‘A utilidade do inútil’, por que si debes ir por Letras digan o que digan teus pais

Nuccio Ordine.

Nuccio Ordine.

César Lorenzo Gil.

Kalandraka e a súa filial Faktoría K de Libros están a converter o seu recente catálogo de ensaio nunha especie de mostraria de xoiaría: poucos títulos pero moi sinalados, imprescindibles obras para mellor entender o noso mundo. Logo de A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci, e Cuestionando a economía, conversas de David Barsamian con Richard D. Wolff, chega agora A utilidade do inútil. Manifesto, de Nuccio Ordine, unha obra mestra do ensaio político, cultural e académico, traducido por Carlos Acevedo e editado por Faktoría K.

A utilidade do inútil é, antes que calquera outra cousa, unha armadura, é dicir, un manual de defensa e autodefensa tanto dos coñecementos culturais catalogados como Humanidades coma das persoas que se dedican ou queren estudar disciplinas tales como Historia, Filosofía, Antropoloxía, Socioloxía, Ciencias da Linguaxe (antes coñecidas como Filoloxía), Literatura, Arte… e todas as sabedorías que se integran nestas grandes casas, desde a Paleografía á Teoloxía, pasando polas Linguas Mortas ou a Arqueoloxía.

Ordine estrutura o libro en varias partes que podemos describir tanto polo seu contido como pola súa función para o lector: a historia da etiqueta de “saberes inútiles”, a historia da resposta intelectual (rebeldía) a ese preconcepto e asemade o estado da cuestión sobre estes dous aspectos: mercado contra coñecemento e ter contra ser. O autor repasa unha gran nómina de autores históricos (podemos dicir que pasan polas páxinas do libro os máis importantes pensadores e creadores de Occidente) para buscar amparo ético e intelectual contra a clasificación dos coñecementos en valiosos e fútiles. Detállanse reflexións moi substanciosas de Montaigne, Séneca, Víctor Hugo, Aristóteles, Robert-Louis Stevenson… que poden servir de hábil escudo dialéctico diante da dicotomía entre aprender por curiosidade e aprender para gañar a vida.

Contradicindo o propio espírito do libro, podemos destilar o útil do texto, a parte de manual de combate contra o preconcepto, especialmente para as persoas que se dedican ás Humanidades ou (e isto é cada vez máis importante) para os e as estudantes que no seu tempo do instituto son bombardeadas sen compaixón para que abandonen a inocencia e o idealismo de dedicarse ás Letras e pasen polo sensato percorrido curricular de Ciencias.

E vai o Pedrido e decide ir por Letras… Puras. Gran conmoción, incomprensible xiro dos acontecementos. Que fai ese portento? Non aprendeu dos outros cerebros, que serán futuros enxeñeiros, médicos, informáticos!

Antes deste libro, era bo ter unha anécdota de man que superase os preconceptos. Eu tamén teño a miña e é real. No meu tempo de instituto compartín aula con Óscar Pedrido López. Amais de ser heavy no Vigo de primeiros da década do 1990 (con pantalóns axustados e camisetas de Metallica), foi quizais o alumno máis eficiente que coñecín. Naquel 2º de BUP, último curso antes de decantármonos polas Ciencias ou polas Letras, el tanto che sacaba un 10 en Química ca en Latín, en Física ca en Historia. Pola mañá era perseguido polo xefe de Estudos polos corredores porque ría ás gargalladas ou non se peiteaba ao xeito e pola tarde na Sala de Profesores falaban del como do próximo Premio Nobel de Física ou Pritzker de Arquitectura. E vai o Pedrido e decide ir por Letras… Puras. Gran conmoción, incomprensible xiro dos acontecementos. Que fai ese portento? Non aprendeu dos outros cerebros, que serán futuros enxeñeiros, médicos, informáticos! Mais o Tío Pedro (que era como lle chamabamos os amigos) foi pertinaz no erro. En 3º de BUP namorouse do grego clásico e foi dereitiño á carreira de Filoloxía Clásica, xa daquela sinónimo de facultade cara e inútil. Licenciouse ao estilo Mario Bros, de matrícula de honor en matrícula de honor até o final coma quen vai pulando sobre cogomelos. Hoxe non manteño contacto con el. Coido que é profesor de instituto de Latín ou Grego. Seguro que non se arrepinte de nada.

Ciencias e letras, unidas

Logo deste libro, non precisamos buscar na nosa propia biografía para darlles osíxeno ás persoas que queiran dedicarse ás Letras. Frases como “A arte é un pacto coa eternidade” ou “Nin sequera un cheque en branco nos permitirá adquirir mecanicamente algo que é froito exclusivo dun esforzo individual e dunha inesgotable paixón” teñen gran poder sobre as conciencias.

Nuccio Ordine dedícase a desmontar o falaz desencontro entre ciencias e letras que caracteriza a educación moderna. Para el, a separación é artificial e busca xustamente profundar a diferenza entre útil e inútil, marxinando aquilo que o mercado pensa que pode eliminar, do que pode prescindir. De feito, defende a ciencia, o coñecemento científico como disciplina oposta ao coñecemento mercantil, que supedita o progreso humano ao progreso económico e financeiro de determinadas elites que queren lucrarse cos avances. “Os científicos de verdade cren no coñecemento libre, gratuíto, sen ánimo de lucro”.

Tamén é moi crítico co sistema universitario. Conta o autor que en Italia, por mor da falta de medios para o ensino, produciuse unha creba na propia autoridade dos títulos académicos como garantes do coñecemento. Por culpa dunha lexislación que lles dá máis fondos aos centros que garanten que o alumnado acaba as carreiras a curso por ano, desvalorizouse saber e empezou a premiarse a adecuación dos alumnos a unha mecánica baleira e descontextualizada na que todos colaboran porque todos gañan nun pacto baseado na adaptación pola que se consegue o título necesario unicamente como pasaporte para un traballo ben remunerado. Ese fin non é cousa menor xa que, como lembra o profesor, a débeda estudantil dos EUA xa sobardou o billón de dólares. Como non preocuparse de encontrar unha ocupación que permita devolver o adebedado?

portada UTILIDAD.fh11Capitalismo contra sabedoría

Por veces un tanto apocalíptico, Nordine alerta de que o capitalismo actual acabará coa memoria colectiva, escachará o elo entre o presente e os diferentes pasados da humanidade. O desprezo polo mundo antigo, polo significado da arte, polo acceso á cultura, son, en palabras do autor, crimes cometidos a mantenta por unhas elites que só consideran importante aquilo que lles dá beneficio, que utilizan o seu poder para impoñer determinados hábitos que se acaban por considerar socialmente desexables pero que nos separan da nosa propia natureza. Neste sentido comenta unha metáfora moi reveladora: no capitalismo a xente presume do coche que ten; na URSS a xente presumía das obras de teatro ás que tiña acceso na vila ou cidade na que vivía.

Di o profesor Ordine que os fenómenos de eliminación da cultura de calidade van da man do enxalzamento das condutas corruptas ou inxustas. Mentres desaparecen as facultades de Historia (en Centroamérica apenas hai centros onde poder estudala, por exemplo) convértense en mitos, en semideuses os “emprendedores que construíron os seus imperios a base de estafas ou políticos que humillan o parlamento obrigándoo a votaren leis ad personam”.

A edición do volume en galego complétase co anexo “A utilidade dos coñecementos inútiles”, publicado orixinalmente no 1939, un ensaio clásico de Abraham Flexner, pioneiro da Pedagoxía Moderna. É este engadido unha fonte de ilusión ao coñecermos determinadas historias de curiosidade, de saber por amor á arte, de aprender porque si. Persoalmente, gustoume moito a historia de Michael Faraday, un dos maiores descubridores de aplicacións prácticas da electricidade que no entanto lle dedicou a mesma ou máis enerxía a outras cousas que lle interesaban sen que nunca a divisa útil ou inútil marcase o rumbo das súas investigacións e achados. Sen dereito ao erro, a experimentar para nada, é imposible encontrar a vía certa. O que hoxe parece inútil quizais mañá a outro lle sexa utilísimo. E mentres tanto, non deixemos de enredar.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s