Perfecto Ramos: “En Crecente viviuse o primeiro levantamento popular republicano do século XX”

César Lorenzo Gil.

Perfecto Ramos Rodríguez (Sendelle (Crecente), 1954) rescatou do esquecemento da historia un personaxe insólito na Galicia do primeiro terzo do século XX. O seu libro Marcelino Gómez Arias. Unha vida dedicada á loita pola República e o Agrarismo (Redelibros) é un documentado percorrido biográfico pola figura deste asturiano, fillo de campesiños que logo de estudar na Arxentina, fundou unha presada de xornais, participou en diferente medida nas revolucións uruguaia do 1904 e portuguesa do 1910, organizou o pensamento republicano dos españois a ambos lados do Atlántico e ten o mérito de ser o primeiro político que levantou en armas unha partida de galegos co obxectivo de proclamar a República española, en outubro do 1905, e desde unha parroquia de Crecente (na comarca de Paradanta). Conversamos co autor sobre esta apaixonante historia.

O seu traballo é o primeiro que se edita sobre a figura de Marcelino Gómez Arias. Como coñece o personaxe?

Todo naceu en Angudes, a parroquia de Crecente na que el casou, viviu algúns anos e acabou morrendo no 1924. Eu son de Sendelle, a un quilómetro de alí e desde pequeno sentín falar dunha casa e do seu misterioso posuidor, que alcumaban o Tierra Libre e que algúns veciños recordaban a través de brumosos relatos sobre certo levantamento contra o rei había moitos anos. Púxenme a investigar, coa curiosidade de atopar un personaxe moi diferente ao que finalmente atopei. Cando souben que Tierra Libre era o nome dun xornal botei de conta que Gómez Arias sería un campesiño máis ilustrado ca os seus veciños e pouco máis pero a medida que ía coñecendo máis sobre o personaxe comprendía que aquela non era unha historia local, a súa personalidade merecía un traballo máis amplo. Principalmente por dous motivos: apenas nada se sabe en Galicia deste home. Non hai documentación, a súa produción xornalística e literaria non constaba nos nosos arquivos e ninguén o cita a pesar das súas relevantes relacións con personaxes históricos do republicanismo do primeiro cuarto do século XX, caso de Hipólito de Andoin, Rafael Calzada, Alejandro Lerroux, Joaquín Costa e José Nakens, entre outros. E segundo, porque o seu caso é exemplo do que pasou na nosa historia recente: aquelas iniciativas innovadoras, contrarias ao statu quo, sinónimos de progreso e rebeldía, quedaron as máis das veces sepultadas pola Guerra do 36 e as súas consecuencias. Eu sempre penso que se a min non me proese a curiosidade daquel alcume misterioso en Angudes, a memoria de Gómez Arias quedaría no esquecemento para sempre.

O libro está moi documentado. Reprodúcense moitísimos textos de Gómez Arias. Como chega a eles?

Conseguín ler os diferentes periódicos que Gómez Arias publicou (La España Moderna, El Clamor Español, Tierra Libre e El Amigo del Pueblo) por diferentes vías. Algúns estaban na Biblioteca Municipal de Madrid, outros no Arquivo do Porto, tamén en diferentes institucións de Sudamérica e dos EUA. Ademais, logrei acceder ao que quizais sexa o único legado que el lles deixou aos seus descendentes. Marcelino Gómez Arias tivo varios fillos. Un quedou solteiro e viviu até a morte en Crecente. Dicían que non era ben de todo. A muller marchou co fillo póstumo para América e outro fíxose mestre, foi represaliado no 36 e andou en diferentes destinos até xubilarse en Vigo. Con esta ponla da familia insistín en tentar conseguir algún vestixio da vida do seu devanceiro. Tras moito aburrilos, finalmente atoparon un baúl, nun faiado, con diversa documentación. Amais do retrato del que eu reproducín na capa do libro, tamén estaba a colección de todos os números dos xornais que el editara. Eran exemplares moi deteriorados, barolentos e húmidos tras case cen anos en pésimas condicións. Salváronse no derradeiro minuto.

Penso que se a min non me proese a curiosidade daquel alcume misterioso en Angudes, a memoria de Gómez Arias quedaría no esquecemento para sempre.

Gómez Arias nacera en Asturias. Vostede visitou a súa aldea natal.

Fun buscar testemuños vivos que o coñeceran en persoa. Custou pero finalmente dei cun home, que xa tiña cen anos, que o recordaba na infancia. Eran recordos de nenos, ambos, xa que Marcelino Gómez Arias marchou de Armeirín, Presno, Castropol, con quince anos camiño de Buenos Aires.

Hai un misterio que vostede non resolve no libro: como un fillo de campesiños humildes consegue estudar varias disciplinas e obter un posto tan destacado no republicanismo do seu tempo.

E seguirá a haber o misterio porque me faltan pezas para saber se alguén o axudou na Arxentina ou como naceu nel o interese por estudar e pola política, dúas actividades que non parecían moi propicias para un emigrante adolescente chegado de Asturias á Buenos Aires dos primeiros do século XX. Si sabemos que el se esforzou moito, que traballaba de día e estudaba Leis e Xornalismo de noite e sobre todo, que tiña unha enorme capacidade de traballo. Se analizamos a súa vida (foi curta, morreu con 43 anos), parece imposible a cantidade de cousas que fixo, as relacións que mantivo, as viaxes a través do Atlántico, a produción xornalística, os estudos, os traballos que tivo que facer para manterse el e a súa familia.

Puido ter recibido financiamento?

Algúns lectores apuntaron a posibilidade de que o seu labor estivese protexido polos masóns. Naquel tempo, en calquera movemento ilustrado e progresista participaban masóns pero non puiden encontrar ningún dato que confirmase que nalgún momento da súa vida estivese financiado ou que algunhas cousas que damos por feitas por el, como os xornais, en realidade fosen obra de outros co seu amparo.

Marcelino Gómez Arias mete a parroquia de Angudes na historia. Primeiro, que facía alí se era asturiano?

A relación entre Asturias e a Paradanta ten varios vectores naquel tempo, independentes uns dos outros, claro está. Por exemplo, a familia Mon, que controlou o poder no partido xudicial da Caniza na I Restauración, procedía de Castropol, igual que os Gómez Arias. O caso é que Marcelino chega a Crecente por medio do seu irmán Segundo, que emigrara a Angudes e casara alí. Marcelino casou coa filla de Segundo, Manuela Gómez, polo tanto a súa sobriña, e logo de vivir en América e en Portugal, instálase nesta parroquia até a súa morte.

3fb3fe_b28bMais antes de instalarse, protagoniza un feito moi salientable na historia contemporánea de Galicia: un levantamento popular a prol da República española no 1905.

Neste tempo, Marcelino vivía na Arxentina e volve só co obxecto de unirse a unha conspiración estatal en contra da monarquía. Este é un dos temas máis importantes do libro xa que a versión oficial dos feitos intentou minimizar o levantamento de Angudes.

O caso é que a ala máis “revolucionaria” do Partido Republicano decide planificar un amplo levantamento popular contra a rexente María Cristina de Habsburgo co fin de proclamar a II República. No complot están nomes tan relevantes como o de Alejandro Lerroux e sábese do apoio que manifestou por tal movemento Joaquín Costa, entre outros. Gómez Arias é o encargado de iniciar o movemento no sur de Galicia, ir gañando apoios cidadáns e ir tomando cidades para a causa. O seu obxectivo máis inmediato era controlar primeiro Celanova e logo Ourense. Mais antes de concretarse, a ala moderada do partido sabe do asunto e abórtaa no último momento. Non sabemos por que, a Marcelino non lle chega o aviso e durante o mes de outubro do 1905 crea unha partida de ao redor de 25 homes armados que foron parando en todos os lugares, entre Crecente e Bande, celebraron actos públicos, ondearon bandeiras e estandartes republicanos e acabaron desarticulados pola Garda Civil. Arias consegue fuxir a Portugal, onde se refuxia en Braga, na casa dun insigne republicano. O seu irmán, entre outros, é preso. A prensa da época quixo converter o suceso na ocorrencia dun emigrante retornado con diñeiro e tolería pero o movemento político da proclama foi máis amplo. En Crecente viviuse o primeiro levantamento popular republicano do século XX. Ás veces dá a sensación que a II República se proclamou así nunha noite, que os españois votaron nunhas eleccións e pronto. O proceso de cambio foi lento, durante anos diferentes persoas traballaron contra os Borbóns. Pagárono coa cadea, coa clandestinidade, incluso coa morte, caso de Francesc Ferrer, amigo de Marcelino. El propio estivo no cárcere en Portugal e tamén en Galicia, cando chegou á estación de tren de Arbo no 1915 estaba alí a Garda Civil para prendelo pola intentona de Crecente. Que eu saiba, nesa hora non houbo proceso nin condena, iso si.

É difícil adscribir a Arias cos parámetros ideolóxicos de hoxe. Podiamos definilo como un libertario.

Así que pouca violencia houbera naquela partida do 1905.

Dá a sensación de ser máis ben un acto revolucionario cívico e propagandístico. Moitas bandeiras, moitos mitins e o fracaso en convencer a poboación, principalmente de Celanova, de sumarse á revolta.

Sabemos que Gómez Arias foi republicano, amosou as súas antipatías polo caciquismo e participou no movemento agrarista. Mais que ideoloxía tiña?

É diferente a adscrición ideolóxico do noso tempo á de hai cento, cento e pico de anos. Arias podiámolo cualificar como libertario. Claramente as súas ideas eran de esquerdas e estaba comprometido cos valores democráticos e cos dereitos humanos universais pero coido que a súa principal motivación era constituír un sistema republicano. El consideraba que acabar co sistema monárquico era o primeiro chanzo e que logo habería tempo para o demais. De vivir durante o tempo republicano poderiamos asistir á súa definición a algunha das correntes que se formaron nesa hora.

Arias instálase definitivamente en Angudes, crea o seu derradeiro xornal, Tierra Libre, e organiza unha granxa co mesmo nome que quería servir de modelo de innovación e progreso na zona. Quedou algo dese labor na historia posterior da zona?

Durante a II República, Angudes tiña sona de ser unha zona comprometida coa defensa dese réxime. De feito, hai un dato revelador: durante a Guerra do 36, cada vez que os franquistas conseguían algunha vitoria relevante na fronte, os mestres eran obrigados a “celebralo” cos seus alumnos. En Sendelle contan que a rapazada era levada en excursión a Angudes para ir desfilar por alí. Deduzo que o facían para “botárllelo na cara” aos republicanos. O que pasa é que a represión estragou todo. Por exemplo, o fillo de Marcelino que morreu en Vigo non lles contou aos seus propios fillos quen fora o seu avó político e xornalista. E na propia Angudes, que vai quedar? Ao igual que en moitas parroquias rurais, alí xa non queda futuro e o pasado esmorece ao morreren os derradeiros habitantes.

Outra das partes novelescas do seu libro é o episodio no que Marcelino Gómez Arias colabora co servizo de Intelixencia dos republicanos portugueses na detección de activistas monárquicos que conspiran na fronteira miñota. Tan importante era a Raia?

É sabido que logo da proclamación da República portuguesa no 1910, os contrarrevolucionarios monárquicos buscaron refuxio en Galicia. Contaban con apoios entre o clero, incluídas abadías e tamén entre as elites políticas españolas, como a familia Mon. Naquel tempo descubrírase un vagón cheo de armas na estación de tren de Ourense e eran correntes as historias de espías. Parece ser que en efecto Arias colaborou co goberno republicano de Lisboa nese labor de vixilancia e control a través da Intelixencia do Consulado de Tui.

Unha das cousas que máis revirou os galegos daquel tempo era o artigo 29 da Lei Electoral, que indicaba que no caso de que nun distrito non se presentase máis dun candidato, escollíase o candidato único sen necesidade de votación.

Volve saír na conversa a liñaxe Mon. Alejandro Mon e fillo?? controlaron sen contestación o distrito electoral da Caniza. Personifican o caciquismo borbónico galego.

Actuacións coma os dos Mon provocaron a contestación republicana de Arias mais tamén o nacemento do agrarismo. Unha das cousas que máis revirou os galegos daquel tempo era o artigo 29 da Lei Electoral, que indicaba que no caso de que nun distrito non se presentase máis dun candidato, escollíase o candidato único sen necesidade de votación. E cando había votación, a cousa tiña graza. No ano 1905, Mon obtivo 4.326 votos sobre un censo de 4.325 homes.

Vostede non é un historiador profesional pero desde hai anos cultiva a historiografía local. Elaborou unha historia da parroquia de Rebordechán (referencia do libro) e foi un dos fundadores da efémera revista O Garabano, dedicado á investigación en Crecente. Seguro que ten algún outro proxecto en marcha.

O meu interese pola historia nace dun feito simple: esta terra que vivimos hoxe, quen a habitou antes? En Crecente, na Paradanta, en Galicia, cantas cousas hai do noso pasado por descubrir? Como é que aos alumnos do colexio de Crecente os mandan de excursión a Madrid para contarlles o 2 de Maio e non saben nada da loita contra os franceses na porta mesma da súa casa? Con ese interese me acheguei á investigación. Gustaríame redactar unha historia xeral da comarca do Paradanta, onde se integra Crecente. É unha zona con especial relevancia na Prehistoria, cunha viveza medieval até agora case ignorada, coa presenza dos hospitalarios e mais os templarios, territorio que se opuxo a Napoleón… Mais hai tanto que descubrir, todo está por facer. E a investigación faise costa arriba. Aínda así non desisto. Sigo traballando e confío en ter tempo de ordenala e podela publicar.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s