Eliseo Fernández: “Hai cen anos, en Ferrol fíxose un congreso obreiro para deter a I Guerra Mundial”

César Lorenzo Gil.

Recuperamos unha entrevista do 2005 co historiador Eliseo Fernández (Ferrol, 1967) ao redor do Congreso da Paz de Ferrol (1915), un intento utópico de parar a Gran Guerra coa forza dos obreiros. O historiador lembra este e outros episodios da loita sindical no libro Obreirismo ferrolán (Edicións A Nosa Terra, 2005), un volume no que analiza os movementos en defensa dos traballadores entre o 1870 e o 1936.

Cales son as causas de que enraizase tan ben o sindicalismo en Ferrol?

Obviamente, o feito industrial que caracterizou a cidade. Había actividade no estaleiro, pero tamén no porto. Cecais, o que máis marcou a necesidade de sindicatos foron os ciclos –que aínda se conservan hoxendía– entre etapas de moito labor nos obradoiros e outras de falta de traballo. Cando hai demanda de man de obra, chegan de fóra obreiros moi concienciados. Cando volve a precariedade, os empregados que van á rúa xa teñen un alto nivel de formación sindical, polo que marcan unha impronta na cidade en contra dos abusos dos empregadores.

Así que a reconversión non é cousa do noso tempo.

Todo o contrario. Esa situación vai parella á historia da cidade. Os cambios demográficos son fortísimos. Desde primeiros do século XIX hai unha subas e baixas de poboación espectaculares.

Que liñas ideolóxicas tiña o sindicalismo ferrolán?

Había tres. As clásicas anarquista e socialista e máis outra de tendencia republicana. O socialismo tomou forza a partir da década do 1890 grazas a que o fundador do PSOE e da UGT, Pablo Iglesias, era de Ferrol. Máis adiante, o anarquismo conseguiu equipararse, en termos de representatividade, ao socialismo, tanto na década do 1910 como no tempo da II República.

Como escollían os traballadores facérense dunha tendencia ou doutra?

Iso era bastante complicado. Había minorías fortemente ideoloxizadas que tiraban por unha tendencia ou pola outra. Até o 1910, na maioría das sociedades obreiras, o factor ideolóxico era secundario e só se notaba nalgún dos seus dirixentes. Até a década do 1920 non existían diferentes sindicatos obreiros para cada empresa. Toda a acción sindical era unitaria. Como é nesa altura que xorde a Confederación Nacional do Traballo (CNT), vemos exemplos como unha Sociedade de Electricistas da UGT e outra dos anarquistas. E aínda así, houbo moitos gremios que só militaban nunha das tendencias, por tradición.

Hai figuras ferrolás senlleiras en cada unha das liñas?

Á parte de Iglesias, no socialismo destacaron Xaime Quintanilla, que chegou a ser alcalde republicano, Manuel Morgado, que ao igual ca Quintanilla, era da liña galeguista do PSOE. Ou Antonio Filgueira Vieites, ao que lle chamo no libro “trotamundos revolucionario”. Este home militou activamente no sindicalismo arxentino ou brasileiro.

Pola beira do anarquismo, podemos citar a Xosé López Bouza, expulsado de Buenos Aires e que foi un dos impulsores do Congreso da Paz. A partir da década do 1920 virou cara ao republicanismo e chegou a ser gobernador civil e presidente da Deputación da Coruña durante a II República. Acabou fusilado no 1936.

E varios destes sindicalistas foron activistas na emigración.

Houbo casos de ferroláns sindicalistas en América e nacidos na emigración que fixeron actividades en Galiza, concretamente en Ferrol e os outros portos de recalada da xente que viña ou que volvía. Gabriel Abad chegou a ser candidato do Partido Socialista de Argentina nas primeiras eleccións ás que esta forza concorreu. Román Delgado estivo na Revolución Mexicana e chegou a ter na súa casa a Durruti e outros destacados anarquistas. Tamén destaca o colectivo de traballadores vascos na cidade, logo da reactivación do sector naval no 1909, que fixo necesario que se trouxesen mestres técnicos dos estaleiros do Nervión. Estes obreiros até facían a súa propia festa do 1 de maio.
Que relación houbo entre as ideas galeguistas e o sindicalismo?

Non houbo unhas boas relacións. Até a II República a influencia do galeguismo é nula e durante ese período o Partido Galeguista fixo actos pero nunca conseguiu influír na actividade obreira. A pesar de que o sector do galeguismo ferrolán foi moi dinámico, o certo é que a cidade era xa de por si moi dinámica e eses movementos pasaban máis desapercibidos. En Compostela, onde todo funcionaba máis lentamente e a sociedade era máis conservadora, o galeguismo tiña un protagonismo que en Ferrol non puido conseguir. Mais hai que destacar figuras como o pintor Bello Piñeiro ou Ricardo Carvalho Calero.

Á parte do contido laboral, que outras actividades desenvolveron as sociedades obreiras?

Este é un tema pouco tratado pero moi interesante. Os sindicatos fixeron un enorme labor cultural. ABiblioteca Pública de Ferrol foi, entre o 1918 e o 1936, a biblioteca do Centro Obreiro Cultural, unha institución creada por obreiros anarquistas, socialistas e republicanos no 1911. Tamén existían os ateneos libertarios, a escola racionalista da II República. Ademais, houbo todo ese labor dos mestres de esquerda que se encargaban de formar os obreiros e as súas familias.

Nese labor de instrución, que papel xogaban os xornais?

Nos xornais moita xente aprendía a ler. Algúns facían as súas primeiras lecturas nestes medios e outros as súas primeiras colaboracións como escritores. Os xornais obreiros eran o único medio para poderen elevar as súas queixas. Á parte dos contidos sindicais e laborais incluíanse artigos de divulgación científica e, xa nos tempos da II República, traballos sobre a sexualidade, o naturismo ou o esperantismo, que confiaba na creación dunha nova lingua que servise a comunicación universal, algo moi na liña do internacionalismo. A idea destes periódicos era abrirlles as mentes e instruír unhas clases traballadores cun estado cultural calamitoso.

Estes xornais eran influentes ou marxinais?

Hai que distinguir entre os xornais que se publicaban en cada cidade e os que viñan de fóra. En Ferrol, o xornal máis importante foi El Obrero, de tendencia socialista, que empezou a publicarse no 1890 e que durou até o golpe do 1936. Na cidade líase moito, nos obradoiros pasábase de man en man e era moi coñecido. Tamén eran importantes as cabeceiras que se editaban en Madrid e Barcelona. Nos tempos da II República había catro xornais diarios: Mundo Obrero (comunista), El Socialista e Solidaridad Obrera e CNT, ámbolos anarquistas. Estes periódicos vendíanse nos quioscos e tamén á porta dos estaleiros.

O Congreso da Paz

Nun dos intres máis destacados da historia do obreirismo ferrolán foi o Congreso da Paz. En que consistiu?

A I Guerra Mundial considerouse como unha guerra contra os obreiros en todo o mundo. E sucedéronse as iniciativas para detela. En Ferrol fíxose un congreso obreiro para logralo. O Ateneo Sindicalista de Ferrol, que funcionaba como agrupación das sociedades obreiras de tendencia anarquista, quixo reaccionar en contra da guerra xa a partir do 1914. Finalmente, convocouse a un congreso obreiro que pretendía reunir o maior número posíbel de representantes sindicais chegados de todo o mundo. Ese congreso quería parar a guerra cunha enorme folga xeral que acabase coa matanza nas trincheiras.

Non tiveron moito éxito.

O Congreso da Paz do 1915 fracasou por varias causas. O daquela presidente do goberno, Eduardo Dato, prohibiuno. Celebrouse clandestinamente a finais de abril e primeiros de maio, pero con menor asistencia da prevista por mor do control policial. Os delegados portugueses, por exemplo, foron expulsados. Todos aqueles obxectivos “grandiosos” naufragaron. Para o que si valeu foi para que o sindicalismo anarquista renacese. Tamén desde ese ano funciona en Ferrol un comité da Asociación Internacional de Traballadores, cuxo secretario será o devandito López Bouza. O que pasa é que este sindicato nunca conseguiu operar polo que o protagonismo de Ferrol quedou limitado.

Esta entrevista publicouse orixinalmente en A Nosa Terra no número 1.171, do 14 de abril do 2005.

Advertisements

Un comentario en “Eliseo Fernández: “Hai cen anos, en Ferrol fíxose un congreso obreiro para deter a I Guerra Mundial”

  1. Pingback: [Vigo] Xornadas Novembro 2015 do Espazo Aberto Antimilitar, do G.A.S. e da ODS-Coia | abordaxe

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s