Séchu Sende: “Non podo pretender cambiar o mundo sen cambiar eu mesmo”

p040_f01César Lorenzo Gil.

Séchu Sende (Padrón, 1971) non para. Profesor, sociolingüísta, activista cultural e tamén na normalización da lingua, promotor da rede de escolas galegas Semente e sempre escritor. Presenta a súa última obra, A República das Palavras (Através), un monllo de relatos, poemas e estampas que enlaza co resto do seu traballo literario mais tamén explora novas vías. De todo iso falamos nesta entrevista.

Coido que existe un vínculo evidente entre A República das Palavras e Made in Galiza (Galaxia, 2007). Non sei se neste título hai descartes daquel, só ecos ou ambos os dous forman parte dun corpus máis amplo.

Hai en efecto continuidade, mais non só con Made in Galiza, tamén co meu primeiro libro, Odiseas (Letras da Cal, 1998). A relación con Made in Galiza pode que sexa máis doada pola proximidade dos dous libros. É certo que algúns dos textos que aparecen na República… quedaron fóra de Made in… porque non encaixaban. Por exemplo, algúns relatos humorísticos máis grosos que non quedaban ben na atmosfera de humor branco daqueloutro libro. Tamén é certo que naquela obra a presenza da lingua era moito maior ca outros temas que agora si quixen integrar no texto dunha forma máis decidida, como a situación da muller ou a miña experiencia como pai.

Vostede considérase a si mesmo un escritor-activista social. Esa busca da mensaxe como lle afecta no propio proceso de creación. Condiciona a súa liberdade?

É certo que eu considero a literatura un camiño cara á mudanza social pero tamén podo dicir que n’A República das Palavras tamén hai moito de escrita lúdica, só pensada para o puro entretemento. Hai relatos que buscan unicamente facer rir, pasalo ben, sen máis. E este xeito de literatura encaixa moi ben na miña propia maneira de ver o mundo: un inequívoco interese en cambiar a realidade, a sociedade, sen renunciar á individualidade, á creatividade, a aquilo que nos fai únicos.

Neste libro, en varios relatos, dá a sensación de que aparece o propio autor como personaxe, unha forma de autoficción que non sei até que punto buscar reflectir a súa propia realidade.

Unha das cousas que explorei conscientemente neste libro e no que seguirei traballando no futuro é a relación entre realidade e ficción. Nas páxinas de varios relatos aparece a vida cotiá, incluída a miña propia. Hai historias que nacen como experimentos realistas, caso de “A munxideira”, que xurdiu durante unha clase como unha análise dunha lenda urbana que se converte en texto literario. Outras son literais transposicións de conversas ou anécdotas de próximos, como a reivindicación feminista dun relato sobre nais e tetas. Penso que xa no conxunto da miña obra, o que eu vivín xa está presente: está presente en Odiseas a miña chegada como estudante a Compostela; en Orixe (Galaxia, 2003) os tempos do naufraxio do Prestige e o amplo movemento do Nunca Máis; en Made in Galiza, a resposta artística cívica e colectiva a aquel naufraxio que se fraguou ao redor da “Burla negra”. E claro está, tamén neste libro aparece o momento actual da miña vida. Ás veces, cando falo con lectores, decátome de que escribir así de un mesmo obriga a expoñerse pero coido que é satisfactorio o resultado.

Unha das cousas que explorei neste libro é a relación entre realidade e ficción.

Un momento no que ten moita importancia a súa experiencia da paternidade.

Para min é moi importante visualizar un novo modelo de pai home. Cando falamos dos pais do galeguismo, nalgúns casos, ao pescudarmos sobre a súa vida familiar, descubrimos que tiveron os fillos descoidados ou que os meteron internos… Hai cousas sobre a humanidade que estamos a aprender agora e non podo pretender cambiar o mundo sen cambiar eu mesmo.

Como influíu na súa literatura ser pai?

Escribo menos, teño menos tempo para dedicarlle. É unha situación nova á que tento adaptarme. Cando es pai e compartes a crianza de dúas fillas, como é o meu caso, coa nai, dáste conta do valor das relacións persoais. Éncheste dunha serie de experiencias que quizais nunca pensaches vivir e que te van moldeando, vante cambiando. Tes que medrar xunto ás túas fillas, ir encarando os conflitos que van xurdindo, especialmente a mudanza necesaria na administración do teu tempo. Gústame reflexionar sobre como facer compatible esta vida persoal coa literatura, e non só con ela senón co resto da actividades da vida.

Esa “renuncia” ao tempo da arte encaixa coa forma de vida que escolleu como home feminista que non só denuncia o patriarcado senón que actúa en consecuencia.

Intento ser coherente, levar á práctica o que penso. En xeral sempre prioricei a acción sobre a ideoloxía. Coido que o feminismo é imprescindible para cambiar o mundo. Tamén penso que en xeral para poñer en marcha o cambio non chega nin coas ideas nin coa motivación, fai falta tamén actitude e sobre todo acción.

Made in Galiza foi un libro moi lido no ensino. A República das Palavras penso que é un texto accesible e interesante para o público adolescente.

A min non me gusta demasiado clasificar os libros por idades ou por intereses. Na miña literatura a columna vertebral vai por outro camiño. Cando gañei o Premio Blanco Amor con Orixe, un certame prestixioso, que consolidaba a miña literatura, leveille un exemplar da novela á miña nai para que a lese. Non pasou das dúas primeiras páxinas. Iso valeume para saber que tiña que escribir pensando non só naqueles que len habitualmente, que len habitualmente en galego senón tamén para persoas que nunca len, que non adoitan ler. E aí sigo. Non fago unha literatura accesible co fin de achegarme a máis lectores (se quixese facer iso escribiría con ñ e non con nh) senón romper determinados clixés sobre os destinatarios reais da literatura en Galicia.

Ligo este asunto co tratamento do humor no libro, do que me falaba antes. Dá a sensación de que seguramente para os adolescentes os relatos máis atractivos quizais sexan os que máis atrancos lles porían os profesores a que os lesen.

Como profesor convivo con adolescentes a diario. E coido que é fantástico sentirte adolescente sempre, na posición de descoberta do mundo. E sentíreste adolescente facilítache entender o que os adolescentes queren e como te achegares ao seu mundo. Antes contei que un relato xurdiu dunha clase, un deses cuxo humor é así basto. Pero pódoche contar os bos resultados académicos que conseguimos nunha actividade lectiva grazas a que incluímos como ferramenta de comunicación un grupo do Whatsapp. Imaxinas alumnos adolescentes ás tantas da mañá dunha fin de semana traballando para o instituto? Pois iso pasounos grazas simplemente a falarlles coa súa propia linguaxe. Hai un déficit de canles de participación social da xente nova que hai que atender. Até na crise de credibilidade dos partidos políticos se nota que non houbo interese na transición xeracional e en escoitar o que a rapazada pode dicir.

Falando de ensino, vostede é promotor dunha rede de escolas privadas monolingües en galego, Semente.

En efecto, ese é un proxecto de educación autoxestionada baseado na inmersión lingüística en galego. Un grupo de persoas decidimos ser activistas da nosa propia maternidade e paternidade. Para as nosas fillas mais tamén para os fillos doutras persoas que van chegando.

“A normalización do galego debe ter en conta os castelanfalantes”

Pregúntolle como sociolingüista crítico co proceso de normalización lingüística do galego no ensino. Que fallou para que logo de 30 anos siga a haber adultos aparentemente analfabetos na propia lingua?

Para facer unha diagnose hai que atender a dúas circunstancias: por unha banda analizar os contextos onde procesos semellantes de recuperación ou actualización de linguas minorizadas si funcionaron e segundo comprobar que modelos en Galicia fracasaron e cales outros están hoxe máis dinámicos e poden servir para o futuro.

Temos que estudar o que ocorreu en Catalunya e en Euskadi; tamén no Kurdistán, no Quebec ou en Bretaña. Nesas nacións funcionaron cousas que en Galicia non se probaron e quizais cómpre aprender deles.

En Galicia xa sabemos que non funcionou un modelo autonomista que non se preocupou por aproximar a nosa lingua ao espazo onde esa mesma lingua está plenamente normalizada; estoume a referir ao que se denomina Lusofonía.

Ese achegamento por que racharía a actual inercia?

Porque está a ser efectivo o discurso que di que o galego pode ser un idioma autónomo mais dentro dun sistema máis amplo. Os datos están aí. Cada día hai novas persoas escribindo cos xeitos reintegracionistas. Cada mes hai novas incorporacións á Associaçao/Associaçom Galega da Língua (AGAL). O reintegracionismo estase a construír en base a activismo social, en base á acción colectiva local que pouco e pouco vai medrando e ocupando maior espazo. Proba da súa vivacidade é que aquel vello tópico que indicaba que os reintegracionistas eramos todos neofalantes xa non se dá. Hai moitos galegofalantes de sempre ou paleofalantes que se están a dar de conta que o galego con nh é o galego da súa avoa.

Cada mes hai novas incorporacións á Associaçao/Associaçom Galega da Língua.

Non todos os neofalantes son reintegracionistas.

Mais os neofalantes son os grandes esquecidos do proceso de normalización. Antes indicaba que hai que estar atento ao que sucede fóra. Pois ben, non hai ningún caso de éxito de mantemento ou mellora dunha lingua sen unha forte presenza protagonista dos neofalantes. En Galicia falta por construír un discurso para os castelanfalantes, para que entendan a situación da lingua e acaben por compartir a visión dos galegofalantes comprometidos. Até agora, a base do discurso a prol da lingua estivo na reivindicación e na denuncia legal ou social da situación dos que falan habitualmente en galego. Iso está ben pero hai que ter en conta tamén os que aínda que hoxe non falen o noso idioma, mañá poidan falalo.

Que impide que non se amplíe o discurso, daquela?

Entender que a normalización tamén busca cambiar a sociedade. Que a lingua galega é unha ferramenta de transformación social. Cando pensamos nos movementos sociais en Galicia, ás veces non somos conscientes da relevancia que tiveron. Pensemos no que logrou o movemento Nunca Máis: botar a Manuel Fraga! Hoxe hai moita xente que non se lembra do que significou o fraguismo, da idea de invencibilidade daquel tempo. E acabouse grazas ao activismo cidadán. Eses procesos de transformación danse nas asociacións de veciños, nos colexios, na Gentalha do Pichel… Cando a xente participa, as cousas funcionan. Temos que crer en nós mesmos porque normalmente estannos a dicir que non podemos facer cousas que si podemos facer. O activismo é máis útil en moitos casos que a política porque na actualidade a actividade política redúcese aos períodos electorais, polo tanto ao curto prazo, e o activismo social, en cambio, pode ter ambicións maiores, máis amplas, máis a longo prazo. E tamén porque a política representativa crea nas persoas a ilusión de que abonda con escoller un representante para que faga por nós e en cambio necesitamos ser nós os que facemos, os que actuamos. É necesario antepoñer a humanidade a calquera outra cousa nas relacións persoais e tamén políticas. Debemos poder traballar xuntos mirándonos aos ollos. Parte diso é o que imposibilita determinados pactos incluso no eido do nacionalismo.

Pensemos no que logrou o movemento Nunca Máis: botar a Manuel Fraga!

O galego sofre aínda os preconceptos. Segue en pé ese tópico de que os que falabamos galego con vinte anos nunha cidade eramos ou do Bloque ou da aldea.

Os propios galegofalantes debemos fuxir tamén dese preconcepto. Primeiro con intelixencia. Hai que asociar a lingua con valores, non con clixés. A asociación do idioma galego coa xustiza social é unha asociación obvia, positiva, que nos conecta tamén con aqueles que non a usan. Na base social do país hai un ambiente máis favorable á lingua do que pensamos. Hai que furar por aí o plan histórico do Estado español por uniformar a estrutura territorial tamén mediante a eliminación da diversidade lingüística. Aprendamos, por exemplo, do que conseguiu (de xeito involuntario) a experiencia do Xabarín Club. Insito en que é conveniente manter un discurso da resistencia mais combinado cun discurso aberto cara aos demais. Por resumilo en dous lemas: facer compatible o “Eu nunca serei yo” co “Busco amante galegofalante”.

Advertisements

Un comentario en “Séchu Sende: “Non podo pretender cambiar o mundo sen cambiar eu mesmo”

  1. Pingback: Séchu Sende: “Non podo pretender c...

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s