Canon e pobreza: A tradución ao galego dos Premios Nobel

Svetlana Aleksievitch

Svetlana Aleksievitch

César Lorenzo Gil.

Mentres o mundo literario se remove cada outono para actualizar e pór ao dispor dos lectores as obras da recente premiada co Nobel de Literatura, a bielorrusa de expresión rusa Svetlana Aleksievitch, en galego, a obra da xornalista nin está nin vai estar, presumiblemente. O panorama é, neste punto, igual ao do ano pasado e ao anterior e o anterior… e o anterior. Sempre foi así? Por que esta situación? Que nos explica de nós mesmos esta ausencia?

O Nobel de Literatura é un galardón de vocación cultural que en troques sempre ten un resultado comercial. A pesar dos intentos de diversos axentes de levar a auga ao rego e conseguir o premio para algunha figura xa relevante e conseguir un best-seller sobre un best-seller literario, o ditame da Academia Sueca sempre é libre, sorprende e consegue fixar a ollada do mundo sobre unha voz que non se espera nas axendas. Contra o mito Murakami, un brinde á diversidade. E seguro que Haruki Murakami non ten culpa da destemida campaña publicitaria que os seus editores e fans fan cada ano para que lle dean o premio pero xa me dá a sensación de que non o vai recibir nunca. Premialo sería unha obviedade, non porque el sexa o grande escritor do noso tempo, como din algúns senón porque o Nobel, arestora, o que fai, non é sancionar autores canonizados; o Nobel canoniza. A nivel planetario. Ocorreu con Patrick Modiano o ano pasado, con Alice Munro; tamén con Gabriel García Márquez, Mario Vargas Llosa, Günter Grass, Orhan Pamuk, José Saramago, Toni Morrison, Nadine Gordimer… Agás excepcións, grazas ao premio, autores cuxa relevancia era local, pasaron a ser indiscutibles nos catálogos de todas as literaturas principais. Mais ese pulo non serviu para que (na maior parte dos casos) eses autores pasasen a formar parte da biblioteca das letras galegas.

Dos últimos 25 premiados, de 15 non existe nada traducido ao galego.

Se analizamos os premiados desde o 1990 e descartamos por razóns de proximidade lingüística a Octavio Paz, José Saramago e Vargas Llosa, veremos que a presenza dos e das galardoadas é escasa. Non existe obra publicada dispoñible de Gordimer, Derek Walcott, Toni Morrison, Kenzaburo Oe, Dario Fo, Gao Xingjian, V. S. Naipaul, Imre Kertész, Harold Pinter, Tomas Transtömer, Mo Yan, Munro, Modiano e a propia Aleksievitch.

Rinoceronte e Galaxia, dúas apostas serias

Publicáronse de xeito testemuñal traballos de Wislawa Szymborska, Seamus Heaney, Jean-Marie Le Clézio e Grass. Houbo un intento editorial quizais frustrado pola recepción dos lectores de Herta Müller, Doris Lessing e Elfriede Jelinek e unha aposta decidida e moi de agradecer por Orhan Pamuk e por J. M. Coetzee.

Paremos nestes dous casos de éxito. Éxito en canto á traslación ao canon galego do canon planetario que outorga o Nobel. Son exemplos perfectos de dous modelos editoriais, un que resiste contra vento e marea con gran coherencia e outro que fracasou e quizais espera tempos mellores. Coetzee vive en galego grazas a Rinoceronte. A editorial de Cangas publicou até o momento catro títulos do autor sudafricano. O lector galego pode coñecer de primeira man o universo deste escritor. A metáfora perfecta desa autonomía é o título da novela Deshonra, mal traducido en castelán por Desgracia. É o bo de beber nas fontes limpas.

Seis novelas de Pamuk traduciu Galaxia, entre o 2008 e o 2012. Obras destacadas do escritor turco que foron punta de lanza da aposta editorial da casa viguesa pola tradución de calidade de autores de gran prestixio. Pamuk era a ala alta, a popular comandouna a tradución de Paul Auster. O esforzo por achegarlle ao lectorado galego a obra destes escritores en competencia directa coas traducións ao castelán foi ímprobo; o resultado comercial non abondou para que se rachase a vella subordinación da nosa lingua no campo da tradución literaria.

O mercado non ten compradores adultos, independentes e coa competencia cultural suficiente para esixir acceso á literatura canónica en lingua galega.

Ese é un dos grandes problemas que a análise da recepción dos Nobel revela das nosas letras. O mercado é deficiente, depende de factores non mercantís nin se compón maioritariamente de axentes receptores independentes, adultos e maduros, con capacidade económica e competencia cultural abonda como para quereren deseñar a súa biblioteca literaria con obras clave en galego. Esa porción dos consumidores literarios existe en Galicia, claro está, pero considera máis crible a oferta que lle ofrecen en castelán. Para nos entender, son os compradores do catálogo de Anagrama. Competir con esa fortaleza require dun sistema de difusión e agarimo pola cultura autóctona que a lingua galega non posúe. De aí o valor de contarmos con propostas como a de Rinoceronte, que mediante unha habelenciosa guerra de guerrillas, segue a traer para o galego obras contemporáneas creadas noutras e diversas culturas. Se Galaxia, mentres puido, quixo atuar os sistemas lingüísticos que nos arrodean coas súas propias armas: nomes e lecturas de primeiro nivel nas axendas literarias mundiais, Rinoceronte procura (con algunhas excepcións, caso das obras de Julian Barnes ou do propio Coetzee) conseguir o máis difícil e o máis satisfactorio: que a Academia Sueca acabe premiando a algún dos teus autores.

Isto xa lle pasou a Xerais no 2008. Cando lle outorgaron o premio a Le Clézio, a editorial viguesa saltou de ledicia. Tiña no seu catálogo Mondo e outras historias. Foi máis un triunfo moral ca comercial. Liquidáronse os vellos exemplares pero non se esgotou a primeira edición, na colección ‘Narrativa’, publicada ao rabo do Nobel.

 

Advertisements

5 comentarios en “Canon e pobreza: A tradución ao galego dos Premios Nobel

  1. Interesante artigo que amosa, máis unha vez,a precariedade do sistema literario galego -aquí si que é pertinente o uso deste sintagma tan apaduxado. Non obstante, pasóuselle que de Pinter si existe obra en galego. Trátase dunha tradución de Manuel García Vieites, publicada por Xerais en 1999, das obras ‘Vellos tempos’ e ‘A festa de aniversario’. Saúdos.

  2. Agás nos casos que menciona o autor, penso que tamén hai un problema da tradución, de acceso ás linguas orixinais das/os autoras/es. O sistema universitario reproduce unha xerarquía territorial dominante en canto ás linguas se refire. Aínda que algo mudou, se en Galicia houbese polo menos un centro onde se ofrecese unha boa formación nun abano de linguas minoritarias (mais cunha certa riqueza literaria) ou linguas estatais non europeas (agás do chinés ou xaponés) e houbese persoas cunha boa competencia nestas linguas, a cousa mudaría. Incluso podería ocorrer que a tradución galega influenciase outras linguas e gañase lectores. Tamén importa a calidade. Poño o caso das traducións do árabe, que varían moito dunha lingua europea a outra e precisan dunhas competencias que van máis aló de “saber falar a lingua da que se traduce”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s