Mª Xosé Queizán: “A literatura galega deu grandes estilistas, que non quere dicir grandes escritores”

queizánCésar Lorenzo Gil.

María Xosé Queizán (Vigo, 1939) estrea a un tempo dúas novelas: A boneca de Blanco Amor (Galaxia) e Son noxento (Xerais), obras moi diferentes entre si que explican a versatilidade da autora e os seus múltiplos intereses narrativos.

Hai quen se queixa de que está difícil publicar novelas en galego. E vai vostede e publica dúas a un tempo.

Que coincidisen no andel de novidades ten a ver con dúas circunstancias. A boneca de Blanco Amor saíu coincidindo co 35º cabodano do autor ourensán. Son noxento estaba a gardar vez en Xerais e tocoulle saír.

Empecemos pol’A boneca de Blanco Amor. É unha novela na que o escritor percorre o texto case coma unha pantasma pero o protagonista real é Chile.

Blanco Amor estivo en Chile e pisou os lugares dos que se fala nesta novela. Eu sigo os seus pasos, intento captar o que el puido captar. Todo coa escusa da boneca, que é a orixe da obra e o elo entre Galicia e Chile. Como conto no libro, eu visitei Punta Arenas e alí souben da figura de Sara Braun, unha muller multimillonaria que dominou, xunto coa súa familia, a economía e a política daqueles territorios austrais. Alí, en Punta Arenas encontrei unha boneca a tamaño natural dela. E aí souben que aquela boneca é a que aparece na novela A esmorga. Non teño ningún dato para confirmalo pero eu sei que é así. E a partir de aí busco o fío para unir esa presenza en Chile coa personaxe da boneca e do fidalgo da novela de Blanco Amor. Pode dicirse que retomei a historia no punto no que el a deixa. Intereseime por quen era ese fidalgo e nesta novela ficciono sobre como puido ter sido a súa vida.

Na novela histórica, hai dúas tendencias: cinxirse á documentación e recrear unha época ou deixarse levar pola ficción para encher os ocos que a historia oficial deixa. Cal foi o seu método?

Combinei os dous. É unha obra moi documentada. Os personaxes na súa práctica totalidade son reais, o que non é real é o que puido ter sucedido. A literatura permite esa liberdade, a de imaxinar a partir dos feitos. Pero sempre sen danar a verosimilitude e coa intención de dar a coñecer a realidade. Des que visitei o sur de Chile tiña gana de contar o que alí sucedera. O cabo de Fornos é un deses puntos xeográficos fundamentais para entender a historia mundial pois foi a súa descuberta por parte de Fernando de Magalhães o que facilitou a volta ao mundo. O canal de Beagle foi unha das bases na investigación sobre a evolución que realizou Charles Darwin. Todo iso está na novela, todo iso pasou alí, na parte máis austral de América. E logo chegan os colonos e algunhas familias fan fortuna. Pero non se converten en simples terratenentes, non, amasan enormes fortunas. Son multimillonarios e están ao tanto do que sucede nas grandes capitais do mundo. A historia da propia Sara Braun é fascinante, foi unha muller única e quería dála a coñecer, convertela nunha personaxe literaria.

Vostede coñeceu a Eduardo Blanco Amor. Compartiu con el dun xeito íntimo os seus últimos momentos.

Ben, en realidade, compartín momentos co seu cadáver. Blanco Amor morre nun taxi en Vigo e o seu corpo é trasladado ao Hospital Municipal (hoxe Nicolás Peña), que daquela era o hospital dos pobres, onde tamén levaran a Urbano Lugrís, por exemplo. E cando chego onda o seu corpo el repousa nunha estancia fría, baleira, chea de humidades. Blanco Amor estivo alí só, acompañado dun grupo de amigos que o acompañamos atrás da ambulancia que o levou a Ourense. Xa alá, na súa cidade, estivo abandonado nun corredor do hospital. Intentamos que o Concello o homenaxease dalgún xeito pero como era fin de semana pois non se podía habilitar o edificio e o cadáver quedou alí, á espera. Foi unha metáfora perfecta do que pasou en vida Blanco Amor. Digo na novela que houbo quen levou o seu cadaleito aos ombros que nunca lle tería dado o brazo se o encontrase vivo polas rúas da cidade.

Houbo quen levou o cadaleito de Blanco Amor aos ombros que nunca lle tería dado o brazo se o encontrase vivo polas rúas de Ourense.

Blanco Amor sentíase pouco valorado neses últimos anos nos que vostede o coñeceu. Din del que estaba profundamente triste.

É certo que estaba triste, sufrindo unha enorme soidade. Digo sempre que el morreu só, tan só como vivira. Foi un home incomprendido e coido que el non estaba exento de culpa. Sufriu a hipocrisía de moita xente que o trataba con respecto e cariño na intimidade pero que no espazo público o ignoraba. Iso doíalle. Pola contra, Blanco Amor era unha persoa moi arrogante, un personaxe difícil de tratar. Tiña un exceso de autoestima. Mais ese orgullo que mostraba non serviu para que levase coa cabeza alta a súa homosexualidade. Entre os homosexuais deixábase levar, era tal e como quería ser, pero nas demais esferas sentíase infravalorado, como persoa e como escritor. Ademais, non tivo control sobre o seu diñeiro e iso mantívoo toda a vida nunha dependencia económica que lle foi daniña.

Pensa que hoxe en día si está valorado como merece?

El era unha figura impresionante, un home diferente, o grande escritor da Galicia do seu tempo. Un escritor realista, que fala do país de verdade, do pobo que el coñece. Conta unha sociedade que experimentou e que soubo reflectir coma ninguén. Durante moito tempo, as coordenadas da súa escrita non tiveron o recoñecemento que merecían pola propia dimensión da literatura galega, quizais demasiado encaixada no ruralismo. Blanco Amor falaba da cidade e hoxe gran parte da nosa literatura é urbana. De aí que se reivindique a súa figura.

Nesa evolución vostede tamén tivo un papel destacado?

Cando afirmo que a literatura galega era ruralista é porque os escritores eran do rural. Era na aldea e no pazo onde se falaba o galego. Non na cidade. Eu nacín na rúa de Urzáiz en Vigo. O galego é a miña lingua de escolla, non de “nacemento”. Eu era adolescente e pensei: estou aprendendo inglés e a lingua do meu país non a coñezo. E empecei a falar en galego e nunca máis o deixei, a pesar de que talvez non coloque os pronomes con total corrección. A miña historia é un pouco a historia do país. As cidades aumentan a súa poboación con persoas procedentes do rural e o galego esténdese. E polo tanto, a literatura galega achégase a novos ambientes. Xa pode falar doutras realidades, non só do que pasaba no rural ou da Materia de Bretaña.

A literatura galega achégase a novos ambientes. Xa pode falar doutras realidades, non só do que pasaba no rural ou da Materia de Bretaña.

O cambio nas letras galegas só lles afectou aos temas?

Non. A literatura dos últimos anos pouco ten a ver coa que se facía antes. En Galicia valourse moitísimo o estilo. Houbo grandes estilistas, que non quere dicir grandes escritores. E o estilo non se traduce. Por iso a literatura galega quedou pechada, con grandes dificultades para saír fóra noutros idiomas. Foi unha literatura controlada polo nacionalismo, unha ideoloxía que favorece ese illamento. Como é posible que en galego non haxa unha gran novela da emigración? Houbo unha escolla dos temas moi afastada dos propios vectores da sociedade galega. Favoreceuse a fantasía, o distanciamento. Isto causou unha ruptura entre a literatura e a realidade do país. E a rabia é que a realidade está chea de materia literaria. Cando un pescuda entre os emigrantes e averigua que as pasaxes para América do Norte eran máis caras que para América do Sur ou que nos EUA esixían dos emigrantes saberen ler e escribir para entrar, aí hai unha novela. Ou cando se conta que as mulleres galegas que ían exercer a prostitución tiñan as súas propias canles de entrada en países como Arxentina… hai ducias de historias, ducias de detalles. Como todo isto non está nas novelas galegas?

“Para ser feminista, amais de reivindicar, hai que ler e formarse”

Son noxento componse ao redor dun monólogo, o dun home do que vostede chega a dicir na introdución que se fartou de rir con el.

É que o protagonista é un home noxento, como el mesmo confesa no título, desagradable, abxecto… pero que cae simpático. Non é un home que transmita co seu aspecto ou os seus acenos nada negativo. Ben ao contrario, é atractivo, simpático, ocorrente. E si, recoñézoo, mentres escribía esta historia, rin, e rin con gana. Na escrita deste libro sentinme libre. Na estrutura e técnica foi un reencontro coa miña primeira novela, A orella no buraco. Como obxectivos literarios, unha novela que dese noxo e que fose humorística a un tempo. O humor é algo que se me dá ben na man.

No contorno do protagonista non se salva ninguén.

Son personaxes realistas. Existen figuras coma o sogro, un home de clase alta, violador; a sogra, que é quen de sentirse e aparentar elegancia aínda vivindo cabo dun pozo de porcaría; a muller do protagonista, dependente, incapaz de pensar por si mesma.

Á parte do ton da obra, o fondo é grave. O tema principal da novela é o incesto.

O incesto é un tema que me preocupa enormemente. Dáse en gran medida na nosa sociedade e teño para min que no futuro vaise dar máis porque existe un maior contacto entre pais e nenos. As mulleres xa nacen inferiorizadas, unha muller que sofre abusos na infancia queda marcada, castrada para sempre, élle imposible facer vida normal.

Hoxe en día, a presenza feminina nas letras galegas é moi destacada. A crítica gaba o bo nivel, especialmente na narrativa.

É unha evolución lóxica e parella á sociedade no resto de ámbitos. Hai un século as mulleres eran practicamente analfabetas todas. No meu tempo eramos moi pouquiñas as que podiamos acabar a escola. E conforme avanzou o tempo, a situación mellorou. Hoxe as mulleres son as que mellor rendemento académico teñen, ocupan a maioría dos postos escollidos por concurso público, por exemplo xuízas e fiscalas. Esa mellora xeral tamén se dá na literatura, especialmente na lectura. As mulleres son o motor da compra de libros. É normal que tamén se poñan a escribir. Para as letras galegas é unha gran noticia porque canda as mulleres entran temas até agora pouco tratados, aquelas áreas nas que as mulleres teñen protagonismo ou que elas queren considerar materia literaria.

As mulleres xa nacen inferiorizadas, unha muller que sofre abusos na infancia queda marcada, castrada para sempre, élle imposible facer vida normal.

Que opina da literatura feminista que se fai arestora?

Sempre digo que Son noxento ben puido escribilo un home. Non hai ningún impedimento agás un: que os homes renunciaron a seren feministas. Noutrora había homes feministas e é necesario que volva habelos. Desde Simone de Beauvoir estendeuse o tópico de que deben ser as mulleres as que se defendan a elas mesmas, en exclusiva. É unha postura errada. É coma se dixésemos que os dereitos dos negros só deben ser defendidos polos negros. No caso da negritude e do feminismo, do que falamos é de verdade e sobre todo, de xustiza. E ese é un concepto no que deben traballar homes e mulleres. En canto ao feminismo practicado polas mulleres, coido que se retrocedeu en moitos aspectos. Para ser feminista, amais de reivindicar, hai que ler e formarse. Sen coñecemento científico sobre a ideoloxía, non hai avance posible.

O feminismo debería esixir que se cumprisen as Leis de Igualdade de Zapatero.

Lembro entrevistala no 2005 ou 2006. Vostede estaba moi ilusionada coas políticas de igualdade de José Luis Rodríguez Zapatero. Daquel compromiso seu coa extensión dos dereitos civís, dá a sensación de que se asentaron os avances en canto aos homosexuais pero que a condición das mulleres non mellorou nada.

É que os homosexuais son homes. Se só falásemos das reivindicacións das lesbianas, habiamos de ver como estaba a cousa. A cuestión é que en efecto aquel corpus lexislativo sobre Igualdade da época de Zapatero quedou arrombado nun caixón. E cando as mulleres saen á rúa para reivindicar ou protestar, non se dan conta de que o que teñen que esixir é que esas leis se apliquen. O problema principal é que o feminismo reivindicativo non repara no problema real da nosa sociedade, participa do autoengano.

Explíquese.

Na nosa sociedade hai dous planos sociais paralelos e encontrados. No plano público danse por supostos determinados conceptos. Móstrase unha cara, falamos de igualdade real. Mais no plano privado, dentro das casas, o sistema segue a funcionar sen ter en conta as mulleres. O home, for obreiro da construción for propietario dunha industria, en canto chega á casa encontra todo feito. O concepto de esposa é fundamental na economía. Non se pode renunciar a esas persoas que se encargan de que todo funcione, de que a crianza dos fillos e o mantemento da casa non estorbe. É unha engrenaxe que ten difícil mudanza porque a ninguén lle preocupa facela máis xusta. É máis, vemos que a familia se converteu no símbolo da centralidade política e social. Todo o sistema quere beneficiar as familias. Incluso se te fixas, o avance dos dereitos dos homosexuais adáptase a ese concepto de familia. Cando pensabamos que desas persoas ía xurdir unha reclamación da liberdade, da individualidade fóra dos vellos moldes, o eixo da súa reivindicación é ser como os máis, poderen formar unha familia.

Que libros está a ler?

Estou cun conxunto de relatos de Belén Feliú que van aparecer nunha nova edición de Espiral Maior. Son textos inéditos póstumos que por fin van publicarse. Feliú é unha das nosas escritoras máis importantes e cómpre darlle a atención que merece. E polo xeral leo moito sobre neurociencia. É un tema que me apaixona.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s