Antía Otero e Dores Tembrás: “Apiario quere darlle á palabra o soporte que merece”

Dores Tembrás (esquerda) e Antía Otero.

Dores Tembrás (esquerda) e Antía Otero.

César Lorenzo Gil.

Dores Tembrás (Bergondo, 1979) e Antía Otero (A Estrada, 1982) son escritoras. Otero tamén actriz. Mais nesta entrevista aparecen co último dos seus oficios: editoras. Fundadoras da casa Apiario, en poucos meses conseguiron tres éxitos: recoñecemento crítico aos seus proxectos, atención polo coidado dos seus obxectos a todos os niveis e admiración por un xeito tan novo de fabricar soños que en realidade empata coa máis artesanal tradición de confeccionar libros. Nesta entrevista ambas falan dos fíos cos que armaron este obradoiro contemporáneo.

Fálenme da orixe de Apiario.

Dores Tembrás: Antía e mais eu levabamos tempo coincidindo en espazos e proxectos converxentes. As dúas queríamos poñer a andar un proxecto e a confluencia foi inevitábel. A filosofía da editorial é facer libros moi coidados e a nosa motivación publicar textos que nos fascinen nun formato que atenda a esa filosofía.

Antía Otero: Si. Naceu dun xeito moi natural pero non por iso menos meditado. Dores e eu levabamos anos realizando un traballo directo con persoas interesadas na escrita que asistían aos noso obradoiros, e tamén con centros de ensino que buscaban achegarse á literatura dun xeito distinto ao que marcan os obxetivos académicos. Ese traballo estaba realizado e testado e sabiamos que non o queriamos deixar de lado, porque para nós é vocacional. Por outro lado, nós tiñamos relación co mundo editorial como autoras e, ás veces, falabamos de como botabamos de menos unha editora que prestase atención ás necesidades do texto en relación ao deseño do libro, que entrase en diálogo artístico cos materiais e as persoas que conforman o proxecto. Botabamos de menos un trato máis directo, onde o ou a autora puidese ter certa liberdade para propoñer e dialogar co ou coa editora. Pensar nos proxectos dun xeito global. De moitas conversas e dun estudo clarificador de números e viabilidades, naceu Apiario.

Nos últimos anos, a paisaxe cultural en galego desertizouse. Como foi que consideraron que facía falta un novo selo?

Antía: Precisamente por iso, polo deserto.Ti sabes cantos libros de poesía escritos por persoas con traxectoria e calidade non están atopando un lugar onde seren publicados, nin sequera valorados? Sabes canto tempo tes que agardar actualmente nunha editora para que un poemario teu saia á luz? Nós non tivemos medo en arriscar nun momento pouco propicio, pero sexamos realistas…calquera che diría que montases antes unha perrucaría ca unha editora. Cando tivemos que facer os cursos para emprendedoras (ese termo merecería unha reflexión á parte) ao contar que o noso proxecto era crear unha editora mirábannos coma se visen marcianas. Dito isto, sabemos que sendo unha editora que traballa sen subvencións e que o único que ten como capital é a calidade dos seus libros e a rede que poida crear, somos moi conscientes do lume manso que debemos manter.

Dores: Concordo co que di Antía, o novo selo era unha consecuencia do noso xeito de traballar.  Coido que iso guiou unha parte importante do deseño do proxecto empresarial.

Que ocos quere cubrir o traballo editorial de Apiario no panorama editorial? Fálenlles aos lectores: que van atopar que non teñan xa ao seu alcance nas librarías?

Dores: Apiario quere facerse oco entre as editoras que coidan moito a factura dos seus libros. Para iso cada proxecto require comezar de cero. Cada libro ten as súas esixencias e particularidades. Tentamos detectalas e buscar o máis adecuado: materiais, deseñador, imprenta, encadernadores… O que van atopar os nosos lectores son libros cun bon acabado e boa literatura. Non importa a colección, a palabra ten un peso fundamental e ao redor dela traballamos como editoras.

Antía: Tratamos de facer libros onde se poña en valor o traballo que hai detrás. A idea é crear obxectos con acabado, claro, pero que non por iso sexan inaccesibles para os e as lectoras. Queremos acompañar a palabra. Darlle o soporte que se merece. E que o e a lectora cando o ten na man intúa iso. Ao mesmo tempo nós imprimimos en Galiza e iso ten un incremento no produto final. Estamos na imprenta cando arrinca a máquina, falamos coa persoa maquinista, revisamos os ferros. Nada se deixa en mans de persoas coas que non podes dialogar. Cada título que editamos, aínda que comparta colección co seguinte número, non ten nada que ver el a nivel arquitectónico. Cada libro é único en contido pero tamén en deseño. Pasamos meses creando un proxecto. Editamos pouco a pouco…pero editamos como queremos editar.

Que tipo de editoras son? Das que consideran o máis importante o olfacto para captar unha obra literaria de calidade ou das que pensan que todo proxecto de libro é coma un diamante en bruto e que a achega da edición é o puído, neste caso o traballo sobre o texto para melloralo?

Antía: Non existe unha regra de ouro, ou polo menos nós polo momento non a atopamos. Tennos chegado algún proxecto que nos parecía delicioso pero que non podiamos abarcar, outros que coxeaban na base e outros que en canto os tes na man sabes que che interesan e te atravesan como lectora, polo que podes defendelos até o final como editora. Imos tratando de facer unha liña editorial baseada na intuición como lectoras e tamén no que obxectivamente pensamos que pode ofrecer de novo ou distinto. Na colección de infantil gústanos traballar con autoras e autores que, na súa traxectoria, non abordasen acotío esta modalidade. María Lado, por exemplo, nunca escribira un libro de infantil directamente, pero nós intuïamos que, polas características da súa escrita, podía facelo dun xeito brillante. O mesmo ocorre coa autora que asinará o próximo album ilustrado que sairá do prelo a finais de novembro. Pero, sobre todo, o que tentamos facer sempre é responderlle ao ou á autora se o proxecto vai cara a adiante ou non, no menor prazo de tempo que nos sexa posible. Escribir implica para nós o máximo respecto.

Dores: Quero pensar que non é unha cuestión tan dual como preguntas, ou que cando menos está chea de matices. O olfacto é importante porque unha editorial defínese por un catálago e por unha liña de lectura. Traballamos con isto. E tamén somos editoras que non escatiman en comentarios cos orixinais das e dos seus autores. Pero respectando profundamente o traballo que nos achegan…Nada de lenzos en branco: se nos interesa o traballo adiante, e si, faremos as observacións que nos parezan oportunas, pero son cuestión de detalle, nada de modificar o groso do texto. Se este último é o caso o máis probable é que o traballo non encaixe na editora.

“O verbo investigar debería ir ligado con calquera xénero literario”

 Falemos das súas coleccións. ‘Cera labrada’ recolle textos poéticos. O primeiro título, ‘Celebración’, de Gonzalo Hermo, gañou o Premio do Ministerio de Educación e Cultura ao mellor libro de poesía dun menor de 31 anos. Agora as expectativas van ser moi altas para os futuros aspirantes a publicar. Como viviron este galardón e que modelo poético ven como ideal para a súa colección? Que ten que ter a poesía de Apiario que non teña a de Espiral Maior, Xerais, Galaxia ou outras editoras do xénero?

Dores: Vivímolo con moita ledicia! Cando lle encargamos o poemario a Gonzalo Hermo xa  coñeciamos unha parte do seu contido, e criamos profundamente nesta obra. Ao poñer en marcha o proxecto de edición desta foi case inevitable pensarmos en traballar con Mauro Trastoy, que fixo un deseño exquisito. É complexo falar do perfil que ten que ter a poesía de Apiario porque coido que son moitísimos os factores que inflúen á hora de seleccionar unha obra. Quizáis destacaría entre todos un punto de rareza que nos gañe como lectoras a Antía e a min.

Antía: Somos persoas que non perseguimos morrer de éxito. Cremos no traballo e en botarlles horas aos proxectos. Iso penso que o saben os e as autoras que se achegan cun orixinal a Apiario. O día que Hermo gañou o premio e chamou para dar a nova, eu estaba preparando un obradoiro e Dores estaba ultimando un proxecto. Puxémonos moi contentas, pero á media hora estabamos traballando de novo. Celebrámolo días despois nunha xuntanza repousada. Os éxitos son importantes pero tamén moi relativos. Por outra banda, partimos de que Galiza conta cunha fondísima tradición poética e que nela existen grandes autoras e autores cunha calidade altísima. Nós como escritoras formámonos lendo moitos deles e delas, traballámolos nos obradoiros, recomendámolos constantemente e a maioría publicaron e publican nas editoras que nomeas. Moitos son colegas que atopas en recitais, en presentacións, nos bares e cos que podes ter amizade. Nós mesmas, como autoras, temos a nosa obra públicada neses selos e existen afectos. O noso respecto é máximo por calquera editora que ten a sensibilidade de dedicarlles cartos e tempo a editar un xénero tan minoritario como é a poesía. E, por suposto, existen moitas outras que levan traballando moito tempo como pode ser Positivas, e que creo representa unha editora arriscada e valente na liña editorial que propón. Por iso, Apiario non naceu para competir por repartir nada, se é que existe algo que repartir. Quen pense así está realmente equivocado. Se puxemos en marcha este proxecto cun capital propio e sen ningún tipo de subvención é porque tiñamos ganas de crear en Galiza un modelo de editora cos criterios dos que xa falamos. Nós decidimos volver ao manual cunha óptica contemporánea. Pero non inventamos a pólvora. A agricultura ecolóxica e sostible existe desde hai moito tempo.

‘Niño de abella’ está pensada para o público infantil. Durante unha entrevista con Moisés Barcia, editor de Rinoceronte e tamén de Sushi Books, indicábame que a LIX é máis agradecida comercialmente porque os compradores deste xénero teñen menos preconceptos, tanto contra os propios libros coma contra o galego. Que motivou a creación desta colección en Apiario? Comparten esta visión de Barcia? Extraeron algún ensino tras a primeira experiencia?

Antía.- Para nós editar infantil foi algo moi gratificante porque nos abre un mundo de posibilidades. Cando xa sabemos que queremos levar un orixinal adiante, reunímonos autor, ilustrador e as editoras e con total liberdade facemos unha lectura e poñemos en común todas as cousas que se nos ocorren e que pensamos que enriquecen. Logo, unhas quedan e outras dilúense ou son imposibles de afrontar. Pero o certo é que entras nun lugar onde a creatividade non está regrada. Editar desta forma é algo moi imaxinativo. Logo está querer facer cousas co papel máis ou menos creativas (un pregado diferente, un pop-up, un troquelado…). Mais tendo en conta que todo o que supoña unha manipulación do obxecto dispara o prezo final. Nese momento é cando tes que reinventar o proxecto. En Porque Cuqui non quere ir á lavadora, de María Lado, por exemplo, o extra final do libro foi montado e pegado exemplar e exemplar por Dores e mais por min. Pero para nós editar aquí e non na China é algo primordial e non queremos deixar de facelo. Pouco a pouco vas sabendo até onde podes chegar.

Dores: A experiencia da colección infantil é marabillosa! Tal e como indica Antía é un pracer poder pensar sen lindes, proxectar un deseño que queres para ti, para os teus nenos. Textos de altísima calidade cun traballo de ilustración fantástico

O ensaio e a divulgación teñen espazo en ‘Abella mestra’. Son xéneros pouco presentes na edición galega actual? Teñen pensado o porqúé desta ausencia? Que tipo de traballos buscan vostedes publicar? Que traballos coidan que quizais non cultivan os autores galegos e poderían ser do seu interese?

Dores: A nós interesábanos moito a colección de ensaio e divulgación. E isto está estreitamente vinculado co noso traballo de formación. Hai editoras galegas con coleccións adicadas e exclusiva a este xénero, e ademáis detectamos que é un factor común con outras editoras independentes. Interésannos eses ensaios breves e deliciosos, fantasticamente editados, porque somos lectoras habituais e coñecemos o uso e valor que poden ter estas obras como usuarias. E de novo xorde a palabra rareza.

Antía: A rareza é un concepto que manexamos. Aínda así en ‘Abella Mestra’ a palabra e a arte son dous eixos que vertebran a colección. O ensaio parécenos un xénero fascinante porque está ligado coa investigación. Aínda que quizais investigar, debería ser algo que estivese ligado a calqueira xénero. Neste caso, con Poesía Hexágono. Ollada e Experiencia. Proposta e Resposta nas aulas queriamos darlles voz a aquelas persoas que levan tempo traballando coa palabra dun xeito directo nas aulas e que a través da expericia foron desenvolvendo todo un corpus. É unha ferramenta que sabíamos que tiña demanda. Moitos e moitas docentes, unha vez rematas unha sesión nun centro de ensino dinche: “foi fantástico pero se agora quero seguir traballando por onde podo continuar?”. É un libro que propón e que comparte coñecemento sen poses nin veladuras. Non hai nada máis revolucionario que iso: compartir o coñecemento.  A maiores, ten un limiar de Agustín Fernández Paz, que ademais de ser unha figura indiscutible da literatura galega forma parte daquela xeración de mestres e mestras que nos 70 enfrontou un panorama baleiro onde todo estaba por facer. Quen comezaron a dar aulas naquela época foron auténticos transmisores de moitos valores, do idioma… Este libro, dalgún xeito, é unha homenaxe tamén a todos e todas elas.

Entre os seus tres primeiros volumes non hai ningún de narrativa? É algo buscado? Teñen previsto publicaren narrativa?

Antía: Quizais a longo prazo si. O relato curto e o conto son formatos que nos interesan e que teñen moito que ver con ese estado poético e micro que non queremos deixar de lado. Pero polo momento estamos centradas en consolidar as tres coleccións que temos abertas.

Dores: Si, a narrativa sempre estivo aí no deseño inicial do proxecto. Agardamos a que chegue o seu momento.

A conta da narrativa, nunha entrevista moi polémica, Rexina Vega defendía a necesidade da creación dunha editora de narrativa galega que mirase máis pola mensaxe literaria que pola comercial? Non sei se vostedes detectan ese déficit no panorama actual. Tamén insistía ela en que ese cometido só podía realizarse a través dunha editora cun certo tamaño. Como creadoras dun selo pequeno, non sei que opinan sobre esta apreciación. Cambiou tanto a edición que hoxe si se poden asumir certos proxectos de envergadura con estruturas máis sinxelas?

Dores: Nosoutras só podemos falar dende o noso proxecto, que é modesto en recursos e infraestrutura. Pero isto nunca restou un ápice nin supuxo un problema no deseño da edición dos libros, onde somos moi ambiciosas. No noso modelo podemos publicar moi pouco. E o motivo fundamental, entre outros, é o tempo que lle dedicamos a cada proxecto.

Antía: Ademáis, depende ao que lle chames “envergadura”. Para nós ese adxetivo radica máis na calidade que na cantidade de libros editados. Imaxino que Rexina Vega se refería a que botaba en falta unha editora que, especializada en narrativa, tivese recursos dabondo para afrontar unha produción, distribución e difusión ao mesmo nivel que unha editora xeneralista co fin de que a “mensaxe literaria” non fose un handicap en relación ao feito comercial senón un engadido atractivo para os e as lectoras. En Galiza temos o exemplo de Urco, que se converteu xa no gran referente da literatura de fantasía, ciencia ficción e terror. Volvendo ao caso de Apiario, para nós non cambiou tanto a edición con respecto a tempos pasados, xa que co noso proxecto recuperamos cousas cada vez menos presentes, como pode ser o cosido na encadernación ou a edición en offset.

Pensan tamén incluír no seu catálogo traducións?

Antía: Non é algo que desbotamos pero como coa publicación de narrativa tería que ser máis adiante. Ademais, neste momento hai unha editora fantástica que ocupa xa ese espazo en canto á  tradución de rarezas e alfaias: Irmás Cartoné. Unha editora á que tamén, dalgunha maneira, nos sentimos próximas.

Dores: Hai textos que nos encantaría traducir, penso en textos concretos, pero imos paso a paso.

“Non cremos que un libro caduque cando deixa de ser unha novidade”

Apiario produce libros pero nin os distribúe directamente nin colabora con distribuidoras. Que carga empresarial supón isto? Quero dicir: non afecta na marxe de beneficios demasiado ter que encargarse “artesanalmente” da distribución? Como inflúe nesta estratexia a posibilidade de imprimir tiraxes curtas ou en todo o caso flexibles?

Dores: No noso modelo de negocio e filosofía de empresa contratar unha distribuidora non foi unha opción, polo menos na primeira etapa de desenvolvemento do proxecto. Encargármonos nós diso ten pros e contras. O contacto cos libreiros é directo, e tes un feedback que nos interesa moito e que temos en conta. Un ano despois de que Apiario vise a luz, podemos dicir que contamos cun bo número de librarías por toda Galiza e algunhas fóra dela ás que enviamos os nosos libros e coas que establecemos unha relación comercial estable.

Antía: Ademais, pensemos que se a nós nos interesa traballar con librarías que agariman o libro, que lles dan importancia ás publicacións en galego e que teñen un espazo minimamente dedicado e coidado para a poesía nos seus andéis, podemos facerlle fronte nós perfectamente. Cando alguén entra nunha libraría e pide un libro de Apiario non queremos que ao ou á libreira lle soe, ou que teña que mirar nun ordenador se o ten ou non o ten, queremos que saiba en que lugar está. Iso conseguímolo con trato directo. Sabemos cantos libros hai en cada libraría, coñecemos o nome das persoas e falamos directamente con elas por mail ou por teléfono, se non pode ser presencialmente. Esa parte de creación en rede forma parte da filosofía de Apiario. Que leva moito tempo facelo?… Si, pero polo momento podemos asumilo. Pensar que unha libraría é un lugar onde só se venden libros é un erro. Debería ser moito máis e algunhas si que o son. Por outra banda, dado que editamos moi pouco cada ano, podemos dedicar máis tempo á difusión e a acompañar o libro como editoras o maior tempo posible. Non cremos nesa idea de que un libro caduca cando deixa de ser unha novidade.

En relación con isto, como ven vostedes o futuro editorial? Por favor, opinen sobre o suposto cambio de paradigma cara ao libro dixital. Tamén, por favor, sobre as posibilidades da edición baixo demanda.

Antía: Ás veces pensamos que como amantes do papel, este pode proporcionar unhas sensacións e provocar unha experiencia moi distinta ao dixital. Pero isto xa é un debate que vén de longo. No meu caso, a capacidade de concentración cambia moito cando leo en dixital a cando o fago co obxecto libro entre as mans. Mais non é algo ao que debemos ser cegas. O dixital está aquí e non veu para quedar, senón que xa quedou. Por iso non debemos competir, senón saber buscarnos e entender as nosas diferenzas. Interésanos moito o dixital porque permite tamén un enriquecemento referencial que o papel non permite. As ligazóns, os hipervínculos… pode ser algo interesantísimo. Pero tamén é certo que o outro día vendo unha reportaxe sobre a multipantalla, pensaba que quizais no futuro deseñar experiencias onde esta non teña cabida será algo demandado e sofisticado.

Dores: Antía leva toda a razón. O futuro xa está aquí. Nós falamos sempre de convivencia. Quizais porque asi se produce en nosoutras e no noso contorno. O enriquecimento do dixital é extraordinario, as súas posibilidades… Temos un caso moi recente co último poemario de Fran Alonso. Daquela só resta recoñecer os proxectos nos que o formato signifique e marque de forma real a diferenza, e non falemos de libro dixital cando se trata só dun pdf. que lemos nun ebook.

O deseño e a calidade na produción son dous trazos que definen Apiario, como vimos falando. Pensan vostedes que unha das posibles vías futuras para o libro é o seu valor como obxecto coidado? Viviremos un certo fetichismo libresco como xa se vive arestora co vinilo, por exemplo?

Dores: Absolutamente! Ese foi un dos motivos fundamentais que nos uniron a Antía e a min. O libro como fetiche. Sen dúbida, pola nosa pequena experiencia e tamén polo que temos conversado con outras editoras independentes hai un público que demanda isto.

Antía: Concordo pero tamén é certo que debemos diferenciar entre o que é o libro-obxecto e o que non o é. En Apiario non facemos libros-obxecto, como tampouco queremos facer libros que dea medo tocar. Creamos libros moi coidados pero que poidan ser vividos. En definitiva, o que facemos é revisitar todos os elementos que sempre os conformaron pero que co tempo foron perdendo espazo e dedicación.

“Quen che diga que por tomar un curso de escrita vas sair de alí escribindo de marabilla, mente”

Un aspecto novidoso dos seus servizos editoriais é a formación, especificamente a través de obradoiros en dúas canles: a difusión da literatura nos centros de ensino e os obradoiros de escrita creativa, cunha oferta bastante ampla. En primeiro lugar, son estes servizos complementarios os que poden facer sustentable a publicación de libros?

Antía: Desde o primeiro momento, a parte de formación non foi subsidiaria nin complementaria da parte editorial nin viceversa. As dúas teñen o seu lugar fundamental no proxecto e son vasos comunicantes entre elas. De feito, como comentaba anteriormente, a parte de formación xa existía moito como unha actividade que realizabamos individualmente antes de formularmos un proxecto común. Dores e mais eu témolo moi claro e se algo tratamos de non descoidar en ningún momento é a formación que deseñamos e reinventamos ano tras ano.

Dores: Non deben entenderse estes cursos como un servizo editorial. Dentro do proxecto Apiario teñen un peso fundamental que está á mesma altura que o editorial. E que, en calquera caso, existía moito antes.

Como están a valorar tanto os docentes coma o alumnado o seu modelo de formación literaria?

Dores: Antía e mais eu levamos anos dando cursos de escrita creativa en centros de ensino e para institucións públicas e privadas. Adoitamos pasar uns impresos de avaliación despois das sesións de traballo que temos moi en conta nos nosos proxectos e que ás veces os propios centros ou as entidades contratantes fan públicos. Se Apiario está funcionando débese en boa medida a todas esas persoas que confían no noso traballo un ano tras outro. Esa é a mellor avaliación. O que hai nos nosos cursos son vías alternativas ou poco habituais/ortodoxas de acceso á literatura. Temos moi en conta a interdisciplinaridade, as novas linguaxes, o audiovisual, videopoema, grafiti, como ferramentas que nos permiten achegar o traballo coa palabra.

Antía: Cada vez son máis as entidades relacionadas coa pedagoxía que nos demandan cursos de formación para profesorado. Este é un campo moi estimulante porque podes poñer enriba da mesa os problemas que existen, as dificultades e as propostas para abarcar esta cuestión.

Sobre a formación pensada para escritores e aspirantes a escritores, hai opinións encontradas. Esta mesma semana escoitáballe á escritora e profesora de Escritura Creativa extremeña Soledad Galán dicir que en realidade a ninguén se lle pode aprender a escribir, que o importante era re-aprender a ler para encontrar nos libros alleos as costuras das decisións creativas dos escritores e que é nese punto onde se pode entender a técnica e máis adiante encontrar a propia voz. Como ven vostedes este tema? A escribir literatura apréndese?

Antía: É moi fermoso como Galán o describe e dalgún xeito é así. Nos nosos obradoiros non hai receitas máxicas. Quen che diga que por tomar un curso de escrita vas sair de alí escribindo de marabilla, mente. Nós somos moi claras. Fai falla moito proceso, moitas horas, moito compromiso, moita autoesixencia para escribir. Agora, a técnica é algo que pode detectarse e redescubrir a lectura tamén. Os nosos obradoiros son lugares de encontro e a literatura ten unha presenza absoluta. As referencias, as lecturas compartidas, a busca dos ecos, o debate, a crítica constante dos textos, puír e valorar, entender a transparencia do proceso é un traballo demorado que iniciamos cos cursos estables no mes de outubro e que temos a sorte de que un bo grupo de persoas nos acompañen até xuño. Cando convidamos autoras e autores a teren encontros cos grupos, rapidamente perciben que se atopan ante xente interesada e formada. Logo, tamén se vai creando unha dinámica e iso é importante. Hai xente que ao mellor está interesada na escrita pero que non lle encontra o momento. Ás veces un obradoiro pode axudar a crear disciplina e compromiso co traballo. Por iso tamén hai persoas que se achegan aos nosos obradoiros en liña.

Dores: Si, a escribir literatura apréndese. A min gústame distinguir sempre entre don e técnica. A técnica adquírese, unha parte importante dos obradoiros consisten niso, en dotar de ferramentas para manexarse na escrita. Faríase a mesma pregunta se falásemos de música, pintura ou escultura? Aquí non está regrado, pero nunha viaxe a San Francisco estiven nun encontro dunha Escola de Escritores, a WritersCorps no Yerba Buena Center. Imparten cursos onde se matriculan aqueles que queren aprender a escribir. Fascinoume o que puiden ver e sentín unha profunda envexa. Ás veces coido que na nosa cultura parece un demérito formarse, sobre todo en cuestións artísticas e especialmente na escrita. Pensemos en todos eses libros que recollen clases de literatura maxistrais sobre o proceso creador e a escrita dirixidos ao estudantado, o primeiro que me vén á mente é o das aulas que Julio Cortázar deu en Berkeley e que se publicaron en 2013, ou tantos outros e outras escritoras que dan semestres como convidados nas universidades. Aquí aínda non contamos con esa tradición.

Que tipo de alumnado é o que usa os seus servizos formativos? Hai un perfil? Como ven vostedes a función da literatura hoxe? É un pasatempo? Que tipo de literatura queren facer os seus alumnos?

Dores: Non é doado dar un perfil. Nos nosos cursos hai de todo en canto a idades, formación, profesións… Eu diría que o que os une é un grande interese pola literatura. Non só pola escrita, a xente que vén traballar con nós sabe a importancia que ten a lectura nos nosos cursos, adquirir ferramentas para traballar coa linguaxe sería imposíbel sen acudir constantemente a obras de referencia. Mesturanse varias cousas, por unha banda veñen aos cursos no seu tempo de lecer, pero o compromiso que amosan coa escrita é altísimo. Non pode falarse dun tipo de literatura, hai liñas de traballo moi distintas na escrita dos nosos asistentes, cada un coa súa voz e os seus referentes.

Antía: O que menos nos interesa é ser unha especie de gurú, nin nada semellante. Cada persoa que se achega aos nosos cursos ten a súa voz, os seus intereses e a súa personalidade e iso hai que respectalo. Saber escoitar e adaptarte. Se rematases tendo un grupo de dez persoas onde todas escriben igual, sería un gran fracaso.

Hai tempo, Vítor Freixanes dicíame que cando empezou a traballar como editor mantivo a ilusión de continuar a súa carreira de escritor uns anos, até que se decatou de que ambas as cousas son incompatibles. Vostedes son escritoras. Coidan tamén, logo da súa experiencia, que van ter que escoller?

Antía: Dores e máis eu sabemos que a maiores de todo isto que vimos debullando nesta conversa, somos autoras. Sen iso non tería sentido todo o demais. Somos moi conscientes de que debemos ter un espazo tamén para iso e respectarnos nas dinámicas e nos tempos, senón, coñecéndonos… intuímos que todo o demáis deixaría de funcionar.

Dores: Si, non queremos perder iso de vista, mais somos moi conscientes de que agora mesmo o proxecto require de todas as nosas enerxías. Tentaremos atopar o xeito de que convivan.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s