marta Ruíz Galvete, da Universidade de Grenoble, publicados en diversas revistas universitarias francesas: «Cuadernos del Congreso por la Libertad de la cultura:anticomunismo y guerra fría en América Latina”, El argonauta Españoo, 3, 2006; «”¿Vendidos al enemigo?” Disidentes y renegados del comunismo español (1921-1965», Universidad de Grenoble, Colloque: Conflits dans le monde hispanique. Héterodoxies, déviances et dissidences, 5-6 de febreiro de 2009, e « Los trabajos intelectuales del anticomunismo: el congreso por la libertad de la cultura en América latina », Nuevo Mundo Mundos Nuevos  (http://nuevomundo.revues.org/66101 ; DOI : 10.4000/nuevomundo.66101). E a web www.filosofia.org

[4] Stoner Saunders afirma no seu libro que cando se soubo que a CIA financiara o Congreso, moitos dos seus membros dimitiron, algúns volveron ser «esquerdosos» (a maioría dos que actuaba de «boa fe», porque o inimigo, os comunistas stalinistas ou soviéticos non eran, precisamente, uns santos —a diplomacia soviética pagaba os famosos Congresos pola Paz.

[5] O libro é unha resposta ás peregrinas teses históricas sobre o “nacemento” de España de Claudio Sánchez de Albornoz.

[6] Non é nada curioso lembrar que Benjamin Péret, en A deshonra dos poeta, colocaba a este a carón de comunistas como Éluard, Aragon ou Gullevic, como poetas que deshonraban a poesía.

[7] García-Sabell, ás veces, perdíase, e así sábese que chegou a acubillar na súa casa ao dirixente fascista belga, o rexista Léon Degrelle. Talvez porque este Degrelle, fascisa –rexista– belga, refuxiado en España desde 1945 e reclamado intermitentemente polos belgas: ningún goberno español: franquista, UCD, socialista, concedeu a súa extradición, era íntimo do seu amigo Pedro Laín Entralgo, ou por “curiosidade”?

[8] O libro tivo como “inicio” a serie de reportaxes e entrevistas, “Viaje por España, vasta y profunda”, que Sergio Vilar publicou no xornal La Vanguardia, de Barcelona, en 1966/1967.

[9] En 1965, Joan Fuster foi convidado a unha reunión do Congreso en Toledo, 26-28 novembro 1965, na casa de Fernando Chueca Goitía, reunión na que participou García-Sabell: o valenciano non se presentou,ver (Maurici Serrahima Bofill, Del passat quan era present, IV (1964-1968), Publicacions de l’Abadia de Montserrat, Barcelona 2005, volumen 4, págs. 235-239; e foto que se reproduce), e é que por eses tempos xa non estaba por eses quefaceres. Serrahima fala dun pequeno enfrontamento conGarcía-Sabell. Digamos que para Serrahima os galegos, debido á súa pobreza, non podían comprender a filosofía de Heidegger…

[10] Cabe tamén non esquecermos os libros que puido adquirir en 1954, durante o mencionado Congreso de Poesía.

[11] Os arquivos da delegación do Consello de Galiza en París sabemos que estaban en poder de Isaac Díaz Pardo. Onde están agora?

 

Advertisements

2 comentarios en “Ramón Piñeiro e o proxecto da socialdemocracia galeguista

  1. Muito interessante trabalho e bem documentado (como todo o teu). Posso-che dizer que as relaçoes entre Xavier Alvajar e Piñeiro eram muito más; porém, ambos coincidiam num anticomunismo extremado. Tratei Alvajar durante o meu exílio na França e falo dele no livro que publiquei nas ediçoes Laiovento.
    Um abraço

  2. Pingback: Robert Enoch, coñecido como Mathias Lübeck, por Xesús González Gómez | Xalundes

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s