Unha visión galega da Guerra do 36 (e II)

Segunda e derradeira parte do estudo histórico sobre os condicionantes específicos de Galicia nos tempos do golpe de Estado contra a II República. Nesta entrega, o autor analiza a debilidade da confrontación entre dereitas e esquerdas, o que supuxo o sistema electoral maioritario como elemento de disensión, tamén entre os galeguistas, e contextualiza o fenómeno represivo, a resistencia guerrilleira e as consecuencias que tivo o franquismo posterior para a economía e a cultura galegas.

Manuel Veiga Taboada.

Tense dito repetidas veces que a Guerra Civil española foi o preludio da II Guerra Mundial, é dicir, a primeira batalla na confrontación entre o fascismo e as democracias. Mais, tamén cabe entender a Guerra Civil como o anticipo da Guerra Fría, é dicir o primeiro chanzo da loita entre un capitalismo voraz e un socialismo maximalista. España era un dos países europeos –malia que non o único, desde logo – onde unha revolución tiña máis sentido: gran distancia entre clases (sobre todo entre os terratenentes e xornaleiros do sur); intransixencia dos poderosos que case nunca se mostraban dispostos a aceptar reformas modernizadoras, por cativas que estas fosen (caso das iniciadas pola República); explotación industrial, con matonismo dos patróns (como en Barcelona), etc.

Xosé Vizoso traballa no monumento aos asasinados no Monte Furriolo (Terra de Celanova) durante a Guerra do 36./BALDO RAMOS

Xosé Vizoso traballa no monumento aos asasinados no Monte Furriolo (Terra de Celanova) durante a Guerra do 36./BALDO RAMOS

Mais, que papel ocupa Galiza neste confronto? Imos velo por sectores. En primeiro lugar o chamado a ser o protagonista da revolución, segundo o canon marxista ortodoxo: a clase obreira.

Dionisio Pereira (1992), un dos principais estudosos do proletariado do noso país, defíneo, a comezos do século XX, como numericamente cativo, escasamente concentrado (polo minifundismo empresarial) e cun forte compoñente artesán. Unha boa parte dos asalariados galegos residían ademais nun espazo semi-urbano, moitos deles, se cadra, empregados nas tarefas do campo a tempo parcial. Este conxunto de asalariados, de orixe labrega moi sentida e con deficiencias culturais máis agudas que as dos obreiros das grandes cidades, vive as diferenzas de clase de xeito esvaído. O raquítico proletariado galego era polo tanto pouco homoxéneo, con capas de nova creación carentes de tradición e definición proletaria e xeograficamente illado e disperso. Esta situación tradúcese no ámbito da afiliación sindical. Segundo Pereira, en 1932, Galiza contaba co 7% da poboación de todo o Estado, pero só co 3% do asociacionismo obreiro.

Hai outras características que fan específica a situación do proletariado galego. Os traballadores das vilas, illotes nun mundo netamente rural, comprenden axiña que a loita anticaciquil ten prioridade sobre a loita de clases en sentido estrito. A estrutura de clases tampouco sofre o corte característico dos grandes centros fabrís. Así por exemplo, nas Rías Baixas, algúns pequenos armadores son admitidos a participar nos sindicatos á par dos mariñeiros; noutros casos a cohesión, case gremial, por profesións, e o orgullo dos bos artesáns, afortala as sociedades obreiras de oficio, por riba das simpatías ideolóxicas.

Os militantes máis lúcidos das sociedades obreiras son conscientes do seu papel social minoritario e de que, sen o concurso dos labregos que abastecen as cidades, calquera conflito urbano tórnase ineficaz. Esta conciencia dá como resultado a moderación das estratexias colectivizadoras que ademais toman a parroquia (e non a fábrica!) como núcleo societario básico. Esta moderación, paralela á desconfianza nas medidas radicais e a oposición ao pistoleirismo son características non só da UGT, senón tamén do sindicalismo libertario galego. A concepción insurreccional da acción revolucionaria é descartada maioritariamente, incluso polos anarquistas, e o fracaso en Galiza da revolta de 1934 non fai máis que reafirmar esta idea.

Monumento aos asasinados polos fascistas no Campo da Rata da cidade da Coruña.

Monumento aos asasinados polos fascistas no Campo da Rata da cidade da Coruña.

Este ritmo temperado, diferente ao que se vive noutras áreas, sofre unha ostensíbel aceleración nos 18 derradeiros meses da República, pero sobre todo a partir das eleccións de febreiro de 1936 que lle dan o triunfo á esquerda, cun aumento ostensíbel do número de folgas e a politización das reivindicacións. É un ritmo que vén marcado polas organizacións estatais, ás que os sindicatos galegos están federadas. Este aumento da tensión, en gran parte mimético, é o que conduce a que un dos lemas sobranceiros nas nutridas manifestacións do 1º de maio de 1936 sexa o de: “Viva Rusia” ou a que, verificado o golpe, Antonio López Barro, secretario da agrupación socialista do Saviñao, se despida na súa cela de condenado a morte coa consigna de “Viva o proletariado”, sendo el representante dun concello no que non existía nin unha soa empresa manufactureira (Circular polo Saviñao, 1999). Notas simbólicas tamén deste mimetismo operante son o cualificativo de “reaccionarios” que o activo mozo comunista Isaac Díaz Pardo lles dedica a seu pai, ao alcalde Ánxel Casal, ambos logo fusilados, e mais a Castelao (I. Díaz Pardo, 1987) ou as críticas do líder da CNT, Villaverde, aos galeguistas, aos que acusa de falar galego para explotar mellor os obreiros e campesiños (X. Castro, 1991).

Galiza chegou á II República nun momento económico e social ilusionante.

Por outra parte, a situación económica galega, antes que crítica, é a máis ilusionante dos últimos anos. Ás remesas de diñeiro que se reciben da emigración hai que sumar a redención dos foros, en 1926, que viña culminar unha aspiración xeneralizada do campesiñado. Ademais, a importante gandaría galega –fonte alimentaria de primeira orde para os núcleos urbanos– consegue integrarse no mercado interior español, igual que o fan as conservas. O Matadoiro Industrial do Porriño fora inaugurado en 1928 e as “Grandes Obras Públicas” da ditadura primorriverista conseguiran acurtar o illamento de Galiza coa construción de estradas e vías férreas (caso do enlace con Zamora).

Xosé Calvo Sotelo.

Xosé Calvo Sotelo.

Esta situación en pouco dependía das principais liñas económicas republicanas, tan debatidas, máis ben era o froito dunha dinámica, en boa medida propia, iniciada anos atrás. O país vivía unha recuperación demográfica e achegábase ao equilibro económico, distanciándose así tanto da conflitiva España do latifundio, como das zonas industriais comestas polo paro (B. Máiz, 1988). Hai que dicir que a Galiza dos anos 20-30 xa rompera coa fidalguía, o foro e o arado romano (R. Villares, 2000); precisaba de liberdade para continuar a modernización, pero non era vítima de contrastes sociais insalvábeis, nin polo tanto se podía sentir necesitada de cambios de corte revolucionario. A propia reforma agraria, decretada pola República, ía dirixida fundamentalmente ás zonas de latifundio que ben pouco tiñan que ver co sistema de propiedade da terra vixente no noroeste. O sindicalismo campesiño (en Galiza actuaban unhas mil sociedades agrarias e sindicatos) tiña fins cooperativistas: acordo de prezos, merca de fertilizantes, etc., que precisaban incentivos públicos, como o crédito agrícola ou a selección de especies, pero non cambios radicais. Este asociacionismo intensivo, en boa parte de signo católico, será completamente disolto polo Alzamento.

Un sistema electoral que incentivou a confrontación

O sistema electoral vixente en 1936 era de tipo maioritario, o que favorecía a creación de grandes bloques ou coalicións electorais, ao estilo dos países anglosaxóns. Este sistema foi o que deu lugar a que, cunha vantaxe máis ben curta, a dereita, en 1933, e a esquerda, en 1936, se fixesen con contundentes maiorías. En 1933, por exemplo, a dereita logrou en Pontevedra cinco deputados, por oito o centro e ningún a esquerda (de aplicarse o sistema proporcional d’Hondt, o reparto sería 4/5/4). En 1936, os papeis invertéronse: a dereita só conseguiu dous deputados, o centro un e a esquerda pasou a ter dez (coa regra d’Hondt o reparto sería 4/3/6). Un pequeno cambio nas tendencias do electorado daba lugar a grandes vaivéns do mapa político (Santos Castroviejo-Nores Soliño, 2005).

Non hai un acordo neto sobre o resultado electoral de febreiro de 1936, pero adóitase estimar que uns cinco millóns de persoas votaron no Estado pola Fronte Popular e uns catro millóns e medio polas dereitas. En Galiza, a Fronte Popular gañou nas provincias da Coruña e Pontevedra, o centro coaligado coa esquerda en Lugo e a dereita en Ourense. A propaganda da campaña fora apocalíptica e chea de tintes dramáticos (Grandío, 1999), ao igual que no resto do Estado, pero a contrapelo da situación relativamente calma e optimista que se vivía aquí. O máis significativo foron as fraudes ocorridas na Coruña, a favor da esquerda, e en Ourense, a prol da dereita. Nesta provincia, chegáronse a anular 106 mil votos, sobre un total de 220 mil. A denuncia do pucheirazo acontecido en ambas as dúas provincias non foi adiante, en gran medida debido ao interese por non deslexitimar (ou mesmo invalidar) a elección de dúas das máis significativas figuras da política estatal: Casares Quiroga, candidato republicano coruñés, e Calvo Sotelo, candidato dereitista ourensán.

Pero a convocatoria electoral de 1936 tivera xa un custo previo importante para Galiza: a ruptura do Partido Galeguista. A súa decisión de integrarse na Fronte Popular, provocada como dicimos polas características do sistema electoral, privárono da súa asa máis moderada, a chamada Dereita Galeguista, encabezada por Vicente Risco, o autor dun dos ensaios máis lúcidos que deu o nacionalismo galego: O problema político de Galiza (1930). Pola mesma razón retiráronlle o seu apoio ao partido o banqueiro Ricardo Pastor e o conserveiro Massó, entre outros (X. Castro, 1991). O PG, o partido que máis se esforzara por interpretar a realidade galega en claves non miméticas, pagaba así de antemán o prezo dunha confrontación que se estendía por todas as esferas e por toda a xeografía.

Por que foi tan forte a represión?

Santiago Casares Quiroga.

Santiago Casares Quiroga.

Se tomamos como referencia o período comprendido entre 1936 e 1940, temos que o número de vítimas mortais na provincia de Lugo foi de 625, segundo Mª Xesús Souto. En Redondela foron asasinadas 61 persoas, en Cangas 47, segundo Castroviejo e Soliño. Para o hinterland coruñés Luís Lamelas ofrece un listado de 482 persoas eliminadas. Pola súa parte, as pormenorizadas investigacións de Bernardo Máiz estiman en máis de mil o número de vítimas na área Ferrol-Eume-Ortegal.

A recollida de datos realizadas en tempos do goberno bipartito adecúa mellor estas cantidades. Contodo, para un conflito das dimensións da Guerra Civil española, con batallas que chegaron a mobilizar máis de cen mil soldados entre os dous bandos, a mortaldade galega non pode chamar a atención. Outra é a valoración que resulta cando lembramos que en Galiza a resistencia ao golpe foi breve e illada (non durou máis alá de quince días en puntos moi concretos). Para unha comprensión máis axeitada, sería necesario comparar estes datos cos doutras provincias de semellante reparto electoral e que tamén se sumasen ao Alzamento nos seus inicios, tarefa pouco doada que neste momento non estamos en condicións de realizar.

Galiza, que non contaba cunha fronteira como a francesa, practicou un exilio interior que, nalgúns casos, consistiu en illarse no campo (así o fixo Ánxel Fole). A sociedade en xeral re-ruralizouse. Os labregos galegos, convertidos en pequenos propietarios desde había escasas xeracións, foron dos poucos sectores sociais do Estado que, nos denominados anos da fame, adoitaban dispoñer case sempre dalgún alimento[1].

Por que foi tan escasa a resistencia?

Stoyán Mínev, alias Stepánov, delegado en España da Komintern entre 1937 e 1939, personaxe que non pecaba de derrotista, non deixou de recoñecer nun amplo informe enviado a Moscova, nada máis rematada a contenda, que: “Durante todo o tempo da guerra, nin o Goberno, nin o Estado Maior xeral, nin o Partido Comunista conseguiron organizar algo serio na retagarda do inimigo. Había destacamentos de guerrilleiros que se comportaron audaz e heroicamente e realizaron non poucos actos de diversión, pero non conseguiron transformarse nun amplo movemento guerrilleiro de masas por todo o territorio. En ningures, polo que se sabe, se logrou coorganizar insurreccións campesiñas nin obreiras. No seo do exército do inimigo había unha gran cantidade de traballadores, campesiños, comunistas, socialistas, anarcosindicalistas e republicanos mobilizados á forza (…). [Pero] non conseguimos desorganizar a retagarda do inimigo”.

A lectura de declaracións como as do fuxido Mario de Langullo (das menos autocensuradas entre as coñecidas) levan á conclusión de que a resistencia galega ao franquismo non pode ser enmarcada baixo o termo de “atracadores”, como fixo no seu día o réxime, mais tampouco, en puridade, na de “guerrilleiros”. O monte foi o lugar de supervivencia de persoas sentenciadas pola súa actividade política anterior, pero non un centro que albergase apenas ningunha caste de contra-poder. A desesperación, e nalgúns casos uns comprensíbeis desexos de vinganza, foron a divisa destes fuxidos, máis que calquera estratexia política alternativa, algo xa desde logo evidente a partir de 1945.

Juana Capdevielle, bibliotecaria e política, muller de Francisco Pérez Carballo, gobernador civil da Coruña no 1936. Foi asasinada o 18 de agosto nese ano polos falangistas.

Juana Capdevielle, bibliotecaria e política, muller de Francisco Pérez Carballo, gobernador civil da Coruña no 1936. Foi asasinada o 18 de agosto nese ano polos falangistas.

Para a maioría da poboación galega non partidaria dos militares sublevados, a inexistencia dunha fronte de guerra, e polo tanto dunha loita prolongada, facilitou o mergullamento no silencio, o intento consentido de pasar desapercibida ou mesmo o de cambiar de bando. A outros, nos mesmos días do Alzamento, foille ofrecida a oportunidade de trocar o paseo polo seu alistamento “voluntario” no exército (García Yáñez, 2005).

Pero, máis alá dos custos humanos, Galiza no seu conxunto saíu claramente perdedora do conflito. O golpe franquista supuxo o postergamento de calquera caste de autonomía, precisa para adaptar as leis ás características económicas e sociais do seu territorio. Para Galiza o autogoberno era tan necesario, como para Andalucía a reforma agraria. O período de esperanza e modernización que comezara xa antes da República (Fernández Prieto, 1992) quedou truncado. A lingua é afastada do ámbito público, pero sobre todo increméntanse a súa identificación co atraso. Nos anos corenta, o novo réxime non aplicará apenas medidas necesarias para o rural galego como a concentración parcelaria, pero si levará a cabo, en cambio, unha política de privatización de montes e de repoboación forzada que será respondida polo campesiñado por dúas vías: os preitos e os lumes (H. Hervés e outros, 2000). Nos anos cincuenta franquéanse de novo as portas da emigración. Ningunha forma de medir a situación interna podería ser tan fiel como o éxodo humano que produce a reapertura de fronteiras.

Unha versión, apenas modificada, deste texto nas súas dúas entregas, foi publicada en 2006, no nº 169 da revista Grial.

[1] Durante a longa posguerra, un quilo de fabas mensual, enviado por un mozo opositor a Correos, facía as delicias da familia dun director deste servizo, residente en Madrid, como acredita unha anécdota familiar do autor.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s