Unha visión galega da Guerra do 36 (I)

Publicamos a primeira das dúas partes desta análise sobre as peculiaridades da Guerra do 36 en territorio galego. Por que triunfou tan rápido o golpe de Estado de xullo? Que papel xogou a aprobación do Estatuto na propia confabulación feixista?

Manuel Veiga Taboada.

Estampa de Castelao 'Matáronlle un fillo'

Estampa de Castelao ‘Matáronlle un fillo’

Galiza sumouse, desde hai algún tempo, e sobre todo no período do goberno bipartito (2005-2009), á corrente de reivindicación e memoria tanto do sucedido no 36, como nos anos posteriores da ditadura. Hai que resaltar aquí o esforzo clarificador suplementario que resulta imprescindíbel en calquera territorio onde non houbo guerra, nin polo tanto frontes distintas, senón só represión encuberta.

Deste modo, un certo número de investigadores vén cuantificando na nosa comunidade asasinatos, paseos e toda caste de represalias diversas cometidas polo alzados. Nestes investigadores non deixa de pesar a conciencia de que Galiza estivo até agora practicamente ausente da maioría das historias da guerra civil española; de modo que os seus esforzos representarían, en certo sentido, un intento de introducir a nosa comunidade no mapa territorial das vítimas do franquismo.

Non embargante, aínda con ser a da represión unha investigación imprescindíbel e considerando que o investigador ten como obxectivo estudar os feitos ocorridos, talvez haxa que pensar que no caso galego sería conveniente, por paradoxal que semelle, analizar tamén o golpe franquista desde o punto de vista do que non sucedeu.

Isto levaría, por exemplo, a que nos preguntásemos por que en Galiza se impuxo tan doadamente e desde primeira hora a sublevación, pese a ter gañado tamén aquí as eleccións a Fronte Popular? Por que a resistencia ao golpe foi tan escasa? Ou por que a represión deveu tan aguda, sobre todo en relación con esa magra resistencia?

Segue parecendo absurdo circunscribir todas as análises a un enfoque tan dependente do marco xeral español como é o da violencia e a represión

Se tales preguntas, que, por obvias, deberían ter sido as primeiras en realizarse, non foron en cambio claramente formuladas até agora, parece evidente que é consecuencia do medo a caer no pozo centrífugo dunha resposta claramente favorábel ao bando vencedor; unha resposta na liña da ofrecida no seu día por Luís Moure Mariño quen falou da “sinxela naturalidade coa que a rexión se sumou ao Movemento”.

E, non embargante, a pesar dese risco, segue parecendo absurdo circunscribir todas as análises a un enfoque tan dependente do marco xeral español como é o da violencia e a represión, enfoque no seu caso baseado na existencia dunha fronte, de dous bandos claramente demarcados e dunha guerra ben expresa, e por veces apocalíptica, que durou 32 meses, circunstancias todas elas que, como xa dixemos, non se deron entre nós.

Parece aceptábel afirmar, polo tanto, que a análise sobre o conflito do 36 en Galiza debe outorgarlles tamén prioridade a outros aspectos e esa reflexión ben podería comezar pola posta sobre a mesa das preguntas máis axeitadas á nosa realidade concreta.

Dificultades para obter información

O acceso á información é a primeira cuestión que distingue a realidade galega doutras. E isto é debido a algo que xa apuntabamos arriba: un golpe suscita unha represión soterrada, ben máis difícil de esclarecer e cuantificar que a que se produce nunha situación de loita aberta. Se, como lembra Carlos Fernández, “o xeneral Mola, nas súas circulares previas ao alzamento, nunca asinou nada e mesmo poñía como lugar da redacción El Peloponeso, ao tempo que escribía en folios brancos correntes e cunha máquina normal”, moito mellor se podería afirmar que os represores de retagarda non adoitaban deixar o seu selo sobre os actos que ordenaban. Abondaría con lembrar que os propios partes médicos dos fusilados incluían en moitos casos a definición de “falecido por hemorraxia interna”. Ademais, en abril de 1939, o goberno restableceu unha norma de 1870, piadosa no seu momento, pola que a testemuña xudicial da execución debería evitar “que a inscrición reflicta a causa da morte” (B. Máiz, 2004).

Por outra parte, a falta de información foi, no seu día, unha das causas obxectivas da implantación tan absoluta e rápida dos sublevados. Pode dicirse que, a partir do 20 de xullo do 36, a propaganda sobre a guerra e as súas causas correu en Galiza por conta exclusiva dun dos bandos, o que tería unha influencia, tanto inmediata sobre o terreo, como sobre as análises posteriores e aínda sobre as mentalidades de hoxe en día. Non é residual o número de persoas que, mesmo na actualidade, ignoran que entre nós houbese fusilamentos e paseos e, aínda máis, que as sacas se tivesen prolongado até finais dos anos corenta, coincidindo en parte co levantamento do estado de guerra que non tivo lugar até 1948, é dicir doce anos despois do golpe.

Aínda no caso dos que eran sabedores do que sucedía nas cunetas e nos lugares de encarceramento de presos, hai que dicir que o seu sometemento ás murmuracións –mataban só os falanxistas, matábase por vinganza persoal…– resultou case completo. Este fenómeno de xustificación, orixinado sen dúbida entre as capas que daban o seu apoio ao réxime, constituíu unha segunda canle informativa talvez máis eficaz entre o groso da poboación que os partes radiofónicos oficiais, nos que a propaganda era manifesta e polo tanto máis doada de recusar.

Outra fonte de información crucial foi a da Igrexa, posta en efecto a través dos curas párrocos. Resulta digna de salientar esta cuestión porque, nunha Galiza maioritariamente campesiña, a secular institución da parroquia representaba o nivel sobranceiro de identificación co territorio e o cura o principal, moitas veces único, transmisor de ideoloxía e datos exteriores ao propio medio labrego.

Por que se impuxo tan rápido o golpe?

'O puño', estampa de Castelao.

‘O puño’, estampa de Castelao.

Algúns atribuíron o rápido triunfo da sublevación militar en Galiza á “astucia dos alzados”, tendo en conta que Galiza “era, na súa maioría, leal á República” (C. Vidal, 1996). Unha opinión que vén asemellarse á trazada, en 1938, polo falanxista Silva Ferreiro, quen, a pesar de gabar a “entrega de Galiza” á sublevación, escribía que “non atopamos nin un só, de todos aqueles que tiveron unha actuación destacada na elaboración e desenvolvemento do Movemento en Galiza, que non nos falase do ‘Capitán Providencia’ como factor principal da vitoria”. O mesmo Silva Ferreiro anota “a ausencia –en recepcións de altos personaxes e manifestacións públicas– de manoteos, estentóreos gritos e vivas delirantes con que outros pobos manifestan os seus entusiasmos e fervores patrióticos”, aínda que o xustifica polo “carácter ponderado e reflexivo dos galegos”.

Non é esta a opinión doutros observadores ou testemuñas da contenda, entre eles Castelao. Para estes, unha das claves, quizais a principal, do desenvolvemento dos acontecementos en Galiza hai que procurala, non na renartaría dos sublevados, senón na ausencia dun poder autónomo –como a Generalitat en Cataluña– que tería servido para coordinar os esforzos das autoridades leais e da poboación e compensar a pasividade de moitos gobernadores que permaneceron máis pendentes do teléfono e das ordes de Madrid, onde se descoñecía a situación real de moitas comunidades, que de facerse coa iniciativa no seu territorio. Testemuñas desta indolencia oficial foron, por exemplo, os galeguistas Alexandre Bóveda en Pontevedra ou Ramón Piñeiro en Lugo que acudiron ao Goberno Civil ao coñecer as primeiras noticias do golpe. O propio Castelao diría logo: “perdeuse a Nosa Terra nos primeiros días do alzamento sen que os xerifaltes da República se decatasen do que perdiamos”, redondeando esta opinión coa frase: “valía máis Ferrol que todo Asturias”.

Ao final resultou, como ten apuntado o galego e comisario do exército republicano Santiago Álvarez, que, ademais das mortes que houbo que lamentar, o peor foron os milleiros de mozos, simpatizantes da Fronte Popular que se viron obrigados a alistarse no exército franquista e a combater nas unidades de primeira liña contra a República.

Cómpre ter en conta, neste sentido, unha coincidencia non abondo resaltada: a da data establecida para o debate e aprobación en Cortes do Estatuto de Autonomía de Galiza: o 17 de xullo, e a do estalido da sublevación, un día despois.

Esta especificidade de Galiza –republicana, pero sublevada e territorio que decantou en parte a vitoria, segundo os propios falanxistas, polo seu fornecemento de medios materiais e humanos ao bando vencedor (“despensa da Cruzada”, foi o termo acuñado desde o primeiro momento)[1]– debería facernos considerar tamén a hipótese da vinculación entre a nacente autonomía galega e o momento escollido para a realización do Alzamento, así como a influencia do proceso galego na decantación ideolóxica do propio movemento golpista no conxunto do Estado. Cómpre ter en conta, neste sentido, unha coincidencia non abondo resaltada: a da data establecida para o debate e aprobación en Cortes do Estatuto de Autonomía de Galiza: o 17 de xullo, e a do estalido da sublevación, un día despois. O propio referendo estatutario, que seguía o ronsel trazado por cataláns e vascos, tivera lugar pouco antes, o 28 de xuño. Unha coincidencia semellante xa acontecera co golpe declarado por Primo de Rivera, en setembro de 1923, poucos días despois de que representantes cataláns, vascos e galegos asinasen o acordo denominado Trilateral.

Cabe interpretar que a suma de Galiza ás reivindicacións de cataláns e vascos transformaba, dun só lance, o “problema” destas dúas rexións nun “problema español” e podía aconsellar a toma de novo en consideración da liña federalista da I República e do sexenio, clausurada polo alzamento do xeneral Pavía.

Xa durante o proceso autonómico, Falanxe levara a cabo por toda Galiza un acendida campaña antiestatutaria, da que formaba parte este documento: “Falanxe Española e das JONS considera como traidores á Patria a todos os separatistas de calquera clase e baixo calquera disfrace (…). A chamada autonomía de Galiza é un paso máis para a disgregación de España (…). As seccións galegas de Falanxe Española das JONS están dispostas a prescindir momentaneamente de toda loita contra dereitas e esquerdas para unirse a todos os homes de boa vontade para loitar contra o proxectado estatuto de Galiza para o cal reclaman desde agora os postos de máximo risco”.

Nesta perspectiva poden ser entendidas tamén as palabras do xeneral Millán Astrai pronunciadas nun mitin na Coruña, o 6 de novembro de 1936: “Maldito o nacionalismo separatista que rematou para sempre! O que de vós teña gardado nunha acochada prega da súa alma algún odio a España será fulminado. España é unha, é única. Como vos iades comparar aos separatistas vizcaitarras? Verdade que non hai máis nacionalismo? Morra o nacionalismo separatista!”.

[1] O xeneral Cabanellas consideraba Galiza “despensa e criadeiro”. Soamente nos seis primeiros meses de guerra foron recadados (segundo datos dos Gobernos Civís) algo máis de 26 millóns de pesetas en víveres, roupa, ouro e cartos de multas e doazóns (B. Máiz, 1988).

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s