‘O meu amante de domingo’, chicotazos en fala portuguesa

Alexandra Lucas Coelho.

Alexandra Lucas Coelho.

Unha muller de ao redor de cincuenta anos mastiga unha vinganza contra un home (o cabrão, o filho da puta, o cauboi) ben máis novo ca ela coa que tivo un curto e cálido flirte de verán no Alentejo. Mentres desenvolve o plano para acabar con el, enrédase no sexo co case anónimo mecánico que lle arranxa o coche avariado e co “próximo Nobel de Literatura portugués”, un poeta delicado, obsesionado nesta hora pola poesía sumeria, sedutor e divinizado pola admiración da crítica. Ao tempo, a narradora cae na conta de que daquel sentimento de carraxe ben pode nacer unha novela. A novela que estamos a ler ou quizais non. Que foi iso tan grave que sufriu esta muller? Acabará o libro coa escenificación da vinganza? Tanto ten, “navegar é precisso, viver não é precisso”, esta non é unha novela que fose escrita a comezar polo final.

O meu amante de domingo, de Alexandra Lucas Coelho (editada por Tinta da China) é unha das grandes revelacións da narrativa portuguesa máis actual. A xornalista (Lisboa, 1967) demostra neste volume as súas grandes calidades e confírmase como unha das voces máis representativas das novas letras, unha opción de remuda ben consistente para a xeración que comandan Gonçalo M. Tavares e Válter Hugo Mãe, sempre baixo a inmensa sombra que proxecta o xigante António Lobo Antunes.

Esta novela ten varias calidades que a fan imprescindible para entender a nova narrativa portuguesa. A principal, a calidade da súa lingua. O portugués literario estoura por todos os lados; Coelho converte a lingua coloquial, as mensaxes de móbil, os correos electrónicos en estilo, cun alto nivel estético e cun apego á realidade que transporta así nun instante o portugués ao pleno século XXI. Ao contrario que Mãe ou Tavares, que constrúen o idioma con referencias propias e herdan de Antunes un concepto personalista xa non só da fala senón da gramática e da sintaxe, Coelho toma como auga fresca a lingua popular, urbana e rural de hoxe en día non para beber senón para refrescar a cara, así a mancheas, como quen se molla na pía cun cento de pingueiras.

17880546_UZpQfAs primeiras 92 páxinas son pura inspiración. As frases son droga para o lector. Os parágrafos son tan perfectos que parecen inventados na hora. A espontaneidade de Coelho nótase amplamente labrada para que o ritmo non decaia, para que a narración se converta nesa puñalada que a narradora garda para o traidor cauboi. Logo é certo que a tensión mingua e a autora ten que recorrer a outros rexistros para manter o interese. É cando aparece a xestación da novela dentro da novela, é cando o relato da experiencia, da vida en tempo real vai deixándolle paso a unha “vía culturalista” que na historia se xustifica pola ocupación da protagonista como correctora e tradutora de textos literarios. Ao redor de figuras como James Joyce, Clarice Lispector e sobre todo Almeida Garrett e Nélson Rodrigues, o libro toma aí un perfil máis próximo á reflexión, ao ensaio literario, que leva consigo o pecado e a penitencia.

Pecado porque o relato inicial, o que botaba chispas de mestría narrativa, aparca e xa non volve con igual intensidade. Mais en troca, a autora amósanos outra das súas habelencias, máis próxima ao xornalismo: a de contextualizar vida e obra de escritores, encontrar na palabra allea a ruta perfecta para nos explicar as pantasmas da protagonista.

O tratamento do sexo na novela está moi conseguido. Coelho demostra que a día de hoxe só as escritoras son quen de falar deste tema con verosimilitude, por estaren a salvo da contaminación da literatura erótica que dominaron historicamente os varóns e polo tanto son elas as que aínda teñen a posibilidade de inventaren novas formas de contaren o desexo, o pracer, sen clixés románticos nin pudorosas metáforas. Que a autora é consciente de que é preciso falar de sexo desde o punto de vista dunha muller, dunha muller de 50 anos, sabémolo porque o personaxe masculino do próximo Nobel portugués chegou ao Parnaso sen ter nunca escrito unha liña sobre o tema. O pudor, o sobresemento da realidade íntima das persoas do noso tema, reciben así unha sutil pero efectiva denuncia.

Alexandra Lucas Coelho aínda consegue outro éxito: manter en pé o mito do Portugal “auténtico”, central, ese curral cercado que abraza a metrópole de Lisboa, o Alentejo simbólico e real que na novela é escenario de amor e ira, cartón postal onde a escritora deixa fluír a vea romanticista para logo encanala, actualizala e devolvela nova e operativa. Non é casualidade que a narradora, habitante apaixonada desa chaira de oliveiras e froitas doces, proveña en cambio de Canidelo, na área do Porto, un mundo, o do Norte, que para a Lisboa da novela é puro exotismo macarra e montesío.

♦ O meu amante de domingo, de Alexandra Lucas Coelho, Tinta da China, 2014. 180 páxinas. ♠14,58€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Un comentario en “‘O meu amante de domingo’, chicotazos en fala portuguesa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s