‘Cuarto minguante’, unha comedia da emigración

00106523135546____1__1000x1000Bautista Álvarez recrea en Cuarto minguante, publicado por Xerais, a aldea da súa infancia, Loucía, no concello de San Amaro. A través do fío (nunca mellor dito falando dun xastre) de Ismael vai configurando un ramallete de historias populares que tanto suceden na comarca do Carballiño coma en Ourense e sobre todo nalgúns espazos clásicos da emigración galega do século XX: primeiro en Venezuela, no Brasil e na Arxentina e logo máis tarde en Suíza.

A novela de Álvarez inscríbese no interese costumista popular de corte (outra vez a xastraría) clásico, na senda de autores como Vicente Risco, Castelao ou o Celso Emilio Ferreiro narrador. Deles toma principalmente o gusto polo retrato humano moi adubado de humor e un compromiso máis sociolóxico ca literario coa realidade que describe. O tema pode resultar máis que clásico algo avellentado, especialmente para lectores máis novos, máis afeitos a outras linguaxes narrativas, mais paga a pena asomarse ao universo do escritor, que amosa unha técnica máis ca correcta na construción da novela e un rigor histórico moi axeitado e ben formulado, sempre nun segundo plano mais con obvia influencia sobre os avatares dos protagonistas, en especial o Ismael. Nótase que o autor optou pola imaxinación na reconstrución dese pasado que lle foi tan próximo pero que non quixo deixar puntadas (e xa van tres metáforas da agulla) na ambientación real dos escenarios que pisan os personaxes.

Bautista Álvarez é, en termos narrativos, coma ese construtor do rural que sabe facer casas cos ollos pechados, sen necesidade de proxectos arquitectónicos.

O realismo costumista é un modelo narrativo que podería resultar perigoso para un escritor con pouca experiencia como é o caso de Bautista Álvarez (esta é a súa segunda obra publicada, tras os relatos de Retallos daquela infancia (tamén en Xerais). Primeiro porque é un campo xa moi labrado onde é doado caer na imitación, no psicoloxismo inerte ou directamente na crónica sentimental que converte a ficción, o necesariamente falso, nunha especie de memoria documentada que resulta inverosímil. Mais Álvarez ponse a salvo grazas ao uso do humor. Retranca, sorna e pura malicia, por veces na estrema do que hoxe pode ser obxecto da burla ou ironía. O escritor consegue grazas ao humor o distanciamento necesario para que os personaxes sexan autónomos. Non os maltrata o escritor pero de cando en vez sabe poñelos no seu sitio, descubrirlles as miserias, os erros. Non hai caricatura mais tampouco haxiografía da Galicia rural da metade do século XX. Bautista Álvarez é quen de explicar como se vivía naqueles tempos sen precisar de heroes e malvados. Mais ao tempo non aforra o relato de determinados feitos que explican a conduta de determinadas clases sociais nese contorno rural que describe.

E segundo, porque nun libro con tantos feitos diferentes, tantos escenarios, tanto cargamento narrativo, ese realismo podía obrigalo a un relato pormenorizado, detallista e “social” que destruiría rapidamente o interese do lector. Mais tamén para ese atranco encontrou Álvarez solución: a precisión e o autocontrol. A pesar de que seguramente no proceso de planificación da novela o autor había de encherse de documentación que lle valese para coñecer o Buenos Aires da década do 1950 ou o Zurich de finais dos 70, no libro todo está depurado, ben repartido o fluxo narrativo entre a historia do Ismael e as diferentes digresións que enriquecen a novela e arman aínda mellor a súa dimensión humorística.

Bautista Álvarez é, en termos narrativos, coma ese construtor do rural que sabe facer casas cos ollos pechados, sen necesidade de proxectos arquitectónicos. Segue o seu instinto, a súa experiencia persoal e de momento sae con pé dos desafíos. Non é un renovador da linguaxe e a súa literatura por veces é así esgrevia coma os remates desas casas de granito do Porriño que tanto floreceron entre o 1980 e o 2000 pero cumpre as expectativas: ofrece o que promete.

Como ocorre con parte da prosa nova e clásica da nosa literatura, Cuarto minguante é unha lectura bárbara para persoas maiores de 50 anos, para meus pais ou para a maior parte dos meus tíos, por exemplo. Mágoa que polo menos no meu caso, eles non posúan as capacidades lectoras en galego suficientes para desfrutar cunha novela coma esta.

♦ Cuarto minguante, de Bautista Álvarez, Xerais, 2015. 205 páxinas. ♠16,65€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

2 comentarios en “‘Cuarto minguante’, unha comedia da emigración

  1. De verdade, que fiquei moi sorprendido coa crítica: “… Amosa unha técnica máis ca correcta na construcción da novela …”. Eu lin a novela e pareceume mala, máis mala, mala, mala de collo…s.

    Após das 50 primeiras páxinas é infumable, carente de técnica e de oficio, insufrible. O autor é incapaz de manexar as persoaxes e de crear Situacións cribles para eles. Concordo en que ten retranca e sorna, e en que sabe manexalas. Ese é na miña opinión o seu mellor activo. Del xa sacara partido en Retallos dauqela infancia, que supera con moito a esta cousa Coa que o autor ten a mala fortuna de agasallar ó lector e a editorial de publicar.

    Que me desculpe o señor crítico, da a impresión de terlle medo ó autor polo feito de ser Bautista Álvarez, presidente da “U”, e da Fundación Bautista Álvarez e bla, bla, bla… Señor crítico faga o seu traballo. Non é unha boa novela, non, non o é; non ten técnica nen oficio…., que logo o tipo sexa do BNG, da Igrexa Católica ou de Murcia, tanto lle ten ó sufrido lector de literatura galega.

    Un saudo

    • Graciñas polo comentario. Queda desculpado o crítico do crítico pero de momento non dou explicacións sobre os meus traballos críticos máis alá do que se le nas propias críticas. Saúdos de volta

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s