‘O espello no serán’ e a imposible gran novela de Compostela

NOVA REIVINDICACIÓN DE OTERO PEDRAYO (2).

Xesús González Gómez.

Se se pode afirmar, sen medo a se equivocar, que Fra Vernero é un gran poema narrativo, a primeira definición que lle acae a O espello no serán (reeditado por Galaxia, 1996, 2000) é que un gran poema dividido en 99 poemas ou «estrofas»: cada «capítulo» ou «viñeta» sería, en principio, un poema. Carvalho Calero, na recensión que asinou no momento da súa aparición, dicía que era un gran «poema didáctico», ben que o de didáctico habería que colocalo entre aspas. Para Carvalho, «este espello é libro de reflexos e intuicións, de ensaios que desenrolan as súas liñas antre o meiguizo da néboa». Carvalho afirmaba que era «un libro aberto», un «libro para ler con moita calma, a fin de zugar todo o seu celme ás frases non recortadas, senón frotantes, de construcción neboenta. Imaxes ceibadas nunha liberdade espontánea e sempre pulante de visión». E, despois de falar ben do libro, acababa desta maneira: «Á pequena lista de rasgos estabelecidos aquí e alí por nós, habería que engadir polo de pronto, outros dous neste libro presentes: o primeiro, de xinea romántica; o segundo de torgueira clásica. Aquel dáse –e é o recurso de Hugo, Junqueiro e Curros– na aposición, constituíndo un xeito especial da mesma: craridade Locke, adxetivación Montesquieu (p. 35). Este consiste no emprego pouco usual en romance, das oracións de infinitivo non concertadas: sabemos ser a efixie de Monroy a soia chama fúnebre (páxina 30), din a ela ser debido o nome de Belvís (p. 546), nós coidamos disfroitárese dunha Compostela «composta» (páx. 56), decatáronse todos catro de chegar un dises momentos (páx. 83) [1]

Carvalho afirmaba que era «un libro aberto», un «libro para ler con moita calma, a fin de zugar todo o seu celme ás frases non recortadas, senón frotantes, de construcción neboenta. Imaxes ceibadas nunha liberdade espontánea e sempre pulante de visión».

A de Carvalho Calero, deixemos de lado agora a súa «sabedoría», era, en certa maneira, unha lectura xeracional: a dos homes que crearon o Partido Galeguista, a xeración galega da República, esa xeración fusilada, exiliada, encarcerada, silenciada mais que aínda tivo folgos para intentar transmitir, a pesar dos seus evidentes erros e de bastantes «parcialidades», a súa mensaxe en galego. E durante moitos anos non existiu outra lectura, até a aparición, no 2000, da nova edición, na que se corrixe, correctamente, o xénero de serán e que correu a cargo de Xosé Manuel Salgado.

42916044Salgado, sen renunciar ou renegar de Carvallo –mais home de distinta xeración e «cultivado» por outras lecturas e ideoloxías–, vai facer  outra lectura. De inicio amplía, digámolo así, a concepción de Carvalho sobre o libro e, marcado por unha teima xeracional –teima que encheu demasiadas páxinas nos anos 80 do século pasado– escribe: «Compostela subxugou a don Ramón e el aplicouse á tarefa de inventa-la Compostela literaria pero cremos que non conseguiu crear unha cidade-personaxe». Para Salgado, aínda que estivera na mente de Otero Pedrayo «facer unha grande novela sobre Santiago [….] Este propósito inicial cremos que foi abortado, fundamentalmente, por dúas razóns. En primeiro lugar, por motivos puramente estéticos, ó xulgar o propio Otero anacrónico empeña-lo seu labor na creación dunha novela de características similares a algunha dos autores por el citados» (a Venecia de Ruskin, a Bruxas de Rodenbach, o París de Victor Hugo, o Toledo de Barrés). «Semella, por outra banda –continúa Salgado– que Otero se sentiu incapaz de face-la gran novela sobre Compostela por razóns puramente técnicas; era, ó seu parecer, unha empresa demasiado ambiciosa que lle acarrexaría serias dificultades de non acometela no necesario rigor e, ó non poder dispór do tempo que el tiña para gastar noutros proxectos, non precisamente de índole literaria, íalle ser cáseque imposible leva-la nao a bo porto, de aí que desbotase moi pronto esta idea».

A teima mil-novecentos-oitenta-e-tantos da gran novela sobre ou de Compostela non tiña en conta os aspectos extraliterarios que fixeron posíbel que outros autores argallaran as grandes novelas sobre/d’as súas cidades: Joyce sobre Dublin, Marsé e, sobre todo, Antonio Rabinad sobre Barcelona, Kafka sobre Praga (alegoricamente), Musil sobre Viena, Proust e Céline, entre outros sobre París, etcétera.

1) «Precísase p’ra novela un tempo de esprencia histórica. Esprenza urbán sobre tudo», escribía o propio Otero no número 123 de Nós falando da «novela do trópico»; 2) Segundo X. M. Salgado, «en O espello no serán están reflectidas as tres concepcións que Otero ten de Santiago. Está presente a cidade-emblema da Galicia Universal […] Ofrécese en segundo lugar, a visión de Compostela indisociablemente unida á figura do Apóstolo, como símbolo da galeguidade […] Asistimos, por último, á consideración de Compostela como unha cidade campesiña (subliñamos nós) e lugar de encontro de tódolos lugares de Galicia». Acho que, precisamente, nestes dous (ou catro) puntos radica a imposibilidade, e non só de Otero, de argallar a «grande» novela de ou sobre Compostela. Empecemos a explicármonos.

Lector (im) penitente e nada inocente de case todo canto en narrativa e poesía se fabricaba na Galiza –en galego– durante moitos anos da miña vida, «espectador» de polémicas e debates máis ben absurdos que dominaron a chamada escena literaria (agora sería, cousas da socioloxía, o «campo» literario) galega dos anos 80 e 90: narrativa rural versus narrativa urbana, a gran novela (de tamaño) galega, a gran  novela de Compostela, etcétera  e etcétera. Esta última gran novela, a de Compostela, había algún profesor universitario que a albiscaba, por partes, en case todo texto narrativo que se redactaba, máis que se escribía, por aqueles anos e que se desenvolvía na «capital» do noroeste ibérico. Logo, por sorte, esquecéronse eses inocuos, e en certa maneira, inicuos, debates. Máis exotéricos, por outra parte, que esotéricos.

É Compostela unha cidade moderna?

A novela, acabou entendendo a maioría da xente, é boa, mala, mediocre ou infame, sexa cal for o espazo físico en que se desenvolve, se é que se desenvolve nun espazo físico. Gran novela (de tamaño), non nos podemos queixar: consúmese papel abondo. E a gran novela de Compostela nunca se deu, pola imposibilidade de que se puidese dar.

A «gran» novela sobre Compostela era imposíbel que se puidese dar por razóns, digamos, «intrínsecas». Ou, se se quere, obxectivas. Compostela non é unha cidade «moderna», aínda que si, talvez, sexa (agora) posmoderna. Cando se debatía (?) sobre a gran novela de Compostela, entrábase, pouco a pouco, nese lugar, na posmodernidade. De momento, continuaba a ser unha vila clerical, curialesca, mesocrática, rural, etc. Hoxe, despois das transformacións debidas aos anos 80 e 90 é, simplemente, unha cidade mesocrática e burocrática. E claro, o de sempre, estudantil, etc. E posmoderna, é dicir, consumista.

Visitei, en plena consciencia, Compostela por vez primeira cando tiña 19 anos, neno e na primeira adolescencia fóra en diversas ocasións. Non fun alá a estudar, senón a pasear (!) e proviña dunha estadía de máis de tres anos nunha gran cidade «moderna», é dicir, dunha cidade que sobre bases medievais (a refundación de Barcelona no século IV) se transformara nunha cidade moderna debido á acción, conxunta e enfrontada á vez, da burguesía e do proletariado, que son os creadores da cidade «moderna» (a cidade posmoderna é outra cousa: é a que conforman os consumidores[2] que á vez son obxecto de consumo, como a cidade, coa axuda dos arquitectos e urbanistas). A miña decepción foi, digamos, suprema. Aquilo era un barrio, pequeno, aínda que máis «bonito» e «artístico» de Barcelona. Con todo, tampouco se pode negar a «creación» de Compostela, da Compostela histórica, como obra de arte. Obra de arte que permanecerá cando as novas vivendas e edificios que se fixeron, ás veces asinados por arquitectos famosos e de moito pedigree, para unha única función: seren derrubados. Mais, tamén, o certo é que o espazo xeográfico en que se localiza a vella Compostela, ou Compostela histórica, xa non é un espazo urbano, é, simplemente, un museo. Mais isto é outra discusión.

A miña decepción foi, digamos, suprema. Aquilo era un barrio, pequeno, aínda que máis «bonito» e «artístico» de Barcelona.

Volvín a Compostela en diversas ocasións. E sempre subsistiu, e aínda subsiste, un pouco corrixida, a miña primeira impresión. Despois, logo da morte de Francisco Franco, empezaron a saír poemas e narracións, e novelas, que nos falaban, teoricamente, dunha outra Compostela. Mais, infelizmente, non era a Compostela real (é dicir, a dos seus moradores e daqueles que durante séculos, e aínda naqueles anos, tripaban as súas rúas: labregos a maioría). Era outra Compostela, a inventada (?), que nunca reiventada, pola imaxinación (?) dunha serie de xente que alí pasara catro ou cinco anos da súa vida. Os anos do seu, digamos espertar cultural, político e sexual e todo, se queredes. (Este foi o motivo principal de que existisen unha serie de adoradores do «becerro» Compostela.) Era, e aínda é, malia todas as xustificacións, unha operación saudosa e, sobre todo, nostálxica: Ah!, a mocidade perdida. Ah!, os ideais traizoados, etc. Evidentemente, na maioría deses relatos, desas novelas, deses poemas se ben o espazo físico se chamaba Compostela, podía facilmente non ser nomeado (e mesmo –na maioría das ocasións– descrito polo miúdo; descrición ás veces notarial, mais nunca, infelizmente, entregaron unha imaxe de Compostela) e o lector quedaría igual que antes, porque a cidade neses artefactos non era unha presenza ou unha reinvención ou imaxe, senón máis ben só un nome. E así apareceron triunfadores e, sobre todo, derrotados en Compostela. Ser derrotado en Compostela, cando se armaba un dunha, digamos, ideoloxía que clamaba pola redención das masas populares e, sobre todo, porque eramos marxistas, do proletariado, era o máis normal: que proletariado había en Compostela? (Por outra parte, nestes artefactos, narrativos ou en verso, nunca se falou dos verdadeiros derrotados de Compostela… até a aparición do primeiro Suso de Toro.) En tal caso, só se podía ficar coa ideoloxía nacionalista. Porque, ao cabo, o nacionalismo foi o inventor do mito Compostela. Lembremos o que escribe Otero Pedrayo en O espello no serán: «Se lle debe aos galeguistas (…) a nova e lexítima interpretación e senso da cidade, da súada súa simbólica…»[3].

Que tería pasado se o galeguismo dos anos 1920-30 tivese escollido como cidade-emblema A Coruña?

Non imos entrar agora en discusión profunda sobre este, para nós, erro do nacionalismo, só repetiremos o que dixemos noutro lugar: «Penso que foi por esas concepcións de Compostela, sobre todo a terceira [Compostela como cidade campesiña e lugar de encontro de todos os lugares de Galicia] que lle foi imposíbel a Otero escribir a “grande” novela sobre Santiago. A cidade moderna foi construída por dúas forzas en total enfrontamento: a burguesía e mais o proletariado. A burguesía industrial daralle o nome e o proletariado será quen a constrúa. En Compostela faltan, precisamente, esas dúas forzas. Nin burguesía nin proletariado, xa que logo, cidade clerical, curialesca, mesocrática, funcionarial e, ademais, erguida por artistas (O espello no serán, p. 59[4]). Hai que inventala, soñala, cidade campesiña, artesanal e fidalga, porque son os labregos os que tripan as súas rúas e a manteñen, e os artesáns e os fidalgos conforman o seu “carácter”. Santiago nunca foi –xa non será– unha cidade moderna, polo que dificilmente se poderá asistir á aparición da “grande” novela sobre Compostela, a non ser en novelas de “ciencia-ficción”. Quizais si sobre os seus arrabaldes, que nada teñen que ver coas súas venerables pedras. Santiago era unha cidade maiormente clerical e, é evidente, como afirma Otero en “A romaxe compostelá de Castelao”: “Débeselle aos galeguistas, a Daniel o primeiro, a nova e lexítima interpretación e sentido da cidade, da súa simbólica que se lle franqueaba como os ousos sen flor á luz do alborexar”. Unha nova interpretación que vai cambiar o sentido da cidade, dándolle un valor simbólico e un novo sentido do que Otero será o intérprete maior[5]. (Cabe, non obstante, preguntarse, sexamos un pouco ucrónicos, que tería pasado se o galeguismo escollese como símbolo da Galicia universal, como encontro de todos os lugares de Galicia, como cidade-emblema, unha cidade como a Coruña, naquel momento (anos 1920-1930) posuidora de todos os alicerces necesarios para facer dela a cidade de Galicia, é dicir, unha cidade de tradición liberal, galeguista e socialista, recordemos que na Coruña naceron a Cova Céltiga, as Irmandades, tiña a sede a Academia Galega, foi o núcleo principal do galeguismo liberal, nela saíu elixido por vez primeira un concelleiro nacionalista: Luís Peña-Novo, etc. Talvez foi a oportunidade perdida.)[6]»

[1] Ricardo Carballo Calero, O espello na serán, por Ramón Otero Pedrayo, Grial 13, xullo-agosto-setembro 1966 e recollido en Ricardo Carballo Calero, Libros e autores galegos. Século XX, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1982, pp.131-134. O número de páxina remite á edición de 1966 de O espello…

 

[2] Que se debemos crer a Simmel, e non temos por que dubidar do filósofo alemán, son os moradores-fundadores da cidade moderna: «Las grandes urbes y la vida del espírito», en El individuo y la libertad. Ensayos de crítica de la cultura, Barcelona, Ed. Península, 1986. Por outra banda, e sen querer entrarmos agora en profundidades, cómpre nos esquecermos que o «posmodernismo» non era (é), malia a intelixencia de moitos dos seus defensores, outra cousa que a lóxica cultural do neoconservadorismo. (como paradigma da transformación de Compostela en cidade «posmoderna», véxase a serie de artigos e traballos publicados durante moitos anos en diversos xornais e revistas, e prólogo a algún libro ou en libros colectivos, por Xerardo Estévez, exalcalde de Santiago e arquitecto).

[3] Ramón Otero Pedrayo, O espello no serán, Vigo, Editorial Galaxia, 200, p. 280.

[4] A partir de agora, o número de páxina remite á segunda edición de O espello…

[5] Non é este o momento para discutirmos sobre a «ausencia» de cidade no nacionalismo «clásico», é dicir, o grupo Nós. Mais, talvez, esta «ausencia» de cidade ten moito que ver coa oposición, cultivada por eles, entre campo e cidade, que, ao cabo, é oposición entre Antigo Réxime e Ilustración –entre progreso e escurantismo! Esta oposición, presente, por exemplo, n’Os camiños da vida, é «superada» por Otero mediante unha operación «comunitarista». A oposición campo-cidade púñalle medo ao galeguismo/nacionalismo clásico e Otero, o novelista, elimina esta contradición (ou máis que eliminar, destrúe) mediante esa operación que acaba por fusionar os contrarios. Non obstante, acho que non é unha operación dialéctica, senón que para fuxir do Contrato social –Otero coñecía moi ben, e amaba, a Rousseau– restaura, ou reinventa, a comunidade… de base campesiña.

[6] XGG, reseña a O espello na serán, Grial 147, xullo-agosto-setembro, 2000, p. 514.

 

 

Advertisements

Un comentario en “‘O espello no serán’ e a imposible gran novela de Compostela

  1. No que dís da Coruña estou de acordo, o problema coa nosa cidade, son ctv -coruñés de toda a vida-, é que primeiro chegou o zapatazo do franquismo e logo, e moito peor porque falamos dunha época en democracia, a puntilla da era pacovazquista que foi galegófoba total, porque non hai nada peor na vida que goberne un resentido…e así era o elemento Vázquez, un tipo que quedou terceiro co psoe nas primeiras eleccións para a xunta, tras ucd e ap, e refuxiouse na Coru, por certo que votaba na coru pero vivía e vive en Bergondo, onde levou o seu fracaso en forma de desprezo cara a cultura Galega e a súa xenreira polo tema da capitalidade, cun localismo atroz para a mesma cidade, desprezada e moito no resto de Galicia por unha imaxe que se currou totalmente sesgada, e unhas decisións dun cosmopaletismo brutal que pagamos e pagaremos. Unha mágoa!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s