Alberte Momán: novísima narrativa sen domesticar

1417681946467AlberteMoman-por-AdrianFerreiro-20141121-02Alberte Momán (Ferrol, 1976) publica nun só volume Triloxía Vattene! O legado extraterrestre. Unha micronovela psichobillyI (Círculo Rojo). O primeiro texto componse de tres partes: Vattene!, Polo tempo que me queda Escaleira de baixada.

Nas obras narrativas de Momán falar de argumentos é perder o tempo. Non son historias clásicas, non son (seguindo a moda substantiva actual) convencionais. Hoxe o adxectivo convencional e sobre todo non convencional úsase coma nun feirón, case sempre mal porque non se ten en conta a relación entre a obra literaria, o lector e esa convención que se supón entre ambos. Velaí a cuestión: unha obra deixa de ser convencional cando non ofrece aquilo que debería ofrecer, neste caso, unha obra de narrativa. Non ten nada a ver nin co estilo nin coa estrutura nin co ton da obra senón co pacto tácito que se establece entre emisor e receptor de ficción. É ese pacto o que Momán subtrae. Seguindo co vocabulario de moda: preséntalle ao lector unha declaración unilateral de independencia, unha bomba literaria que lle vai estourar baixo os narices sen remedio. Só quen estea disposto a explorar os restos da deflagración estará cómodo no universo deste escritor.

O máis interesante de Momán é a aposta todo-ou-nada por construír un universo literario propio. Por suposto que ten influencias, por suposto que se intúen e se reflicten referencias doutros autores e sobre todo doutras artes alleas á literatura pero o resultado é xenuíno, independente, novidoso. A base dese mundo propio é o surrealismo radical, é dicir, a presenza decisiva nas escenas e nos diálogos da linguaxe onírica; o soño como mecanismo de liberación dunha linguaxe que se enfronte face-contra-face contra o xa visto, contra o familiar. Se gran parte da narrativa galega actual aposta xustamente por construír espazos cómodos porque nos son coñecidos aos lectores, Momán escolle a vía contraria: que nada sexa previsible, que nada sexa o que parece, que nada nos reconforte co texto. Viaxar canda el é coma quen vai visitar o Cemiterio dos Ingleses da Costa da Morte. A paisaxe, a evocación do lugar, a comuñón co tempo son poderosas; o camiño é difícil, cheo de croios.

O lector da narrativa de Momán non se alimenta de frases feitas. Non pode avanzar polas páxinas coma unha corista vai nos brazos do corpo de baile sen deixar de cantar.

libro-triloxia-vattene2Aínda así, non é a prosa de Momán experimentalista “para amolar” coma a doutros autores que coidan que para transmitir o seu desacougo emocional ou social hai que “socializar a dor” e contaxiarllo ao lector. A prosa de Momán é sinxela, a puntuación e o uso das convencións ortográficas son as habituais. Incluso determinados modelos psicoloxistas e o tipo de descrición entra en determinadas canles canónicas, diriamos que nalgún momento até pecan de seren premodernos. O terremoto séntese máis alá das propias palabras; é a medida que camiñamos polo texto que nos decatamos de que a terra se abre aos nosos pés, que non debemos tomar o fío de Ariadna con demasiado pulso xa que é posible que na seguinte reviravolta do labirinto, quedemos co cabo na man e teñamos que pensar como recuperalo ou, case mellor, atopar outro.

O lector da narrativa de Momán non se alimenta de frases feitas. Non pode avanzar polas páxinas coma unha corista vai nos brazos do corpo de baile sen deixar de cantar. Necesita implicarse se quere desfrutar. Coma nunha partida de póker, tan importantes son as figuras das cartas coma os acenos dos contrarios. E este libro está repleto de acenos.

A grande eiva dos libros presentes neste libro é que o propio Momán aínda está roturando os seus camiños narrativos. Son propostas sen domesticar. O segundo título, O legado extraterrestre, inscríbese nun modelo narrativo denominado novela psichobilly. O escritor toma como sistema un determinado ritmo que para resumir poderiamos definilo como narrativa rápida e concreta: pouca palla, poucas páxinas, historias pop que creben os hábitos de lectura tradicionais, superados hoxe pola multitude de estímulos. É unha resposta á substitución da lectura pracenteira, reflexiva (lenta) pola chamada lectura 2.0, industrial, sempre con présas, con rapidísima caducidade da atención, en continua competencia con outras mensaxes, con outras historias alleas ao texto literario. Ben, pois ese modelo ten máis brillo na teoría ca na práctica do libro de Momán. Algunhas descricións son áridas, moitos diálogos pecan dos mesmos defectos que a literatura “menos rápida”. Sobran páxinas enteiras.

O legado extraterrestre, inscríbese nun modelo narrativo denominado novela psichobilly. O escritor toma como sistema un determinado ritmo que para resumir poderiamos definilo como narrativa rápida e concreta: pouca palla, poucas páxinas, historias pop.

Tampouco consegue Momán axeitar unha narración limpa, puída, liberada dos vicios da sobredescrición e dos adxectivos innecesarios. Algúns parágrafos parecen camelos cansos, con frases longuísimas, cheas de perífrases. Falta traballo de edición. En moitos casos cumpriría maior atención sobre o narrado para tirarlle maior brillo.

Alberte Momán é un innovador. Demóstrao neste libro. Nun ambiente dominado pola imitación, a superstición da beleza do texto e a trampa da metaliteratura nas súas diferentes facetas, este paso adiante agradécese. É un proceso demorado no tempo, unha investigación textual que esixe o dereito ao fracaso e á rectificación mais tamén unha vía persoal que reconcilia a literatura galega con termos que ás veces parecen inxustamente marxinados: a literatura é arte; a literatura só admite un adxectivo: literaria.

♦ Triloxía Vattene! / O legado extraterrestre, de Alberte Momán, Círculo Rojo, 2015. 266 páxinas. ♠12€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s