‘O Miño’, un río contador de historias

Encoro de Castrelo de Miño. JOSÉ ANTONIO GIL MARTÍNEZ/FLICKR

Encoro de Castrelo de Miño. JOSÉ ANTONIO GIL MARTÍNEZ/FLICKR

César Lorenzo Gil.

A relación entre as identidades nacionais e os seus ríos principais está estudada en diferentes contornos. O Rhin, o Volga, o Danubio son algo máis ca elementos xeográficos, revístense dunha potencia simbólica. Ao estaren posuídos pola comunidade desde sempre, ao participaren dun xeito activo na evolución histórica, os ríos principais acaban por personificarse en figuras míticas. En Galicia falamos do Pai Miño tanto por esta circunstancia como pola propia dimensión territorial que ocupa. O Miño nin deseñado a mantenta ocuparía unha posición tan central na xeografía galega. Cruza de leste a oeste nunha diagonal (é a banda invertida á que atravesa a bandeira galega); pasa polas dúas primeiras cidades fundadas pola civilización romana no que hoxe chamamos Galicia; fai de fronteira con Portugal dun xeito estable desde o século XV e, como sucede con outros grandes ríos, é depósito de tradicións, lendas e feitos notables desde sempre.

Un río é coma un camiño pero a diferenza deste, o seu curso é estable, non se pode modificar como o trazado dunha calzada. Incluso no caso dun río non navegable como é o Miño, os lugares polos que transcorre acaban comunicados entre si dun xeito privilexiado. Cando xogan o Breogán e o COB, fálase de derbi do Miño; as relacións de veciñanza son maiores entre as vilas miñotas dunha e outra banda (Salvaterra-Monção; Tui-Valença; Arbo-Melgaço…) a pesar da corrente e a fronteira, que entre Arbo e Covelo ou Tui e A Guarda, por exemplo.

O interese literario ou historicista polos grandes ríos é antigo e deu auténticas obras mestras como Danubio, de Claudio Magris. A proposta de O Miño. Un caudal de historia (Xerais) non se inscribe na tradición do libro do italiano senón na dos textos divulgativos enfiados baixo unha determinada circunstancia. O historiador Anselmo López Carreira aproveita esa posición fundamental do río da que antes falabamos para ir conectando a través do seu percurso diferentes feitos históricos de todas as épocas.

López Carreira é un dos grandes renovadores da historiografía galega. Desde un punto de vista inequivocamente galeguista, este vigués criado en Ourense á beira do Miño é un dos máis brillantes desmitificadores da historia oficial española, un dos máis preclaros investigadores sobre esa parte da historia de noso que quedou ás escuras durante demasiadas xeracións. O seu labor divulgativo deu froitos variados, o último e máis ambicioso é quizais a súa Historia de Galicia (Xerais, 2013) mais O Miño é o máis persoal, talvez o máis interesante para lectores non habituais de textos históricos que queiran aprender cousas que case nunca se poden ler nos libros galegos.

O historiador vai construíndo a súa navegación fluvial a base de pequenos capítulos que recrean un feito determinado, un fenómeno histórico, un personaxe. Non hai máis orde ca a propia xeografía do Miño, de norte a sur, de leste a oeste. O ouro expoliado polos romanos, o Camiño de Santiago, o carlismo, a Ribeira Sacra, os Irmandiños, o viño, as oliveiras, a Ilustración e os proxectos para encanar o río, Ribadavia e a invasión inglesa do século XIV, a Francesada, a loita contra o encoro de Castrelo, a Guerra de Portugal do século XVII… Todo narrado cun ton próximo, ás veces persoal, sempre didáctico e cun interese revelador.

A proximidade e a luz sobre os temas ausentes da historia “escolar” son os obxectivos mellor conseguidos. A pesar de que nalgúns momentos Carreira parece quedar entre dúas augas (miñotas) entre o relato impersoal e a relembranza persoal, en xeral o libro dá o que promete; é a obra dun historiador, non dun autor literario. A vivencia de neno no Miño ou xa de mozote entre as ruelas do casco vello de Ourense acaban por ser unicamente pinceladas nun texto que busca máis ben asentar os alicerces dunha historia accesible ao común dos galegos.

anselmoO Miño debería inspirar novos textos divulgativos e didácticos que intentasen aproximar os últimos achados históricos e arqueolóxicos a públicos non especializados. Tamén da man de Xerais publicou Manuel Gago Vento e chuvia, unha proposta moi atractiva para aprender máis da Galicia prerromana que o propio autor deseñou como plataforma multimedia adaptada ao labor docente. Este volume non está tan “mastigado” pero pode ser utilizado nas aulas con grande aproveitamento. Cómpre agora que toda esa historia “distinta” que poboa este libro se desenvolva tema por tema, época por época para que dunha vez por todas desaparezan tópicos e mentiras sobre o noso propio pasado que xeración tras xeración se papan no ensino.

No plano literario, esta obra súmase a Polos vieiros do vello Miño, de Estro Montaña (Nigra Trea, 2005) mais é o Miño tan rico en historias, vivencias e sensacións que segue a ser materia prima óptima para quen queira achegarse e contalas. Só fai falta subir ao punto máis alto da Ponte do Milenio de Ourense ou á pesqueira máis ousada da ribeira arbense para sentir o latexo dos seus múltiplos poderes.

Advertisements

2 comentarios en “‘O Miño’, un río contador de historias

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s